Tartaruga mariña pequena
Tartaruga mariña pequena | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Lepidochelys kempii | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
Crítico | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Lepidochelys kempii' (Garman, 1880) |
A tartaruga mariña pequena[1] (Lepidochelys kempii)[2] é unha especie de tartaruga mariña escasa e en perigo crítico de extinción. É unha das dúas especies vivas do xénero Lepidochelys (a outra é L. olivacea). A súa área de distribución e cría é principalmente o leste de Norteamérica e o Caribe, pero poden desprazarse ata Europa e está incluída na lista de réptiles de Galicia como visitante moi raro.
Anatomía
[editar | editar a fonte]É unha tartaruga pequena, que na madurez chega a ter unha lonxitude entre 60 e 90 cm e un peso medio duns 45 kg. Como é típico nas tartarugas mariñas ten un corpo deprimido dorsoventralmente con extremidades anteriores convertidas en aletas e un peteiro. É a máis pequena de todas as tartarugas mariñas. O adulto ten unha coiraza ou cuncha oval que é case tan longa coma larga e xeralmente de cor oliva-gris. A coiraza ten cinco pares de escudos dorsais. En cada ponte que une o espaldar (parte dorsal) co plastrón (parte inferior), hai catro escudos inframarxinais, cada un dos cales está perforado por un poro. A cabeza ten dous pares de escamas prefrontais. As crías ao eclosionaren son negras por ambos os lados. A cabeza da tartaruga mariña pequena ten forma triangular cun peteiro algo ganchudo con grandes superficies para triturar. Esta tartaruga vive en augas de pouca profuncidade e aliméntase no bentos dunha dieta consistente principalmente en cangrexos.
Distribución
[editar | editar a fonte]O seu rango de distribución inclúe o océano Atlántico e o golfo de México. A tartaruga mariña pequena xeralmente prefire augas cálidas pero viven tamén en augas tan ao norte como Nova Jersey. Comprobouse, por exemplo, que case todas as femias volven cada ano á mesma praia de Rancho Nuevo no estado mexicano de Tamaulipas para poñer ovos. Algunhas viaxan tan lonxe que chegan a Europa, como por exemplo á costa de Irlanda, e está incluída na Lista de réptiles de Galicia como visitante das nosas costas.
Alimentación e ciclo vital
[editar | editar a fonte]Alimentación
[editar | editar a fonte]Aliméntanse de moluscos, crustáceos, medusas, peixe, algas, e ourizos de mar.
Ciclo vital
[editar | editar a fonte]As tartarugas xuvenís viven en bancos de sargasos flotantes durante os seus primeiros anos.[3] Despois móvense desde as augas do noroeste do Atlántico ao golfo de México mentres crecen ata a madurez.
Estas tartarugas cambian de cor conforme maduran. Cando eclosionan son case enteiramente dun gris anegrado escuro, pero os adultos maduros teñen un plastrón (parte inferior) amarelo verdoso ou branco e un espaldar (parte superior) gris verdoso. Alcanzan a madurez sexual á idade de 10 ou 12 anos.[4]
A temporada de aniñar é de abril a agosto. Aniñan principalmente nunha praia duns 25 km situada no estado de Tamaulipas, México e en Padre Island en Texas, EUA, e noutras zonas do Golfo e México. Aparéanse lonxe da costa. As femias grávidas diríxense ás praias en grupos, o que se chama en México arribada,[3] ou aniñación en masa. Prefiren áreas de dunas ou, secundariamente, marismas. O número estimado de femias nunha medición de 1947 foi de 89.000, pero noutra de 1985 descendera drasticamente a só 7.702.[5]
As femias aniñan 2 ou 3 veces durante a tempada, deixando un espazo de entre 10 e 28 días entre as desovas. A incubación tarda de 45 a 70 días. Unha posta contén como media uns 110 ovos. O sexo das crías depende da temperatura de incubación. Se a temperatura na área de incubación está por debaixo de 29,5 °C, as crías serán principalmente machos.
-
Cría que acaba de eclosionar.
-
Cría que acaba de eclosionar.
-
Individuo xuvenil.
-
Adulto aniñando.
-
Adulto morto.
Conservación
[editar | editar a fonte]A caza foi o primeiro factror que fixo diminuír as poboacións desta especie, pero hoxe en día as principais ameazas ás que se enfrontan son a perda do seu hábitat, polución, e quedaren atrapadas en redes para camaróns.
