Parque Nacional das Illas Atlánticas
Este artigo ou sección precisa dunha revisión ortográfica e/ou de gramática (recurso útil: corrector ortográfico en liña de galego). Podes axudarte do revisor ortográfico, activándoo en: Preferencias → Trebellos → Navegación → Ortografía: Activar o revisor ortográfico. Colabora connosco neste artigo e noutros en condicións semellantes para que a Galipedia mellore e medre. |
Tipo | Parque nacional espazo natural protexido Parque Nacional de España | |||
---|---|---|---|---|
Parte de | Rede de Parques Nacionais de España | |||
Localización | ||||
División administrativa | Provincia de Pontevedra, España, Provincia da Coruña, España e Galicia, España | |||
| ||||
Composto por | ||||
Características | ||||
Superficie | 85 km² 8.542,62033 ha | |||
Candidato a Patrimonio da Humanidade | ||||
Data | 5 de febreiro de 2018 | |||
Identificador | 6286 | |||
Categoría II da UICN: Parque Nacional | ||||
World Database on Protected Areas | ||||
Identificador | 348806 | |||
World Database on Protected Areas | ||||
Identificador | 389059 | |||
Área protexida da rede Natura 2000 | ||||
Identificador | ES0000001 | |||
Historia | ||||
Data de creación ou fundación | 1 de xullo de 2002 | |||
Actividade | ||||
Visitantes anuais | 190 (2009) | |||
Sitio web | reddeparquesnacionales.mma.es… | |||
As Illas Atlánticas son o parque nacional galego que abrangue aos arquipélagos das Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora e ás súas aguas, estando todas elas nas Rías Baixas.[1][2][3][4] As illas de Sálvora e Cortegada atópanse na ría de Arousa, as Ons na boca da ría de Pontevedra e as Cíes pechando a ría de Vigo. Todas estas atópanse nos exteriores das rías, agás a illa de Cortegada que está no interior.[1]
Este parque declarouse o 1 de xullo do 2002 recibindo o nome de Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galiza. Converteuse no primeiro e único parque nacional de Galiza[5] e no décimo terceiro declarado a nivel estatal. Con esta figura inténtase protexer ao litoral e aos ecosistemas terrestres e mariños destas illas, que forman unha barreira natural na plataforma continental eurosiberiana; así como tamén á súa paisaxe. Namentres que no medio terrestre destacan os sistemas dunares e cantís das illas, nas augas destacan a biodiversidade das formacións rochosas e os areais, que contan con bosques de algas pardas e múltiples especies de peixes e bivalvos.[3] A delimitación territorial deste parque nacional realizouse en función da singularidade paisaxística, xeomorfolóxica e cultural deste territorio e coa finalidade de protexer a unha mostra representativa dos sistemas costeiros atlánticos.[6] O valor deste parque vai desde o científico e educativo ata o recreativo.[5]
No ano 2017 o parque recibiu 440 mil visitas turísticas.[7]
Xeografía
[editar | editar a fonte]As illas que forman o parque atópanse na plataforma continental das rías baixas galegas: as rías de Arousa, Pontevedra e Vigo. Na ría de Arousa están os arquipélagos de Cortegada, no seu interior, e o de Sálvora, no seu exterior. O arquipélago das Ons, formado principalmente polas illas de Ons e Onza, está no exterior da ría de Pontevedra. Por último, as illas Cíes pechan a ría de Vigo. Este arquipélago componse das illas de Monteagudo, do Faro e de San Martiño.[8][9]
As superficie de 8.480 hectáreas do parque distribúese:
Arquipélago | ha. marítimas |
ha. terréstres |
---|---|---|
Arquipélago de Cíes | 2.658 | 433 |
Arquipélago de Cortegada | 147,2 | 43,8 |
Arquipélago de Ons | 2.171 | 470 |
Arquipélago de Sálvora | 2.309 | 248 |
Arquipélagos integrantes
[editar | editar a fonte]- Arquipélago de Ons: as Illas Ons forman un arquipélago situado na boca da Ría de Pontevedra, nas coordenadas 42°22′50″N, 8°56′00″O. O arquipélago forma a parroquia de San Xoaquín da Illa de Ons de Bueu. Componse da illa de Ons, a única illa do parque nacional habitada durante todo o ano, a illa de Onza ou Onceta, e outros pequenos illotes entre os que destacan O Centolo, o Gaiteiro ou as Freitosas. A maior das illas, Ons, é de 5,5 km de longo e 0,88 km de ancho. Chega a unha altitude de 119 metros, onde se localiza o seu faro. Namentres que a costa oeste está formada por cantís con múltiples furnas, como o Buraco do Inferno, a costa leste conta con dunas e areais, como a praia e duna de Melide ou a praia das Dornas. Destacan da illa de Ons os asentamentos e etnografía das súas poboacións. A illa de Onza está deshabitada é máis pequena ca Ons.[3][2]
-
Arquipélago de Ons
-
O arroaz é o mamífero mariño máis abondoso nas augas do arquipélago
-
Na illa atópase unha das colonias galegas existentes de paíño europeo
