Mosteiro de San Salvador de Celanova
Mosteiro de San Salvador de Celanova | |
---|---|
Fachada do mosteiro. | |
Datos xerais | |
País | España |
Localización | Celanova |
Coordenadas | 42°09′08″N 7°57′25″O / 42.152277777778, -7.9568694444444 |
Catalogación | Ben de Interese Cultural |
Culto | |
Culto | Igrexa católica |
Arquitectura | |
Estilo | Prerrománico - Románico - Renacentista – Barroco |
Identificador | RI-51-0000782 |
[ editar datos en Wikidata ] |
San Salvador de Celanova é un mosteiro medieval beneditino fundado por San Rosendo a mediados do século IX en Celanova.[1]
Foi declarado Monumento Nacional en 1931 e premio Europa Nostra no ano 1984.[2]
Situación
[editar | editar a fonte]O Mosteiro de San Salvador sitúase no concello de Celanova, no centro da mesma localidade pertencente á Comarca da Terra de Celanova, na provincia de Ourense. Dista só 26 quilómetros da capital.[1]
Historia
[editar | editar a fonte]Arredor do ano 937, San Rosendo construíu un cenobio na aldea de Vilar, nuns terreos propiedade do seu irmán, o conde Froila Gutiérrez[1]. Segundo conta a tradición, o mozo Rosendo recibiu en sonos unha revelación pola cal debía fundar no lugar de Vilar, actual Celanova, un cenobio. Segundo a lenda, San Rosendo subiu a un monte preto a Celanova, lanzou desde alí unha pedra, e no lugar onde caeu a pedra foi onde o Santo levantou o cenobio.[2]
San Rosendo foi bispo de Mondoñedo e de Iria, e Ordoño III nomeouno vicerrei de Galiza, mais retirouse ao pouco a este cenobio, onde foi o seu segundo abade até a súa morte o 1 de marzo de 977. O seu primeiro abade foi Franquila, que fora fundador do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, de onde provirían os monxes para a nova comunidade. Trala súa morte no ano 955 sucedeuno no cargo San Rosendo.[3] Deste primitivo mosteiro só queda a pequena capela de San Miguel, situada no que debeu ser anteriormente unha capela adicada a San Martín.[4][5]
Foi bendicida o 25 de setembro do ano 942, atrás quedaban cinco anos de traballos.[3]
O lugar medrou arredor do mosteiro e acabaríase convertendo na actual Celanova. O abade ostentaba, entre outros, os títulos de conde de Bande e marqués de Torre de Sande, nomeaba xuíces e alcaldes en máis de 50 localidades e tiña asento reservado na catedral de Ourense.[6]
Após un período de decadencia, en 1506 sumouse á Congregación de San Bieito de Valladolid, co que recuperou certo esplendor, e deste modo comeza unha nova etapa, que lle concede maior esplendor.[6] A importancia do mosteiro foi medrando co tempo e no século XVI o mesmo Carlos I pensou na idea de retirarse a este mosteiro, aínda que prefireu Yuste pola climatoloxía máis benigna.[4] A importancia do mosteiro durante os séculos XVII e XVIII, así como o seu poder económico e social, quedaron reflectidos nas reformas que o mosteiro levaba a cabo co paso dos anos, chegándose a reconstruír todo o mosteiro.[6]
No século XIX prodúcese a desamortización, e isto supuxo o abandono do mosteiro como ocorreu con outros moitos outros. O concello pasou a ser o propietario das instalacións e a igrexa monacal pasou a ser templo parroquial honrando a San Rosendo. A igrexa construíuse no século XVI, comezándose en 1653 e rematándose no ano 1687. Pode ser considerado como un exemplo de transición do Barroco o Renacemento.[4][6] O resto das instalacións pasaron a propiedade de institucións públicas, que as utilizaron para diversas actividades. De feito, os Escolapios, tiveron unha escola e adicáronse alí á ensinanza, ata 1929. Despois nas instalacións estiveron durante breves períodos de tempo: Augustiños, Salesianos e incluso a Cidade dos Muchachos.[6]
Prisión durante o franquismo
[editar | editar a fonte]Por favor, axuda na mellora deste artigo ou sección ampliando a información que achega. Se cadra, podes atopar máis información na páxina de conversa. |
Na actualidade, tras unha remodelación que lle valeu o premio Europa Nostra,[6][7] as instalacións monacais utilízanse para albergar diferentes institucións municipais e rexionais, como o propio concello, a biblioteca, un instituto de secundaria, a oficina de turismo ou o Servizo Galego de Colocación.[4]
Descrición
[editar | editar a fonte]O mosteiro que hoxe pode visitarse non é máis que o resultado da evolución histórica que ó longo do tempo unhas veces experimentou e outras sufriu o edificio.[1]
O mosteiro primitivo, que se comezou nos tempos do fundador, estaba composto por un conxunto de pequenas edificacións levantadas nas inmediacións dunha antiga capela adicada a san Martiño, entre as que documentalmente se sabe polo monxe Ordoño de Celanova que eran as seguintes:[1]
- Unha igrexa con tres ábsidas adicadas a san Salvador, san Pedro e san Xoán apóstolo.
