[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Mitoloxía finlandesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ilmarinen, figura principal do panteón finés até a ascensión do seu irmán Ukko e desde entón deus dos artesáns, fabricando o Sampo. Akseli Gallen-Kallela: Fabricación do Sampo (Sammon tantoa, 1893).

A mitoloxía finlandesa é a que comprende as crenzas dos pobos fineses antes da súa cristianización. Posuía moitas características comúns co pobo veciño máis emparentado desde o punto de vista étnico e lingüístico, os estonianos, así como cos veciños non urálicos, é dicir, os pobos bálticos e escandinavos. Moitos destes mitos estaban tamén estreitamente relacionados con outros pobos urálicos, como os saamis.

A mitoloxía finesa sobreviviu en forma de tradicións orais de poemas cantados míticos e folclore até ben entrado o século XIX.

O deus pai Ukko (ancián en finés), era orixinalmente só un espírito da Natureza como todos os outros, mais a influencia progresiva das culturas circundantes derivou na ascensión deste ao ceo. O animal sacro, cuxo nome non se pronunciaba en voz alta, era o oso. O oso era visto como a encarnación dos antepasados, e era denominado con moitos eufemismos: mesikämmen (pata de mel), otso (fronte ampla), kontio (habitante da terra).

Estudo da mitoloxía finesa e historia relixiosa

[editar | editar a fonte]
Mikael Agricola, bispo, reformador protestante e misioneiro finés, quen redactou as primeiras testemuñas sobre a mitoloxía finesa.

A primeira mención das crenzas do pobo finés foi feita polo bispo e reformador luterano Mikael Agricola no prefacio da súa tradución ao finés dos salmos.[1] Agricola suplantou unha lista de deidades supostas de Häme (en sueco Tavastia) e Karelia, doce deidades de cada rexión,[1][2] coas súas supostas funcións brevemente expostas en forma de versos.[1][3] Algúns comentaristas establecen que só once deidades foron listadas para Häme,[4] non contando entre elas a mención de Piru, o Diabo. Grazas a estas listas, Agricola é considerado o pai da historia relixiosa de Finlandia e a súa mitoloxía.[1][5] Eruditos e estudantes posteriores frecuentemente citarían as listas de Agricola como fontes históricas, só a finais do século XIX comezaron os eruditos a avaliar criticamente os deuses da lista de Agricola e a información presentada sobre eles,[6] determinándose con investigacións posteriores que a maioría das figuras presentadas por el non eran deuses, senón espíritos gardiáns locais, figuras da mitoloxía popular ou lendas explanatorias, heroes culturais, santos cristiáns baixo nomes alternativos, e nun caso, un festival da época da colleita.[4]

A obra de Cristfried Ganander Mythologia Fennica, publicada en 1789, foi a primeira incursión erudita laica na mitoloxía finesa. No século XIX, as investigacións sobre o folclore finés intensificáronse. Eruditos como Elias Lönnrot, J.F. Cajan, M.A. Castrén e D.E.D Europaues, viaxaron arredor de Finlandia escribindo a poesía popular cantada. A partir deste material Lönnrot editou o Kalevala como tamén o Kanteletar. Esta poesía popular recollida no século XIX constaba preponderantemente as crenzas pagás finesas previas á cristianización, e permitiulle aos eruditos estudar a mitoloxía finesa con máis detalle.

Orixe e estrutura do mundo

[editar | editar a fonte]
Estrutura do mundo segundo a mitoloxía finesa.

A Bóveda celeste
B Estrela Polar
C Columna
D Kinahmi, o remuíño
E Rexión do Norte, Pohjola
F Rexións habitables
G Lintukoto, o fogar invernal dos paxaros
H Mundo dos mortos : Tuonela, posiblemente baixo a Terra

Críase que o mundo fora formado a partir da explosión dun ovo de Aythya (ave acuática). Respecto ao ceo críase que se trataba da cuberta superior do ovo e, alternativamente era visto como unha carpa, que estaba soportado por unha columna no Polo Norte, por debaixo da Estrela do Norte.

