Julius Erving
Julius Winfield Erving II, nado o 22 de febreiro de 1950 en Roosevelt, Nova York, comunmente coñecido polo alcume de Dr. J, é un ex xogador de baloncesto estadounidense que destacou nas décadas dos 70 e os 80. Desenvolveu a súa carreira profesional primeiro na ABA e despois na NBA, e axudou a desenvolver o estilo de xogo moderno, sendo ademais un dos pioneiros do mate, popularizando o espectacular "Tomahawk" e o seu mate dende a liña de tiro libre.[1]
Erving gañou tres campionatos, catro premios MVP e tres títulos de máximo anotador tanto na ABA, con Virginia Squires e New York Nets, como na NBA, con Philadelphia 76ers. É o quinto máximo anotador da historia do baloncesto profesional con 30.026 puntos (NBA e ABA combinados). O Dr. J foi nomeado un dos "cincuenta mellores xogadores da historia da NBA" e en 1993 foi incluído no Basketball Hall of Fame. Moitos o consideran un dos xogadores de baloncesto máis espectaculares da historia e un dos mellores "dunkers" de tódolos tempos, ademais de innovar co drible "cros-over" drible e os pases sen mirar.
Traxectoria deportiva
editarUniversidade
editarO Doutor J, alcume que xa tiña no Instituto Roosevelt, iniciou os seus estudos na Universidade de Massachusetts en 1968. En dous anos de carreira, tivo unha espectacular media de 26,3 puntos e 20,2 rebotes por partido, a pesar dos seus escasos 1,98 metros de estatura. Debido a iso é un dos únicos cinco xogadores que conseguiron a fazaña de superar unha media de máis de 20 puntos e 20 rebotes na NCAA. A pesar diso, non atraeu demasiado a atención do público naqueles anos.[2]
Virginia Squires
editarNunha época na cal dúas grandes ligas convivían, e o fluxo de xogadores dunha a outra era frecuente, Erving decidiu asinar como axente libre por Virginia Squires, da ABA, en 1971. Aínda que os Squires xa contaban co anotador Charlie Scott, pronto se gañou unha reputación como xogador, e sobre todo, polo espectacular do seu xogo, en especial os seus mates. Nesa primeira tempada como profesional, tivo unha media de 27,3 puntos por partido, quedando segundo na carreira cara ao premio de Rookie do Ano por detrás doutra lenda, Artis Gilmore. Foi seleccionado no segundo mellor quinteto da liga e no primeiro de rookies. Tras finalizar a tempada cunha marca de 45 vitorias e 39 derrotas, segundos no Leste detrás dos 68-16 de Kentucky Colonels, os Squires chegaron até as Finais da División Leste, onde foron derrotados polos New York Nets de Rick Barry. En playoffs, Erving fixo 33,3 puntos por partido, tanto na serie ante The Floridians como na dos Nets.[3]
En 1972 foi declarado elixible pola NBA, e foi Milwaukee Bucks quen poxou por el na duodécima elección do Draft da NBA de 1972. De ter ido a xogar alí, coincidiría con dous dos máis grandes xogadores de todos os tempos, Oscar Robertson e Lew Alcindor, xogador máis tarde coñecido como Kareem Abdul-Jabbar. Con todo, non lle satisfacía a elección, e tentou xogar con Atlanta Hawks, chegando mesmo a xogar tres partidos de pre-tempada con eles, mais unha disposición xudicial obrigoulle a volver á ABA, co seu antigo equipo. De volta á ABA, na súa segunda tempada como profesional, fixo 31,9 puntos por partido, o máximo da súa carreira, e recibiu a primeira das súas catro eleccións consecutivas no mellor quinteto da ABA, xunto con Gilmore, Billy Cunningham, James Jones e Warren Jabali. O seu estilo espectacular, unido á súa imaxe con peiteado "afro", convertéronlle enseguida na imaxe da liga.
