[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Malcolm X

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaMalcolm X

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(en) Malcolm Little Editar o valor en Wikidata
19 de maio de 1925 Editar o valor en Wikidata
Omaha, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Morte21 de febreiro de 1965 Editar o valor en Wikidata (39 anos)
Manhattan, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Causa da mortehomicidio, ferida por arma de fogo Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaFerncliff Cemetery (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Outros nomesMalachi Shabazz Editar o valor en Wikidata
Grupo étnicoAfroamericano Editar o valor en Wikidata
Ideoloxía políticaNacionalismo negro e Panafricanismo Editar o valor en Wikidata
RelixiónIslam, Nation of Islam (pt) Traducir e Sunnismo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico, Activista polos dereitos humanos, Muslim minister (en) Traducir, activista político, autobiógrafo, Imán Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1954 Editar o valor en Wikidata - 1965 Editar o valor en Wikidata
Participou en
1954Movemento polos dereitos civís nos Estados Unidos Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeBetty Shabazz (1958–) Editar o valor en Wikidata
FillosAttallah Shabazz, Qubilah Shabazz, Ilyasah Shabazz, Gamilah Lumumba Shabazz, Malikah Shabazz, Malaak Shabazz Editar o valor en Wikidata
PaisEarl Little Editar o valor en Wikidata  e Louise Little Editar o valor en Wikidata
IrmánsReginald Little
Ella Little-Collins Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteObálky knih, Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0944318 BNE: XX847148 Spotify: 2IsulP0BplLNJn8BGsvUQo Last fm: Malcolm+X Musicbrainz: ea90f4c5-6624-4dcb-8e9f-6f23adec225a Songkick: 302574 Discogs: 120911 Allmusic: mn0000671508 WikiTree: Little-2799 Find a Grave: 1134 Genius: Malcolm-x Editar o valor en Wikidata

Malcolm X, nado co nome de Malcolm Little en Omaha (Nebrasca) o 19 de maio de 1925 e finado en Manhattan (Nova York) o 21 de febreiro de 1965, tamén coñecido como El-Hajj Malik El-Shabazz (árabe: الحاجّ مالك الشباز), foi un activista político afroamericano estadounidense, ministro relixioso dos Musulmáns Negros (Black Muslims) e voceiro de Nación do Islam (Nation do Islam). Foi o fundador de Muslim Mosque, Inc. e da Organización para a Unidade Afroamericana.

Ao longo da súa vida, Malcolm X pasou de ser traficante de drogas e ladrón a ser un dos referentes do nacionalismo negro norteamericano. Como líder proclamou as ideas do poder negro, o orgullo negro, a cuestión identitaria e abordou os problemas económicos e sociais. Nos seus últimos anos converteuse nunha figura coñecida mundialmente polas súas ideas panafricanistas e polo seu activismo en favor dos dereitos humanos.

Durante unha peregrinación á Meca no 1964 Malcolm X converteuse á ponla sunní do islam. Menos dun ano despois sería asasinado en Washington Heights, na primeira semana da Semana Nacional de Irmandade.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Malcolm foi fillo de Earl Little e Louise Helen Norton. Viviu brevemente no barrio de North Omaha. O seu pai era un predicador baptista que simpatizaba con Marcus Garvey, e formaba parte da Universal Negro Improvement Association. Segundo o propio Malcolm, tres dos irmáns do seu pai morreron violentamente a mans de homes brancos, un deles linchado.

Earl Little tiña tres fillos (Ella, Mary, e Earl, Jr.) con outra muller antes de casar coa nai de Malcolm. No segundo matrimonio tivo oito fillos (Wilfred, Hilda, Philbert, Malcolm, Reginald, Wesley, Yvonne, e Robert), sendo Malcolm o cuarto.