O movemento das estrelas era explicado como causa da rotación da bóveda celeste sobre a Estrela do Norte e sobre si mesma. Segundo a mitoloxía, un gran remuíño fora causado no Polo Norte debido á rotación da columna do ceo. Por medio deste remuíño, as almas podían ir á parte exterior do mundo á terra dos mortos, a Tuonela.

Críase que a terra era plana. Nos bordos da Terra estaba Luntukoto (o fogar dos paxaros), unha rexión cálida onde habitaban os paxaros durante o inverno. A Vía Láctea era chamada Linnunrata (a ruta dos paxaros), porque se cría que os paxaros viaxaban ao longo dela cara a Lintutoko e de volta.

Os paxaros posuían tamén outro significado, levaban a súa alma aos humanos no momento do nacemento, e recollíanlla no momento da morte. Nalgunhas áreas, crían que era necesario ter unha figura dun paxaro tallada en madeira para previr que a alma escapase durante o soño. Estas figuras recibían o nome de Sielulintut (paxaros da alma) e protexían a alma de perderse nos camiños dos soños.

Á súa vez, as aves acuáticas eran moi comúns nos contos, como tamén nas pinturas en pedras e cavernas, demostrando o importante significado que tiñan estas para os antigos fineses.

Tuonela, a terra dos mortos

[editar | editar a fonte]

Tuonella era a terra dos mortos. Era un fogar ou cidade subterránea para todos os mortos. Era un sitio escuro e exánime, no que ninguén durmía nunca. Só un valente xamán podía viaxar a Tuonela en estado de transo para consultar a guía dos antepasados. Para viaxar a Tuonela, a alma debía cruzar o escuro río desta. Se tiña unha razón válida, entón un barco viría a recollelo. Moitas veces a alma do xamán debía convencer os gardas de Tuonela de que el realmente estaba morto.

Ukko, o deus do ceo e o trono

[editar | editar a fonte]
Debuxo simplificado dun tallado en pedra achado na rexión de Carelia o cal contería as representacións mesturadas dunha serpe e dun relampo.

Ukko (home ancián) era o deus do ceo, o tempo meteorolóxico e os cultivos. Tamén era o máis importante deus do panteón e as palabras finesas ukkonen (trono, literalmente "de Ukko") ou "ukonilma" (tempo de Ukko) derivan do seu nome. No Kalevala é tamén chamado Ylijumala (deus superior), dado que era o deus do ceo. Nos mitos, figura só manifestándose por efectos naturais cando é invocado.

As orixes de Ukko poderían datar de Perkūnas, deus da mitoloxía báltica, o do antigo deus do ceo finés Ilmarinen. Tamén Thor é asociado a Perkūnas. Cando Ukko tomou o posto de Ilmarinen de deus do ceo, o destino de Ilmarinen foi converterse en deus ferreiro, ou deus da pedra. No Kalevala, atribúeselle a Ilmarinen a forxa das estrelas da bóveda celeste e o máxico muíño da abundancia, o Sampo.

A arma de Ukko podía ser un martelo, unha machada ou unha espada, coa cal lanzaba raios. Críase que creara as tormentas eléctricas ao conducir co seu carro sobre as nubes ou ben ao manter relacións sexuais coa súa esposa Akka (en finés anciá). A arma orixinal de Ukko era posiblemente a machada de pedra gravada en barcos da cultura de machada de guerra. O martelo de Ukko, Ukkon vasara (o seu nome en finés significa o mesmo que en galego), significaba posiblemente o mesmo que a machada de pedra tallada nos barcos. Dado que as ferramentas de pedra foron abandonadas na Idade de Cobre nórdica as orixes das armas de pedra constitúen un misterio. Críase que estas eran as armas de Ukko, cabezas de pedras que producían alustros. Os xamáns recolleron e mantiveron estas armas posto que crían que posuían moitos poderes tanto para a curación como para o dano.

