[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Monera

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este artigo trata sobre o antigo taxon Monera. Para as características dos procariotas ver célula procariota.
Algúns exemplos de Monera; empezando por arriba e de esquerda a dereita: Halobacterium (arquea), Lyngbya (cianobacteria), Bacillus anthracis, Campylobacter jejuni, Escherichia coli, Neisseria gonorrhoeae e Leptospira.
Os cinco reinos da clasificación de Whittaker e Margulis.

Monera[1] é un reino da clasificación dos seres vivos utilizada nalgúns sistemas de clasificación, como o de Lynn Margulis, no que se agrupan todos os organismos procariotas,[2] que aínda se usa en moitos manuais e libros de texto, aínda que non nos sistemas de clasificación máis modernos. O significado actual do termo é equivalente a procariota e defínese como o reino dos organismos microscópicos que habitan todos os ambientes e que están formados por unha soa célula sen núcleo definido (célula procariota).

Porén, moitos especialistas consideran actualmente que esta denominación é obsoleta, porque se considera que en realidade se trata de dous grupos diferentes: arqueas e bacterias (este último inclúe as chamadas algas verdeazulada ou cianobacterias).

O termo Monera ten unha longa historia na que foi mudando de significado, aínda que sempre axustado ao que sinala a súa etimoloxía, do grego μονήρης, moneres, simple. O termo foi utilizado inicialmente nesta forma por Ernst Haeckel en 1866. Haeckel foi o primeiro que intentou establecer unha hipótese filoxenética da diversidade biolóxica, axustada á entón nova e triunfante teoría da evolución. Dividiu os organismos en tres grandes ramas, Plantae, Animalia e Protista, reunindo nesta última ás formas «primitivas» que non parecían mostrar un parentesco específico coas plantas e animais «superiores». Haeckel colocou a Moneres no tronco da súa árbore da vida, dentro dos Protista, nos que distinguiu unha subrama onde se encontrarían as liñaxes máis simples, similares ás primeiras formas viventes, á que chamou Moneres. Cando se examina a súa árbore vense xuntas nese grupo a formas procariotas como Vibrio, unha bacteria, e a outras eucariotas, como Vampirella, unha ameba. Á vez atopamos procariontes como Nostoc, unha cianobacteria, situados na base do reino Plantae, agrupado nun taxón Archephyta con xéneros como Ulva, Conferva ou Desmidium, que son algas verdes, é dicir eucarióticas. Por tanto, nin as Moneres de Haeckel contiñan todos os procariontes coñecidos na época, nin eran procariontes todos os seus membros. Porén, Haeckel no seu Die Lebenswunder (As marabillas da vida) de 1904 corrixe a Moneres, incluíndo nel tanto bacterias coma cianobacterias; deste modo hai que subliñar que Haeckel, tal como o afirman moitos textos, si usou finalmente Moneres para referirse aos procariontes (aínda que polo momento non definidos como tales).

Cando Chatton descubriu na década de 1920 que as bacterias carecen de núcleo celular, propuxo os termos procariota e eucariota no mesmo sentido en que os usamos agora, e empezou a parecer oportuno a algúns chamar Monera ao conxunto dos procariontes. Iso fixo Barkley en 1939 creando un reino Monera dividido entre arqueófitos (Archeophyta), o que agora chamamos Cyanobacteria, e esquizófitos (Schizophyta), un termo que foi moi usado polos botánicos para referirse ás bacterias.

Herbert Copeland dividiu ao conxunto dos organismos en catro reinos, que eran Plantae, Animalia, Protoctista (recuperando un termo de Hogg de 1866) para os eucariontes de organización simple, e Monera para os recentemente recoñecidos procariontes. Robert Whittaker engadiu un quinto reino, Fungi, nun esquema de cinco reinos que aínda dominante nos libros de texto e en cursos xerais de Bioloxía, especialmente na súa versión actualizada da década de 1980 de Lynn Margulis.

Con todo, o termo desapareceu virtualmente da literatura técnica taxonómica e é de agardar que tamén o acabe facendo da literatura popular e textos elementais. Carl Woese descubriu na década de 1970 que os procariontes encaixaban en dous esquemas moi diferentes cando se examinaban a súa estrutura, composición e xenética molecular, distinguindo dous taxons, Archaea (chamado primeiro Archaebacteria) e Bacteria (chamado ás veces Eubacteria), coa categoría nova de dominio. Xunto a eles, os eucariontes forman un só dominio (Eukarya), subdividido en catro reinos semellantes aos popularizados por Margulis (Protista, Animalia, Fungi, Plantae).