A nai de Malcolm nacera en Grenada e, segundo as memorias del parecía unha muller branca. O pai dela fora un branco que forzara á súa nai e do que os seus fillos nunca souberon nada. Ao principio Malcolm tomou con orgullo a claridade da súa pel, xa que lle daba certo status social dentro da comunidade. Porén, máis adiante diría "odiar cada pinga de sangue dos violadores brancos que hai en min".

Sendo o membro máis claro da súa familia, Malcolm converteuse ao mesmo tempo no olliño dereito do pai e gañou a xenreira da nai. Un dos seus alcumes "Red" (Vermello) viña do ton avermellado do seu cabelo, herdanza xenética do seu avó materno. Aínda que lle escureceu coa idade, aínda conservaba tons vermellos baixo a influencia do sol do verán.

Segundo a autobiografía do propio Malcolm, a súa nai foi ameazada polo Ku Klux Klan cando estaba preñada del, debido ás actividades do pai na Universal Negro Improvement Association. A familia trasladouse a Milwaukee, Wisconsin en 1926 e despois a Lansing, Míchigan. En 1931 o pai de Malcolm foi atopado morto despois de ser atropelado por un tranvía nesa cidade. As autoridades estabeleceron que se trataba dun suicidio. Segundo a autobiografía de Malcolm, a causa da morte refutada pola comunidade negra nese momento, e el mesmo seguiría negándoo moito despois, aludindo ás ameazas que a súa familia estaba a recibir da Lexión Negra (Black Legion), un grupo branco supremacista aos que acusaba de queimar a casa da familia en 1929. Malcolm imaxinaba que o seu pai fora golpeado na cabeza e deixado á mantenta sobre os camiños de ferro do tranvía.

A pesar de que Earl Little tiña un seguro de vida, a familia recibiu só unha pequena contía da compañía debido á que a causa da morte fora estabelecida como suicidio. A nai de Malcolm tivo problemas de nervios até que foi declarada tola en decembro de 1938 e ingresada nun hospital mental de Kalamazoo, Míchigan, mais os seus fillos conseguiron sacala de alí 26 anos despois. Malcolm e os seus irmáns foron separados e enviados a distintos fogares adoptivos.

Despois da morte do pai, Malcolm, viviu en Lansing, Míchigan e despois en Mason, no mesmo estado. Graduouse como primeiro da súa aula no instituto, e aspiraba a converterse en avogado, até que un dos seus mestres lle dixo que iso "non era unha meta realista para un negro". Despois de pasar por máis fogares adoptivos, Malcolm foi enviado coa súa media irmá Ella Little Collins, que vivía en Boston, Massachusetts. Nesta cidade tivo multitude de empregos e tamén comezou a frecuentar os barrios baixos.

Malcolm X de mozo.

Malcolm deixa Boston para vivir brevemente en Míchigan e estabelecerse finalmente en Nova York en 1943. Alí traballa nun club nocturno, e pouco tempo despois verase envolto nos ambientes marxinais de Harlem, incluíndo tráfico de drogas, asalto a mao armada e xogo ilegal. Debido a estas actividades será detido e pasará de 1943 a 1946 na cadea.

Cando lle toca o momento de ser recrutado é declarado "mentalmente incapacitado para o servizo militar", segundo el mesmo explica na súa autobiografía, tras declarar que non vía a hora de xuntarse con outros soldados negros e comezar a disparar contra os brancos.

En 1946 Malcolm volve a Boston e o 12 de xaneiro dese mesmo ano é arrestado por roubo despois de tentar recuperar un reloxo roubado que el mesmo deixara a reparar nunha xoiería. Dous días despois é acusado por levar armas de fogo, e o día 16 de xaneiro acúsano de roubo e invasión de domicilio. É sentenciado de oito a dez anos de prisión na cadea estatal de Massachusetts. Comezará a cumprir condena o 27 de febreiro.