Heroes, deuses e espíritos

[editar | editar a fonte]
  • Ahti (ou Ahto), deus das profundidades, provedor de peixes.
  • Ajatar (ás veces Ajattara), espírito malvado do bosque.
  • Akka (dama anciá), espírito feminino, contraparte feminina de Ukko.
  • Äkräs, o deus da fertilidade e protector dos vexetais, especialmente dos nabos.
  • Antero Vipunen, xigante falecido, protector do coñecemento profundo e da maxia.
  • Hiisi, demo, orixinalmente evocaba un bosque sagrado, máis tarde un importante goblin.
  • Iku-Turso, un monstro mariño malévolo, posiblemente sexa outro nome de Tursas.
  • Ilmarinen, o gran ferreiro, construtor do ceo. Orixinalmente un espírito masculino do aire.
  • Ilmata, espírito feminino do ar. Era filla da substancia primaveral e o espírito creativo. Á súa vez era nai de Väinämöinen no Kalevala.
  • Jumala, nome xenérico para unha deidade maior. Orixinalmente era o nome dado polos fineses ao ceo, ao deus do ceo, e o deus supremo. Logo a palabra taivas e Ukko convertéronse nos nomes do ceo e do deus do ceo respectivamente. O nome significa deus, e foi usado logo para referirse ao Deus cristián. A orixe do nome é decoñecido, algunhas hipóteses postulan que deriva de Jomali, a deidade suprema dos pobos pérmicos e a orixe da palabra estoniana jume (ceo).
  • Kalevanponka (fillo/varón de Kaleva), un heroe xigante que podía cortar os bosques e segar enormes prados, idéntico ao heroe nacional épico estoniano Kalevipoeg.
  • Kave, antigo deus do ceo, logo deidade do ciclo lunar. Á súa vez era pai de Väinämöinen. O seu nome é similar ao de Kaleva.
  • Kotitonttu, tutelar da casa.
  • Kullervo, antiheroe tráxico. Modelo para o Túrin Turambar da obra de Tolkien O Silmarillion.
  • Kuu, deus da Lúa. En finés ambas palabras signfican lúa.
  • Lemminkäinen (Ahti Saarelainen, Kaukomieli), un heroe temerario.
  • Lempo, espírito da fertilidade.
  • Louhi, matriarca de Phjiola, anfitrioa do mundo subterráneo.
  • Loviatar, a filla cega de Tuoni e nai das Nove Enfermidades.
  • Luonnotar, espírito da natureza, creadora feminina.
  • Menninkäinen, un espírito máxico, un gnomo.
  • Mielikki, esposa de Tapio, deusa do bosque.
  • Nyyrikki, deusa da caza, filla de Tapio.
  • Näkki, espírito temible dos estanques, pozos e pontes. Semellante á Nix grega.
  • Otso, o espírito do oso
  • Pekko (ou Pellon Pekko), deus dos cultivos, especialmente a cebada, e da elaboración da cervexa.
  • Perkele, o Diabo. Orixinalmente deus do trono, foi demonizado coa introdución do cristianismo. Relaciónase co deus báltico Perkunas e o nórdico Thor.
  • Pellervo (ou Sampsa Pellervoinen), deus da colleita.
  • Pijatonttu, tutelar do patio.
  • Piru, espírito, demo.
  • Päivätär, deusa do día. Procede do finés päivä (día).
  • Rahko, deus carelio do tempo cronolóxico.
  • Surma, personificación da morte violenta.
  • Saunatonttu, tutelar da sauna.
  • Tapio, deus do bosque.
  • Tellervo, deusa do bosque, filla de Tapio e Mielikki.
  • Tonttu, xeralmente un tutelar benigno. Orixinalmente era patrón da terra cultivada, posuidor do lote.
  • Tuonetar, nome referente tanto á amante como á filla de Tuoni.
  • Tuoni, personificación da morte.
  • Turisas, deus tavastiano da guerra. Podería ser o nome finés do nórdico Tyr e o xermánico Tîwaz.
  • Tuulikki, filla de Tapio e Mielikki e irmá de Tellervo, deusa dos animais.
  • Ukko, deus do ceo e o trono, asociado con Thor e co Taara estoniano.
  • Vellamo, esposa de Ahti, deusa do mar, os lagos e as tormentas. Unha imaxe corrente de Vellamo pode ser vista nos escudos da provincia de Päijät-häme.
  • Vendemo (nai das augas), deusa carelia da auga.
  • Väinämöinen, home ancián e sabio, que posuía unha potente e máxica voz. Personaxe central do folclore finés e protagonista do Kalevala .
  • Kyöpelinvuori (Raatikko), sitio ao que se cría que ían as virxes ao morrer, e logo o sitio onde as feiticeiras se reunían na Pascua.
  • Tuonela (tamén como Manala ou Pohjola), morada dos mortos, inframundo.
  • Kalevala
  • Aarnivalkea, chama eterna que marcaba a localización dun tesouro soterrado.
  • Lintukoto, sitio mítico onde se cría que os paxaros migraban en inverno, a palabra é usada como unha metáfora para un sitio feliz en finés.
O alce é un motivo moi común nos petróglifos.
Cisne e ovos representados nun petróglifo de Carelia.
  • Oso pardo, o oso era considerado como o animal máis sagrado, só se referían a el con eufemismos. A caza dun oso era seguida dunha grande festa na honra deste animal ("peijaiset"), na cal unha parte substancial das celebracións consistían no convencemento ao espírito do oso de que morrera accidentalmente e non fora asasinado. Posteriormente, o cranio dun oso era colgado no alto dun piñeiro, polo que o espírito do oso podía volver entrar nos ceos.
  • Cisne de Tuonela, en finés Tuonelan joutsen.
  • Alce de Hiisi, en finés Hiiden hirvi.