New York Nets
editarOs Squires, como moitos outros equipos da liga do balón tricolor, non pasaban polo seu mellor momento económico, e víronse forzados a traspasar ao Dr.J aos New York Nets xunto con Willie Sojourner a cambio de George Carter, os dereitos de draft de Kermit Washington e diñeiro. Na súa primeira tempada no equipo, Erving liderou ás Nets a unha marca de 55-29 na tempada regular e a gañar o seu primeiro título da ABA ante Utah Stars. Ademais, repetiu como máximo anotador da liga con 27,4 puntos por partido, quedando tamén sexto na liga en asistencias e terceiro en roubos de balón e tapóns. Aquela tempada gañou o primeiro do seu tres consecutivos premios MVP da ABA. Erixiuse nese momento no mellor xogador da liga, e nun símbolo para a mesma, que fixo que gañase credibilidade, e que sumase moitos fans naqueles anos.
En 1976 a liga agonizaba, con varios equipos desaparecidos e outros preto da ruína. Porén, reviviu grazas á creación do primeiro concurso de mates da historia, no que Erving gañou a Gilmore, Kenon, George Gervin e a David Thompson. Os Nets conseguiron praza na ampliada NBA, non sen antes derrotar a Denver Nuggets, naquel momento outro dos equipos que deu o salto, na última final do campionato, que terminou con Erving cunha media de 34,7 puntos nos playoffs, o que lle converteu no MVP dos mesmos. Ademais, por tecera vez conseguiu ser o máximo anotador da tempada regular, esta vez con 29.3 por partido. En cinco tempadas na ABA, Erving acumulou dous campionatos, tres títulos de MVP e encabezou en tres ocasións a lista de máximos anotadores.
Philadelphia 76ers
editarDespois de que a ABA se desintegrase, os New York Nets, San Antonio Spurs, Denver Nuggets e Indiana Pacers uníronse á NBA na tempada 1976-77. Tras o incumprimento da promesa do propietario dos Nets Roy Boe de aumentar o soldo de Erving, o xogador rexeitou xogar nesas condicións e Boe viuse obrigado a venderlle a Philadelphia 76ers, onde moi pronto se convertería no líder da franquía, levándolles ás Finais da NBA, onde se enfrontaron aos Portland Trail Blazers de Bill Walton. Despois de poñerse por diante por 2 vitorias a 0, os de Oregón encadearon catro vitorias consecutivas para conseguir o anel de campión. Con todo, Erving gozou tamén do éxito fóra da cancha, converténdose nun dos primeiros xogadores en representar produtos e en ter zapatillas comercializadas baixo o seu nome. Por aquela época, apareceu nun anuncio de televisión incitando a mozos admiradores a pedirlle un autógrafo nun aeroporto, referíndose a el desde ese momento como "Dr. Chapstick". Tamén apareceu na película de comedia de baloncesto O Peixe Que Salvou Pittsburgh, en 1979.
Nos anos posteriores, Erving tirou do carro dun equipo que non estaba ao seu nivel, pero que chegaba con facilidade ás Finais de Conferencia. Coa irrupción de Larry Bird en Boston Celtics, revivíronse vellas rivalidades entre as dúas cidades do leste, chegando mesmo a protagonizar as estrelas de cada equipo un dos primeiros videoxogos deportivos da historia, denominado Julius Erving-Larry Bird One-on-One (Julius Erving-Larry Bird Uno Contra Un) de Electronic Arts. En 1980, os Sixers chegaron novamente ás Finais, onde se atoparían con Los Angeles Lakers, dirixidos por Magic Johnson. Os californianos acabaron vencendo 4-2, pero o Dr.J deixou para a historia unha xogada inesquecible denominada Baseline Move, unha espectacular entrada a canastra por detrás do taboleiro levando o balón cunha man co brazo totalmente estirado e virando sobre si mesmo para conseguir a canastra.[4]
En 1981 e en 1982, os Sixers caeron de novo en playoffs ante os Celtics e Lakers respectivamente, aínda que en 1981, Erving foi nomeado MVP da Tempada. Na tempada 1982-83, os Sixers lograron poñer final ás carencias dun home alto e poderoso na zona coa adquisición de Moses Malone. Dominaron completamente a tempada, e arrasaron nos pay-offs, perdendo un único encontro neles (ante Milwaukee Bucks nas Finais de Conferencia), e varrendo aos Lakers nas Finais, conseguindo así Erving o seu primeiro campionato na NBA. Erving mantivo o seu nivel de xogo nos seguintes anos, cunhas medias de 22,4, 20,0, 18,1, e 16,8 puntos por partido nas súas catro últimas tempadas como profesional. Retirouse á idade de 37 anos ao finalizar a tempada 1986-87, sendo homenaxeado en todos e cada un dos pavillóns que pisou. En 1993 foi elixido no Basketball Hall of Fame e é un dos poucos xogadores no baloncesto moderno en ter dúas camisetas retiradas co seu dorsal, o 32 nos Nets e o 6 nos 76ers.