Na prisión é alcumado Satán polas súas diatribas contra a Biblia, deus e a relixión. Aproveitando a libraría da cadea, comeza a ler libros, desenvolvendo unha grande voracidade lectora. É neses anos cando a través da correspondencia co seu irmán Reginald, toma coñecemento de Nación do Islam e é invitado a converterse. Durante a súa estadía en prisión mantén contactos regulares con Elijah Muhammad, o líder do grupo. En febreiro de 1948 e grazas aos esforzos da súa irmá, é trasladado a unha prisión experimental en Norfolk, Massachusetts, que tiña unha libraría aínda maior. As lembranzas reflectidas na súa autobiografía sobre este período son positivas. Será liberado o 7 de agosto de 1952.

Nación do Islam

[editar | editar a fonte]

Despois de saír da cadea, en 1952, Malcolm vai a Chicago a coñecer a Elijah Muhammad. É nese momento cando decide cambiar o seu apelido por un "X". A razón é o rexeitamento dos nomes dados aos escravos polos seus compradores e a imposibilidade de recuperar os apelidos de raíces africanas. O "X" tamén era a marca que moitos escravos recibían no brazo. Moitos membros de Nación do Islam seguiron o mesmo razoamento e cambiaron os seus apelidos por "X".

En marzo de 1953 o FBI abre unha ficha a Malcolm X, supostamente tras unhas declaracións deste nas que se describía como comunista. Incluíanse na ficha dúas cartas escritas por el baixo o alcume de Malachi Shabazz, un nome relacionando cos asiáticos negros.

En maio de 1953, o FBI chega á conclusión de que Malcolm X ten "unha personalidade asocial con trazos psicóticos de esquizofrenia paranoide", e que debe ser tratado desta doenza. Isto apoiase nunha carta con data do 29 de xuño de 1950 interceptada polo FBI e no feito de ser rexeitado no servizo militar.

Despois dun ano, Malcolm deixa á súa media irmá Ella en Boston para mudarse a Chicago, onde vivía Elijah Muhammad. Volverá axiña a Boston convertido en ministro de Nación do Islam para o Templo Número Once. En 1954 é escollido para a Mesquita #7 na Avenida Lenox de Manhattan, Harlem, da que axiña consegue aumentar o número de fieis. A súa popularidade medrou tras un programa dunha televisión local de Nova York sobre Nación do Islam. Malcolm X aumentaría a súa presenza nos medios de comunicación, primeiro nos Estados Unidos e despois no mundo enteiro. Neses anos entre 1952, que entra en Nación do Islam até 1964, cando será expulsado, Malcolm X difundirá as súas ensinanzas, incluíndo as referencias aos brancos como demos e predicindo a inevitable recuperación do lugar que lles correspondía aos negros, na cúspide da pirámide social.

Malcolm axiña se converteu no segundo líder máis influente do movemento, despois do propio Elijah Muhammad. Abriu novos templos, e foi unha das razóns do aumento dos membros de 500 en 1952 a 30.000 en 1963. Tamén captou membros da relevancia social do boxeador Cassius Clay, a quen convenceu para mudar o seu nome polo de Muhammad Ali .

No 1958 Malcolm casará con Betty Jean Sanders en Lansing, Míchigan. Tivo con ela seis fillas, que levaron apelido Shabazz.

En setembro de 1960, Malcolm coñeceu a Fidel Castro cando formaba parte dun comité de benvida que recibía aos xefes de Estado africanos que acudían a Asemblea Xeral das Nacións Unidas.

Saída de Nación do Islam

[editar | editar a fonte]

No 1963 Malcolm comeza a colaborar con Alex Haley na Autobiografía de Malcolm X. Máis tarde explicará nese mesmo traballo a súa ruptura con Nación do Islam. Segundo o seu relato, a principios dos anos sesenta comezou a escoitar rumores de que Elijah Muhammad mantiña relacións extramaritais. O adulterio ía contra as ensinanzas da organización, porén, nun primeiro momento, Malcolm non fixo caso aos rumores. Algo máis tarde escoitou á muller e o fillo do propio Elijah Muhammad facer as mesmas acusacións e decidiu crelos. Segundo a Autobiografía de Malcolm X o propio Elijah Muhammad confesou que os rumores eran certos, alegando que se limitaba a seguir un patrón estabelecido polos antigos profetas bíblicos.

