[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Reino de Gwynedd

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaReino de Gwynedd
Gwynedd (cy) Editar o valor en Wikidata

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 52°50′00″N 3°55′00″O / 52.833333, -3.916667
Poboación
Lingua oficiallingua galesa Editar o valor en Wikidata
Relixióncristianismo celta e catolicismo Editar o valor en Wikidata
Datos históricos
Precedido por
Creaciónséculo V Editar o valor en Wikidata
Disolución1216 (Gregoriano)
1216 Editar o valor en Wikidata
Sucedido porPrincipado de Gales Editar o valor en Wikidata
Moedaceiniog (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata

O reino de Gwynedd (pr. [ˈɡwɪnɛð]) é un dos pequenos reinos que formaban Gales na Idade Media. Xurdiu no século V na Britania posromana. Tiña a súa base nas antigas terras britanas de tribos celtas como ordovicos, ganganos e os deceanglos, colectivamente coñecidas como Venedotia nos documentos romano-británicos tardíos. Entre os séculos V e XIII, Gwynedd creceu ata incluír Anglesey e todo Gales do Norte entre o río Dyfi no sur e o río Dee (en galés, Dyfrdwy) no nordés.[1] O mar de Irlanda (Môr Iwerddon) baña as costas de Gwynedd polo oeste e o norte, mentres que as terras que foron parte do Reino de Powys limitan con Gwynedd ao sueste.

Parte da forza de Gwynedd residía en parte na montañosa xeografía da rexión, que facía difícil para os invasores acampar e impor a súa vontade efectivamente.[2]

Reinos galeses 400-800
(O mapa orixinal apud William Rees 1959
reprodución en 'Hanes Cymru' de John Davies )

Unha tradición popular atribuída a Nennio, un cronista galés do século X, atribúe a fundación de Gwynedd a Cunedda.[3] Segundo Nennio, Cunedda migrou cos seus fillos e simpatizantes desde a rexión celta de Lothian, ao sur de Escocia, no século V.[1]

A corte principal de Gwynedd atopábase orixinalmente en Deganwy, onde estaba a fortaleza de Maelgwn Gwynedd (morto en 547). A liña principal de descendentes de Rhodri o Grande convertería a Aberffraw en Ynys Mon na súa principal sede ata 1170, mentres que os gobernantes posteriores de Gwynedd adoptarían o título de "Príncipe de Aberffraw" ou "Señor de Snowdon". No século XIII Llywelyn Fawr, o seu fillo Dafydd ap Llywelyn e o seu neto Llywelyn ap Gruffydd terían o seu fogar en Abergwyngregyn na costa norte.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Segundo John Koch e outros historiadores, o nome latino Venedotia, de onde deriva o galés "Gwynedd"[4][5] procede da palabra irlandesa "Feni", referido a un grupo específico de poboación na illa e máis tarde usado para designar á poboación irlandesa en xeral e aos homes libres, non escravos, en particular. Sábese que os irlandeses, especialmente os Laigin, conquistaron e colonizaron amplas zonas do norte de Gales entre mediados do século IV e comezos do V.[6]

Alternativamente o nome Gwynedd pode proceder do britano Ueneda, equivalente ao gaélico Fenia (que dá lugar a fiana, banda de guerreiros en irlandés antigo - e. f. Finn e os seus guerreiros). A súa tradición aproximada sería "Terra das bandas guerreiras".[7]

Calquera que sexa a etimoloxía exacta, unha lápida de finais do século V agora na igrexa de Penmacho parece ser o rexistro máis antigo do nome.[1] Conmemora a un nome chamado Cantiorix e a inscrición latina é: "Cantiorix hic iacit/Venedotis cives fuit/consobrinos Magli magistrati". ("Cantorix xace aquí. Foi cidadán de Gwynedd e primo de Maglos o maxistrado").[1] As referencias a "cidadán" e "maxistrado" suxiren que as institucións romanas perviviran en Gywnedd tras a marcha das lexións.[1]

Gwynedd na Alta Idade Media

[editar | editar a fonte]

Os fillos de Cunedda

[editar | editar a fonte]

Ao final do período romano, as zonas occidentais de Britania que permaneceran baixo control militar regresaron rapidamente a unha situación de pequenos reinos e tribos. Asaltantes irlandeses, como os Uí Liatháin e os Laigin azoutaban as costas saqueando as poboacións costeiras e facendo prisioneiros para usalos como escravos, pero progresivamente foron asentándose e colonizando amplas zonas do territorio entón coñecido como Venedotia e posteriormente Gwynedd, en especial Llŷn, as costas de Arllechwedd, Arfon e a illa de Mona. Conta a lenda, apoiada por algúns escritos posteriores, que un príncipe chamado Cunedda (moderno "Kenneth") do distante territorio de Manaw Gododdin, probablemente un refuxiado das guerras cos pictos foi enviado a "liberar" estas terras do acoso irlandés en trono ao ano 450. El e os seus fillos expulsaron os irlandeses e á súa morte o reino foi dividido entre os seus fillos segundo a tradición britana. Desta repartición proveñen as antigas divisións de Gwynedd; o seu fillo Dofael recibiu Dogfeiling (Dogfelion)[8], Ceredig herdou Ceredigion e así sucesivamente. Einion Yrth botou aos últimos irlandeses de Môn en 470 e o seu fillo Cadwallon Lawhir consolidou o reino de Gwynedd durante o período de relativa paz que seguiu á Batalla do Monte Badon, na que os anglosaxóns sufriron unha esmagadora derrota. Durante estes anos, conseguiu establecer un reino poderoso.

Despois de Cadwallon, Gwynedd gozou dunha posición preeminente entre os pequenos estados cambrianos do período posromano. Un bisneto de Cunedda, Maelgwn Hir (Maelgwn o Alto), converteuse nun dos máis famosos (ou infames) líderes da historia galesa. Hai varias lendas sobre a súa vida acerca de milagres realizados por el ou na súa presenza. Atribúeselle a celebración da primeira Eisteddfod e é un do cinco reis celtas castigados polos seus pecados polo escritor Xildas, contemporáneo dos feitos (que se refire a el como Maglocunus, 'Príncipe-Sabuxo' en britano) en De Excidio et Conquestu Britanniae. Maelgwn foi descrito curiosamente como "o dragón da illa" por Xildas, en referencia posibelmente a un título (Pendragon?), pero sen dúbida á súa condición de rei britano máis poderoso de Gran Bretaña.