- Arquipélago de Cíes: as Illas Cíes forman un arquipélago situado na boca da ría de Vigo. Pertencen á parroquia de San Francisco de Afora de Vigo[Cómpre referencia], e atópanse nos 42°15' de latitude norte, e os 8°54' de latitude oeste. Este arquipélago fórmano as illas de Monteagudo (ou do Norte) e do Faro (ou do Medio), que están unidas por un dique artificial e pola praia de Rodas, e a illa de San Martiño (ou do Sur). As illas varían en lonxitudes de 1,5 a 3 km e chegan a un máximo de altitude de 197 m, no Alto das Cíes no norte da illa de Monteagudo. A vertente oeste das illas conta con cantís acusados e praias e chairas cara ao leste. As agora despoboadas illas, contan con ruínas de castros, mosteiros ou fábricas do sal.[3][2]
-
Vista das Illas Cíes dende a Costa da Vela, Cangas
-
O arquipélago ten a maior colonia de corvo mariño cristado de Europa (25% da poboación mundial)
-
Outrora abundante as poboacións de gaivota patiamarela (Larus michaellis) sufriron unha importante diminución en toda a costa galega
-
Nos areais das Cíes atópase a maior poboación galega de camariña, case extinta na actualidade
- Arquipélago de Cortegada: a Illa de Cortegada e as illas de Malveira Grande e Chica, Briñas e o illote de Con son un arquipélago interior da ría pontevedresa de Arousa, na desembocadura do Ulla no concello de Vilagarcía de Arousa. Cortegada é unha illa de 1 km de longo de 0,5 km de ancho que non supera os 19 m de altitude. Destaca pola súa densidade arbórea, en particular polo bosque de loureiros. Este ten un interese botánico especial, e é o maior dos peninsulares e dos maiores europeos. Ademais posúe unha gran diversidade micolóxica. Na illa de Malveira destaca o bosque de cerquiños.[3][2]
-
Panorámica do Carril e a illa ao fondo.
-
Na illa atópase o maior bosque de loureiro da península Ibérica e un dos maiores de Europa
-
Mazarico chiador. A illa destaca pola súa riqueza en aves limícolas
- Arquipélago de Sálvora: a Illa de Sálvora e outras múltiples illas pequenas e illotes como os de Vionta, Noro, Herbosa ou Sagres, atópanse preto da entrada da ría de Arousa. Este arquipélago de Sálvora pertence ao concello coruñés de Ribeira. Está separado da terra firme por unha distancia duns 3 km polo norte, onde aparecen os outros illotes. Posúe unha extensión de preto de 190 ha, unha lonxitude de 2,5 km e 1 de ancho, e ten unha altitude máxima de 73 m. A illa de Sálvora conta con praias de area, cantos graníticos arredondados e un relevo orográfico suave. A súa costa oeste é máis rochosa e a súa costa leste máis areosa, con praias como as do Almacén, dos Bois ou dos Lagos. Conta cun lugar abandonado e un faro aínda en uso.[3][2]
-
A gaivota escura ten a súa maior colonia galega na Illa de Sálvora
Arquipélagos e illas aspirantes
[editar | editar a fonte]Á parte das xa declaradas como parte do conxunto do parque nacional, existen outras illas galegas que se atoparon en proceso de valoración ou se reclamou por parte de diferentes colectivos a súa inclusión dentro do parque. É o caso das illas Lobeiras, Sisargas, a San Simón e a Tambo.
No momento da declaración do parque en 2002 ata se avaliou a inclusión das illas Sisargas e das Lobeiras pero iso viuse dificultado pola titularidade deses territorios insulares.[10]
No caso de Tambo, a máis próxima ás demais illas declaradas, avaliouse a súa inclusión pero descartouse polo motivo das titularidades[11] así como pola falta de continuidade co resto do parque, xa que se atopa no interior da ría pontevedresa.[11][12][13] Con todo, incluso o goberno negociara a compra de terreo da illa para incluíla no parque.[14] Aínda así, para Tambo tense avaliado a proposta de incluílo dentro dun novo espazo natural protexido diferente ao parque nacional.[12] O problema para a declaración da illa como protexida é a relativa sucidade das augas no interior da ría producida principalmente pola fábrica de celulosas de Marín.[Cómpre referencia] A isto hai que engadir a ocupación militar que a illa tivo durante décadas ata a súa recente desocupación.[Cómpre referencia]
Os organismos locais tamén reclamaron a inclusión das illas Sisargas de Malpica ou as Lobeiras de Corcubión dentro do parque. Do mesmo xeito, a titularidade privada dos terreos e a distancia coas demais illas atlánticas lastraron a inclusión dentro do parque.[10][11] De feito as illas Lobeiras son de propiedade municipal e o concello local na década de 1990 reclamou a súa inclusión dentro do futuro parque nacional.[15] Con todo, as illas Sisargas forman parte do ZEC Costa da Morte e da ZEPA Costa da Morte (Norte)[16] e as illas Lobeiras están dentro do ZEC Carnota - Monte Pindo[17].
