Manuel García Blanco
Manuel García Blanco, nado o 19 de decembro do 1882 en Pambre (Palas de Rei)[1] e finado en Lugo o 19 de decembro de 1974,[2] foi un persoeiro da vida cultural galega.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 19 de decembro de 1882 Palas de Rei, España |
Morte | 19 de decembro de 1974 (92 anos) Lugo, España |
Actividade | |
Ocupación | escritor |
Traxectoria
editarLicenciouse en Filosofía e Letras na Universidade Central de Madrid, véndose influído polo maxisterio intelectual do filósofo e pedagogo Francisco Giner de los Ríos, fundador e director da Institución Libre de Enseñanza. Doutorouse no ano 1907 coa tese La clasificación de las ciencias de Bacon a Spencer. Pouco despois do seu doutoramento, ingresou no corpo de Estatística da Administración do Estado por concurso de méritos. Inicialmente destinado en Albacete durante uns meses, cedo viu cumprida a súa arela de volver á súa terra, exercendo como Xefe de Estatística da Delegación Provincial da cidade de Lugo ata se xubilar.
Xa durante os seus tempos de estudante universitario en Madrid, enviou escritos ao xornal lugués El Norte de Galicia, colaborando periodicamente neste medio entre os anos 1903 e 1915. Tamén escribiu no xornal El Progreso, así mesmo de Lugo, entre os anos 1911 e 1927. As súas colaboracións, centradas en cuestións de divulgación filosófica, histórica, asuntos de actualidade política nacional e internacional, pedagoxía e filoloxía foron frecuentemente asinadas baixo pseudónimos, como "Trpséfobo" ou "Manuel da Torre" –en alusión ao seu lugar de nacemento–, polo que son difíciles de identificar. Moitos dos seus escritos foron localizados grazas ao seu arquivo persoal, conservado pola familia.
No ano 1912 publicou Consideraciones sobre la decadencia y rehabilitación de la lengua gallega, asinado baixo as iniciais M.G.B. Nesta obra deféndese o uso do galego no ensino, actitude pioneira no seu tempo, aparecendo referencias nos xornais La Voz de Galicia e Heraldo de Vigo. Sobre este escrito tense mantido que, neste período (previo á fundación das Irmandades da Fala), apenas existiron análises tan ponderadas e oportunas acerca da problemática sociolingüística do idioma galego[3][4].
Cinco anos despois, no número 12 de A Nosa Terra, do 10 de marzo do 1917, anunciouse a tradución ao galego da obra baixo a epígrafe Consideración sobre a fala galega[5], dicíndose dela que
Trata d'un modo maxistral do estado de deixadés á que ten chegado o noso idioma materno e do xeito pra achegarnos ao seu rexurdimento. Con algunhas apreciacións do autor non estamos conformes[6], mais é merecente dos nosos laudes a ansia querendosa que quer espertar nas almas dos bos galegos pra que afinquemos na fonte esgrevia da nosa nobre fala a persoalidade de Galicia [...] os nosos suscritores hannos d'agradecer que pol-a nosa mediación conozan tan proveitoso e patriótico traballo.
O seu cursus academicus viuse parcialmente truncado ao non acadar a Cátedra de Literatura do Instituto de Lugo á que optou no ano 1920; a partir de entón só publicará un escrito máis, no ano 1940, en parte debido ás responsabilidades do seu posto público como Xefe do Instituto de Estatística. Malia esta contrariedade, exerceu como profesor auxiliar de diversas materias (catedrático de francés, profesor de latín e outras especialidades) no Instituto de Lugo.[3]
Xa no ano 1940, dentro do Servizo de Publicacións da Dirección Xeral de Estatística, apareceu a súa obra Estudio geográfico y toponímico de la provincia de Lugo. A parte adicada á toponimia é considerada de gran valor, achegando xuízos moi acertados acerca da regaleguización de ducias de topónimos castelanizados (resultando menos afortunada a referida ás sempre arriscadas propostas etimolóxicas). A obra é aínda máis salientábel considerando o abandono do que os estudos lingüísticos adoecían naquel tempo e a inexistencia de investigacións sobre o galego. O escrito propiciou no 1944-1945 as Notas a un folleto sobre geografía y toponimia lucense, do Catedrático de Latín da Universidade de Santiago de Compostela Abelardo Moralejo Laso, lingüista galego que salientou especialmente nos estudos toponímicos.