"...ti, o último do que escribo pero o primeiro e maior en maldade, máis que moitos en habilidade, pero tamén en maldade, máis xeneroso no dar pero tamén máis liberal no pecado, forte na guerra pero máis forte para destruír a túa alma...."
Gildas Sapiens, De Excidio et Conquestu Britanniae

Maelgwn morreu en 547 por mor da peste, provocando unha crise sucesoria. O seu xenro Elidyr Mwynfawr do Reino de Strathclyde reclamou o trono e invadiu Gwynedd para desprazar ao fillo de Maelgwn, Rhun Hir. Elidyr morreu no intento, pero a súa morte foi vingada polos seus parentes, que arrasaron as costas de Arfon. Rhun contraatacou e resarciuse nas terras dos seus inimigos no que é agora Escocia central. As enormes distancias percorridas polos exércitos suxiren que se moveron a través do Mar de Irlanda, aínda que como case toda a zona do Norte de Inglaterra estaba nestes anos baixo control britano é posíbel que os exércitos se desprazasen a pé. Rhun regresou a Gwynedd e o resto do seu reinado foi moito máis tranquilo. Sucedeuno o seu fillo Beli ao redor de 586.

No momento de ascensión do fillo de Beli, Iago en 599, a situación en Britania deteriorouse significativamente. Gran parte da área hoxe coñecida como Norte de Inglaterra fora ocupada polos anglos de Deira e Bernicia e que acabarían creando Northumbria. Entón, Gwynedd e o seu veciño Powys decidiron unir esforzos para parar o avance anglo, pero foron derrotados na batalla de Chester en 613. Tras este desastre, establecéronse os límites aproximados de Gales do Norte, con Caerlleon (actual Chester) e a chaira de Cheshire baixo control anglosaxón. Máis importante aínda foi o illamento ao que quedaron sometidos os britanos de Gales con respecto aos seus parentes de Cumbria e Strathclyde

Cadwallon ap Cadfan

[editar | editar a fonte]
Lápida de Cadfan ap Iago, pai de Cadwallon ap Cadfan.

A batalla de Chester non acabaría coa capacidade galesa para ameazar Inglaterra. Cadwallon ap Cadfan (624-634), neto de Iago ap Beli foi un dos reis máis poderosos de Gran Bretaña na época. Nos seus primeiros anos embarcouse nunha campaña inicialmente desastrosa contra o Reino de Northumbria que, tras unha serie de derrotas, o levou a se exiliar primeiro en Mona e logo en Ynys Glannauc antes de ir a Dublín, alén do Mar de Irlanda. Cadwallon conseguiu recrutar un grande exército e, tras unha breve estancia en Guernsey, invadiu Dumnonia, liberando aos córnicos da ocupación imposta polo rei anglosaxón Penda de Mercia e obrigando a este a se aliar con el contra Northumbria. Cadwallon atacou os seus antigos inimigos, esnaquizando os seus exércitos e matando varios dos seus reis. Nesta furiosa campaña arrasou Northumbria, capturou e saqueou York en 633 e controlou brevemente o reino. Fontes contemporáneas afirman que masacrou tantos anglosaxóns que pensaban que quería exterminalos. Probabelmente tiñan razón

"...non perdoou ao sexo feminino nin a idade inocente dos nenos, senón que con salvaxe crueldade someteunos a mortes tormentosas, saqueando toda a terra durante longo tempo, e decidiu extirpar a raza dos ingleses dos límites de Bretaña."
Beda (Historia ecclesiastica gentis Anglorum)

Con todo, isto acabaría coa súa morte na batalla de Heavenfield no ano 634 xunto ao Muro de Adriano. Grazas a estas accións, el e o seu fillo Cadwaladr Fendigaid foron considerados os dous últimos Reis Supremos de Bretaña. O reinado de Cadwaladr estivo marcado pola estabilidade e pola súa devoción á igrexa, o que lle valeu o título de Fendigaid ou "bendito".

Rhodri o Grande e a primacía de Aberffraw

[editar | editar a fonte]

Durante finais do século IX e o século X as áreas costeiras de Gwynedd, especialmente Anglesey, comezaron a sufrir de forma progresiva o azoute viquingo do mesmo xeito que o resto de Europa. A casa de Cunedda por liña masculina extinguiuse definitivamente á morte de Hywel ap Rhodri Molwynog en 825 e, segundo palabras de John Lloyd, "un estraño ocupou o trono de Gwynedd."[9]

Este "estraño" era Merfyn Frych. Con todo, ao examinar a liñaxe de Merfyn, este non foi un estraño, xa que descendía directamente da antiga liña de sucesión. Todas as fontes están de acordo en que era fillo de Esyllt, herdeira e sobriña de Hywel ap Rhodri Molwynog, e que por liña paterna era un dos Homes do Norte e descendente directo de Coel Hen.[10] Así, a Casa de Cunedda e a nova de Aberffraw, como se coñecería aos descendentes de Merfyn, terían a Coel Hen como devanceiro común.

Merryn casou con Nest ferch Cadell, irmá de Cyngen ap Cadell rei de Powys, fundando a Casa de Aberffraw onde se atopaba a corte principal. Parece moi probábel que durante o reinado de Merfyn e os seus sucesores se recompilasen e se transcribisen as tradicións e lendas do norte.[11]

Rhodri o Grande (844 - 878), fillo de Merfyn e Nest conseguiu incorporar Powys despois de que o rei (tío materno seu) falecese durante a súa peregrinación a Roma en 855. Máis tarde, Rhodri casaría coa filla de Gwon de Seisyllwg e á morte deste, Rhodri anexionouse as súas terras. Isto converteuno no primeiro gobernante desde os días de Cunedda en controlar a maior parte de Gales.

Á morte de Rhodri en 878, a relativa unidade de Gales volveu a romperse e unha vez máis os territorios foron divididos entre os seus fillos. O seu primoxénito, Anarawd ap Rhodri herdou Gwynedd e consolidou a primacía de Aberffraw.