Orografía
[editar | editar a fonte]As illas atlánticas teñen un relevo e orientación determinada pola súa formación xeolóxica, que estivo ligada á aparición das rías e ás fallas variscas de orientación N-S e NE-SO da costa atlántica galega.[8]
No caso dos arquipélagos das Cíes e Ons as illas son dunha morfoloxía suave, de pouca altitude, mais cunha diferenciación entre as pendentes das vertentes leste e oeste. As maiores altitudes das illas danse no lateral exterior, que mira a augas abertas.[4][9] Nesa face os cantís son elevados e están máis expostos ás ondas do exterior das rías. A vertente que mira ao interior das rías son as zonas insulares onde se atopan rochedos de pouca pendente e as praias.[9][4] A maior elevación da illa de Ons é o Alto de Ons, que está nos 116 m, e en Onza son 71 m. No caso das Cíes, na illa de San Martiño chégase aos 172 m de altitude, no monte do Faro aos 172 m, na illa de Monte Maior acádanse os máximo de 183 m e de 197 m no Alto das Cíes.[4][18]
As illas dos arquipélagos de Sálvora e Cortegada son de pendentes miúdas e de contornas redondeadas e planas. No caso de Sálvora as maiores altitudes danse pola presenza de cons e formacións graníticas. Cortegada está no interior da ría e o seu relevo é case de chaira, cun litoral de chairas e rochedos.[9] A máxima altitude en Sálvora é de 69 m e a de Cortegada de 19 m.[18]
Hidroloxía
[editar | editar a fonte]A escasa superficie das illas e a súa posición no exterior das rías fan que as illas, inda que varía entre elas, teñan unha hidroloxía superficial de poucos acuíferos e bacías pequenas. As correntes dos regos son ocasionais, en particular despois de choivas.[4]
No arquipélago das Ons só existen na illa de Ons. Alí atópanse 11 fontes e mananciais estacionais. No arquipélago das Cíes existen 6 mananciais na illa do Faro, 2 na e Monteagudo e 4 na de San Martiño. En Sálvora coñécense 4 mananciais e en Cortegada só 1, onde estivo a poboación da illa.[4]
Clima
[editar | editar a fonte]As rías baixas, onde están as illas atlánticas, atópanse nun clima oceánico de altas precipitacións e unha estacionalidade moderada. Isto é, a variación de temperatura e choivas non é acusada.[8] En particular as illas atlánticas teñen un clima que está determinado en esencia pola latitude e as oscilación do atlántico norte (a "NAO"), e que está definido polas as altas presións das illas Azores e as baixas de Islandia.[9]
No inverno os ventos do sur dominan e traen consigo humidade e unha temperatura temperá. A auga do litoral, pobre en nutrientes, afunde no exterior da plataforma continental. Ademais, o aumento de choiva durante o inverno aumenta a entrada de auga fluvial desde o interior ao exterior das rías, bañando ás illas. Na primavera e outono dominan os ventos do norte, que son secos e fríos. Este proceso regula a floración das augas árticas. A comezos da primavera e no outono prodúcese fenómenos de floración desas augas frías, que aportan nutrientes ás augas superficiais e promoven a floración de algas. Entre eses dous períodos dáse un proceso e estratificación das augas por quecemento da auga superficial, e iso supón o esgotamento dos nutrientes na augas superficiais.[8]
As precipitacións nas illas son menores que no litoral continental xa que a súa baixa altura non impide o paso das nubes. Por mor disto os veráns nas illas son máis secos e escasea a auga.[9]. A temperatura terrestre das illas está entre os 13 e 15 °C, e é máis moderada que no litoral próximo. Chegan a máximos de 20º de xullo a agosto e mínimos de 10º de decembro a xaneiro.[4] As súas augas están en temperaturas superficiais de 14º C.[9]
Os ciclos da NAO crean un ciclo de entre 3 e 7 anos de invernos cálidos, con máis humidade e tormentas, e invernos fríos e secos. De feito, estes períodos da NAO afectan á intensidade das floracións de auga.[8]
Xeoloxía
[editar | editar a fonte]Formación