Malcolm tamén criticou a Marcha sobre Washington, polo recoñecemento implícito das institucións brancas que supuña. Unhas polémicas declaracións sobre o asasinato de John F. Kennedy escandalizaron á opinión pública e levaron a que Elijah Muhammad, aínda facéndolle conservar o rango, lle prohibise falar en público durante 90 días.

Malcolm anuncia a súa ruptura con Nación do Islam o 8 de marzo de 1964, e a catro días despois funda Muslim Mosque, Inc (Mesquita Musulmá, S.A.). Basicamente Malcolm segue as ensinanzas de Nación do Islam, pero modificando o seu nacionalismo relixioso cara ao nacionalismo negro, cunha maior preocupación en aspectos políticos, sociais e económicos. En abril dese ano dará o seu discurso "O voto ou a bala". Nese momento contacta con moitos musulmáns ortodoxos que o convidan a unirse á corrente principal do islam, cousa que fai, chegando mesmo a realizar unha peregrinación á Meca.

Peregrinación á Meca

[editar | editar a fonte]

O 13 de abril de 1964, Malcolm sae do aeroporto internacional John F. Kennedy cara ao Cairo, con escala en Frankfurt. Dende alí partiría a Arabia Saudita. O feito de non saber falar árabe, puxo en dúbida ás autoridades sobre o feito de ser un auténtico musulmán, polo que foi separado do grupo co que chegara.

Días despois, e co apoio do fillo de Abdul Rahman Hassan Azzam (autor do libro "A mensaxe eterna de Mahoma"), Malcolm consegue ser recibido polo fillo do Príncipe Faisal, que lle concede un status de convidado que lle permitirá completar a súa peregrinación.

O 19 de abril Malcolm completa as sete voltas á Kaaba e o resto dos rituais relixiosos. O feito de ver a musulmáns de todas as razas convivindo en paz fíxoo concibir a súa relixión como unha solución para o problema racial.

Viaxes polo mundo

[editar | editar a fonte]

Malcolm X visitou África en tres ocasións, unha en 1959 e dúas máis en 1964. Nas súa visitas entrevistouse con políticos locais e falou para os medios do Cairo, Exipto; Addis Abeba, Etiopía; Dar Es Salaam, Tanganica (actual Tanzania); Lagos e Ibadan, Nixeria; Accra, Winneba, e Legon, Ghana; Conakry, Guinea Conakry; Alxer, Alxeria; e Casablanca, Marrocos.

Na súa primeira visita de 1959, viaxou a Exipto, Sudán, Nixeria e Ghana. Durante a primeira visita de 1964 e tras un discurso na Universidade de Ibadan, en Nixeria, recibe dos estudantes o nome de Omonwale, que en yoruba significa "o fillo volve a casa".

Malcolm volve de África o 21 de maio de 1964. O 9 de xullo dese mesmo ano fai outra viaxe, durante a que falará para a Organización para a Unidade Africana, na súa reunión do 17 de xullo. Malcolm falará como representante da Organización para a Unidade Afroamericana. O 21 de agosto declara ante a prensa a necesidade de crear uns "Estados Unidos de África", como requisito para o desenvolvemento dos propios afroamericanos. Cando regresa aos Estados Unidos o 24 de novembro deixa feita unha conexión importante entre os africanos do continente e os fillos da diáspora negra.

Será tamén neses anos cando comeza a tomar forza a súa doutrina da autodefensa, como un dereito dos afroamericanos ante as agresións por parte dos brancos. Tamén comeza a retractarse de moitas das súas posturas radicais como musulmán negro, especialmente aquelas que poderían interpretarse como un racismo invertido cara aos brancos.