- O pequeno templo, que non supera os 9 metros de longo, adicado a san Miguel Arcánxel, de estilo mozárabe e datado no ano 937.[5] En 1923 foi declarado Monumento Nacional e posteriormente pasou a ser Ben de Interese Cultural.[8]
- Vivendas para monxes.
- Vivendas para traballadores do mosteiro.
- Vivendas para peregrinos e hóspedes.
Posteriormente estas construcións illadas, probablemente moi humildes na súa configuración arquitectónica inicial, deron lugar ó levantamento dun mosteiro propio da arquitectura do románico, o cal foi visto e descrito por Mauro Castellá Ferrer, discípulo do célebre poeta Frei Luis de León, e que escribiu unha obra titulada Historia del apóstol Santiago, que imprimiu a principios do século XVII e na que indicaba: La iglesia con la torre mayor que para antigua es muy grande, hermosa, y de muy buena bóveda coronada toda de almenas y saeteras, que bien parecía soldado y caballero.
O mosteiro, na actualidade, está formado pola igrexa, dous claustros e as dependencias monacais.[6]
A Capela de San Miguel
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: San Miguel de Celanova.
Da época da fundación só resta, na horta, unha pequena capela prerrománica de influencia mozárabe consagrada a San Miguel (coñecida como Capela de San Miguel), única no seu estilo en Galicia. Ergueuna San Rosendo como santuario-oratorio dedicado ao seu irmán. Ocupa 22 m², con seis de altura. A nave é de planta rectangular; o cruceiro está cuberto por unha bóveda de aresta e a ábsida é circular no interior e cadrada no exterior. Os tres espazos sepáranse mediante arcos de ferradura.
Segundo o investigador da Universidade de Vigo Roberto Vázquez Rozas a capela foi construída segundo as proporcións matemáticas de Euclides[9].
O templo consta de tres espazos: a nave, o espazo central e a ábsida. O módulo central ten 3,836 metros de longo, o duplo da lonxitude do rectángulo da ábsida (1,915 m 2,31 de ancho). Estas proporcións están relacionadas coas medidas árabes, que posiblemente determinaron o tamaño da edificación. Así, na capela aparece a relación de proporción de 6, 9 e 12 pés árabes na ábsida, a nave e o espazo cadrado central. Isto responde aos principios da sección áurea expostos por Euclides cara ao século III a. C.
As fachadas
[editar | editar a fonte]As fachadas principais do mosteiro e da igrexa están en liña, cando o habitual é que se coloquen en ángulo recto. Dan para a Praza Maior, na que se colocou unha fonte procedente do claustro das Procesións, onde se erguera en 1580 imitando a fonte da praza da Ferrería de Pontevedra.
A fachada principal do mosteiro conta cunha portada na dereita. Nela, o primeiro corpo ocúpao unha porta alintelada flanqueada por dous pares de columnas de capiteis dóricos, o segundo unha porta acristalada con tímpano e un balcón con varanda de ferro forxado e o terceiro un frontón curvo cun escudo.
A igrexa
[editar | editar a fonte]A fachada da igrexa, barroca, foi rematada en 1653, aínda que sufriu algunhas modificacións no século seguinte. Atópase próxima a unha torre, a dos Abades, obra iniciada no século XVI e rematada con elementos típicos barrocos. A porta principal está presidida por San Bieito, flanqueado por San Torcuato e San Rosendo, colocados estes últimos entre dous pares de columnas con capiteis corintios; San Bieito ten unha pedra na man. No corpo intermedio hai unha ventá moi grande e o superior culmínase cunha peineta co escudo abacial, rodeado por oito pináculos barrocos. O conxunto tende á horizontalidade.
A planta da igrexa é de cruz latina (cun formato rectangular) con tres naves e foi deseñada por Melchor de Velasco en 1661 que asina un contrato coa comunidade beneditina polo que levantou a igrexa aproveitando a fachada recentemente rematada. A nave central cóbrese cun artesoado pétreo. Unha balconada percorre todo o beirado, que se apoia sobre grandes pilastras. O presbiterio rectangular entre sacristías e o cruceiro cuberto por unha cúpula resalta os seus elementos clasicistas. O conxunto non foi rematado por Melchor Velasco xa que as obras dilatáronse no tempo, e foi Pedro de Monteagudo o que traballou no seu acabado desde 1672, pertencendo a cúpula (1682-1684) a este último período.
A igrexa consagrouse polo ano 1687.[1][5][6]
O retablo barroco da capela maior é de 1697 e foi obra de Francisco Castro Canseco e algúns datos falan da continuación da obra por parte do seu taller trala súa morte, unindo o seu traballo co barroco compostelán tardío tomando como referencia as obras que se estaban a realizar no mosteiro de San Martiño Pinario. Deste xeito pódense atopar paralelismos (uso de estípites e o tratamento do remate dos laterais) nos retablos laterais dedicados a Santa Escolástica e Santa Xertrude. Isto fai pensar nunha cronoloxía tardía para esta parte da obra, posiblemente de tempos no que frei Plácido Iglesias foi mestre de obras do mosteiro. Noutros retablos como o de San Rosendo, montado no ano 1718 consta o traballo de Frei Primitivo.