[editar | editar a fonte]Os arquipélagos do parque encádranse dentro macizo Hespérico, que se formou durante a oroxénese hercíniana. Este territorio do macizo erosionouse durante o mesozoico e distendeuse durante o pérmico, cando o continente Panxea comezou a separarse e o océano Atlántico a formarse. A oroxénese alpina do terciario e a posterior distensión deu lugar aos bloques orientados de N-S e N-L da actual costa galega na placa Ibérica.[8] Os movementos da placa, os procesos de erosión fluvial, derivado do proceso de formación da cordilleira cántabra-pirenaica e os montes de León, e a baixada do nivel do mar do cretáceo superior acentúan os vales dese litoral. Foi a última glaciación e a posterior subida do nivel do mar, que comezou no cuaternario hai 2,6 millóns de anos, a que formou as rías galegas e estas illas nas súas bocas.[8][4] Os igual que as rías, as illas están na aliñadas en dirección NO-SE na plataforma continental. Antes da súa inundación foron cumes do litoral galego.[8]
Composición
[editar | editar a fonte]O substrato de rochas do parque atopase dentro do dominio xistoso da zona de Galicia-Tras Os Montes do macizo hespérico.[4]
No parque dominan as rochas graníticas, seguidas das lousas e xistos, cunha alta fracción de cuarzo. Están presentes tamén, inda que nunha fracción reducida, os depósitos cuaternarios. As Cíes e Ons son similares en canto a súa composición xa que en esencia están formadas por rochas graníticas alcalinas. Ora ben, nas Ons as lousas e xistos, así como os depósitos cuaternarios teñen unha maior presenza.[4]
O arquipélago de Sálvora dominan as rochas graníticas calcoalcalinas. Están presentes ademais as granodioritas biotítica-anfibólica nas que o graos son grosos e en xeral de cuarzo, plaxiocasa ou biotita. Tamén, en Sálvora teñen unha representación significativa os depósitos recentes cuaternarios xa que existen as praias de area e os depósitos coluviais.[4]
Pola contra, en Cortegada case o o 80% son rochas metamórficas silíceas, isto é, xistos e paragneis. As rochas graníticas alcalinas representan arredor do 20% e aparecen como intrusión dos outros substratos formando bandas paralelas.[4]
Xeomorfoloxía
[editar | editar a fonte]Os arquipélagos mostran unha alta variedade de paisaxes. Namentres que as Cíes e as Ons son arquipélagos alongados con dúas faces diferenciadas (unha elevada e outra chaira), Sálvora e Cortegada son illas arredondadas e chairas.[8][4]
Nas illas atlánticas os cantís acusados danse na vertente occidental. Alí destacan as formacións de erosión das rochas graníticas e metamórficas das illas, que son un substrato que se fractura e erosiona en diferente grao e que moldean as ondas e o vento. Cabe subliñar que as rochas graníticas son máis resistentes á erosión que as metamórficas. A erosión xunto cos procesos de meteorización dan lugar a formacións como os bloques e bolos, alvéolos ou pías. Os bloques son fracturacións e os bolos son grandes bloques arredondados que se forman pola erosión e meteorización dos bloques. Os alvéolos, as pías e tafonis[19] fórmanse por procesos como de alteración ou exfoliación dos bolos.[8]
Nesta costa fórmanse ademais pequenos cantos rodados, que caen fracturados e se moldean grazas as ondas do mar, e se acaban depositando en praias desta zona do litoral.[8] Tamén nesta vertente das illas, en especial as Cíes e Ons, aparecen coluvións, derrubes, covas mariñas e furnas[20], que se formaron pola erosión dos cantís.[8][4] Tamén se aprecian marmitas.[8]
No litoral interior das illas Cíes e Ons predomina a formación de illas e os cantís son menos acusados, pois non superan os 10 m. As praias de area acadan lonxitudes importantes e contan con cordóns dunares ou mantos areosos na súas cabeceiras. Como exemplos, a praias de Rodas ou a de San Martiño nas Cíes ou as de Canexol e Melide na Ons están preto ou superan o quilómetro de longas. Nas Cíes compre subliñar que a praia de Rodas é un sistema de barreira-lagoa que conecta as illas Monteagudo e Faro e que no seu interior alberga unha lagoa, o lago dos Nenos. Porén, en Sálvora as praias, como a de Zafra ou a de Vionta, ocupan todo o litoral pero son menores en tamaño. No caso de Cortegada, estando no interior da ría, as dúas praias que ten están modeladas polas mareas da ría.[8][4]
