Pato castaño
Pato castaño | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Macho adulto. | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
Case ameazada | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
A. nyroca (Güldenstädt, 1770) |
O pato castaño[1] ou parrulo ferruxento[2] (Aythya nyroca) é unha especie de ave anseriforme da familia Anatidae que habita en Europa, África e Asia. É un pato mergullador pequeno, estreito e de tons marróns, clasificado como especie case ameazada.
Descrición
[editar | editar a fonte]O pato castaño mide entre 38 e 42 cm de lonxitude, cunha envergadura alar de 63 a 67 cm, e adoita pesar entre 400 e 700 g.[3] A plumaxe do macho é principalmente de cor castaña avermellada escura, coa parte superior parda escura e a zona infracaudal de cor branca pura. Tamén son brancos a parte superior do seu ventre, a parte inferior das súas ás e unha lista que percorre a parte superior das súas plumas de voo, aínda que, salvo a cola, as súas partes brancas non adoitan quedar expostas excepto cando están en voo. Caracterízase polos seus ollos de iris esbrancuxado. O seu pico é negruzco verdoso, e as súas patas son verdosas.
A femia ten un patrón de plumaxe similar pero de tons pardos máis apagados, con manchas difusas nos flancos, ademais do centro do abdome e as coberteras inferiores da cola brancas como o macho. O seu pico é gris escuro e as patas son grises verdosas. A diferenza do macho, presenta os ollos castaños. Os xuvenís son de tons similares ás femias, pero coas partes inferiores moteadas e o branco do ventre e a cola máis sucio.
O pato castaño presenta unha voz infrecuente: o macho emite un son rasposo e a femia un gruñido áspero.
Taxonomía e etimoloxía
[editar | editar a fonte]O pato castaño foi descrito cientificamente polo naturalista xermanoruso Johann Anton Güldenstädt en 1770, co nome de Anas nyroca. Posteriormente foi trasladado ao xénero Aythya, creado por Friedrich Boie en 1822.[4]<[5] É unha especie monotípica, é dicir, non se recoñecen subespecies diferenciadas.[6]
A etimoloxía do nome do seu xénero, Aythya, procede da palabra grega αἴθυια (aithuia), unha ave mariña sen identificar citada por Aristóteles.[7] En cambio, o seu nome específico, nyroca, procede do termo ruso nyrok aplicado a un tipo de pato.[4]
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]É un pato que cría nas zonas tépedas do sur e leste de Europa e Asia central, así como en zonas subtropicais diseminadas polo sur de Asia e o norte de África. As poboacións do leste de Europa e Asia central son migratorias, e pasan o inverno no sur de Asia, a rexión mediterránea, o val do Nilo e o Sahel. En cambio a maioría das poboacións do Mediterráneo son sedentarias, así como algunhas diseminadas polo sur de Asia.
Na Península Ibérica ten presenza permanente no sur e no leste, aínda que é moi escaso. En España atópase catalogado como especie en perigo de extinción segundo o último catálogo nacional de especies ameazadas (CNEA). No resto de Europa tamén é pouco abundante, sendo a catalogación do estado da súa conservación de especie case ameazada, debido á destrución e deterioración humanas dos seus hábitats.
Cría en lagos e esteiros con beiras densamente poboadas por vexetación palustre. Pasa o inverno en grandes extensións de auga doce máis abertas e ríos de curso lento, e de cando en vez en albufeiras.
Comportamento
[editar | editar a fonte]É un pato mergullador de augas someiras. Adoita ser unha ave bastante confiada. Aínda que son bos voadores, para levantar o voo requiren dunha pequena carreira, chapuzando sobre a superficie da auga até logralo, polo que adoita mergullarse cando se ve en perigo.
Alimentación
[editar | editar a fonte]Para conseguir o seu alimento dedícase a mergullarse en augas pouco profundas, xeralmente de menos dun metro. É unha especie omnívora, aínda que na súa dieta a materia vexetal predomina sobre a animal.[8] Aliméntase de sementes, plantas acuáticas e vexetación profunda, e complementa esta dieta con miñocas, moluscos, insectos e cágados.
Reprodución
[editar | editar a fonte]O retorno aos cuarteis de cría empeza a principios de marzo, aínda que a época de cría é de abril até agosto.[8] O seu niño é unha acumulación de xuncos e outras plantas escondido xunto á beira ou sobre a vexetación flotante. A súa posta adoita ser de 6 a 12 ovos, de cor amarela crema con ton verdoso, e realízase entre maio e xuño. A incubación realizada só pola femia dura de 25 a 27 días. Os pitos tardan 55 ou 60 días en desenvolverse e adquirir o voo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016.
- ↑ Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
- ↑ Mark Beaman, Steve Madge (1998). Guía de las aves de Europa, norte de África y próximo oriente. Ed. Omega. p. 144. ISBN 8428209464.
- ↑ 4,0 4,1 Janet Kear (2005), Ducks, Geese and Swans: Species accounts (Cairina to Mergus). Oxford University Press, vol. 2, p. 659. ISBN 0198546459
- ↑ Tageb.ReiseNorwegen p.308,351
- ↑ Frank Gill e David Donsker. Screamers, ducks, geese & swans. IOC World Bird List versión 5.1.
- ↑ Jobling, James A. (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. p. 64. ISBN 978-1-4081-2501-4.
- ↑ 8,0 8,1 BirdLife International
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pato castaño |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Pato castaño |