[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Moeda tolemaica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Moeda tolemaica de bronce de Tolomeo V Epífanes, coa característica depresión no centro tanto do anverso como do reverso. O reverso amosa un símbolo tolemaico común: a aguia sobre un raio.

A moeda tolemaica é a cuñada no período helenístico do Antigo Exipto, que estivo en uso durante a dinastía tolemaica e nalgúns momentos do dominio romano de Exipto.

A dinastía tolemaica introduciu a cuñaxe de moeda en Exipto, xa que as anteriores dinastías nativas non a utilizaban. Como consecuencia da monetización da sociedade exipcia, principalmente debido aos esforzos do rei Tolomeo II Filadelfo, o reino tolemaico comezou a florecer. Durante a maior parte da súa historia, o reino aplicou enerxicamente unha política de moeda única, confiscando as moedas estranxeiras atopadas no seu territorio e forzando os seus dominios a adoptaren a moeda tolemaica. Nos raros casos nos que a estes dominios se lles permitiu manter a súa propia moeda, como é o caso da comunidade xudía en Palestina, tiñan que respectar o sistema ponderal tolemaico. Estas políticas, xunto coa inflación e a crecente dificultade para obter prata, motivaron o illamento monetario tolemaico.

Dominios tolemaicos en 200 a. de C.

Logo da anexión de Exipto polo Imperio Romano e da caída da dinastía tolemaica, a súa moeda permaneceu aínda en circulación, ata o goberno do emperador Nerón. A prata das moedas reutilizouse para cuñar tetradracmas romanos, en tanto que os denarios e os áureos non circularon no antigo reino tolemaico, polo que o illamento monetario de Exipto continuou neste período.

Deseño e simbolismo

[editar | editar a fonte]
Octodracma de ouro o século III a. de C., cos bustos de Tolomeo II Filadelfo e a súa irmá e esposa Arsínoe II, coa inscrición en grego ΑΔΕΛΦΩΝ (adelphōn).

O reino tolemaico usou o sistema ponderal dos fenicios en lugar do padrón ático, máis xeneralizado.[1] O peso fenicio, tamén coñecido como peso tolemaico, baseábase nunha unidade de arredor de 14,20 gramos, en tanto que a do sistema ático, seguido polos demais estados helenísticos, era de aproximadamente 17,26 gramos. As moedas de bronce máis grandes pesaban ata 100 gramos.[2][3]

Artisticamente, a moeda tolemaica seguiu de preto as emisións gregas da época, con retratos de figuras dinásticas. Un motivo característico da dinastía tolemaica foi o da aguia sobre un raio, adpotado por primeira vez por Tolomeo I Sóter. As moedas tolemaicas máis peculiares inclúen os chamados "asuntos dinásticos". Tolomeo II Filadelfo casou coa súa irmá Arsínoe II, probablemente para gañar lexitimidade aos ollos da poboación exipcia local. Os gobernantes exipcios casaron tradicionalmente coas súas irmás para simbolizaren unha conexión coa unión sacra entre as deidades Osiris e Isis. Tras a morte de Arsínoe II cuñouse unha moeda similar a unha medalla cun retrato de Tolomeo II e Arsínoe II nun lado, e un de Tolomeo I e Berenice I no outro. Tivo unha influencia póstuma na vida relixiosa exipcia, e a dinastía grega gobernante foi deificada.[4]

No proceso de cuñaxe, existían similitudes coa moeda seléucida. Por exemplo, as moedas tolemaicas adoitaban ter unha depresión central provocada durante este proceso.[5][6]

Moeda tolemaica de 40 dracmas a nome de Cleopatra VII (51-30 a. de C.)

A primeira ceca tolemaica estaba en Menfis e, posteriormente, trasladouse a Alexandría.[7]

Tiro era a cidade costeira máis importante das cinco cidades tolemaicas, cunha ceca en Siria.[1] Tras a conquista de Celesiria por parte do reino seléucida liderado por Antíoco III o Grande, á cidade de Ptolemaida en Fenicia (Acre) aínda se lle permitiu a cuñaxe de moedas usando o sistema ponderal fenicio. A ceca mantívose moi prolífica e foi unha das máis activas no reino seléuida.[8] É probable que a cidade cuñase moedas de prata sen interrupción tras cambiar de mans, xa que foi unha cidade moi importante en Fenicia.[9] Con todo, os seléucidas pecharon a ceca tolemaica de Jaffa.[3]