A partir de entón, a Casa de Aberffraw reclamaría primacía sobre outros señoríos galeses, incluíndo os poderosos principados de Powys e Deheubarth.[12][13]

A Casa de Aberffraw foi desprazada en 942 por Hywel Dda, un dos descendentes máis novos de Rhodri e rei de Deheubarth cando Idwal Foel, rei de Gwynedd se levantou contra Edmundo I de Inglaterra. Idwal e o seu irmán morreron en batalla contra Edmund e, segundo o costume, a coroa de Idwal pasaría aos seus fillos Ieuaf e Iago ab Idwal, pero Hywel anticipouse e exiliou aos seus curmáns en Irlanda para se erixir en gobernante de Gwynedd en 950 cando foi restaurada a Casa de Aberffraw.

Entre 986 e 1081 o trono de Gwynedd estivo en constante disputa entre os reis legais e os usurpadores. Un deles, Gruffud ap Llywelyn, orixinario de Powys, desprazou á liña de Aberffraw de Gwynedd e en 1055 converteuse en rei da maior parte de Gales. Chegou a ameazar o poderío inglés e anexionouse algúns territorios veciños grazas ás súas vitorias militares. Foi derrotado finalmente por Harold Godwinson en 1063 e logo asasinado polos seus propios homes nun trato para asegurar a paz con Inglaterra. Bleddyn ap Cynfyn e o seu irmán Rhiwallon, da Casa de Mathrafal de Powys e medio irmáns de Gruffud chegaron a un acordo con Harold e fixéronse co poder de Powys e Gwynedd.

Pouco despois da conquista normanda de Inglaterra en 1066 os normandos comezaron a meter presión a fronteira oriental de Gwynedd. Víronse favorecidos polas disputas internas que xurdiron tras o asasinato de Bleddyn ap Cynfyn en 1075 a mans do seu primo Trahaearn ap Caradog. Trahaearn fíxose co trono, pero atopouse coa oposición de Gruffydd ap Cynan, neto exiliado de Iago ab Idwal que se criara en Dublín. En 1081 Trahaearn morreu en batalla contra Gruffyd e foi restaurada a liña sucesoria de Rhodri Mawr.

Gwynedd na Plena Idade Media

[editar | editar a fonte]

Ver tamén Gales e os normandos: 1067-1283

The persoal coat of arms of Gruffydd ap Cynan were: Gules, three lioncels passant, in pale Argent, armed Azure

Gruffydd ap Cynan

[editar | editar a fonte]
Wales c. 1063-1081

A dinastía de Aberffraw foi deposta en varias ocasións por rivais procedentes de Deheubarth, Powys e Inglaterra durante os séculos X e XI. Gruffydd I ap Cynan (1055–1137), que se educou no exilio en Dublín recuperou o poder tras a súa vitoria na Batalla de Mynydd Carn en 1081 fronte aos seus rivais da Casa de Mathrafal, por aquel entón no trono de Gwynedd.[2][14] Con todo, a vitoria de Gruffyd apenas puido ser saboreada, xa que os normandos invadiron Gales tras sufocar a revolta saxoa no norte de Inglaterra coñecida como o Masacre do Norte.

Pouco despois de Mynydd, Gruffyd foi apresado con enganos por Hugo o Gordo preto de Corwen[2][14][15] Hugo reclamaba o Perfeddwlad ata o río Clwyd (actuais condados de Denbighshire, Flintshire e Wrexham), e contemplaba a restauración dos Aberffraw como unha ameaza.[14] Os avances normandos alcanzaron a Península de Llyn en 1090 e[14] para 1094, case todo Gales fora ocupado polos invasores.[14] Con todo, aínda que foron erixidos numerosos castelos, o control normando foi tenue.[14] Dirixidos polas dinastías históricas e motivados pola rabia contra os invasores, os galeses recuperáronse case por completo ao redor de 1100.[14]

Nun esforzo por consolidar o seu control sobre Gwynedd, Hugo de Chester fixo elixir Bispo de Bangor en 1092 a Hervé le Breton.[16] Esperábase que un prelado leal aos normandos sobre a independente igrexa de Gwynedd podería axudar a pacificar á poboación local. Hervé recoñeceu a primacía do Arcebispado de Canterbury sobre a sede de Bangor, un recoñecemento que fora negado ata aquel entón pola diocese galesa.

Con todo, os párrocos galeses mostráronse hostís a Hervé, e o bispo viuse obrigado a levar espada e confiar nos cabaleiros normandos para a súa protección.[17][18]

Gruffyd escapou da súa prisión en Chester e matou a Robert de Rhuddlan en Degawny o 3 de xullo de 1093.[15] En 1095 recuperou Gwynedd e en 1098 uniuse a Cadwgan ap Bleddyn de Powys, aparcando a tradicional rivalidade dinástica.[2][14] Gruffyd e Cadwgan lideraron a resistencia á ocupación normanda no norte e o centro de Gales.[2][14] Con todo, Hugo de Chester e Hugo de Montgomery, conde de Shrewsbury conseguiron alcanzar o estreito de Menai, obrigando a Gruffyd e Cadwgan a refuxiarse na Illa de Mona, e fuxir posteriormente a Irlanda.[2][14]

Pero a finais de 1098 Gruffyd e Cadwgan desembarcaron novamente en Gales e recuperaron Ynys Môn. Hervé le Breton abandonou Bangor e fuxiu a Inglaterra, e durante o seguintes tres anos Gruffyd recuperou Gwynedd ata o Conwy, derrotando a Hugo de Chester.[2] Tras a morte de Hugo en 1101, Gruffyd e Cadwgan asinaron a paz con HHenrique I; Gruffyd asegurouse o dominio do alto Gwynedd ata o río Conwy[2] e Cadwgan recuperou Ceredigion e parte dos seus territorios en Powys.[2]

Co acordo alcanzado entre HHenrique I, Gruffydd e outros señores galeses, entrou en vigor a división de Gales entre Pura Wallia, baixo control galés e Marchia Wallie, baixo control normando.[19] A fronteira permaneceu máis ou menos estábel durante os seguintes douscentos anos.[19]

