Jan Pieter Six
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 6 de novembro de 1824 Ámsterdam, Países Baixos |
Morte | 17 de xullo de 1899 Hilversum. Holanda Setentrional. Países Baixos |
País de nacionalidade | Neerlandesa. |
Educación | Universidade de Utrecht. |
Q89547790 | Estudos de numismática antiga. |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática e arte. |
Lugar de traballo | Utrecht (1842–1847) Ámsterdam |
Ocupación | coleccionista de arte, numismático |
Membro de | |
Obra | |
Obras destacables | |
Familia | |
Familia | Família Six (pt) |
Cónxuxe | Catharina Teding van Berkhout |
Fillos | Jan Six, Willem Six van Wimmenum |
Pais | Hendrik Six van Hillegom e Lucretia Johanna van Winter |
Irmáns | Pieter Hendrik Six van Vromade |
Jan Pieter Six van Hillegom, nado o 6 de novembro de 1824 en Ámsterdam e finado o 17 de xullo de 1899 en Hilversum, (Holanda Setentrional) foi un numismático e coleccionista de arte, antigüidades e de obxectos arqueolóxicos neerlandés.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Infancia e formación
[editar | editar a fonte]Jan Pieter Six era fillo de Hendrik Six (1790-1847)[1] e de Lucretia Johanna van Winter (1785- 1845)[2][3]. Tratábase dunha familia acomodada de coleccionistas de arte, que pasaba os invernos en Ámsterdam, as primaveras nunha propiedade nas aforas da cidade e os veráns nunha casa de campo en 's-Graveland.[4]
A súa primeira educación correu a cargo dun diplomático francés, que lle inculcou o seu interese pola lectura dos poetas clásicos franceses e neerlandeses. Os seus estudos superiores transcorreron no Institutuut Noorthey, en Leidschendam, entre 1838 e 1842. Coñeceu as linguas clásicas e comezou a admirar e a estudar particularmente a Plauto e a Varrón, e a adquirir libros de autores clásicos, de filoloxía e de arqueoloxía.[5]
Entre 1842 e 1847, ano en que faleceu o seu pai, estudou Dereito na Universidade de Utrecht.[5] Logo regresou a Ámsterdam e continuou a súa formación no Amsterdam Athenaeum, onde o seu tío, D. J. van Lennep, o introduciu no coñecemento das antigüidades e da numismática. Aínda que en 1846 xa adquirira algunhas moedas antigas, a partir de 1848 as súas adquisicións foron máis regulares e Six comezou a organizar unha colección numismática.[6]
Interese pola historia, a arte e a arqueoloxía
[editar | editar a fonte]Jan Pieter Six interesouse tamén pola arte e as exposicións históricas, e colaborou en mostras de mestres da arte en 1867 e en 1872, e en exposicións arqueolóxicas en 1858, 1873 e 1877. A súa participación na exposición de 1869 con motivo do 600 aniversario da cidade de Ámsterdam foi particularmente significativa.[6]
Foi cofundador da Real Sociedade de Anticuarios (Koninklijk oudheidkundig Genootschap) en 1858, xunto con D. Van Kellen e L. M. Beels van Heemstede.[6] En 1875 fundou tamén un pequeno museo de arte con fondos en parte cedidos por el, que finalmente pasou a integrarse no Rijksmuseum. Tamén amosou a súa preocupación pola conservación dos monumentos e edificios históricos e coleccionou obxectos tan diversos como debuxos, estampas, retratos, selos, incunables, vidros, etc., a maioría dos cales acabaron sendo doados a museos públicos.[7]
Tamén tivo participación na vida pública, como membro do consello provincial entre 1858 e 1877.[7]
Jan Pieter Six numismático
[editar | editar a fonte]Como numismático, o seu máximo interese radicou na moeda da Antigüidade, comezando polos denarios e outras moedas da Antiga Roma, e a partir de 1848 comezou a coleccionar e a estudar a moeda da Antiga Grecia, moeda celta da Galia, moeda tolemaica, etc. A partir destes estudos fixo diversas publicacións e impartiu conferencias periódicas na Sociedade de Artes e Ciencias de Utrecht (Utrechtsch Genootschap van Kunsten en Wetenschappen), na que ingresou en 1863.[8]
Entre as súas escasas visitas a coleccións numismáticas estranxeiras salientan as do Gabinete de Moedas e Medallas de París, a primeira en 1856 e as outras dúas, da man de Ernest Babelon, en 1881 e en 1884. Tamén mantivo contacto con outros numismáticos europeos, como o británico Barclay V. Head ou o suízo Friedrich Imhoof Blumer, con quen mantivo unha relación non só científica senón tamén de amizade.[9]
Vida familiar
[editar | editar a fonte]En 1856, Six casou con Catherina Teding van Berkhout (1834-1887).[7][10] Un dos seus fillos, Jan Six (1857-1926) foi un recoñecido historiador da arte.[11]
Jan Pieter Six finou o 17 de xullo de 1899 na súa casa, en Hilversum.[12]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]Publicacións
[editar | editar a fonte]A produción científica de Jan Pieter Six produciuse maioritariamente en forma de artigos publicados nas revistas numismáticas máis significativas da súa época; porén, algúns destes artigos foron publicados tamén por estas revistas como separatas independentes.[14][15][16]
- (1863). Catalogue du cabinet de monnaies et médailles de l'Académie Royale des sciences à Amsterdam (con A. J. Enschedé). Frederik Muller, Amsterdam.