Vida persoal e familiar
editarModesto, pouco amigo da celebridade e a adulación (como demostra o seu reiterado emprego de pseudónimos en publicacións non oficiais, que xa chamara a atención nas publicacións galeguistas da preditadura[7]) e armado dun rexo espírito crítico que non o facía vítima da comenencia social e a falsa amizade, si cultivou a fraternidade dos amigos, tanto das xentes populares coas que medrara na Ulloa e coas que nunca deixaría de manter o trato coma da marxinada e amordazada intelectualidade da posguerra, salientando entre os seus amigos Eduardo Seijas, Ánxel Fole, Luís Pimentel e Celestino Fernández de la Vega, cos que compartía inquedanzas durante longos paseos e faladoiros baixo a ollada dos seus alumnos.
A paulatina decepción polo devir político afastouno progresivamente do interese pola política inmediata que o ocupara durante as primeiras décadas do século XX. Entre as súas anécdotas ao respecto, sempre tinxidas dun culto enxeño irónico, cabe citar a resposta dada ao Xefe de Falange Española en Lugo cando, en plena guerra civil e dado o seu dominio da lingua alemá, este lle ofreceu ir ao Berlín nazi como agregado cultural: con xesto ponderado, aduciu que Tería que reler a Kant (facíao en alemán), mesturando as súas características modestia e ironía para evitar quedar forzado polas circunstancias a unha situación que en absoluto consideraba do seu agrado.
Casado con Dolores Ouro Arias, filla de Manuel Ouro Besteiro, con quen tivo catro fillos (Manuel, Ánxela, Andrés e Camila), pasou os derradeiros lustros da súa vida nun ambiente familiar onde non deixou de cultivar o estímulo intelectual. Xa nonaxenario, apesadumbrouno desprenderse da Torre de Pambre, perante o desinterese dos herdeiros, poucos meses antes do seu pasamento.
Notas
editar- ↑ Fernández Salgado 2012, p.15
- ↑ Fernández Salgado 2012, p. 35
- ↑ 3,0 3,1 Alonso Montero, Xesús: in Gran Enciclopedia Gallega, "García Blanco, Manuel" (Silverio Cañada Edit.; Xixón 1974)
- ↑ "García Blanco, Manuel" in Gran Enciclopedia Galega (el Progreso - Diario de Pontevedra, 2003)
- ↑ Malia estar prevista a súa publicación por entregas co subtítulo Folletón de A Nosa Terra, só se editou a primeira delas, no número 17 da revista, do 30 de abril do mesmo ano.
- ↑ Polos comentarios da redacion d'A Nosa Terra publicados ao pé da primeira -e única- entrega publicada, as disensións parecían facer referencia maiormente ao pesimismo de García Blanco a teor do proceso de recuperación da lingua, no que as Irmandades apreciaban un meirande progreso.
- ↑ 7,0 7,1 Asemade, na mesma nota, non se deixa de aludir ao afán de anonimato que caracteriza ao autor.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Pardo de Neira, X. (2017). "Manuel García Blanco, pioneiro da didáctica da lingua galega". Cairón. Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns (1): 149–161.
- Fernández Salgado, Benigno (2012). "Manuel García Blanco (1882-1974), cronoloxía dunha biografía intelectual". En Sanmartín Rei, Goretti. Consideracións sobre a decadencia e a rehabilitación da lingua galega. Homenaxe a Manuel García Blanco (PDF). Colección: Monografía, 7. A Coruña: Área de Filoloxías Galega e Portuguesa. UDC. pp. 15–42. ISBN 978-84-9749-527-1. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de xaneiro de 2022. Consultado o 18 de outubro de 2022.
- Artigo "GARCÍA BLANCO, Manuel" da Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada.