[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Zanfona

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Zanfona
Zanfona galega
Información
ClasificaciónCordófono

A zanfona (do latín symphonĭa 'concerto')[1][2] é un instrumento musical de orixe medieval pertencente a familia dos cordófonos, que está estendido na música popular europea, con numerosas variantes en distintas rexións e épocas. O son está producido polo roce dunha roda contra as cordas. As notas prodúcense mediante un teclado, e coma en moitos outros instrumentos acústicos de corda, dispón dunha caixa de resonancia.

Non debe ser confundida coa zampoña, que é un instrumento de vento, nin coa zanfona brasileira, unha variedade de acordeón.

Características

[editar | editar a fonte]
Mecanismo interno dunha zanfona.

Externamente destaca a súa caixa de resonancia, da que sae un manubrio que se fai xirar coa man dereita, o que á súa vez fai rotar un disco de madeira untada de resina que frota unha o máis cordas apoiadas no disco. Algunhas destas cordas son cantantes ou melódicas, mentres que outras fan de bordóns. A man esquerda actúa sobre dun teclado cromático de dúas filas de teclas superpostas, unha fila é de notas naturais e a outra de notas sostidas, cubrindo entre dúas ou tres oitavas. Cada unha das teclas ten varias espadillas, de xeito que ao premer unha das teclas as espadillas acurtan a lonxitude de cadansúa corda melódica, producindo a nota desexada. Todas as cordas soan ao mesmo tempo, polo que dan unhas harmonías "moi cheas". Pódese tocar de pé, pendurando o instrumento cunha correa, ou ben sentado, pousándoo nas pernas do músico, pero sempre lixeiramente inclinado, de xeito que as teclas volvan polo seu propio peso a posición inicial ao soltalas.

Detalles de zanfona francesa.

En ocasións inclúe un can ou trompeta (chien en francés, ou recsegõ en húngaro), unha ponte asimétrica que se levanta ao mover o manubrio a máis velocidade, e que roza un bordón provocando un son característico. Este son permite producir ritmos ao tempo que se toca a melodía, polo que é útil no acompañamento de danzas. Nalgunhas zanfonas de estilo francés unha peza chamada tirant permite tamén axustar a sensibilidade da trompeta.

Outras variantes inclúen cordas simpáticas, que vibran por resonancia cando se tocan certas notas, sen necesidade de fricción. A súa vibración perdura un certo tempo despois de que a nota que a activou deixe de soar, producindo un efecto de reverberación.

Hai dúas formas principais nos instrumentos contemporáneos: a forma de guitarra ou de oito, e a de laúde. Ámbalas dúas formas atópanse na tradición construtiva francesa, mentres que a forma de oito é a máis empregada fóra dese país. A forma cadrada é exclusiva de instrumentistas de música antiga.

A configuración do instrumento en Galiza é de tres cordas cantantes e dous bordóns. A afinación é polo xeral en ton de , ou ben en ton de sol, sendo a primeira a máis estendida. Nela as tres cordas cantantes afínanse en sol as dúas primeiras, e sol grave a terceira. O bordoncillo (o bordón máis afastado do corpo) afínase en sol grave (a unísono coa terceira cantante), mentres o outro bordón, o máis grave e o que dá a tónica do instrumento, afínase a unha quinta do anterior, é dicir, en grave.

O fungar dos bordóns é similar ao rouco das gaitas, polo que en certas culturas musicais é substituto ou acompañante das gaitas. Por esta razón tamén en Zamora chámase gaita de pobre. Non obstante, é un instrumento caro, xa que son poucos os luthiers que o fan, e a súa construción é moi laboriosa.

Organistro no Pórtico da Gloria, Santiago de Compostela.