México empezou a protexer a estas tartarugas na década de 1960. Nos Estados Unidos foi incluída na lista da Lei de Conservación de Especies en Perigo de 1970[6] e despois na Lei de Especies en Perigo de 1973. En 1984 desenvolveuse un plan de recuperación binacional (en México e EUA), revisado en 1992, e despois en 2010.[7][8]
Un dos mecanismos utilizado para protexer as tartarugas das redes de pesca é utilizar un dispositivo de exclusión de tartarugas. Como o maior perigo para estas tartarugas son os arrastreiros que pescan camarón colócase o dispositivo na rede de arrastre. É unha especie de enreixado cunha abertura na parte superior ou inferior, situado na rede. Permite que pequenos animais (como os camaróns) pasen entre as reixas e sexan capturados, pero non permite que pasen ao interior da rede animais grandes como as tartarugas, o que evita que queden atrapadas e afoguen.
En 2007, en Corpus Christi, Texas localizáronse nas praias de Texas 128 niños destas tartarugas, 81 deles ao norte de Padre Island e 4 en Mustang Island, o que é unha cifra récord superior á doutros anos.[9]). Os empregados da conservación da vida salvaxe liberaron nas praias de Texas 10.594 destas tartarugas acabadas de eclosionar en 2007. As tartarugas utilízanse en México como material para facer botas e como alimento.[10]
A polución e as verteduras de petróleo afectan moi negativamente a estas tartarugas. Despois da vertedura do pozo Ixtoc 1 en 1979 foron transportadas por vía aérea moitas tartarugas para afastalas do lugar. Durante os primeiros días do desastre da plataforma Deepwater Horizon de 2010, atopáronse centos de tartarugas mortas ou petroleadas en Luisiana, a maioría delas tartarugas mariñas pequenas.[11]
Das especies mariñas en perigo que frecuentan as augas do golfo de México, só esta tartaruga depende da rexión como o seu único lugar de cría.[12]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Conde Teira, M. A. (1996): "Acerca dos nomes dos anfibios e réptiles galegos" Arquivado 27 de agosto de 2016 en Wayback Machine. en Cadernos de Lingua, 13, páx. 84. Real Academia Galega.
- ↑ Rhodin J.G.A., Dijk V.P.P., Iverson B.J., Shaffer B.H. (2010). Rhodin J.G.A., Pritchard H.C.P., Dijk V.P.P., Saumure A.R., Buhlmann A.K., Iverson B.J., Mittermeier A.R., ed. "Turtles of the World: Annotated Checklist of Taxonomy and Synonymy" (PDF). Chelonian Research Monographs (ISSN 1088-7105) No.5, doi:10.3854/crm.5.000.checklist.v3.2010 (Chelonian Research Foundation and the Turtle Taxonomy Working Group of IUCN Species Survival Commission): 85–164. Consultado o 2015-01-07.
- ↑ 3,0 3,1 "Kemp's Ridley Turtle (Lepidochelys kempii) - Office of Protected Resources - NOAA Fisheries". NOAA Fisheries. Consultado o 2009-05-11.
- ↑ "Kemp's Ridley Sea Turtles, Kemp's Ridley Sea Turtle Pictures, Kemp's Ridley Sea Turtle Facts". National Geographic. Consultado o 2013-10-13.
- ↑ [1]
- ↑ "Endangered Species Act (ESA) :: NOAA Fisheries". Nmfs.noaa.gov. 2013-08-08. Consultado o 2013-10-13.
- ↑ Draft Kemp's Ridley Recovery Plan, 2010
- ↑ 2010 Threats Assessment, NOAA Fisheries
- ↑ http://www.nps.gov/pais/naturescience/current-season.htm
- ↑ Yahoo.com, Niños de tartarugas en perigo atopados en Texas[Ligazón morta]
- ↑ http://www.foxnews.com/us/2011/06/01/nesting-turtles-clues-oil-spills-impact/
- ↑ Kaufman, Leslie (May 18, 2010). "Gulf Oil Again Imperils Sea Turtle". The New York Times.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Marine Turtle Specialist Group (1996). Lepidochelys kempii. 2006 Lista Vermella de Especies Ameazadas IUCN. IUCN 2006. Consultado o 9 de maio de 2006. Database entry includes a brief justification of why this species is critically endangered and the criteria used
- Sizemore, Evelyn (2002). The Turtle Lady: Ila Fox Loetscher of South Padre. Plano, Texas: Republc of Texas Press. p. 220. ISBN 1-55622-896-1.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Tartaruga mariña pequena |
- PerfilArquivado 24 de xullo de 2015 en Wayback Machine. procedente do proxecto OBIS-SEAMAP do Sistema de Información Bioxeográfica Oceánica
- Perfil en Turtle Trax
- Información do Coastal Research and Education Society de Long Island
- Perfil procedente da Lista Vermella de Especies Ameazadas da IUCN
- Information da Florida Fish and Wildlife Conservation Commission
- http://www.tpwd.state.tx.us/publications/pwdpubs/media/pwd_bk_w7000_0013_kemps_ridley_sea_turtle.pdf