Francia e o Reino Unido

[editar | editar a fonte]

A finais de 1964, Malcolm visitou o Estado francés xunto con políticos xamaicanos. Falou en París en debates que tiñan por obxecto as ideas rastafaris. Tamén visitou o Reino Unido e participou nun debate en Oxford celebrado o 3 de decembro.

O 12 de febreiro de 1965 Malcolm visitará Smethwick, unha vila próxima a Birmighan, caracterizada por ter a maior división racial do Reino Unido despois de que o Partido Conservador gañase as eleccións ao parlamento co lema "Se queres un negro no teu barrio, vota ao Partido Laborista". Alí visitou un pub cunha política segregacionista e tentou visitar un barrio no que o concello mercara casas que serían vendidas a familias brancas, impedindo que familias negras se mudasen a alí.

As tensións crecentes entre Malcolm e a Nación do Islam levan a pensar que a organización puido tramar o seu asasinato. Na súa autobiografía Malcolm conta que un membro de Nación do Islam lle confesara que recibira ordes de matalo.

O 20 de marzo de 1964, o magazine Life publicaba unha fotografía de Malcolm cunha carabina M1 ollando a través da fiestra da súa casa familiar. A foto completaba a declaración de Malcolm de que se defendería das diarias ameazas de morte que el e a súa familia estaban a recibir.

En xuño de 1964 Nación do Islam reclama a propiedade da casa de Malcolm en Queens, alegando que pertence á organización. O 14 de febreiro de 1965, un día antes de que vencese a data de evicción, a casa ardeu completamente. Malcolm e a súa familia sobreviviron e ninguén foi acusado do feito.

O 21 de febreiro, en Manhattan Malcolm daba un discurso ante 400 persoas, cando xurdiu un disturbio entre a audiencia. Cando Malcolm e os seus escoltas se aproximaban para calmar o alboroto, un home xurdiu diante del e disparoulle no peito. Outros dous homes de entre o público dispararon contra el. Malcolm recibiu 16 disparos, e foi declarado morto nada máis chegar ao hospital. A audiencia do acto atrapou e golpeou aos asasinos antes de que puidesen abandonar o recinto.

Dous sospeitosos foron nomeados polas testemuñas: Norman 3X Butler e Thomas 15X Johnson.

Tres persoas foron acusadas polo crime. Talmadge Hayer confesou que disparara contra o corpo de Malcolm, pero que Butler e Johnson non estaban presentes nin involucrados no crime. Os tres foron condenados.

Os sucesos acontecidos o día do asasinato seguen sendo polémicos e escuros, existindo diversas versións que se contradín. Parte desa controversia son as sospeitas de que un dos escoltas de Malcolm X era en realidade un axente da policía infiltrado.

O funeral de Malcolm X celebrouse en Harlem o 27 de febreiro de 1965, cunha asistencia de 1500 persoas. Malcolm X foi soterrado polos seus propios amigos no cemiterio de Ferncliff (Hartsdale, Nova York).

Influencia cultural

[editar | editar a fonte]

Ademais da influencia da Autobiografía de Malcolm X (escrita coa axuda de Alex Haley), a doutrina de Malcolm X foi seguida por numerosos grupos estadounidenses e do mundo enteiro. A súa doutrina da autodefensa atoparía axiña seguidores coa fundación do Partido Pantera Negra e a súa figura ficaría para sempre como unha icona do nacionalismo negro de esquerdas, frecuentemente contraposta á do pastor Martin Luther King, máis legalista, integradora e moderada.

En 1992 Spike Lee dedicaralle o filme Malcolm X, protagonizado por Denzel Washingon. Roger Ebert e Martin Scorsese considerárono como un dos dez mellores filmes da década.

Ao redor de todo o mundo a figura de Malcolm X converteuse máis aló do seu significado estrito, nun símbolo da resistencia ao poder e da loita dos dereitos das minorías.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]