A zanfona apareceu en Europa Occidental contra o século IX. Nas súas formas máis antigas usábase na música relixiosa medieval, precisaba de dous intérpretes e recibía o nome de organistro. Tiña unha soa corda cantante e dous bordóns, e a súa caixa de resonancia asemellábase a da guitarra. O instrumento tocábase xirado, e as teclas quedaban na parte superior. Para tocar había que en tirar delas, o que limitaba o seu uso a melodías lentas. O ton grave das largas cordas que posuía a facían útil como acompañamento de coros. Pódense contemplar representacións deste instrumento no pórtico da Catedral de Santiago, no capitel da abadía de St. Georges en Saint Martinde-Boscherville en Francia e noutras tallas románicas. A partir deste motivo, Castelao deseñou un ex-libris para Antón Iglesias Vilarelle, músico santiagués[3].

A primeira referencia escrita é a do abade Odo de Cluny na súa obra Quomodo organistrum construatur (Como construír un organistro), inda que a súa autenticidade é dubidosa. Tamén menciónase un instrumento semellante nun compendio musical do árabe Al Zirikli, ou no Libro del Buen Amor, do Arcipreste de Hita.

O organistro evolucionou ata ser posible que o tocase unha soa persoa (solo organistrum), pero foi substituído pola sinfonía, de teclado cromático e caixa cadrada. O teclado estaba na parte inferior o que permitía que as teclas fosen pulsadas, acadando así a posibilidade de tocar melodías máis rápidas. Nas representacións da época a sinfonía aparece tanto coa vella configuración do teclado na parte superior como na parte inferior. A súa presenza non se limitaba a música relixiosa, senón que serviu para interpretar cancións de xesta, ou as Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio do século XIII, onde se emprega como instrumento de ministril.

Durante o Renacemento a zanfona perfecciónase, adquirindo a caixa a característica forma redondeada, e a aparición do can anteriormente descrito. O modelo máis estendido na música folclórica procede dese momento, e considérase que é un instrumento resultado da unión da sinfonía e a viola medieval realizados a partir da caixa de resonancia dun laúde ou unha viola. O uso destas caixas foi provocado pola reutilización por parte dos artesáns das caixas deses instrumentos, en crecente desuso nesa época.

A finais do século XVII o instrumento pasou a mans de trobadores, xograres e esmoleiros, xa que na música culta impóñense outros instrumentos de corda de maior presenza e capacidade polifónica(como os violíns, as violas, os violoncellos ou os contrabaixos). Deste xeito esténdese a outros países como Eslovaquia, Romanía, Hungría, Holanda, Alemaña, pero o seu uso esmorece co paso de tempo. Como resultado adquiriu nomes como o alemán Bauernleier (lira campesiña) ou Bettlerleier (lira de esmoleiro).

Pero os gustos polas diversións rústicas do Rococó fixeron que no século XVIII fose adoptada como instrumento de moda polos nobres e cortesáns franceses. Durante esta época acadou carácter de instrumento de cámara e orquestra; recoñecidos compositores escribiron obras para zanfona, sendo a máis famosa Il pastor Fido, de Nicolas Chédeville (pero atribuída inicialmente a Vivaldi). A mediados do século XVIII tamén apareceu en Francia a zanfona-órgano coñecida como vielle organisée, que desapareceu en seguida, a pesar de que compositores como Haydn escribiran especificamente para ela.

A partir do século XVIII volve a mans populares. En España conservouse sobre todo da man dos cegos, que a empregaban para a interpretación de romances e melodías. Posto que non había sempre moita calidade interpretativa e o instrumento non se coidaba, durante a súa decadencia chegou a asociarse co vulgar e malsoante. A maior parte das variantes de zanfona desapareceran cando comeza o século XX, exceptuando a francesa, a húngara e a española. En Ucraína, a variante chamada lira era empregada por músicos cegos, pero a maioría morreron nas purgas de Stalin na década de 1930.

Recuperación da zanfona en Galicia

[editar | editar a fonte]
Perfecto Feijoo en 1919.