- (1875). Sur les premières monnaies de bronze émises à Syracuse. Separata de Numismatic Chronicle. Royal Numismatic Society, Londres.
- (1877). Observations sur les monnaies phéniciennes. Separata de Numismatic Chronicle. Royal Numismatic Society, Londres.
- (1878). Monnaies d'Hiérapolis en Syrie. Separata de Numismatic Chronicle. Royal Numismatic Society, Londres.
- (1883). Aphrodite-Nemesis. Separata de Numismatic Chronicle. Royal Numismatic Society, Londres.
- (1883). Du Classement des séries cypriotes. Separata de Revue numismatique, Société française de numismatique, París.
- (1884). Le Satrape de Mazaïos. Separata de Numismatic Chronicle. Royal Numismatic Society, Londres.
- (1885). Sinope. Separata de Numismatic Chronicle. Royal Numismatic Society, Londres.
- (1886). L'Ère de Tyr. Separata de Numismatic Chronicle. Royal Numismatic Society, Londres.
- (1887). Monnaies Lyciennes. Separata de Revue numismatique, Société française de numismatique, París.
- (1897). Monnaies grecques, inédites et incertaines. Separata de Numismatic Chronicle. Royal Numismatic Society, Londres.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Geert, M. (2018). De levens van Jan Six : een familiegeschiedenis. ISBN 978-90-450-3619-9
- ↑ "Winter, Lucretia Johanna van (1785-1845)". Digitaal Vrouwenlexicon van Nederland.
- ↑ "Genealogie Familie Six » Hendrik Six (1790-1847)". GenealogieOnline.nl
- ↑ H.J. de Dompierre de Chaufepié (1902). Páxina 183.
- ↑ 5,0 5,1 H.J. de Dompierre de Chaufepié (1902). Páxinas 184-185.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 H.J. de Dompierre de Chaufepié (1902). Páxina 185.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 H.J. de Dompierre de Chaufepié (1902). Páxina 186.
- ↑ H.J. de Dompierre de Chaufepié (1902). Páxinas 187-188.
- ↑ H.J. de Dompierre de Chaufepié (1902). Páxinas 189-190, 192.
- ↑ "Genealogie Familie Six » Jan Pieter Six (1824-1899)". GenealogieOnline.nl
- ↑ "Six, Jan, Jhr.". En Dictionary of Art Historians.
- ↑ H.J. de Dompierre de Chaufepié (1902). Páxina 193.
- ↑ "The Society’s Medal". Royal Numismatic Society.
- ↑ "Six, Jan Pieter 1824-1899 Arquivado 28 de xullo de 2021 en Wayback Machine.". Digital Library Numis.
- ↑ "Six, J. P.". WorldCat Identities.
- ↑ "Jan Pieter Six (1824-1899)". Bibliothèque nationale de France.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- H.J. de Dompierre de Chaufepié (1902). "Levensbericht van J. P. Six". En Levensberichten der afgestorven medeleden van de Maatschappij der Nederlandsche letterkunde te Leiden. E. J. Brill, Leiden. Páxinas 183-193