Sergio Pitol
Nome orixinal | (es) Sergio Pitol Deméneghi |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 18 de marzo de 1933 Puebla de Zaragoza, México |
Morte | 12 de abril de 2018 (85 anos) Xalapa, México |
Causa da morte | ictus acute aphasia (en) |
Educación | Universidade Nacional Autónoma de México |
Actividade | |
Ocupación | lingüista, novelista, político, tradutor, diplomático, escritor |
Empregador | Universidade Nacional Autónoma de México Universidade de Bristol (pt) Universidad Veracruzana (pt) |
Membro de | |
Obra | |
Obras destacables
| |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Records of persons of interest (en) |
Sergio Pitol Deméneghi, nado en Puebla o 18 de marzo de 1933 e finado en Xalapa o 12 de abril de 2018, foi un escritor, tradutor e diplomático mexicano.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Sergio Pitol naceu o 18 de marzo de 1933 en Puebla, pero desde os catro anos trasladouse ao enxeño veracruzano El Potrero, tras a morte do seu pai. Ao pouco tempo, cando tiña cinco anos, a súa nai morreu afogada no río Atoyac.[1][2] Orfo, creceu nunha casa grande neste pequeno pobo de menos de tres mil habitantes. Así o describiu el mesmo no seu discurso elaborado para o Premio Cervantes.[3]
Pasou a súa infancia rodeado de adultos que expresaban nas súas conversas unha gran nostalxia polo mundo anterior á Revolución, un mundo destruído do que gardaban recordos contraditorios: axiña evocaban as virtudes daquel paraíso perdido como se queixaban polas miserias e calamidades que pasaran naquela época. Foron precisamente esas experiencias as que influíron notablemente na creación dos seus primeiros contos, os de Tiempo cercado e Infierno de todos, que non son máis que «o resultado dun exercicio de limpeza, unha vía de escape dese mundo asfixiado, enfermo, con tufo a lugares escuros, pechados e illados«, como el mesmo afirmou nunha entrevista de 1989.[4]
Durante varios anos estivo enfermo de paludismo, o que o obrigou a recluírse na casa, tempo que aproveitou pahra entregarse á lectura: comezou con Verne, Stevenson, Dickens, e aos doce anos xa terminara Guerra e paz. Ao dezasete anos, xa estaba familiarizado con Marcel Proust, Faulkner, Thomas Mann, Virginia Woolf, Kafka, Neruda, Borges, os poetas do grupo Os Contemporáneos, mexicanos, os da xeración do 27 e os clásicos españois. Todos os veráns adoitaba ir coa súa avoa e o seu irmán a un balneario a tomar augas minerais, aínda que nunca chegou a experimentar unha gran melloría. Foi a súa avoa unha figura importante na súa vida, pois ademais de facerse cargo da súa educación, serviulle de modelo e referente á hora de iniciarse na literatura, xa que pasaba a maior parte do día lendo novelas, sobre todo as de Tolstoi, o seu autor preferido.
Ao dezaseis anos, chegou á Cidade de México para estudar na universidade, e atopou a súa vocación verdadeira, o seu camiño cara á literatura, na Facultade de Dereito da Universidade Nacional Autónoma de México, influíndoo notablemente o seu mestre don Manuel Martínez Pedroso, catedrático de Teoría do Estado e Dereito internacional. Dixo del: «Don Manuel foi unha das persoas máis sabias que coñecín.»
Licenciouse en dereito na Universidade Nacional Autónoma de México, e foi titular desa carreira na súa alma máter, na Universidade Veracruzana de Xalapa e na Universidade de Brístol. Foi membro do Servizo Exterior Mexicano desde 1960, para o que traballou como agregado cultural en París, Varsovia, Budapest, Moscova e Praga. O seu paso por Moscova afianzou nel a súa afección pola literatura rusa en xeral e por Antón Chéjov en particular.[5]
Ademais, residiu en Roma, Pequín e Barcelona por motivos de estudo e traballo. Nesta última cidade, viviu entre 1969 e 1972, e alí traduciu para varias editoriais, entre elas Seix Barral, Tusquets e Anagrama (a cal publica as súas obras en España). Viviu desde 1993 até a súa morte en Xalapa, capital do estado mexicano de Veracruz.
Pitol foi tamén coñecido polas súas traducións ao español de novelas de autores clásicos en lingua inglesa, como Jane Austen, Joseph Conrad, Lewis Carroll e Henry James, entre outros.
