[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Río Miño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía físicaRío Miño
Imaxe
O río Miño ao seu paso por Ourense.
Tiporío
área protexida da rede Natura 2000
Lugar de importancia comunitaria
río principal Editar o valor en Wikidata
Inicio
ContinenteEuropa Editar o valor en Wikidata
Altitude inicial695 m Editar o valor en Wikidata
División administrativaMeira, España Editar o valor en Wikidata
LocalizaciónPedregal de Irimia Editar o valor en Wikidata
Final
División administrativaA Guarda, España Editar o valor en Wikidata
LocalizaciónA Guarda e Caminha Editar o valor en Wikidata
DesembocaduraOcéano Atlántico Editar o valor en Wikidata
Editar o valor en Wikidata Mapa
 43°12′41″N 7°16′52″O / 43.2114, -7.2811
41°51′55″N 8°52′11″O / 41.8653, -8.8697
Afluentes
28
Conca hidrográficaconca do Miño Editar o valor en Wikidata
Características
Dimensións315 (lonxitude) km
SuperficiePortugal: 45,54 km²
4.554.350 ha Editar o valor en Wikidata
Superficie da cunca hidrográfica17.619 km² Editar o valor en Wikidata
Río Miño
World Database on Protected Areas
IdentificadorEditar o valor en Wikidata 555531089 Editar o valor en Wikidata
Área protexida da rede Natura 2000
IdentificadorEditar o valor en Wikidata PTCON0019 Editar o valor en Wikidata
Medicións
Caudal340 m³/s Editar o valor en Wikidata
BNE: XX451430

O Miño (en portugués: Minho) é o río máis longo de Galicia, cunha lonxitude de 307,5 km.[1][2][3][4] Atravesa as provincias galegas de Lugo, Ourense e Pontevedra e baña o norte do distrito portugués de Viana do Castelo. Pasa polas cidades de Lugo e Ourense e polas vilas de Rábade, Portomarín, Ribadavia, Melgaço, Salvaterra de Miño, Monção, Tui, Valença do Minho e Vila Nova de Cerveira.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Miño ou Minho aparece documentado na antigüidade como Minius ou Mineus. Segundo Edelmiro Bascuas, é unha forma galaica de orixe paleoeuropea (seguramente celta), derivada da raíz indoeuropea *mei- 'camiñar, ir'.[5] Tamén aparece referenciado como Baenis.

Comparte etimoloxía cos polacos Minia, Mnina e Mień, co alemán Main, co irlandés Maoin, co lituano Minija e co toscano Mignone.[6]

Malia parecer a orixe celta a máis acertada, outras teorías dan como étimo o latín minium (vermello, cinabrio, minio), pola semellanza co nome Minius que o pobo romanos lle daba ao río. Con todo, na Gallaecia non se atopaba este mineral.[7]

Nacemento

[editar | editar a fonte]
O Pedregal de Irimia

O Miño nace no Pedregal de Irimia, na serra de Meira, no concello lugués de Meira. Forman tamén a súa cabeceira regos como o Porto da Pena e o Xirómeno.[8][1][2]

Curso alto

[editar | editar a fonte]

Máis adiante acrecenta o seu caudal na lagoa de Fomiñá, na parroquia de Fomiñá, A Pastoriza (Lugo), a uns 50 km curso arriba ao norte da capital de provincia.

Curso medio

[editar | editar a fonte]

Atravesa Lugo e Ourense. Neste curso o seu leito está encaixoado en moitos lugares. Presenta varios encoros: Belesar (o maior do río), Os Peares, Velle, Castrelo de Miño e A Frieira, por orde de descenso). Nos Peares recibe o seu principal afluente, o Sil, pola esquerda, e o Búbal pola dereita.

Curso baixo e desembocadura

[editar | editar a fonte]

A última parte do seu curso ten unha baixa pendente e ladeiras máis amplas, aínda que segue a presentar montañas a ambas beiras en case todo o percorrido.

O pailebote Constantino Candeira en 1918, no estaleiro de Camposancos, nel estivo embarcado Manuel Antonio en 1926 e 1927.[9]

Desemboca na Guarda (Pontevedra) pola beira galega, e en Caminha (Viana do Castelo) pola beira portuguesa.