Tamén están presentes nas illas os sistemas de cordóns dunares, como na praia de Melide nas Ons ou na illa de Vionta de Sálvora.[4]
Edafoloxía
[editar | editar a fonte]Os solos das illas atlánticas non, polo xeral, dunha estrutura pouco desenvolta, ácidos e cunha fertilidade reducida. Neles predomina a fracción de area, cunha parte de limos e arxilas que non supera o 15%. Entre os presentes destacan os solos ligados aos depósitos coluviais, como é o caso das Ons, por acadar maior profundidade e estar máis desenvoltos. Os solos das illas sofren unha seca importante durante a tempada estival.[4]
Biodiversidade
[editar | editar a fonte]Ecosistemas mariños
[editar | editar a fonte]Estas illas Atlánticas destacan por ser un parque no que a área mariña protexida é o 86% da superficie total.[9] É que, o espazo protexido das illas non se limita só ao medio terrestre senón que acolle a todo un espazo mariño darredor dos arquipélagos, chegando a puntos de mar de ata 70 metros de profundidade. Malia a estar en rías onde a actividade humana é importante e a súa presión sobre do espazo significativa, esta área mariña conta cunha biodiversidade importante e mostra ecosistemas en bo estado de conservación.[9] Considerando os crustáceos, os poliquetos, os moluscos, os equinodermos e as macroalgas, estes ecosistemas mariños acollen a mínimo 871 especies.[4]
As especies de interese do parque habitan nas zonas bentónicas, planctónicas e nectónicas do atlántico galego; e están baixo as condicións das principais correntes deste litoral e dos afloramentos que chegan ás rías e das mareas.[9]
Nos hábitats mariños máis superficiais, como son o supramareal e intermareal, existe un amplo abano de hábitats, grazas ás formacións que crea a liña de costa e ós depósitos desta; como son os rochedos, as covas e as furnas ou as paredes. No supralitoral dominan as especies terrestres, como plantas e liques adaptados á alta salinidade, inda que xa aparecen caramuxos como Littorina neritoides ou cunchiñas de mar como Ligia oceanica. Xa no intermareal as especies que están presentes dependen de canto están somerxidas polas mareas. Aí habitan bivalvos como os mexillóns, percebes, ou lapas como Patella spp.; gasterópodos como bígaros (p.ex. Littorina neritoidesy ou Nucella lapilus); ou algas calcarias como Lithophyllum. Nas pozas das rochas poden existir microhábitats onde a auga está continuamente e aí alóxanse as anémonas como Anemonia sulcata ou camaróns como Palaemon serratos.[9]
No submareal dominan os grandes bosques de algas pardas de gran tamaño, fundamentalmente as Saccorhiza polyschides, Laminaria ochroleuca e a Laminaria hyperborea. Estas macrófitas forman bosques somerxidos que acollen a especies de poliquetos, lapas, centolas, nudibranquios ou peixes como os congros. Entre estas algas sóense dar espazos dominados polas anémonas, como Anemonia viridis. Ademais unha fanerógama acuática importante pola súa abundancia é a Zostera marina.[4] Nas áreas do submareal onde aparecen pendentes de rochas escasean as algas e dominan os equinodermos e os ofiuroideos. Nas covas destas zonas danse os corais de Alcyonium spp. e aparecen as esponxas Clionacelata.[9]
No submareal as especies de algas reducen en tamaño e dominan os areais, os substratos de grava ou os fangos.[4] Aí aumentan a presenza os bivalvos, como as vieiras, os berberechos ou as navallas, xa que ou son arenícolas ou ocupan os ocos destes substratos. Tamén dominan os crustáceos, como os cangrexos ermitáns ou os ourizos de mar, equinodermos e peixes planos.[9][4]
Neste rexión atlántica destacan os fondos de Maërl, que son depósitos de algas coralinas submareais, polo xeral non xeniculadas, e que forman xeometrías como de pólas de árbores moi ramificadas. Estes hábitats galegos fórmanos as especies Lithotamnion corallioides e Phymatolithon sp.. Son espazos que ofrecen multitude de nichos para outras especies. Empréganos os bivalvos como as ameixas rubias, gasterópodos como o cangrexo Pisidia longicornis, poliquetos ou as fases xuvenís doutras especies.[9][4] Os fondos de Maërl supoñen cando menos 2,3 km2 do parque.