Artefactos

[editar | editar a fonte]
  • O Sampo, artefacto máxico que traía boa fortuna a quen o levaba. Segundo a interpretación de Lönnrot do Kalevala, era un muíño que producía fariña, sal e ouro do nada.
  • O kantele máxico de Väinämöinen que fixo a partir das fauces dun lucio enorme.
  • A grande espada de Väinämöinen , que brillaba como o sol e era extraordinariamente aguda.
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Pentikäinen, 1999, p. 7.
  2. Virtanen & Dubois, pp. 18.
  3. Pentikäinen, 1999, p. 236.
  4. 4,0 4,1 Talve, 1997, p. 227.
  5. Pentikäinen, 1999, p. 235.
  6. Pentikäinen, 1999, p. 8.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Honko, Lauri, Senni Timonen, Michael Branch, e Keith Bosley. (1994). The Great Bear: A Thematic Anthology of Oral Poetry in the Finno-Ugrian Languages. Nova York: Oxford University Press. Orixinalmente publicado en 1993 pola Sociedade de Literatura Finesa.
  • Holmberg, Uno. (1964). Finno-Ugric, Siberian. The Mythology of All Races, Vol. IV (ed. por John Arnott MacCullough). Nova York: Cooper Square Publishers, 1964. Orixinalmente publicado en 1927 por Marshall Jones, Boston.
  • Pentikäinen, Juha Y. (1999). Kalevala Mythology, edición expandida, traducida por Ritva Poom. Bloomington: Indiana University Press.
  • Kuusi, Matti, Keith Bosley, e Michael Branch. (1997). Finnish Folk Poetry: Epic. Helsinqui: Finnish Literature Society.
  • Pentikäinen, Juha. (2002). "The Ancient Religion of the Finns." The Pagan Files. Consultado o 24 de xuño de 2007.
  • Talve, Ilmar. (1997). Finnish Folk Culture. Studia Fennica, Ethnologica 4. Traducido por Susan Sinisalo. Helsinqui: Finnish Literature Society.
  • Virtanen, Leea e Dubois, Thomas. (2000). Finnish Folklore. Studia Fennica, Folklorista 9. Traducido por Thomas Dubois. Helsinqui: Finnish Literature Society en asociación coa University of Washington Press, Seattle, WA.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]