Xeografía

[editar | editar a fonte]

Despois de recibir o Sil, flúe cara ao suroeste. Dende o encoro de Frieira ata a desembocadura, o Miño constitúe unha fronteira natural entre Galicia e Portugal. Na comarca do Ribeiro, ás súas beiras, prodúcese o viño do mesmo nome. Fai de fronteira uns 80 km, nun val de intensa produción agrícola, con millo, patacas ou forraxe para o gando. No tramo final tamén está bordeado por viñas de albariño.

Flora e fauna

[editar | editar a fonte]

Na bacía alta do Miño existen diversos tipos de ecosistemas acuáticos, característicos da rexión bioclimática atlántica. Afluentes como o Parga, o Ladra e o Támoga integran un característico complexo húmido. Está formado por unha extensa rede de canles, lagoas e terreos inundados, aos que se asocian pasteiros, zonas agrícolas, bosques de ribeira, turbeiras ombotróficas, breixeiras e carballeiras. Esta grande diversidade acolle numerosas especies de aves durante o período invernal.[10]

No tramo alto abundan os bosques aluviais de amieiros (Alnus glutinosa) e freixos (Fraxinus escelsior), así como carballeiras (Quercus robur e Quercus pyrenaica) e uceiras húmidas atlánticas (Erica cillaris e Erica tetralix). O tramo do baixo Miño remata nun esteiro estreito e con ínsuas, a Zona especial de conservación Baixo Miño.

No río Miño atópase a única poboación no Estado español do nenúfar Nympoides peltata.[11] Conta con 18 poboacións en dúas áreas: 16 na bacía alta e 2 na baixa. Malia que esta especie está considerada como estable a nivel mundial segundo a IUCN[12], aparece como especie en perigo no Estado español[11] e Galegas[13]

O Miño é habitado por numerosos anátidos (Anas platyrhynchos, Anas clypeata), así como un pequeno núcleo de sisón (Tetrax tetrax). Como especies piscícolas atópanse poboacións de ciprínidos como o cacho (Lenciscus carditerti), a reñosa (Rutilus arcani) e a boga (Choridostona polylepis duriensis), e gasterosteidos como o espiñeiro europeo (Gasterosteus aculeatus). En todo o curso do río viven peixes como a troita (Salmo trutta) e a anguía (Anguilla anguilla), e mamíferos como o aguaneiro (Galemys pyrenaicus) e a lontra (Lutra, lutra).

O curso baixo do Miño alberga no inverno gran número de aves acuáticas, como o parrulo cristado (Aythya fuligula), a píllara dourada (Pluvialis apricaria), a píllara cincenta (Pluvialis squatarola) e a avefría (Vanellus vanellus). Conta cunha notable diversidade de peixes, entre eles o salmón, que presenta neste río o linde de distribución máis meridional de toda Europa. Tamén se dá a lamprea (Petromyzon marinus), pescada tradicionalmente nestas augas con diques de feitura peculiar, as pesqueiras. Outras especies piscícolas deste tramo son a zamborca (Alosa alosa), a sabela (Alosa fallax), a carpa vermella (Carassius auratus), a perca americana (Micropterus salmoides) e a solla (Platichthys flesus).

Os últimos 40 km do río Miño están colonizados pola ameixa asiática (Corbicula fluminea). Esta especia adaptouse ás condicións e practicamente eliminou outras especies. A ameixa asiática foi detectada por vez primeira no río Miño en 1989. Antes xa chegara ao río Texo, talvez en navíos de transporte.

Impacto humano

[editar | editar a fonte]

Amais dos encoros, das construcións das marxes (coma o paseo e o parque da Canuda en Salvaterra de Miño) e da polución que sofre no último treito (especialmente dende que recibe as augas do río Tea), un dos principais problemas son as especies invasoras.

No esteiro do Miño, os problemas de conservación da zona radican na alta presión urbanística, cinexética e pesqueira, ademais da contaminación producida polos residuos urbanos.

Aproveitamento

[editar | editar a fonte]
Encoro da Frieira, entre Crecente e Padrenda.