Igual que estes fondos de Maërl, e as veces mesturados con eles, outro hábitat submareal a destacar son os depósitos de cascallos.[9][4] Neles habitan especies como as de polbo.[9]
Na zona peláxica están presentes o plancto e o necto. No caso do necto, nestas augas dominan os bancos de lanzóns (Ammodytes tobianus) e de xardas (Scomber scombrus), ou peixes que non van en bancos como o peixe de San Pedro (Zeus faber). Cómpre destacar a presenza dos cetáceos como os delfíns Tursiops truncatus e Delphinus delphis, as toniñas comúns (Phocoenaphocoena) e os caldeiróns (Globicephala melas).[9]
As especies mariñas presentes no parque e que teñen un interese particular de protección[21] na Rede Natura 2000[22][23][24], a nivel estatal ou dentro do convenio de Berna son:
Especie | Nome común |
---|---|
Phocoena phocoena | Toniña común |
Tursiops truncatus | Arroaz |
Alosa alosa | Zamborca |
Alosa fallax | Sabela |
Petromyzon marinus | Lamprea |
Pomatoschistus microps | Góbio común |
Pomatoschistus minutus | Góbio |
Hippocampus hippocampus | Cabaliño de mar |
Hippocampus ramulossus | Cabaliño de mar |
Así mesmo, cómpre citar un equinodermo, un cnidario, catro gasterópodos, dous réptiles (que teñen pasos migratorios polas augas das illas) e dúas especies de algas (as que forman os fondos de Maërl e novos nichos que acollen unha alta diversidade mariña) están catalogadas no rexistro galego de especies clave [25] ou no convenio de Berna[4]. Estas son:
Especie | Nome común |
---|---|
Echinus esculentus | Ourizo |
Eunicella verrucosa | Gorgonia |
Lithothamnium corallioides | Coral |
Phymatholithon calcareum | Coral |
Charonia lampas subsp. lampas | Gasterópodo |
Pholas dactylus | Folada |
Ranella olearia | Gasterópodo |
Schilderia achatidea | Caracola |
Caretta caretta | Targaruga mariña común |
Dermochelys coriacea | Tartaruga de coiro |
Ecosistemas terrestres
[editar | editar a fonte]A superficie terrestre do parque só ocupa o 14% do parque, e inda así a súa biodiversidade, inda que menor que a mariña, é de interese de conservación.[9]
Flora
[editar | editar a fonte]A vexetación de cada arquipélago varía lixeiramente e perfila diferentes paisaxes. Ademais as especies que aparecen en cada lugar das illas están adaptas ás condicións de salinidade, ós substrato areosos ou á estar expostas ás rachas de aire que dominan en cada área.[9]
Nas Cíes a vexetación é máis variada e a composición da flora muda desde as dunas ata os cumes. Namentres que nos altos prevalecen as especies de toxos, nas zonas de menos altitude atópanse bosques de acacias, eucaliptos e pinos. A flora asociada ás dunas ou ás furnas e rochedos da costa domina no seu litoral.[9]
As Ons, pola contra, teñen unha orografía máis suave e a vexetación varía en parches. Atópanse bosques de acacias, eucaliptos e pinos a algúns salgueiros en pequenos recunchos. Nos seus cantís dominan as formacións de armerias, como A. pubigera.[9]
En Sálvora a vexetación é baixa e, xa que está asociada ás formacións graníticas, está dominada polas especies herbáceas como os toxos e os fieitos. Nos cantís e nos illotes deste arquipélago domina a vexetación baixa e adaptada ás rachas de vento. Nalgúns espazos dos illotes existe flora dunar.[9]
En Cortegada dominan os bosques densos de carballos, loureiros e salgueiros con especies trepadoras neles. Nalgúns casos hai piñeiros e eucaliptais. Nos illotes, porén, si que volven a dominar as especies herbáceas e danse algúns cerquiños.[9]
-
Piñeiral nas Ons.
-
Helichrysum italicum spp serotinum nas Cíes.
-
Cytisus insularis nas Ons.
-
Flora dunar nas Cíes.