En Grecia, a moeda tolemaica era orixinaria principalmente do Peloponeso e Eubea. Corinto non cuñou moeda tolemaica durante a súa breve subordinación ao reino.[1]

Chipre, a área máis rica en prata de Exipto, tivo moitas cecas salientables e a illa cuñou grandes cantidades de moeda tolemaica entre 200 a. de C. e 80 a. de C.[10][1] No segundo século antes de Cristo, a maior parte da moeda chipriota é doadamente recoñecible e datable porque incluía abreviaturas para as cecas e datas, tanto nas moedas de ouro como nas de prata. Entre as cecas chipriotas deste período están Salamina (abreviatura ΣA), Citio (KI) e Paphos (Π e, máis tarde, ΠA).[11] Mentres, en Creta non había ningunha moeda real en uso e as cidades cretenses tiñan unha forte autonomía para cuñaren o seu propio circulante.[1]

Non hai evidencia da existencia de cecas tolemaicas en Asia Menor. Ademais, rexións como Cilicia e Licia non tiñan cecas autónomas onde se cuñase moeda local. Semella que había pouca circulación de moeda tolemaica en Caria, Licia, Panfilia e Cilicia. A moeda de prata pánfila local deixou de se producir baixo o control tolemaico. É probable que a poboación no sur de Asia Menor simplemente non tivesen o hábito de usar moedas nas transaccións económicas do día a día.[1]

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

A prata era máis escasa que o ouro en Exipto, e a proporción exacta entre os seus valores non está clara. No entanto, é probable que a prata se importase en barcos en cantidades significativas desde o estranxeiro.[12]

Non se utilizou moeda en Exipto durante as dinastías nativas pretolemaicas. Deduciuse das descubertas de moeda estranxeira antiga en Exipto que esta se utilizaba a modo de lingotes en lugar de como moeda durante as dinastías antigas.[12] Durante o goberno tolemaico, Exipto transformouse dunha sociedade sen moeda nunha monetizada ao longo do terceiro século antes de Cristo. O rei Tolomeo II Filadelfo tivo unha importante influencia no proceso. O goberno grego monetizou os impostos exipcios e esta foi unha das razóns clave do éxito do Estado tolemaico. Antes do período tolemaico usábanse como medios de intercambio o gran e metais como o cobre. O reinado tolemaico levou ao país, ademais da moeda, os bancos e a recadación de impostos. Porén, mesmo séculos antes, o crecente comercio con Grecia fortalecera o proceso de monetización. A fundación da colonia comercial grega de Náucratis coincidira co fortalecemento das relacións comerciais.[13]

Illamento monetario

[editar | editar a fonte]
Tetradracma tolemaico coa efixie de Tolomeo II.

O reino tolemaico non usou o peso ático, ou estándar ático, que era moi común noutros estados helenísticos, como o imperio seléucida. No seu lugar, o reino tolemaico usou o sistema ponderal fenicio, baseado en unidades máis pequenas que as do ático. En consecuencia, a moeda tolemaica era máis pequena que as moedas usadas por outros estados helenísticos.[1][14] Previamente, houbo un curto período de transición, entre os anos 310 e 298 a. de C., en que o reino tolemaico asumiu o padrón monetario de Rodas antes da implantación do sistema ponderal dos fenicios.[15][16][17]

Durante a maior parte da historia do reino tolemaico, mantívose a política de que todas as moedas estranxeiras en Exipto debían ser confiscadas polo Estado e substituídas por moeda tolemaica. Pódense atopar paralelismos entre Atenas e o reino tolemaico, xa que a capital grega tamén intentou introducir unha moeda única no seu imperio. O reino tolemaico obrigou a asumir o seu propio sistema monetario aos seus dominios no estranxeiro. Nalgúns casos, ás cidades baixo o seu dominio permitíuselles manter a súa moeda local, aínda que eran forzadas a convertela ao sistema ponderal fenicio; unha desas excepcións foi a comunidade xudía en Palestina, á que se lle permitiu cuñar moedas co nome dos seus maxistrados. Con todo, a moeda xudía local desapareceu de xeito efectivo no século III a. de C. En comparación, o veciño reino seléucida era menos estrito á hora de impor control real sobre as cecas.[1][3]

