A Arnoia
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | provincia de Ourense | ||||
Capital | Outeiro Cruz | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 1.002 (2023) (48,43 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 20,69 km² | ||||
Altitude | 76 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcalde da Arnoia | Rodrigo Aparicio Santamaría (2019–) | ||||
Eleccións municipais na Arnoia | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 32417 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 32003 | ||||
Páxina web | arnoia.es | ||||
A Arnoia é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca do Ribeiro. Segundo o IGE en 2016 tiña 1002 habitantes[1] (1040 en 2014). O xentilicio é «arnoiao».[2]
Demografía
[editar | editar a fonte]Censo total | 1013 (2017) |
Menores de 15 anos | 92 (8,85 %) |
Entre 15 e 64 anos | 536 (51,54 %) |
Maiores de 65 anos | 412 (39,61 %) |
Xeografía
[editar | editar a fonte]Limita ao noroeste con Ribadavia, ao nordeste con Castrelo de Miño, ao leste con Cartelle, ao sueste con Gomesende e ao suroeste con Cortegada. Localízase na unión do río Arnoia, que divide o concello en dúas partes, co Miño.
A zona nordeste do concello é a máis escarpada, onde se localiza o Coto de Novelle (712 m). Nela hai bosques de piñeiros e frondosas. O canón do río Arnoia é escarpado e con fervenzas.
Ao sur do río, á altura da minicentral eléctrica, hai un gran bosque de sobreiras de máis de mil hectáreas no seu extremo suroriental estremando co concello de Cartelle. Ás veces chegan peladores furtivos portugueses a sacar a cortiza, xa que o aproveitamento local tradicional abandonouse hai anos.
A zona suroeste, que forman os vales de Santo Amaro, San Vicente e Remuiño, ten unha altura media de só 80 m.
Historia
[editar | editar a fonte]As primeiras probas da poboación deste lugar é o abrigo paleolítico dos Chaos, baixo o beirado dun penedo, situado na desembocadura do río Arnoia no Miño. Hai restos de poboados castrexos da Idade de Bronce. O castro de Lapela está nun outeiro a carón da desembocadura do Arnoia. Na súa acrópole ten dúas pilas megalíticas. O castro de Carnós, ou da Cibdade, ten unhas dimensións de 200 x 170 m, sen contar cos foxos.
En agosto de 1978 foron atopadas dúas aras romanas[3], conservadas no museo provincial. Son dúas aras votivas de granito, atopadas en Sendín. Unha ten a inscrición IOVI ('a Xúpiter'), e a outra SOLI ('ao Sol')[4]. Que nos indica unha forte romanización do val, xa Florentino López Cuevillas teoriza con que se atopase un santuario prerromano no Coto Novelle, lugar de onde se extraía volframio.
No seu libro Historia de Celanova y sus anejos o P. De la Cueva, no século XVII, fala dos restos dun mosteiro en Outeirocruz que se fundara estando vivo san Rosendo e que ditas terras lle foran doadas polo seu irmán Hermenexildo Gutiérrez (do cal se conserva en Celanova unha pequena capela prerrománica) e fundara un pequeno cenobio.
Mais adiante, aínda na Idade media, sábese da existencia dun mosteiro feminino (talvez os restos do que debeu ser un mosteiro familiar mixto da alta idade media), xa que nun documento do século XIII[5] a abadesa do mosteiro de Arnoia afora a Fernán Pérez a herdade e viña de Soberal, a terra de Agromallo e a posesión monacal de Aveiro.
En Remuíño consérvase un edificio coñecido como a Casa do Inquisidor, que conserva un escudo coas armas da Inquisición. Máis que para o uso do Tribunal, a súa finalidade era a residencia do administrador dos bens na zona do Ribeiro do Tribunal, que non pasaron ao Goberno até 1859[6].
Outros pazos ou casas grandes son a casa do Rial, a casa dos Valdés en Outeiro Cruz, con escudo heráldico dos Armada, Araújo, Losada e da Inquisición. A casa dos Uxía en Quinteiros, con catro escudos. A casa da Señora, en Lapela, con dous escudos: un coas armas dos Sarmiento, Armada, Araújo e Feijóo, e no segundo os dos Castro.
Durante a guerra da Independencia houbo forte resistencia popular, loitando contra as tropas francesas que, ao mando do xeneral Loison, ían desde Ribadavia a Allariz. Ante esa resistencia, en febreiro fixo matar a varios relixiosos e varios civís, segundo consta nas actas de defuncións da parroquia.
O 25 de febreiro de 1873, durante a terceira guerra carlista, o Batallón de Cazadores de Galicia enfrontouse por esta zona aos partidarios de Carlos VII. Para evitar que cruzasen o río Miño, o Batallón decretou o peche das barcas de dito río de Castrelo e Porto Corveira. Os Carlistas incendiaran o rexistro civil e apropiáranse de bens de consumo, ademais de esixir 6.000 reais ao alcalde da Arnoia.
Durante a década de 1940 A Arnoia, como a maioría dos concellos galegos, sufriu unha forte emigración, maioritariamente cara á Arxentina e o Uruguai, onde se crearon o Centro Arnoia de Bos Aires e o Centro Arnoia de Montevideo, desde os cales se enviaron cartos para paliar certas deficiencias do concello. Amais doutras achegas menores, os de Bos Aires financiaron a chegada da luz eléctrica, e os de Montevideo construíron a Torre do Reloxo que serviu para fixar a hora xa que os veciños se pelexaban polo tempo que botaban uns e outros usando o regadío.