O templo conta tamén cun cadeirado plateresco de finais do XV no coro alto, adornado con figuras de misericordias, algunhas delas choqueiras ou procaces. O coro baixo, de principios do XVII, cara a 1715 a 1720, é obra tamén de Francisco de Castro Canseco, aínda que hai autores que sosteñen a obra doutros autores e a participación de Castro Canseco só cara ao final da obra, polo que se fala da convivencia de dous estilos. Conta con 38 cadeiras na altura superior e 28 na inferior. Nos sitiais da parte baixa relátanse as vidas de San Bieito (no lado da epístola) e a de San Rosendo (na do evanxeo). Nos respaldos están tallados santos da Orde Beneditina (nos superiores) e escenas da vida do mosteiro (nos inferiores). Os seus lados longos únense por medio dunha fronte aberta por medio dun arco de medio punto que orixinariamente permitiría a contemplación directa do altar maior desde os pés da igrexa.
No ano 1735 a comunidade contratou a un reixeiro ourensán, Rodrigo Díaz de Lombán, a realización de dúas reixas que pechan o coro.
Os claustros
[editar | editar a fonte]No interior hai dous claustros:
O claustro Vello ou claustro das Procesións ten planta cadrada e é obra de Frei Juan de Badajoz. O seu corpo inferior, de estilo renacentista. Comezouse a súa construción cara ao ano 1550 e rematouse no ano 1594. Apóiase sobre vinte e catro arcos semicirculares e está cuberto por bóvedas de crucería no desenvolvemento e por bóvedas estreladas nas esquinas. O corpo superior, barroco, foi remodelado no XVIII obra do mestre de obras frei Plácido Iglesias, que decora as placas con formas cilíndricas, acios de froitos e volutas e gárgolas nos seus balcóns. As ménsulas nas que pousan as nervaduras da bóvedas decóranse con bustos de Carlos V, Filipe II, Xoán de Austria e outros.
O claustro Novo ou do Poleiro, neoclásico, foi construído a finais do século XVII ou comezos do XVIII e conta cun grande balcón corrido montado sobre grandes ménsulas que serve de lugar de acceso ás celas que se atopan nese nivel, ao que lle debe o seu alcume.
Estado actual
[editar | editar a fonte]A súa situación privilexiada no centro da vila de Celanova fixo que este mosteiro fose reempregado trala exclaustración para fins civís. Na actualidade é a sede da Reitoral, o Concello, o Xulgado, a Biblioteca, o instituto de educación secundaria e outras dependencias oficiais.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Ficha en Turgalicia
- ↑ 2,0 2,1 Páxina sobre Celanova na Revista Ibérica (en castelán)
- ↑ 3,0 3,1 Páxina do mosteiro na web Terra de Celanova (en castelán)
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 "Páxina na web Galicia Máxica". Arquivado dende o orixinal o 25 de marzo de 2015. Consultado o 23 de xuño de 2015.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 http://www.arteguias.com/orense/celanova.htm
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 Páxina de Turismo Ourense Arquivado 24 de agosto de 2015 en Wayback Machine. (en castelán)
- ↑ Monasterio de Celanova y Capilla de San Miguel Arquivado 24 de setembro de 2015 en Wayback Machine. (en castelán)
- ↑ Páxina do MEC para consultar os BICs
- ↑ "Descobren que a capela de Celanova segue a xeometría de Euclides", La Voz de Galicia, 3 de agosto de 2009.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mosteiro de San Salvador de Celanova |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Villa-amil y Castro, José (facsímile: 2005) 1904. Imprenta de San Francisco de Sales (facsímile: Ed. Órbigo, A Coruña), ed. Iglesias gallegas de la Edad Media, colección de artículos publicados por José Villa-amil y Castro (en castelán). Madrid. p. 410. ISBN 84-934081-5-8.
- San Salvador de Celanova. Varios autores. Edilesa 2001.
- El monacato gallego en la edad media. Freire Camaniel, José. A Coruña: Funadación Pedro Barrié de la Maza. 1998.
- El Monasterio de Celanova. Hipólito de Sa Bravo. Editorial Everest.
- Crónica y guía del Monasterio de Celanova. Alfredo Cid Rumbao. Editorial La Región.
- Historia de los Monasterios y Prioratos anejos a Celanova. Fray Benito De La Cueva. Granada 1991.
- Mosteiros de Galicia na idade media. Pérez Rodríguez, Fco. Javier. Ourense: Deputación Provincial de Ourense 2008.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ficha e fotografías de 360º de San Salvador de Celanova en Turgalicia.
- "San Salvador, el monasterio que fue prisión fascista durante la Guerra Civil" 24/6/2009 (en castelán).