Vida posterior
editarDende o seu retiro, Julius Erving tivo moitos éxitos nos cales inclúen por exemplo o ser dono dunha planta de embotellamento de Coca-Cola, ademais das estacións de televisión por cable en Nova York e Nova Jersey. Despois de traballar como un analista de estudo para a NBC, Erving uniuse ao staff de oficina de Orlando Magic, como vicepresidente de RDV Sports e vicepresidente executivo dos Magic o 4 de xuño de 1997.
Xunto co ex xogador da NFL Joe Washington, presentaron un equipo da NASCAR Busch Grand National Series a finais dos 90, converténdose no primeiro equipo da NASCAR en ser posuído completamente por minorías. O equipo tiña asegurado o patrocinio de Dr Pepper para a maioría da súa existencia. Erving, un fan das carreiras, declarou que a súa incursión na NASCAR era unha tentativa de levantar o interese nas carreiras entre os afroamericanos.
Erving tamén formou parte do Consello de Administración de Converse (previo á quebra de 2001), Darden Restaurants, Inc., Saks Incorporated e The Sports Authority. Erving foi elixido na décima posición na lista dos 75 mellores xogadores da historia da NBA elaborada pola revista SLAM en 2003. Ademais, é o pai da xogadora de tenis Alexandra Stevenson, nacida da súa relación con Samantha Stevenson en 1980, cando Samantha traballaba en Filadelfia como xornalista deportivo e Julius xogaba nos 76ers.
Momentos memorables
editarO xogo do Doutor J caracterizouse principalmente pola súa vistosidade, ofrecendo ao longo da súa carreira infinidade de momentos inesquecibles. Pero quizais os máis coñecidos sexan dous, o denominado Baseline move sobre Kareem Abdul-Jabbar e o Rock The Cradle sobre Michael Cooper, curiosamente ambos os xogadores dos Lakers.
The Baseline Move
editarOcorreu durante as Finais de 1980, cando penetrou pola liña de fondo ao lado dereito do campo, co brazo totalmente estendido un metro por detrás do taboleiro, e atopándose no camiño a todo un Kareem Abdul-Jabbar. Erving virou sobre si mesmo, e a canastra pasada deixou unha bandexa que tras dar no taboleiro entrou polo aro.[4]
Rock The Cradle
editarOcorreu en 1983, nun partido da tempada regular de novo ante os Lakers. Unha perda de balón orixinou un rápido contraataque polo lado izquiuerdo, recibindo Erving o balón aínda no seu campo, atravesou toda a cancha sendo perseguido por Michael Cooper, e realizou un movemento que se denominou "Rock The Cradle" (abanear o berce), agarrándose o balón entre a man e a boneca e virando o brazo 360 graos para acabar conseguindo o mate diante dun desesperado Cooper.[5]
Notas
editar- ↑ "Julius Erving Bio". Arquivado dende o orixinal o 11 de setembro de 2019. Consultado o 29 de marzo de 2010.
- ↑ "NCAA Basketball Records" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 20 de xuño de 2007. Consultado o 20 de xuño de 2007.
- ↑ Julius Erving Biography NBA.com
- ↑ 4,0 4,1 Baseline Move
- ↑ Vídeo do "Rock The Cradle"
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Estadísticas de Julius Erving Arquivado 04 de abril de 2013 en Wayback Machine.
- Biografía do Dr. J na web do Hall of Fame
- Todo sobre Julius Erving, Dr.J Arquivado 17 de febreiro de 2009 en Wayback Machine.
- Vídeos de Julius Erving en YouTube