As especies en perigo de extinción e catalogadas como especies ameazadas son[26][4]:
Especie | Nome común |
---|---|
Cytisus insularis | Xesta de Ons |
Erodium maritimum | Herba da agulla |
Linaria arenaria | Paxariños |
Linaria aguillonensis | Paxariños amaraleos |
Omphalodes littoralis subsp. gallaecica | |
Rumex rupestris | Labaza de ribeira |
Fauna
[editar | editar a fonte]Salvando os invertebrados, a fauna terrestre das illas supera as 150 especies. A meirande parte destas especies son aves.[9]
Invertebrados
[editar | editar a fonte]Os grupos de invertebrados mellor estudados das illas son coleópteros e os lepidópteros.[9]
Os endemismos de coleópteros das illas están fundamentalmente nos cantís e toxeiras das Cíes e áreas achegadas. Algunhas especies a citar son Stenosis oteroi, Tetramelus parvus e a especie descrita na illa Ernobius vinolasi. Algúns endemismos, como Ergates faber ou Lucanus cervus, habitan os piñeirais e viven nas madeiras, furándoas. Porén, os cervos voadores só están presentes en Cortegada, e seguramente por mor de que alí si hai carballeiras.[9]
Entre os lepidópteros cabe destacar a bolboreta arlequín, en perigo de extinción, ou endemismos como Papilio machaon ou Brithys crini. Os lepidópteros atópanse en diferente grao en todas as illas.[9]
Outros invertebrados de interese presentes nas illas están os orteópteros como os grilos Callicrania seoanei e a cascuda Ectobius Brunei, e os gasterópodos terrestres como a lesma Geomalacus maculosus.[9]
As especies catalogadas do parque son[4][27]:
Especie | Nome común |
---|---|
Geomalacus maculosus | Lesma |
Euphydryas aurinia | Bolboreta |
Cerambyx cerdo | Escarabello |
Lucanus cervus | Escornabois |
Anfibios e réptiles
[editar | editar a fonte]A riqueza de especies de anfibios e réptiles das illas é baixo, mais as especies presentes son de interese por seren endemismos ou por teren as súas poboacións reducidas.[9]
As píntegas comúns (Salamandra salamandra) limítanse case ás Ons e son totalmente vivívaparas (algo que non se dá nos individuos desta especie no continente). O tritón Triturus boscai están presente só nas Ons e Cortegada. As ras Discoglossus galganoi estiveron en todas as illas do parque mais agora están en declive e case na extinción no parque.[9]
Á contra dos anfibios, os réptiles son máis abundantes no parque. O lagarto ocelado (Timon lepidus) e a lagarta ibérica (Podarcis hispanica) son comúns en todo o parque. Como excepción, a lagarta ibérica non está en Cortegada mais si a Podarcis bocagei, probablemente por maior proximidade á costa continental.[9]
Os escánceres Anguis fragilis e Chalcides striatus son comúns en todo o parque e o Chalcides bedriagai nas Cíes. Esta última especie está en serio risco de extinción.[9]
As cóbregas están presentes no parque inda que abundan pouco. Viven nel a lisa meridional (Coronella girondica, a visperina (Natrix maura) e a cóbrega de escada (Rhinechis scalaris). A de escada é maior en tamaño e só está nas Ons.[9]
Algunhas das especies catalogadas como de interese de protección do parque son[4][28]:
Especie | Nome común |
---|---|
Discoglossus galganoi | sapo raxado |
Lissotriton boscai | tritón común |
Chalcides bedriagai | esgonzo ibérico |
Podarcis bocagei | lagarta galega |
Aves
[editar | editar a fonte]A importancia avifaunística está claramente determinada polas importantes poboacións de aves mariñas que usan todos os arquipélagos, ben como zonas de cría, ben como pousadoiros ou áreas de alimentación durante o inverno ou os pasos migratorios.
O número de especies de aves protexidas ou catalogadas pola lexislación supera as 100 especies. É por iso que as illas Ons e Cíes foron declaradas como ZEPAs.[4]
As illas oceánicas albergan as maiores colonias de cría da gaivota patiamarela (Larus michahellis) que supera as 31.000 parellas, o que representa máis do 10% da poboación total e o núcleo máis importante do mundo. Así mesmo, os efectivos do corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) poden roldar as 2.000 parellas, cantidade que supón un 70% da poboación ibérica e sitúa estas illas entre os principais núcleos da especie en Europa. De menor magnitude, pero de grande interese por tratarse de aves de distribución moi localizada en España, son as poboacións de gaivota escura (Larus fuscus) (60-70 parellas) e de paíño pequeno (Hydrobates pelagicus) (mínimo de 19 parellas). Entre as aves mariñas que non aniñan destaca o furabuchos balear (Puffinus mauretanicus) endemismo en perigo crítico de extinción, que utiliza as augas do parque nacional como área regular de parada migratoria en cantidades importantes (ata máis de 1.000 exemplares en ocasións), así como o arao dos cons (Uria aalge) especie que, aínda que extinguida localmente por non aniñar desde o 1988, forma concentracións durante a invernada e a migración. O corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo) utiliza principalmente as illas como lugares para durmir, e albergan unha gran parte das aves que se alimentan de día nas rías (1.500-2.000 exemplares).[Cómpre referencia]
A avifauna non mariña de cantil ten unha importancia de conservación por ser un espazo no que se atopan protexidas dentro das Rías Baixas. Inda así, os efectivos de todas as especies son escasos e varias delas se atopan xa en situación crítica. Entre elas destacan o falcón peregrino (Falco peregrinus) (3-5 parellas), a pomba das rochas (Columba livia), o andoriñón real (Apus melba) (25-30 parellas), a choia biquivermella (Pyrrhocorax pyrrhocorax), a gralla pequena (Corvus monedula) e o corvo grande (Corvus corax).[Cómpre referencia]
Mamíferos
[editar | editar a fonte]En comparanza cos ecosistemas continentais próximos, as illas non destacan pola súa diversidade de mamíferos.[4] Son comúns os coellos, os ratos, o rato de campo (Apodemus sylvaticus) e a rata negra (Rattus rattus). Tamén están presentes os furaños comúns (Crocidura russula), o ourizo cacho (Erinaceus europaeus) e as teupas (Talpa occidentalis). O ourizo cacho só se atopa en Cortegada.[9]
Existes cando menos cinco especies de morcegos no parque. Un caso a destacar é o do morcego grande de ferradura (Rhinolophus ferromequinum), xa que está en grave risco de desaparición.