En menor número outros veciños dirixíronse a Venezuela, México, Brasil, Suíza, Alemaña, Francia, e mesmo Holanda e o Reino Unido. Tamén cara ás zonas máis industriais da península, como Madrid, Vitoria e Barcelona, e mesmo de Galiza, como Vigo. Actualmente segue baixando a poboación rural debido á falla de horizontes económicos viables.
Alcaldes
[editar | editar a fonte]- Ramón Rodríguez Alonso (1900-1910)
- Manuel Alonso Rodríguez (1911-1915)
- José Álvarez Rivera (1915-1917)
- Manuel Alonso Rodríguez (1918-1922)
- Lorenzo Vázquez Rodríguez (1923)
- Emilio Vázquez Vázquez (28 de outubro de 1923 a 20 de xaneiro de 1924)
- Evencio Álvarez Bangueses (20 de outubro de 1924 a febreiro de 1936)
- José Meixengo Pereira (febreiro de 1936 a xullo de 1936)
- Evencio Álvarez Bangueses (xullo de 1936 a 4 de xullo de 1938)
- Emilio Vázquez Domínguez (4 de xullo de 1938 a 6 de febreiro de 1940)
- Delfín Moure Lorenzo (6 de febreiro de 1940 a 15 de marzo de 1944)
- José Aparicio Álvarez (15 de marzo de 1944 a 10 de outubro de 1958)
- Manuel Vázquez Domínguez (10 de outubro de 1958 a 25 de setembro de 1962)
- José Alberte Rey (25 de setembro de 1962 a 5 de outubro de 1966)
- Perfecto Álvarez Bangueses (5 de outubro de 1966 a 3 de xullo de 1973)
- Rafael Bangueses Bangueses (3 de xullo de 1973 a 3 de abril de 1979)
- Rogelio Martínez González (desde o 3 de abril de 1979 a 16 de xuño de 2009)
- José Camilo Fariñas Viso (desde 16 de xuño de 2009 a 13 de xuño de 2015)
- Rodrigo Aparicio Santamaría (desde o 13 de xuño de 2015)
Patrimonio
[editar | editar a fonte]A igrexa parroquial de San Salvador foi construída en 1612, segundo se le nunha inscrición da fachada. O seu retablo, de construción popular, é obra dun carpinteiro local. Destaca unha fiestra románica, ao parecer procedente da capela que existía anteriormente no mesmo lugar. No interior hai dous escudos de armas, un deles da Inquisición.
A casa reitoral é o antigo priorado, que dependía do mosteiro de Celanova; ostenta as armas da abadía fundada por san Rosendo: a cruz, o compás e o espello.
Hai varias capelas: a capela de San Roque data do século XVIII. A capela da Nosa Señora da Asunción, en Lapela. A capela de Santo Antón, en Remuiño. A capela de San Amaro data dos séculos XII e XV, con bóveda de pedra no presbiterio de estilo románico. Na capela de San Miguel celébrase unha romería a primeiros de maio.
Hai cruceiros no adro da parroquia, en Pumar (do século XVIII) e en San Roque (do século XIX). Hai petos de ánimas en Porqueira, San Amaro e Reza.
A torre do Reloxo foi inaugurada o 17 de agosto de 1945. É unha torre de granito de máis de 14 m de altura. Situada preto da capela de San Roque, foi realizada polo canteiro de Remuíño Manuel García Vermello, coñecido como Manuel de Trinidá. Consta de tres esferas, visibles desde os dous vales de Arnoia. Está coroada por unha campá, e a súa construción custou 17.000 pesetas.
Fora promovida xa cara a 1929 poloa colonia emigrante en Montevideo, para regular as horas de rego. Pero non foi até 1945 cando se reflectiu a doazón do reloxo público da Torre por parte do Centro Arnoia de Montevideo.
Deporte
[editar | editar a fonte]- Atlético Arnoia, equipo de fútbol.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes da Arnoia.
-
O río Miño ao seu paso pola Arnoia.
-
Arnoia, río.
-
Río ó paso por Arnoia.
-
Carro tradicional galego (Arnoia).
-
Balneario en Arnoia.
-
Centro de Saúde da Arnoia.
Parroquias
[editar | editar a fonte]Hai anos o concello compúñase de tres parroquias: A Arnoia, Remuíño e Sande, máis tarde quedaron reducidas a dúas: A Arnoia e Remuíño.[7]
Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias da Arnoia | |
---|---|
Lugares da Arnoia
[editar | editar a fonte]Para unha lista completa de todos os lugares do concello da Arnoia vexa: Lugares da Arnoia.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Instituto Galego de Estatística (IGE). Xunta de Galicia, ed. (2017). "Poboación de A Arnoia. Nomenclátor de Galicia. Ano 2016". Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2020. Consultado o 27 de febreiro de 2017.
- ↑ Costas González, Xosé-Henrique (2016). Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega (PDF). Vigo: Universidade de Vigo. p. 41. ISBN 978-84-8158-706-7.
- ↑ "Dos nuevas aras romanas en la provincia de Ourense". La Región, 26 de agosto de 1978
- ↑ Rodríguez González, J.: Boletín Auriense. Tomo IX (1979) pp. 289-293"
- ↑ Segundo escribe Samuel Eiján en Historia de Ribadavia y sus alrededores, Manuel Murguía fixa a súa redacción en 1216, dado que aparecen mencionados o rei de Afonso IX de León e o bispo de Ourense Fernando Méndez.
- ↑ Eiján Couto, S.: Historia de Ribadavia y sus alrededores.
- ↑ "Busca directa". Nomenclátor de Galicia. Consultado o 7 de xaneiro de 2020.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: A Arnoia |