O Miño é o río máis caudaloso de Galicia tras o seu encontro co Sil, que achega máis auga que o tramo alto do Miño. No anuario hidrolóxico da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, o encoro de San Pedro no río Sil a poucos quilómetros da xuntanza co Miño, rexistra moito máis paso de auga que o encoro dos Peares, o último do río Miño antes do encontro (5492 hm3 fronte a 2762,9 hm3 de media anual).[14]

Canto ós seus encoros, os tres primeiros sitúanse entre Lugo e Ourense, e os dous últimos, entre Galicia e Portugal:

É navegábel de xeito transversal, e de xeito lonxitudinal en pequenos tramos e na desembocadura. No século XVIII, o ilustrado Pedro Antonio Sánchez presentoulle a Carlos III unha proposta para facer o río navegable ata a cidade de Ourense. Pretendía seguir a tendencia europea de crear canles de navegación, en auxe naquela época, e así aumentar as exportacións, principalmente de viño de Ribeiro. Porén, o proxecto non chegou a levarse a cabo.[15]

Existen 14 insuas ou illas fluviais no treito entre Portugal e Galicia. Catro delas son consideradas internacionais: Morraceira de Seixas, Morraceira de João de Sá e Varandas, máis próximas á freguesía portuguesa de Lanhelas (Caminha), e a Morraceira, máis próxima á costa galega.

Atribúense a Galicia as insuas Canosa, Morraceira do Grilo, Morraceira das Varandas, Vacariza e A Fillaboa. Esta última, con 110 000 metros cadrados, adquirida polo concello de Salvaterra de Miño a privados, porá un barco á insua en canto constrúe unha pasarela e habilita un centro de interpretación.[16]

Son consideradas portuguesas as insuas dos Amores, Boega e Lenta, en Vila Nova de Cerveira, e as de São Pedro e Conguedo, en Valença.[17]

Río Miño por Serafín Avendaño (Blanco y Negro, 1907)

O río Miño era o viveiro máis importante na cría de peixes da Península Ibérica até a metade do século XX. Estragado por represamentos e pola polución das augas, ficou convertido nunha sucesión de presas hidroeléctricas. A riqueza natural daba emprego a uns tres mil pescadores.[18]

A variedade de peixes era grande, entre outros, salmóns, peixe sabre, lampreas, anguías, sollas, bogas ou escalos. Empregábanse diferentes modos de pesca, como pesqueiras, con voitirón e cabaceira, alén de alxerife en arrastre, estacadas, trasmallo, redes dun pano, chumbeira, nasas, palangres e canas. Amais do consumo local, tamén se destinaban á exportación, que chegou ao Brasil a finais do século XIX. A pesca tamén se realizaba desde embarcacións, como o carocho e a maseira ou gamela. Tamén navegaron polo río Miño barcazas de carga, vapores entre Valença e Caminha na metade do século XIX, e baixeis, pinazas, navíos e naos na Idade Media, en tempos dos activos portos de Tui e Valença.

Afluentes

[editar | editar a fonte]

Afluentes do río Miño por orde, dende o nacemento ata a desembocadura:

  1. Río Madanela:[8] desemboca en Miñoto, Crecente, A Pastoriza pola marxe dereita.
  2. Río Pequeno:[8] desemboca no Pumar (Castro de Rei) pola marxe dereita.
  3. Río Azúmara:[8] desemboca en Coea, Castro de Rei pola marxe esquerda.
  4. Río Anllo:[8] desemboca en Triabá, Castro de Rei pola marxe dereita.
  5. Río Lea:[8] desemboca en Beloi, San Xiao de Mos, Castro de Rei pola marxe esquerda.
  6. Río Támoga:[8] desemboca entre Os Porrás, Damil, Begonte e Rego, Arcillá, Cospeito pola marxe dereita.
  7. Río Ladra:[8] desemboca fronte a Santa Isabel, Outeiro de Rei, Outeiro de Rei pola marxe dereita.
  8. Río Robra:[8][19] desemboca en Robra, Robra, Outeiro de Rei pola marxe esquerda.
  9. Río Narla:[8] desemboca en Ombreiro, Lugo pola marxe dereita.
  10. Río Mera:[8] desemboca na Mera (Lugo) pola marxe dereita.
  11. Río Rato, ou río da Chanca:[20] desemboca na cidade de Lugo pola marxe esquerda.
  12. Río Chamoso:[8] desemboca en Chamoso, Paradela, O Corgo pola marxe esquerda.
  13. Río Neira:[8] desemboca entre A Veiga, Cerceda, O Corgo e Vilasante, O Páramo pola marxe esquerda.
  14. Río Ferreira:[8] desemboca en Pacios, Navallos, Guntín pola marxe dereita.
  15. Río Loio:[8] desemboca en Cabo de Vila, San Martiño de Castro, Paradela pola marxe esquerda.
  16. Río Zamoelle:[1] desemboca en Ferreiroá, San Nicolao de Portomarín, Portomarín pola marxe dereita.
  17. Río Pez:[8] desemboca entre Teibel, Reiriz, O Saviñao e Marzán, Chave, O Saviñao pola marxe esquerda.
  18. Rego de Moreda:[8] desemboca en San Xián, San Xián de Insua, Taboada pola marxe dereita.
  19. Río Sardiñeira:[8] desemboca en Montegrande, San Vitoiro de Ribas de Miño, O Saviñao pola marxe esquerda.
  20. Río de Pesqueiras:[8] desemboca en Pesqueiras, Santo Estevo de Ribas de Miño, O Saviñao pola marxe esquerda.
  21. Río Asma:[8] desemboca no O Castro, San Fiz de Asma, Chantada pola marxe dereita.
  22. Río Búbal:[8] desemboca nos Peares pola marxe dereita.
  23. Río Sil:[8] desemboca nos Peares pola marxe esquerda.
  24. Río de Barra:[8] desemboca en Barra de Miño, Santo Eusebio da Peroxa, Coles pola marxe dereita.
  25. Río Lonia:[8] desemboca na Lonia de Abaixo (Ourense) pola marxe esquerda.
  26. Río Barbaña:[8] desemboca na cidade de Ourense pola marxe esquerda.
  27. Río Barbantiño:[8] desemboca entre Arrabaldo, Arrabaldo, Ourense e Izás, Barbantes, Punxín pola marxe dereita.
  28. Río Avia:[8] desemboca na vila de Ribadavia pola marxe dereita.
  29. Río Cerves:[1] desemboca en Prexigueiro, Francelos, Ribadavia pola marxe dereita.
  30. Río Arnoia:[8] desemboca nos Os Chaos, A Arnoia, A Arnoia pola marxe esquerda.
  31. Río Deva:[8] desemboca entre Casaldálvaro, Valongo, Cortegada e O Valiño, Trado, Pontedeva pola marxe esquerda.
  32. Río Troncoso ou Barxas:[8] forma parte da 'Raia, desemboca fronte á Frieira (Crecente), entre Acivido, Desteriz, Padrenda e Cevide, Paços, Monção pola marxe esquerda.
  33. Río Ribadil:[8] desemboca na Foz (Crecente) pola marxe dereita.
  34. Río Deva:[8] desemboca entre O Cruceiro, Arbo, Arbo e O Pumar, Arbo, Arbo pola marxe dereita.
  35. Río Cea:[8] desemboca na Ponte Cabaleiros (Arbo) pola marxe dereita.
  36. Río Mouro:[8] desemboca en Forte, Ceivães, Monção pola marxe esquerda.
  37. Río Termes:[8] desemboca entre Sucarreira, Setados, As Neves e A Laxe, Setados, As Neves pola marxe dereita.
  38. Regueira Xuliana:[8] desemboca en Liñares, As Neves pola marxe dereita.
  39. Rego de Lobeira:[8] desemboca nas Regueiras (Salvaterra de Miño) pola marxe dereita.
  40. Río Tea:[8] desemboca na Quinta de Fillaboa (Salvaterra de Miño) pola marxe dereita.
  41. Río da Gadanha:[8] desemboca en Troporiz, Troporiz, Monção pola marxe esquerda.