Empezou a publicar na madurez (No hay tal lugar, 1967). «Inicieime co conto e durante quince anos seguín escribíndoos. No conto fixen a miña aprendizaxe. Tardei moito en sentirme seguro.» Escribiu unha decena de libros antes de El arte de la fuga (1996), onde fixo un notable balance da súa traxectoria e creou un xénero narrativo-memorialístico moi persoal.[6] A difusión masiva da súa obra foi tardía.
O 23 de xaneiro de 1997, foi elixido membro correspondente da Academia Mexicana da Lingua.[7]
Faleceu o 12 de abril de 2018, aos 85 anos, por complicacións dunha afasia progresiva que o acompañaba desde había varios anos.
Acerca da súa obra
[editar | editar a fonte]Dentro da súa obra narrativa, pódense destacar dúas etapas:
Primeira época
[editar | editar a fonte]Iniciada cos seus primeiros contos, os de Tiempo cercado e Infierno de todos, marcada por sensacións nostálxicas e un tanto negativas, definida por el mesmo como un intento de escapar dun mundo asfixiado e enfermo. No período no que escribiu estes contos entregouse á lectura de William Faulkner, posto que nas súas novelas atopou un mundo co que sentía claramente identificado: o dos terratenentes do sur dos Estados Unidos despois da Guerra Civil, xente que vivía en grandes casas, que padecía enfermidades de todo tipo e vivía arruinada, sen lograr adaptarse ao mundo contemporáneo. Un mundo cheo de nenos que naceron despois do desastre: nenos orfos, enfermos, con medo.
Segunda época
[editar | editar a fonte]A segunda etapa coñécese como a das viaxes, onde o protagonista é unha especie de peregrino laico, un mozo ansioso por descubrir os misterios da natureza humana. Nesta etapa Sergio Pitol céntrase en profundar na psicoloxía dos personaxes, (a maioría mexicanos) expóndose algúns dilemas morais. Un exemplo característico sería o relato Cuerpo presente, co que precisamente se iniciou a segunda etapa. Nela, fai un rexistro dos personaxes e lugares que foi coñecendo, aínda que utilizase o lugar soamente como marco escénico.
Obras publicadas
[editar | editar a fonte]Obra completa de Sergio Pitol:[8]
- Libros de contos
- Tiempo cercado (1959)
- Infierno de todos (1971)
- No hay tal lugar (1967)
- Del encuentro nupcial (1970)
- Nocturno de Bujara (1981) reeditado por Anagrama como Vals de Mefisto, 1984, inclúe: "Mephisto-Waltzer", "El relato veneciano de Billie Upward", "Asimetría", "Nocturno de Bujara"
- Cementerio de tordos (1982)
- Cuerpo presente (1990)
- Un largo viaje (1999)
- Novela
- El tañido de una flauta (1972)
- El desfile del amor (1984)
- Juegos florales (1985)
- Domar a la divina garza (1988)
- La vida conyugal (1991), adaptada ao cine
- Ensaio
- Los climas (1972)
- De Jane Austen a Virginia Woolf: seis novelistas en sus textos (1975)
- La casa de la tribu (1989)
- Juan Soriano: el perpetuo rebelde (1993)
- Adicción a los ingleses: vida y obra de diez novelistas (2002)
- De la realidad a la literatura (2003)
- El tercer personaje, ensayos (2013)
- Memoria
- El arte de la fuga (1996)
- Pasión por la trama (1998)
- El viaje (2000)
- El mago de Viena (2005)
- Una autobiografía soterrada (2010)
- Memoria: 1933-1966 (2011)
Premios e distincións
[editar | editar a fonte]- Premio Xavier Villaurrutia 1981 por Nocturno de Bujara[9]
- Premio da revista Aventura y Misterio, polo conto Amelia Otero (1957)
- Premio Rodolo Goes, do INBA, pola novela El tañido de una flauta (1973)
- Premio A Palabra e o Home polo conto Asimetría (1980)
- Premio Nacional de Literatura (1983)
- Premio Nacional Francisco Xavier Clavijero 2002 (2003)
- Premio Juan Rulfo (1999)
- Premio Internazionale Bellunesi che Hanno Onorato a Provincia in Italia e nel Mondo (Venecia) (2000)
- Premio Belas Artes de Narrativa Colima para Obra Publicada 1982
- Premio Herralde de novela por El desfile del amor (1984)
- Premio Nacional de Ciencias e Artes na área de Lingüística e Literatura 1993
- Premio Mazatlán de Literatura 1997 por El arte de la fuga
- Premio Mazatlán ao mellor libro por dous anos consecutivos (1996 e 1997)
- Premio de Literatura Latinoamericana e do Caribe Juan Rulfo 1999
- Distinción Honoris Causa, outorgada pola Universidade Autónoma Metropolitana (1998)
- Premio Miguel de Cervantes 2005[10]
- Premio Internacional Alfonso Reyes 2015
- Premio Roger Caillois 2006
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Sergio Pitol, visionario marcado por los viajes - La Jornada". www.jornada.com.mx. Consultado o 2020-12-09.