Haeckel (1866)
Tres reinos
Chatton
(1925)
Dous grupos
Copeland
(1938,56)
Catro reinos
Whittaker
(1969)
Cinco reinos
Woese
(1977,90)
Tres dominios
Animalia Eukaryota Animalia Animalia Eukarya
Plantae Plantae Plantae
Protoctista Fungi
Protista Protista
Prokaryota Monera Monera Archaea
Bacteria

Clasificación

[editar | editar a fonte]

Monera cando foi acuñado por Haeckel en 1866 recibiu a categoría taxonómica de orde e foi colocado dentro do reino Protista.

Tradicionalmente o reino Monera dividíase nas clasificacións durante o século XX ata a década de 1970 en dous grandes grupos ou divisións: Bacterias e algas azul-verdosas (Cyanobacterias). Á súa vez as bacterias subclasificábanse baseándose na súa morfoloxía, tal como o facían as clasificacións do século XIX. Uns avances importantes en clasificación procariota foron as novidades que apareceron no Manual de Bergey de 1978 e 1984 atribuídas sobre todo a R.G.E. Murray, as cales se basearon principalmente na estrutura da parede e membranas celulares, procurando ademais evitar nomes en latín onde se sabía con certeza que era imposible determinar as verdadeiras relacións filoxenéticas; ou a clasificación de Margulis e Schwartz de 1982 baseada no metabolismo e bioquímica bacteriana.

Mais a verdadeira revolución veu coa chegada da análise do ARN ribosómico de 16S e 5S desenvolvida por C. Woese, o cal foi o máis grande avance en taxonomía procariota desde o descubrimento da tinguidura de Gram en 1884 e permitiu finalmente integrar en forma real a análise filoxenética na microbioloxía, o cal antes era aplicable case exclusivamente a plantas e animais.

Velaquí unha síntese da clasificación do reino Monera ou Procaryotae de inicios da década de 1980:

Methanocreatrices
Bacterias halófilas
Termoacidófilas
Spirochaetes
Thiopneutes (redutoras de sulfato)
Bacterias aerobias fixadoras de nitróxeno
Pseudomónadas
Omnibacteria
Bacterias quimioautótrofas (nitrificantes)
Myxobacteria
Rickettsias
Chlamydias
Bacterias púrpuras
Bacterias verdes do xofre
Bacterias verdes non do xofre
  • Clase Oxyphotobacteria (fotótrofas oxixénicas)
Cyanobacteria
Chloroxybacteria
Bacterias fermentadoras
Aeroendospora (aerobios ou anaerobios)
Micrococci
Actinomycetes

Notas e referencias

[editar | editar a fonte]
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para monera. Consultado o 24 de febreiro de 2017.
  2. Lynn Margulis & Michael J Chapman, 1982-1998-2009, "Kingdoms and Domains: An Illustrated Guide to the Phyla of Life on Earth."
  • E. Haeckel (1866) Generelle Morphologie der Organismen. Reimer, Berlin.
  • Haeckel, E. (1904) The wonders of life (Die Lebenswunder): a popular study of biological philosophy, translated by Joseph McCabe. Harper and Brothers, Nova York, N.Y.
  • H. Copeland (1956) The classification of lower organisms, Palo Alto, California, Pacific Books.
  • R. H. Whittaker (1969). New concepts of kingdoms of organisms. Science 163: 150–160.
  • C. R. Woese & G. E. Fox (1977). "Phylogenetic structure of the prokaryotic domain: The primary kingdoms (archaebacteria/ eubacteria/urkaryote/16S ribosomal RNA/molecular phylogeny)". Department of Genetics and Development, University of Illinois. Proc. Natl. Acad. Sci. USA Vol. 74, No. 11, pp. 5088-5090, Nov.77.
  • Margulis, L. & Schwartz, K.V. (1982). Five Kingdoms. An Illustrated Guide to the Phyla of Life on Earth. W.H.Freeman, San Francisco.
  • Bergey's Manual of Systematic Bacteriology. 1st edition. 4 vols. (1984)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]