  42. Río Caselas:[8] desemboca entre A Agrela, Arantei, Salvaterra de Miño e Caldelas de Tui, Tui pola marxe dereita.
  43. Río Manco:[8] desemboca en Friestas, Valença pola marxe esquerda.
  44. Río Louro:[8] desemboca na vila de Tui pola marxe dereita.
  45. Río Furnia:[1] desemboca en Carregal de Abaixo, Amorín, Tomiño pola marxe dereita.
  46. Río Cereixo:[8] desemboca en Forcadela, Tomiño pola marxe dereita.
  47. Río do Pego:[8] desemboca en Vilar de Matos, Tomiño, Tomiño pola marxe dereita.
  48. Río Tollo:[8] desemboca entre Fontela, Goián, Tomiño e Carril, As Eiras, O Rosal pola marxe dereita.
  49. Río Tamuxe:[8] desemboca entre A Ponte da Tamuxe, San Miguel de Tabagón, O Rosal e Pías, San Miguel de Tabagón, O Rosal pola marxe dereita.
  50. Río Coura:[8] desemboca na vila de Caminha pola marxe esquerda.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
Vexa o artigo principal en Galería de imaxes do río Miño
Vista panorámica da desembocadura do río Miño.
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Núñez Pérez, Manuel; Lois Lois, Adela; Daporta Padín, Mon (2007). Os ríos de Galiza. A Nosa Terra. Promocións Culturais Galegas, S.A. p. 34. ISBN 978-84-8341-136-0. 
  2. 2,0 2,1 Cañada, Silverio, ed. (2003). "Miño 4". Gran Enciclopedia Galega 29. El Progreso - Diario de Pontevedra. pp. 187–196. ISBN 84-87804-26-8. 
  3. Cañada, Silverio, ed. (1974). "Miño". Gran Enciclopedia Galega 21. p. 78. 
  4. "Enciclopedia Galega Universal". Arquivado dende o orixinal o 13 de xullo de 2008. Consultado o 01 de outubro de 2008. 
  5. Cf. páx. 534 de "La Hidronimia de Galicia: tres estratos ..". http://www.mondonedoferrol.org/estudios-mindonienses/MINDONIENSES%2024%20[protegido].pdf Arquivado 11 de xuño de 2016 en Wayback Machine.
  6. Notas acerca de Hidronimia Gallega Abelardo Moralejo Laso, Universidade de Santiago de Compostela
  7. Notas acerca de Hidronimia Gallega Abelardo Moralejo Laso, Universidade de Santiago de Compostela
  8. 8,00 8,01 8,02 8,03 8,04 8,05 8,06 8,07 8,08 8,09 8,10 8,11 8,12 8,13 8,14 8,15 8,16 8,17 8,18 8,19 8,20 8,21 8,22 8,23 8,24 8,25 8,26 8,27 8,28 8,29 8,30 8,31 8,32 8,33 8,34 8,35 8,36 8,37 8,38 8,39 8,40 8,41 8,42 8,43 8,44 8,45 8,46 Instituto Geográfico Nacional de España. "SIXPAC, coordenadas 43°12'46.5"N 7°15'46.1"W" (Mapa). Visor SIXPAC. Consultado o 08/06/2019. 
  9. Saa González, Ignacio (2014/11/10). Constantino Candeira. Porto de Camposancos (Río Miño).
  10. Hidrográfica do Miño-Sil
  11. 11,0 11,1 "Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España" (PDF). miteco.gob.es. Consultado o 25/05. 
  12. "IUCN- Nymphoides peltata". IUCN. Consultado o 26/05/2021. 
  13. "Conselleria de medio ambiente, Xunta de Galicia. Nymphoides peltata". Consultado o 26/05/2021. 
  14. ANUARIO DE AFOROS 2011-12 CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA DEL MIÑO - SIL, saih.chminosil.es/files/informes/anuario/ANUARIO%20AFOROS%20CHMS%202011_12.pdf
  15. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/2013/10/20/mino-autopista-siglo-xviii/0003_201310V20C9991.htm
  16. "Salvaterra pondrá un barco a la isla de A Fillaboa y proyecta una pasarela". Consultado o 12 de novembro de 2021. 
  17. "Ilha espanhola é a primeira das 14 existentes no rio Minho a abrir ao público". 
  18. Vázquez, José Manuel (2015): O rio Minho galego-português, ISBN 9781326350161
  19. Concello de Outeiro de Rei. "Robra (San Pedro Fiz)". Concello de Outeiro de Rei. Consultado o 30 de marzo de 2016. 
  20. Instituto Geográfico Nacional de España. "SIXPAC, buscar Lugo, Campus Universitario" (Mapa). Visor SIXPAC. Consultado o 4 de xullo de 2019. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]