- ↑ "Los días y las señas". www.reforma.com (en castelán). Consultado o 2020-12-09.
- ↑ Premios Cervantes, 1976-2005, Universidade de Alcalá
- ↑ El caldero fáustico: la narrativa de Sergio Pitol, p. 209.
- ↑ "Letras Libres". Letras Libres (en castelán). Consultado o 2020-12-09.
- ↑ Monsiváis, Carlos (2005-10-07). "Sergio Pitol: “La novela es un género que lo acepta todo”". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2020-12-09.
- ↑ "Academia Mexicana de la Lengua - Miembros". web.archive.org. 2010-01-09. Archived from the original on 09 de xaneiro de 2010. Consultado o 2020-12-09.
- ↑ Véxase a "Bibliografía de Sergio Pitol" en Benmiloud, Karim, e Raphaël Esteve. El planeta Pitol. Bordeaux: Presses Universitaires de Bordeaux, 2012, pp. 351-354
- ↑ "Premio Xavier Villaurrutia". www.epdlp.com. Consultado o 2020-12-09.
- ↑ "Premio "Miguel de Cervantes"". web.archive.org. 2015-09-08. Archived from the original on 08 de setembro de 2015. Consultado o 2020-12-09.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- José Balza, Victoria de Stefano, Anamari Gomis, et alii. Sergio Pitol, los territorios del viajero. México, ERA, 2000.
- Karim Benmiloud. Sergio Pitol ou le carnaval des vanités. París, Presses Universitaires de France, 2012.
- Karim Benmiloud, Raphaël Estève (dir.). El planeta Pitol. Bordeaux, Presses Universitaires de Bordeaux, 2012.
- José Bru (comp.). Acercamientos a Sergio Pitol. Guadalajara, Universidad de Guadalajara, 1999.
- Maricruz Castro Ricalde. Ficción, narración y polifonía: el universo narrativo de Sergio Pitol. México: Universidad Autónoma del Estado de México, 2000.
- Laura Cazares Hernández. El caldero fáustico: la narrativa de Sergio Pitol. México, UAM, 2000.
- (VV.AA.). Texto crítico n° 21, Xalapa, Universidad Veracruzana, abr.-jun. 1981.
- Pedro M. Domene. Sergio Pitol: el sueño de lo real. Batarro (revista literaria) n° 38-39-40, 2002.
- Luz Fernández de Alba. Del tañido al arte de la fuga. Una lectura crítica de Sergio Pitol. México, UNAM, 1998.
- Teresa García Díaz. Del Tajin a Venecia: un regreso a ninguna parte. Xalapa, Universidad Veracruzana, 2002.
- Teresa García Díaz (coord.). Victorio Ferri se hizo mago en Viena (sobre Sergio Pitol). Xalapa, Universidad Veracruzana, 2007.
- Alfonso Montelongo. Vientos troqueles: la narrativa de Sergio Pitol. Xalapa, Universidad Veracruzana, 1998.
- José Luis Nogales Baena. Hijo de todo lo visto y lo soñado: La narrativa breve de Sergio Pito. Sevilla, Consejo Superior de Investigaciones Científicas, Editorial Universidad de Sevilla, Deputación de Sevilla, 2019.
- Renato Prada Oropeza. La narrativa de Sergio Pitol: los cuentos. Xalapa, Universidad Veracruzana, 1996.
- Eduardo Serrato (comp.). Tiempo cerrado, tiempo abierto. Sergio Pitol ante la crítica. México, ERA - UNAM, 1994.
- Hugo Valdés Manríquez. El laberinto cuentístico de Sergio Pitol. Monterrey, Goberno do Estado de Nuevo León, 1998.