Tras varias xeracións de guerra interminábel, Gruffyd iniciou a reconstrución de Gwynedd tratando de estabilizar o país.[14] Consolidou a súa autoridade no norte de Gales e ofreceu refuxio aos galeses desprazados do Perfeddwlad, especialmente de Rhos, naquela época continuamente acosado por Ricardo, conde de Chester.[20]

Alarmado pola crecente influencia de Gruffyd, HHenrique I lanzou unha campaña contra Gwynedd e Powys en 1116 co apoio de Alexandre I de Escocia.[2][14] Mentres que Owain ap Cadwgan de Ceredigion se refuxiaba nas montañas de Gwynedd, Maredudd ap Bleddyn de Powys asinaba a paz co rei inglés.[2] Ante o poderío normando, Owain e Gruffyd negociaron unha tregua; Owain recuperou o favor real sen excesivos problemas, mentres que Gruffyd se viu obrigado a render homenaxe e fidelidade e pagar unha forte multa, aínda que mantivo as súas terras e o seu prestixio.[20]

Esta invasión impactou profundamente a Gruffyd, que contaba máis de 60 anos en 1116.[2] Durante o resto da súa vida, aínda que continuaría gobernando Gwynedd serían os seus fillos Cadwallon, Owain, e Cadwaladr quen dirixirían as súas tropas.[2] A política de Gruffyd e os seus sucesores devolvería a Gwynedd a primacía en Gales, sen chegar a ameazar a coroa inglesa.[2][20]

Expansión de Gwynedd
[editar | editar a fonte]

En 1120, unha pequena guerra fronteiriza entre Llywarch ab Owain, señor dun pequeno territorio en Dyffryn Clwyd, e Hywel ab Ithel, señor de Rhufoniog e Rhos, enfrontou a Powys e Chester nos Perfeddwlad.[20] Powys apoiou a Rhufoniog con 400 soldados mentres que Chester enviou cabaleiros normandos desde Rhuddlan en apoio de Dyffryn Clwyd.[20] A sanguenta batalla de Maes Maen Cymro saldouse coa morte de Lywarch ab Owain e a derrota de Dyffryn Clwyd. O seu inimigo Hywel ab Ithel resultou mortalmente ferido.[20] e Rhufoniog e Rhos quedaron sen dono.[20] e Gruffydd I aproveitouse da debilidade de Powys e Chester para anexionalos.[20]

O Afon Conwy hoxe, fronteira tradicional entre o Alto e Baixo Gwynedd

Á morte de Einion ap Cadwgan, señor de Meirionydd, estalou unha contenda sucesoria entre os seus familiares.[20] Gruffyd autorizou aos seus fillos Cadwallon e Owain a que tentasen sacar proveito da oportunidade que lles ofrecía a situación de Meirionydd.[20] Os dous irmáns asaltaron Meirionydd,[20] pero este territorio non sería anexionado a Gwynedd ata 1136.[20] En 1124, Cadwallon eliminou os gobernantes de Dyffryn Clwyd polo apoio prestado ao conde Hugo de Chester, convertendo o Cantref en vasalo de Gwynedd[20] e en 1125 Cadwallon matou os netos de Edwin ap Goronwy de Tegeingl, deixando Tegeingl sen señor.[21] Con todo, en 1132 Cadwallon resultou vencido e morto nunha campaña contra Powys en Nanheudwy, preto de Llangollen.[20]

En 1136 Gwynedd lanzou unha campaña contra os normandos en represalia pola execución de Gwenllian ferch Gruffydd ap Cynan, esposa do Príncipe de Deheubarth e filla de Gruffyd. Owain e Cadwaladr invadiron Ceredigon e tomaronLlanfihangle, Aberystwyth, e Llanbadarn.[22][23]

A finais de setembro de 1136, un grande exército galés formado por tropas de Gwynedd, Deheubarth e Powys derrotou aos normandos na batalla de Crug Mwar en Cardigan Castle.[22] A batalla concluíu cunha gran derrota normanda.[22]

Gruffydd was interned in Bangor Cathedral, Gwynedd's Episcopal see

Cando Gruffyd morre en 1137, os seus fillos Owain e Cadwaladr atopábanse campeando en Ceredigion e conquistaran os castelos de Ystrad Meurig, Lampeter (Castelo de Stephen), e Castell Hywell (Castelo de Humphries)[22] Ningún exército estranxeiro era capaz de cruzar o Conwy ata o Alto Gwynedd. A estabilidade proporcionada por Gruffyd permitiu aos galeses de Gwynedd pensar no futuro sen medo a que os seus fogares e colleitas fosen destruídos por posíbeis ataques.[24]

Os asentamentos fixéronse máis permanentes e as construcións de pedra substituíron as vellas estruturas de madeira. Construíronse numerosas igrexas de pedra ao longo de Gwynedd.[24] Gruffyd promoveu a primacía de Bangor en Gwynedd e puxo os cimentos da catedral de Bangor durante o episcopado de David o Escoto entre 1120-1139. Os seus restos foron depositados no presbiterio da Catedral de Bangor.[24]

O escudo persoal de armas de Owain Gwynedd

Owain Gwynedd

[editar | editar a fonte]

A Gruffydd sucedeuno o seu fillo Owain na maior parte do seu territorio segundo a lei galesa e adoptou o nome de Owain Gwynedd. Cadwaladr, o fillo máis novo, herdou o Aberffraw en Anglesey, Meirionydd e o norte de Ceredigion entre os ríos Aeron e Dyfi.[25]

En 1141 Cadwaladr e Madog ap Maredd de Powys loitaron xunto ao conde de Chester en Lincoln e formaron parte do grupo que apresou a Estevo de Blois.[26] Con todo, Owain non participou na batalla e a maior parte do exército de Gwynedd quedou na casa.[26] Owain, prudente e reservado, puido considerar que a restauración da Emperatriz Matilde reforzaría o poder real en Inglaterra e o poder dos Lores das Marcas, que se reduciu desde a usurpación de Estevo.