En Galicia, a comezos do século XX Perfecto Feijoo adícouse a recoller melodías tradicionais, chegando a realizar a primeira gravación no disco Aires d'a terra, no 1904. Pero sen dúbida, o seu principal valedor na península foi Faustino Santalices, que escribiu o primeiro libro sobre a zanfona en España en 1956 e gravou o primeiro disco dedicado totalmente ao instrumento en 1945. Santalices tamén creou un obradoiro de instrumentos tradicionais, onde aprenderían as técnicas de construción xente coma Amadeo Goyanes ou Antón Corral, que posteriormente desde o seu obradoiro na Universidade Popular de Vigo continuou a potenciar a construción e uso do instrumento, chegando hoxe a varios centos o número de zanfonistas no país.[4]

No ano 2022, o Centro de Artesanía e Deseño[5] da Deputación de Lugo, puxo á disposición de investigadores, artesáns e músicos o Catálogo de Zanfonas Históricas de Galiza, onde é posíbel consultar modelos 3D de vinte e cinco zanfonas antigas.[6]

As zanfonas galegas teñen como características específicas a súa morfoloxía, sempre en forma de guitarra, e o xeito de tocar con tres cordas cantoras, dúas afinadas ao unísono e a terceira nunha oitava máis grave. Esta afinación foi establecida por Faustino Santalices e é distinto da habitual no resto de Europa, onde se toca con dúas cordas.[7]

A zanfona no leste de Europa

[editar | editar a fonte]

A zanfona posúe unha ampla tradición no leste de Europa, salientando Hungría, Polonia, Belarús e Ucraína. En Ucraína coñécese como lira ou relia e aínda a interpretan nas rúas músicos profesionais chamados lirnyky. Teñen un repertorio pararelixioso, inda que tamén inclúe danzas folclóricas e relatos épicos. Os instrumentistas foron considerados como esmoleiros polas autoridades rusas, e foron sometidos a represións se tocaban nas rúas das principais cidades ata 1902, cando os etnógrafos da XII Conferencia Arqueolóxica Rusa solicitaron as autoridades que deixasen de perseguilos. Nos anos 30 a tradición foi practicamente erradicada polas autoridades soviéticas cando uns 250 ou 300 músicos foron reunidos para unha conferencia etnográfico e executados como elementos indesexables pola sociedade soviética contemporánea.

A zanfona na actualidade

[editar | editar a fonte]

A música folk e outros estilos musicais modernos que nun principio non se asocian co instrumento, adoptaron a zanfona, explotando a multitude de recursos de ten, facendo así unha grande contribución a recuperación e popularización do instrumento. Hoxe en día está presente en multitude de países, onde recibe diversos nomes. En Italia chámaselle ghironda, en Francia vielle à roue, en Cataluña viola de roda, no País Vasco zabarrete, no Reino Unido hurdy-gurdy, Occitania sonsaina, en Portugal sanfona, en Holanda draailier, en Alemaña drehleier, en Hungría tekero e en Suecia e Romanía lira.

Zanfonistas de renome, ademais dos citados Feijoo e Santalices, son Anxo Pintos, Antón Seoane, Mini Rivas, Amancio Prada, Xabier Blanco e Carlos Beceiro en Galiza, Germán Díaz ou Rafa Martín en España, ou Pascal Lefevre en Francia, xunto con grupos como Milladoiro ou Os Cempés.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. "Zanfona". DIGALEGO. Arquivado dende o orixinal o 28 de agosto de 2016. Consultado o 29 de abril do 2016.  Arquivado 28 de agosto de 2016 en Wayback Machine.
  2. "zanfona". Portal das Palabras. Consultado o 27 de novembro de 2018. 
  3. Ficha Arquivado 13 de agosto de 2016 en Wayback Machine. na web do Museo de Pontevedra
  4. A gaita galega I. Naqueles tempos 11 - TVG (TVG). 2016. p. 44m.45s. 
  5. "CENTRAD - Centro de Artesanía e Deseño". cultura.deputacionlugo.gal. Consultado o 2022-01-31. 
  6. "O Centrad recompila nun catálogo dixital información sobre zanfonas históricas de Galicia - Xornal de Lugo". www.xornaldelugo.com. Consultado o 2022-01-31. 
  7. Desde Galicia para el mundo (2014). El arte del Luthier (Xaneco Tubío) (Youtube). Escena en 3m 35s. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]