[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

CITES

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
CITES
Tratado internacionalConvención
Data3 de marzo de 1973
LinguaInglés, francés, castelán
LocalizaciónSitio oficial do CITES
Signatarios183 países (a partir de 2023)
FunciónRegular o comercio internacional de especies ameazadas
Comercio en 1890 no Canadá.

O Convenio CITES (Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de fauna e flora silvestres) é un acordo internacional concertado entre os gobernos para asegurar que o comercio internacional de espécimes de animais e plantas salvaxes non ameace a súa supervivencia no seu medio natural. Foi asinado en Washington o 3 de marzo de 1973 por 21 países e entrou en vigor o 1 de xullo de 1975. Actualmente están adheridos 172 países, denominados Partes[1]. A adhesión de España ao Convenio CITES efectuouse mediante o Instrumento de ratificación de 16 de maio de 1986[2].

Hoxe en día, o CITES ofrece diversos graos de protección a máis de 33.000 especies de animais e plantas.

Problemática

[editar | editar a fonte]

Estímase que anualmente o comercio internacional de vida silvestre elévase a miles de millóns de dólares e afecta a centos de millóns de espécimes de animais e plantas. O comercio abarca dende os animais e plantas vivas ata unha ampla gama de produtos derivados dos mesmos, como os produtos alimenticios, os artigos de coiro de animais exóticos, os instrumentos musicais fabricados con madeira, os artigos de recordo para os turistas, as medicinas, ou a madeira[3].

Algúns factores como o comercio ou os niveis de explotación dalgúns animais e plantas son elevados, e isto, xunto coa destrución do seu hábitat, poden provocar a mingua considerábel das poboacións e incluso facer que algunhas especies cheguen ao bordo da extinción. Moitas das especies obxecto desta convención non están en perigo, pero mediante a regulación dun comercio sustentábel garántese a preservación destes recursos no futuro.

Funcionamento

[editar | editar a fonte]

Os países adhírense voluntariamente. Os estados que se unen á Convención coñécense como Partes. O CITES ofrece un marco que debe ser respectado por cada unha das Partes, as cales poden promulgar unha lexislación máis estrita a nivel nacional, sempre dentro do marco mínimo establecido pola Convención.

O CITES é un dos acordos ambientais con maior número de membros que o subscribiron. Somete o comercio internacional de espécimes silvestres ameazadas e dos seus produtos a certos controis.

Para o seu funcionamento, existen dous órganos:

  • A Conferencia das Partes asinantes do Convenio: reúnese cada dous anos ordinariamente ou extraordinariamente se o solicitan un terzo, polo menos, das partes. É o órgano superior do Convenio[4].
  • A Secretaría do Convenio, coa sede en Xenebra (Suíza) e administrada polas Nacións Unidas: a súa función fundamental consiste en ser a ligazón nos intercambios de información entre os distintos Estados e as autoridades e as organizacións que actúan como observadoras. O seu financiamento depende de achegas dos Estados parte[5].

Toda importación, exportación, reexportación[6] ou "introdución"[7] de especies amparadas pola convención debe autorizarse mediante un sistema de concesión de licenzas e de emisión de certificacións para as excepcións previstas no propio Convenio, de xeito que toda especie ameazada ou produto derivado da mesma obxecto de comercio exterior se atope completamente documentada.

As especies amparadas polo CITES están incluídas en tres Apéndices[8] segundo o grao de protección que necesiten.

  • Apéndice I: inclúe as especies de animais e plantas cun maior perigo de extinción e sobre as cales o comercio está prohibido e só se exceptúa por motivos científicos.
  • Apéndice II: inclúe especies que non están en perigo de extinción pero que poden chegar a estalo se non se controla o seu comercio. O comercio está restrinxido e suxeito a controis.
  • Apéndice III: inclúe especies suxeitas a regulamentación nun Estado parte que precisa a cooperación dos outros para restrinxir ou limitar o seu comercio. O comercio está permitido pero suxeito a controis.

Aplicación na UE

[editar | editar a fonte]

A aplicación deste Convenio no territorio da UE e, polo tanto, en España, lévase a cabo en virtude da aplicación conxunta de dous regulamentos:

  1. Anexo A: inclúe as especies contempladas no Apéndice I do Convenio.
  2. Anexo B: inclúe as especies contempladas no Apéndice II do Convenio e calquera que non figure nos Apéndices I e II obxecto dun nivel de comercio que non garanta a súa supervivencia.
  3. Anexo C: inclúe as especies contempladas no Apéndice III do Convenio que non figuren nos Anexos anteriores.
  4. Anexo D: inclúe as especies non contempladas nos Anexos A e C, pero respecto das cales estea xustificada a súa vixilancia polo nivel de importacións dentro da UE.
  1. "Lista en pdf das partes do Convenio" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 18 de outubro de 2007. Consultado o 27 de xaneiro de 2008. 
  2. Instrumento de adhesión de España de 16 de maio Arquivado 22 de decembro de 2008 en Wayback Machine. de 1986 á convención de 3 de marzo de 1973 sobre o comercio internacional de especies ameazadas de fauna e flora silvestres, feito en Washington]
  3. "Qué es cites?". Arquivado dende o orixinal o 04 de febreiro de 2008. Consultado o 27 de xaneiro de 2008. 
  4. "Conferencia das Partes". Arquivado dende o orixinal o 02 de maio de 2008. Consultado o 27 de xaneiro de 2008. 
  5. "Secretaría do Convenio". Arquivado dende o orixinal o 05 de febreiro de 2008. Consultado o 27 de xaneiro de 2008. 
  6. Segundo o texto da Convención:
    d) "Reexportación" significa a exportación de todo espécime que fora previamente importado
  7. Segundo o texto da Convención:
    e) "Introdución procedente do mar" significa o traslado a un Estado de espécimes de calquera especie capturados no medio mariño fóra da xurisdición de calquera Estado
  8. "Apéndice da Convención" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de outubro de 2007. Consultado o 27 de xaneiro de 2008. 
  9. Regulamento (CE) 338/97 do Consello de Europa
  10. Os anexos que se atopan actualmente en vigor son os que están regulados no Regulamento (CE)1332/2005, Ver documento en pdf

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]