Owain e Cadwaladr enfrontáronse en 1143 cando Cadwaladr estivo implicado no asasinato de Anarawd ap Gruffydd de Deheubarth na véspera do seu matrimonio coa filla de Owain,[27][28] xa que o asasinato de Anarawd puña en perigo a política matrimonial de alianzas de Owain.[23] Cadwaladr fuxiu a Irlanda e contratou unha frota viquinga que levou a Abermenai para meter presión a Owain.[27] Aproveitando a situación, os Lords das Marcas atacaron Gales,[28] o que uniu novamente a Owain e Cadwaladr, que recuperou as súas terras.[27][28] Despois de novos enfrontamentos e pactos, finalmente Cadwaladr viuse obrigado a se exiliar en Inglaterra en 1153.[27][28]

En 1146 falecía Rhun, primoxénito e herdeiro de Owain. Owain caeu nunha profunda melancolía. Entre 1148e 1151 Owain enfrontouse ao seu xenro Madog ap Maredudd de Powys e ao conde de Chester polo control de Iâl e logrou asegurar Rhuddlan Castle e todo Tegeingl desde Chester.[29]

Tras tres anos consolidando o vasto Imperio Anxevino, Henrique II decidiu atacar a Owain en 1157 coa axuda de Powys e do medio irmán de Owain, Cadwaladr.[30] Henrique partiu cara a Gales desde Chester tratando de capturar a Owain, que conseguiu emboscar ao grupo do rei,[30] que só salvou a súa vida grazas á intervención de Roger de Clare, conde de Hertford.[30] Eludindo o enfrontamento directo, Owain cara ao oeste, deixando o camiño libre para que Henrique entrase en Rhuddlan "ingloriosamente".[30]

Henrique esperaba atoparse cunha escuadra naval dirixida por Henrique FitzRoy, tío do rei, pero a expedición desviouse a Mona[30] onde foron derrotados polos nativos.[30] Isto convenceu a Henrique II de que "fora tan lonxe como era práctico" e ofreceu a paz ao príncipe. Owain I, que necesitaba tempo para se consolidar, accedeu aos termos.[30] Presentou homenaxe e xurou lealdade ao rei e devolveu Tegeingle e Rhuddlan a Chester, e as propiedades en Gwynedd ao seu irmán.[30]

A morte de Madog ap Meredudd de Powys en 1160 permitiu a Owain I aumentar a súa influencia a expensas de Powys.[31] En 1162 conseguiu apropiarse os cantrefi de Cyfeiliog e Arwystli en Powys.[31] Fronte á súa estratexia, Rhys ap Gruffyd, príncipe de Deheubarth levantouse contra os normandos no sur de Gales en 1162, obrigando a Henrique II a viaxar a Inglaterra desde o continente.

Cando en 1163 Henrique se enfrontou con Thomas Becket, Owain I e Rhys ap Gruffyd de Deheubarth aproveitaron para iniciar unha rebelión contra Henrique II.[31][32] O rei inglés, que perdoara a Rhys pola súa revolta do ano anterior, reuniu un inmenso exército, apoiado por unha frota nórdica contratada en Dublín.[31]

O exército anxevino representaba a maior forza utilizada contra Gales, o que uniu aínda máis aos príncipes galeses.[33] Owain reuniu ás súas tropas en Edeyrion para tratar de resistir o avance de Henrique.[33] Os anxevinos avanzaron desde Oswestry cara a de Mur Castell a través das montañas e do bosque de Ceiriog Valley, onde tiveron que marchar en columnas estreitas.[33] Owain I hostigó ao exército normando[33] e Henrique II ordenou despexar o bosque.[33] Aínda por riba, as grandes choivas daquel ano converteron o campamento anxevino nunha marisma, segundo Lloyd.,[33] o que desmoralizou aínda máis ao exército inglés. Á vista das circunstancias, Henrique II decidiu retirarse sen conseguir ningún resultado positivo.[33]

O rei abandonou todo plan para conquistar Gales, regresando a Anjou. Non volvería pisar Inglaterra ata catro anos máis tarde. Owain aproveitou para lanzar unha ofensiva diplomática enviando unha embaixada a Lois VII de Francia encabezada polo bispo de Bangor coa misión de negociar unha alianza contra Henrique II,[32] inmerso na súa loita contra Thomas Beckett.

Nos seus últimos anos Owain I era mencionado como princeps Wallensium (príncipe de Gales), un título gañado polo seu liderado en Gales e a súa vitoria contra os ingleses, segundo John Davies.[34]

Guerra civil e usurpación 1170-1195

[editar | editar a fonte]

Á morte de Owain en novembro de 1170, dúas faccións rivais da familia reinante disputáronse o trono. Durante a súa vida Owain favorecera claramente aos seus fillos maiores, nacidos de Pyfog a irlandesa; no entanto, os anais afirman que estes dous fillos, Rhun e Hywel, eran ilexítimos. Tanto Owain como o seu pai recibiran considerábel apoio dos seus familiares en Dublín e parece posíbel que Owain confiase en manter estes contactos nomeando sucesor a un dos seus fillos con Pyfog. Sabemos que en 1146, Rhun, o primoxénito, morreu misteriosamente e o seu irmán Hywel foi proclamado novo herdeiro.

Hywel ab Owain Gwynedd sucedeu ao seu pai en 1170 e inmediatamente estalou unha guerra civil entre os proirlandeses partidarios de Hywel e unha coalición anti-irlandesa encabezada por Iorwerth Drwyndwn e Cristin ferch Goronwy ab Owain, viúva de Owain. Poucos meses despois da sucesión, Hywel morreu na batalla de Pentraeth en 1171. Iorwerth resultou gravemente ferido e quedou fóra da loita (morrería en 1174), deixando a Dafydd como principal líder da facción vencedora, que se repartiría Gwynedd.

En 1175 Dafydd converteríase en señor de todo Gwynedd tras eliminar os seus outros rivais e encarcerar ao seu irmán Rhodri. Tratou de fortalecer a súa posición chegando a un acordo con Henrique II. Concertouse o matrimonio de Dafydd con Emma de Anjou, medio irmá do rei inglés, aínda que non se concedeu a Dafydd recoñecemento da súa posición no norte. Segundo o Brut y Tywysogion, isto foi feito para pacificar a situación, pero antes de 1176, Rhodri escapou do seu cativerio e expulsou a Daffyd de Anglesey. Os irmáns decidiron repartirse Gwynedd, correspondendo a Dafydd o territorio entre o Conwy e o Dee, coñecido como Gwynedd Is Conwy, mentres que Anglesey e Gwynedd Uwch Conwy quedaban en poder de Rhodri. A partir dese momento, Dafydd permaneceu tranquilo no seu reino o que foi visto como unha cualidade polos seus contemporáneos como Giraldus Cambrensis.