Durante o reinado de Tolomeo I Sóter, o fundador do reino, permitíanse (e nalgúns casos mesmo se alentaban) diversas moedas locais. A data exacta de eliminación das moedas non tolemaicas varía en función der rexión.[1] Durante o mesmo reinado de Tolomeo I empezouse a dotar o sistema monetario tolemaico dunha certa pechazón;[10] en Exipto e Siria eliminouse a moeda local, caracterizada por amosar a efixie de Alexandre o Grande, unha moeda moi común nos estados sucesores do Imperio Macedonio.[1][8] A moeda chipriota eliminouse cando desapareceron as monarquías locais; en Cirene levou aínda máis tempo eliminar a moeda local e en Creta nunca se chegou a suprimir.[1]

Ao se facer cada vez máis difícil a obtención de prata no reino tolemaico, a moeda de bronce substituíu en gran medida a prata en Exipto. Ademais, aumentou o illamento monetario por outro factor, como a considerable inflación e o uso dun estándar único para substituír o sistema ático.[1][18]

Era romana

[editar | editar a fonte]
Tetradracma sirio de Cleopatra VII Filopátor, derradeira gobernante do reino tolemaico

Logo da caída do Imperio Tolemaico e a súa rexión baixo o Imperio Romano, a moeda de prata cuñada pola dinastía tolemaica continuou circulando ata practicamente desaparecer en tempos de Nerón. Suponse que para esa épova, na primeira metade do século primeiro, a moeda de prata tolemaica se reciclou para cuñar unha moeda nova, o tetradracma romano, batido en cecas xestionadas polos romanos.

O Exipto romano permaneceu monetariamente como un sistema pechado, como xa sucedera coa dinastía tolemaica. Os denarios e os áureos non circularon na provincia romana de Exipto.[19]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 Bagnall, R. S. (1976). The Administration of the Ptolemaic Possessions Outside Egypt. E. J. Brill. Leiden. ISBN 9004044906. Páxinas 176-202.
  2. Mørkholm, O. (1991). Páxina 8.
  3. 3,0 3,1 3,2 Davies, W. D.; Finkelstein, L (1984). The Cambridge History of Judaism: Vol. 1, Introduction: The Persian Period. Cambridge University Press. ISBN 9780521218801. Páxinas 29-31.
  4. Fulinska, Agnieszka. (2010). "Iconography of the Ptolemaic queens on coins: Grrek style, Egyptian ideas?". En Studies in Ancient Art and Civilization. 14. Cracovia.
  5. Mørkholm, O. (1991). Páxina 13.
  6. MacDonald, G (2012). The Evolution of Coinage. Cambridge University Press. ISBN 9781107605992. Páxinas 68-69.
  7. Getzel M. Cohen (1995). The Helenistic Settlements in Europe, the Islands, and Asia Minor. University of California Press. ISBN 9780520083295. Páxina 129.
  8. 8,0 8,1 Howgego, Ch. (2002). Ancient history from coins. Routledge. ISBN 9781134877836. Páxinas 38-39.
  9. Newell, E. T. (1921). The first Seleucid coinage of Tyre. American Numismatic Society. Páxinas 1-2.
  10. 10,0 10,1 Watson, P. (2014). Páxina 17.
  11. Olivier, J. "The coinage of the Ptolemies in Cyprus". Kyprios Character.
  12. 12,0 12,1 Milne, J. G. (1929). "Ptolemaic Coinage in Egypt". En The Journal of Egyptian Archaeology. 15 (3/4). Páxinas 150-153.
  13. JG Manning (2006). "Coinage as "code" in Ptolemaic Egypt". Stanford University.
  14. John Pentland Mahaffy (2014). The Empire of Ptolemies. Cambridge University Press. ISBN 9781108078658. Páxina 488.
  15. Hill, G. (2010). A History of Cyprus. Cambridge University Press. Páxina 180. ISBN 978-1-108-02062-6
  16. Pentland Mahaffy, J. (2014). Páxina 488.
  17. Mørkholm, O. (1991). Páxinas 68-69.
  18. Hazzard, R. A.; Brown, I. D. (1984). "The silver standard of the Ptolemaic coinage". En Revue numismatique. 6 (26). Páxinas 231-239.
  19. Butcher, K.; Ponting, M. (2015). The Metallurgy of Roman Silver Coinage: From the Reform of Nero to the Reform of Trajan. Cambridge University Press. ISBN 9781316060896. Páxina 609.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]