Rhodri viuse envolto en continuas disputas internas polas que foi expulsado en varias ocasións do trono entre 1190 e 1194.

O peor inimigo de Dafydd foi o seu sobriño Llywelyn ap Iorwerth, nacido probabelmente en 1173 e fillo de Iorwerth Drwyndwn. O futuro Llywelyn o Grande conspirou cos seus curmáns Gruffudd e Maredudd e o seu tío Rhodri e en 1194 derrotou e expulso do trono a Dafydd na batalla de Aberconwy.

Armas persoais de Llywelyn o Grande.

Llywelyn o Grande

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Llywelyn o Grande.

Llywelyn converteuse en gobernante único de Gwynedd en 1200, tras o que asinou un acordo con Xoán de Inglaterra. Llywelyn casou cunha filla ilexítima de Xoán e, cando o rei inglés arrestou a Gwenwynwyn ab Owain de Powys en 1208, aproveitou para anexionarse Powys. Porén, en 1211 as relacións entre ambos se deterioraron e Xoán invadiu Inglaterra e Llywelyn entregou os territorios ao leste do Conwy. En 1215, o príncipe galés aliouse cos baróns que obrigaron a asinar a Xoán a Carta Magna en 1215.

Á morte de Xoán, Llywelyn asinou o Tratado de Worcester con Henrique III en 1218. Durante os anos seguintes sucedéronse as loitas entre Llywelyn, os señores das marcas e o rei. Na Paz de Middle de 1234 acordouse unha tregua que se mantería durante o resto do reinado de Llywelyn.

Llywelyn estaba decidido a impor o dereito dos fillos lexítimos na lei de sucesión galesa para situar a Gwynedd na mesma situación que o resto de países cristiáns. Con todo, ao promover ao seu fillo máis novo Dafydd provocou a reacción dos partidarios do sistema tradicional, que apoiaban ao seu fillo máis vello Gruffyd. Porén, con Gruffyd prisioneiro, esta reacción non chegaría moi lonxe. Aínda que Dafydd perdeu a un dos seus defensores máis importantes coa morte da súa nai en 1237, conservou o apoio de Ednyfed Fychan, Senescal de Gwynedd e moi influente politicamente. Llywelyn sufriu unha parálise ese mesmo ano, e Dafydd foi adquirindo maior peso nas tarefas de goberno, facéndose cargo de Gwynedd á morte do seu pai tres anos despois.

Armas usadas por Dafydd ap Llywelyn.

Dafydd ap Llywelyn

[editar | editar a fonte]

Aínda que Henrique III aceptara as pretensións de Dafydd ao trono de Gwynedd, non estaba disposto a que puidese manter as conquistas do seu pai fóra de Gwynedd. En 1241 o rei invadiu Gwynedd, e obrigou a Dafydd a someterse a finais de agosto. Segundo o Tratado de Gwerneigron, abandonou todas as terras fóra de Gwynedd e entregou ao rei ao seu medio irmán Gruffydd, que continuaba en prisión. Henrique III considerouno unha arma útil contra Dafydd, xa que podía ser un rival para Dafydd en Gwynedd; con todo, Gruffyd morreu ao tentar escapar da Torre de Londres en marzo de 1244, ao tentar descender por unha saba anoada e caer ao baleiro.

Morto o seu principal inimigo, Dafydd aliouse con outros reis galeses e iniciou unha campaña contra a ocupación inglesa de Gales. Tras violentas loitas, a campaña conseguiu o éxito, aínda que a morte repentina de Dafydd detivo as operacións. Morto sen sucesión, o trono pasou a mans dos fillos de Gruffyd, Owain Goch ap Gruffydd e Llywelyn ap Gruffydd que se dividiron o reino entre eles.

Armas usadas por Llywelyn ap Gruffydd.

Llywelyn ap Gruffydd

[editar | editar a fonte]

Llywelyn atopábase en Gwynedd no momento da súa elevación, e loitara xunto ao seu tío nas últimas campañas contra os ingleses. Isto deulle vantaxe sobre o seu irmán máis vello Owain, encarcerado en Inglaterra desde 1242. Owain regresou a Gwynedd -aparentemente "escapou" ou foi liberado de Chester xusto á morte de Dafydd. Llywelyn e Owin chegaron a un acordo e repartíronse o reino.

En 1255 o seu irmán máis novo Dafydd ap Gruffydd chegou á maioría de idade e Henrique III, percibindo unha oportunidade para desestabilizar o reino, solicitou que tomase parte na división de Gwynedd. Llywelyn rexeitou esta petición, baseándose en que isto debilitaría aínda máis o reino e deixaríao en mans inglesas. Dafydd aliouse con Owain na Batalla de Bryn Derwin contra Llywelyn. Llywelyn venceu, apresou a Owain e confiscou as súas terras. Tamén encarcerou a Dafydd por un breve período de tempo antes de chegar a un acordo con el.

Llywelyn iniciou entón unha campaña contra os ingleses, conseguindo o apoio de Deheubarth e Powys, e sendo recoñecido como Príncipe de Gales pola maior parte do país. Mentres, en 1264 en Inglaterra a Segunda Guerra dos Baróns atopábase en pleno apoxeo coa batalla de Lewes. Llywelyn uniuse a Simon de Montfort na súa loita contra Henrique III. Aínda que Monfort faleceu pouco despois, a paz entre Inglaterra e Gales mantívose, e o Tratado de Montgomery recoñeceu a Llywelyn como Príncipe de Gales polo rei de Inglaterra.

Con todo, á morte de Henrique III a situación ía cambiar. En 1276 Llywelyn foi declarado rebelde por Eduardo I e a presión diplomática foi seguida por unha enorme invasión que rompeu a unidade galesa e capturou grandes áreas do territorio, obrigando a Llywelyn a asinar o Tratado de Aberconwy, no que se recortaba bastante o territorio galés.

Llywelyn pensou entón en estabilizar a súa sucesión coa súa nova esposa Leonor de Motfort, pero esta faleceu en 1282 ao dar a luz a unha filla Gwenllian ferch Llywelyn.

Pouco despois, estalou unha nova rebelión e Dafydd e Llywelyn uniron as súas forzas. En novembro de 1282, o Arcebispo de Canterbury John Pechkam visitou Gales do Norte para mediar entre Llywelyn e Eduardo I. Ofreceuse a Llywelyn mil libras ao ano e propiedades en Inglaterra se se sometía a Eduardo. Llywelyn rexeitou a proposta; un mes despois, o 11 de decembro de 1282, morría durante unha emboscada en Cilmeri. Pouco despois, as súas forzas foron derrotadas polos ingleses, que ocuparon Powys e Gwynedd oriental.

As armas usadas por Dafydd ap Gruffydd eran unha variante das armas de Aberffraw.

Dafydd ap Gruffydd

[editar | editar a fonte]

Tras estes sucesos, Dafydd ap Gruffydd foi proclamado príncipe de Gales e continuou a guerra con axuda dalgúns nobres locais.[35] Con todo, calquera tipo de resistencia era eliminada sistematicamente, o que obrigaba a Dafydd a desprazarse continuamente dun lugar a outro para evitar ser apresado polos ingleses.[36]

Finalmente, o 22 de xuño de 1283, Dafydd foi capturado nas proximidades de Bera Mawr, nun lugar chamado Nanhysglain. Dafydd, que fora traizoado, resultou gravemente ferido durante a loita. Isto significou o fin da resistencia organizada en Gales ata o levantamento de Madog ap Llywelyn once anos despois.

Dafydd foi levado a Eduardo a noite da súa captura e levado a Shrewsbury, onde en outubro foi colgado, destripado e descortizado. Os seus sucesores nunca foron liberados: os seus fillos Llywelyn e Owain no Castelo de Bristol; a súa filla e sobriña en priorados de Lincolnshire.

Fin da independencia

[editar | editar a fonte]

Coa morte de Llywelyn o Último Rei en 1282 e a execución do seu irmán Dafydd ao ano seguinte, púxose fin a oito séculos de independencia en Gwynedd, e o reino foi anexionado a Inglaterra. Os restantes membros da familia real foron arrestados e encarcerados durante o resto das súas vidas. Tras o Estatuto de Rhuddlan de 1284, Gwynedd dividido e reorganizado segundo o modelo inglés, creándose os condados de Anglesey, Carnarvonshire, Merionethshire, Denbighshire e Flintshire.

Pura Walia (Gwynedd máis Carmarthenshire e Cardiganshire) continuou sendo nominalmente un Principado gobernado por un Consello con sede en Ludlow como parte da coroa inglesa. O título de Príncipe de Gales foi outorgado por Eduardo I ao seu fillo, o príncipe Eduardo. As Marcas Galesas uniríanse co Principado en 1534 e en 1689 abolíronse definitivamente todas as institucións independentes de goberno.

Despois de 1284 houbo moitas rebelións que tiveron como base o territorio de Gwynedd, a maior parte encabezadas por membros de ramas colaterais da casa real. Foron especialmente importantes as encabezadas por Madoc ap Llywelyn en 1294 e a de Owain Lawgoch (sobriño-neto de Llywelyn ap Gruffydd) entre 1372-1378. A última revolta importante tivo lugar en 1400 cando Owain Glyndŵr de Powys se rebelou contra a Coroa, obtendo importantes apoios en Gwynedd.

Gobernantes de Gwynedd

[editar | editar a fonte]

Casa de Cunedda

[editar | editar a fonte]

Liña de Maelgwn Gwynedd.

Coa morte de Hywel, conclúe a liña masculina de Maelgwn Gwynedd e é sucedido por Merfyn, xa que a súa nai Esylit era a filla máis vella de Cynan Dindaethwy ap Rhodri, e sobriña de Hywel.

Casa de Manaw

Casa de Aberffraw

[editar | editar a fonte]

Usurpacións nos séculos X e XI

Restauración de Aberffraw

  • Gruffydd ap Cynan (1081–1137) (Retorno dos Aberffraw).
  • Owain Gwynedd ap Gruffydd (1137–1170) (A partir de Owain, os gobernantes de Gwynedd son chamados Princípe de Aberffraw e Señor de Snowdon).
  • Hywel ab Owain Gwynedd r. 1170; morto polo seu irmán máis novo Dafydd ab Owain nunha conspiración urdida pola súa madrasta Cristen, princesa viúva de Gwynedd, e os seus fillos Dafydd e Rhodri ab Owain.

Interregnum

Dafydd ab Owain usurpou o trono ao seu irmán Hywel ab Owain, e foi recoñecido como 'príncipe de Gwynedd' pola Coroa Inglesa. Con todo, o seu ascenso ao poder foi breve, xa que foi desprazados por outros irmáns e o trono de Gwynedd regresou finalmente a Llywelyn o Grande, herdeiro lexítimo de Owain Gwynedd.

  • Dafydd o Usurpador (1170–1195), desprazou ao primoxénito, pero foi á súa vez desprazado en 1195, gobernando só o baixo Gwynedd. Inglaterra recoñeceu a Dafydd como Príncipe de Gwynedd, non así os xuristas galeses.
    • Rhodri ab Owain Gwynedd (1170–1190) Gobernou o alto Gwynedd ata 1174.
    • Maelgwn ab Owain Gwynedd (1170–1173), gobernou Ynys Mon e apoiou as reclamacións do seu irmán máis vello Hywel ap Owain ao trono. Á morte de Hywel, Maelgwn conseguiu manter na súa poder Ynys Mon fronte a Dafydd o Usurpador.

Restauración da liña principal:

Trala Conquista

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Davies, John, A History of Wales, Penguin, 1994, foundations of pgs 50-51, 54-55
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 Lloyd, J.E., A History of Wales; From the Norman Invasion to the Edwardian Conquest, Barnes & Noble Publishing, Inc. 2004, Recovers Gwynedd, Norman invasion, Battle of Anglesey Sound, pgs 21-22, 36, 39, 40, later years 76-77
  3. Davies, John, A History of Wales, Penguin, 1994, foundations of pg50-51
  4. Christopher A. Snyder (2003). The Britons. Blackwell Publishing. 
  5. Koch, John. Celtic Culture: a historical encyclopedia, p. 738. (Santa Barbara: ABC-CLIO, 2005).
  6. Koch, John. Celtic Culture: a historical encyclopedia, pp. 738-739. (Santa Barbara: ABC-CLIO, 2005).
  7. Retrocedendo aínda máis, a raiz * uen- é equivalente ao latín vea- e suxire "loitar; desexar, gustar" (a raíz latina venus, "amor", e igualmente venari "cazar"). Véxase Geiriadur Prifysgol Cymru (University of Wales Dictionary), vol. I, pagina 1773
  8. Kessler, P. L. "Kingdoms of Cymru Celts - Dogfeilion". www.historyfiles.co.uk (en inglés). Consultado o 2022-02-27. 
  9. Lloyd, J.E. History of Wales, Vol.1, p323
  10. Chadwick, N. The Celts, Development of the Celtic Kingdoms (1971), p.86
  11. Ibid
  12. Davies, John, A History of Wales, Penguin, 1994, Aberffraw primacy pg 116, patron de bardos 117, Aberfraw relations with English crown pg 128, 135
  13. Lloyd, J.E. A History of Wales; From the Norman Invasion to the Edwardian Conquest, Barnes & Noble Publishing, Inc. 2004, Aberffraw primacy pg 220
  14. 14,00 14,01 14,02 14,03 14,04 14,05 14,06 14,07 14,08 14,09 14,10 14,11 Davies, John, A History of Wales, Penguin, 1994, Gruffydd ap Cynan; Battle of Mynydd Carn, Norman Invasion, pg 104-108, reconstructing Gwynedd pg 116,
  15. 15,0 15,1 Warner, Philip, Famous Welsh Battles, Gruffydd's seizure pg 61, Escape from Chester, Kills Robert of Ruddlan, pg 63, 1997, Barnes & Noble, INC.
  16. Barlow, Frank,William Rufus, Yale University Press, 200, ISBN 0-300-08291-6 p. 320-324
  17. Bartlett, Robert C. (2000). England Under the Norman and Angevin Kings: 1075-1225. Oxford: Clarendon Press. ISBN 0-19-822741-8.
  18. Owen "Hervery (d. 1131)" Oxford Dictionary of National Biography Online edition accessed March 6, 2008
  19. 19,0 19,1 Davies, John, A History of Wales, Penguin, 1994, Pura Wallia, Purae Wallie (the Welshries), Marchia Wallie pg 109, 127-130, 137, 141, 149, 166, 176
  20. 20,00 20,01 20,02 20,03 20,04 20,05 20,06 20,07 20,08 20,09 20,10 20,11 20,12 20,13 J.E. Lloyd, A History of Wales; From the Norman Invasion to the Edwardian Conquest, Barnes & Noble Publishing, Inc. 2004,Advances westard" pg 77, 78, 79
  21. Tegeingl
  22. 22,0 22,1 22,2 22,3 Lloyd, J.E. A History of Wales; From the Norman Invasion to the Edwardian Conquest, Barnes & Noble Publishing, Inc. 2004, Great Revolt, beginnings Gwenllian pg 80, taking Ceredigion, restores Welsh monks, Battle of Crug Mawr, 82-85
  23. 23,0 23,1 Warner, Philip "Famous Welsh Battles", Barnes & Noble INC. 1977, Gwenllian pg 69, 79
  24. 24,0 24,1 24,2 Lloyd (2004), Gruffydd's legacy pg 79, 80.
  25. Lloyd, J.E. 0A History of Wales; From the Norman Invasion to the Edwardian Conquest, Barnes & Noble Publishing, Inc. 2004, Cadwaladr's inheritance, pgs 85, 93, 104
  26. 26,0 26,1 Lloyd, J.E. A History of Wales; From the Norman Invasion to the Edwardian Conquest, Barnes & Noble Publishing, Inc. 2004, Cadwaladr ap Gruffydd's inheritance, pg 94, 95
  27. 27,0 27,1 27,2 27,3 Lloyd, J.E. A History of Wales; From the Norman Invasion to the Edwardian Conquest, Barnes & Noble Publishing, Inc. 2004, Cadwaladr's betrayal, pg 95
  28. 28,0 28,1 28,2 28,3 Warner, Philip "Famous Welsh Battles", Barnes & Noble INC. 1977, Cadwaladr and Anarawd pg 80
  29. Lloyd, J.E. A History of Wales; From the Norman Invasion to the Edwardian Conquest, Barnes & Noble Publishing, Inc. 2004, Owain takes Iâl, Ruddlan, Tegeingl, pg 96, 97, 98
  30. 30,0 30,1 30,2 30,3 30,4 30,5 30,6 30,7 Lloyd, J.E. A History of Wales; From the Norman Invasion to the Edwardian Conquest, Barnes & Noble Publishing, Inc. 2004, Owain and Henry II, pg 99. 1070
  31. 31,0 31,1 31,2 31,3 Lloyd, J.E. A History of Wales; From the Norman Invasion to the Edwardian Conquest, Barnes & Noble Publishing, Inc. 2004, Owain 1160-1170, pg 107, 108, 109,
  32. 32,0 32,1 Davies, John, A History of Wales, Penguin, 1994, Henry and Becket, Owain's leadership in 1166, Owain recaptures Tegeingl, pg125 Gwynedd's embassy to France pg 125,126
  33. 33,0 33,1 33,2 33,3 33,4 33,5 33,6 Lloyd, J.E. A History of Wales; From the Norman Invasion to the Edwardian Conquest, Barnes & Noble Publishing, Inc. 2004, Henry's invasion plans pg 111, Welsh drawn together, pg 112, Angevin advance into Wales 112, 113, Henry II's campaign failure, pg 113, 114
  34. Davies, John, A History of Wales, Penguin, 1994, English King's suzerainty of Wales and Scotland, pg 103, Welsh princely titles pg128, 129
  35. Beverley Smith, J., Llywelyn ap Gruffudd, Prince of Wales p.577
  36. J. Beverley Smith, p.576

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]