A londra, inda que tamén estivo en risco, atópase nas Ons e en Sálvora.[9]
Cómpre citar a presenza e interese de conservación das seguintes especies[4][29]:
Especie | Nome común |
---|---|
Rhinolophus ferrumequinum | Morcego de ferradura grande |
Eptesicus serotinus | Morcego espertello |
Lutra lutra | Londra |
Patrimonio
[editar | editar a fonte]As illas atlánticas conta cun patrimonio de diferentes períodos históricos e culturalmente ligado á costa.
Patrimonio arqueolóxico
[editar | editar a fonte]Existen restos arqueolóxicos en case todo o territorio das illas atlánticas, en particular nas Cíes e nas Ons.[9][4]
Os restos do paleolítico e neolítico non permiten identificar asentamentos estables nas illas. Porén, nas Cíes atopáronse bifaces e poutadas empregadas para a pesca ou marisqueo e nas Ons raspadores feitos de gneis e tallados en granitos destes períodos. Así mesmo, preto do Montefaro das Cíes destaca un posible lugar de culto druída e unha ara de sacrificios. Nas Ons existen petróglifos na Chan da Pólvora e na Laxe.[9][4]
As illas na idade de ferro si estiveron poboadas pois existen castros e restos de poboados deste período. Nas Cíes destaca o castro das Hortas pois acolleu ata cinco vivendas con restos de cerámica, aras ou ferramentas de pesca. Nas Ons atópase outro castro no Alto da Altura, o chamado castelo dos Mouros. Ao pé deste castro existe unha cova, chamada cova dos mouros, e que puido ser a entrada ao castro. No norte das Ons está tamén o Castro da Cova da Loba. Ademais, na Cortegada existen restos de cerámica deste período.[9][4]
Durante o período romano tamén houbo unha ocupación das illas e quedan restos del. Nas Cíes atopáronse ánforas, colares e mesmo un anel cunha inscrición que indica que puido ser de tipo militar. Nas Ons existe a factoría de salgadura na praia de Canexol[30] así como gravados na Laxe, e que se denominan petróglifos, que datan do século IV a C. ao II d.C. Na Cortegada acháronse varias ánforas e pecios desta época.[9][4]
Patrimonio arquitectónico
[editar | editar a fonte]A illa de Ons, a habitada de xeito máis constante durante a historia, destaca pola súas casas mariñeiras e horreos, así como as fontes e lavadoiros. Estas seguen en uso grazas a ser unhas illas habitadas. Nas Cíes tamén destaca patrimonio como os muíños de sifón da enseada da Concela. Igualmente Sálvora e Cortegada tiveron as súas aldeas abandonadas, arestora abandonadas.[9][4]
Tanto nas Cíes como nas Ons destacan as fortificacións do século XIX. Nas Ons, arredor do faro, existen a fortificación de Pereiró e a do Curro, a chamada castelo da Roda. Nas Cíes e preto da praia de Nosa Señora da Monteagudo, están presentes os almacéns de artillería, o cuartel de carabineiros e o cárcere.[9][4]
En Sálvora destaca o pazo dos Marqueses, o cal se construíu en 1779 a fío da fábrica de salazón do Almacén. Conta ademais con monumentos como cruces conmemorativas dos naufraxios, como a Serea do Mar ou o cruceiro do buque Santa Isabel.[9][4]
En Cortegada cómpre citar aos restos do hospital de 1652, que se abandonou no século XVIII, e das ruínas dun cuartel.[9][4]
-
Hórreo no Canexol, nas Ons.
-
O Almacén de Sálvora.
Faros
[editar | editar a fonte]Nas Cíes existen catro faros. Un atópase na illa Sur e os outros tres na illa Norte. O primeiro faro construído foi o das Cíes en 1852, que se atopa no Montefaro. Os outros tres, o do Peito, do Príncipe e o de Bicos, construíronse dentro do século XX para sinalizar as chegadas á ría de Vigo.[9][4]
A Ons conta co Faro de Ons, que se construíu en 1865 no monte do Cucorno. Este faro volveuse a construír sobre do primeiro en 1926, engadíndolle vivendas, almacén e un taller.[9][4]
En Sálvora atópase o faro inicialmente construído en 1852 na punta Besugueiros. Creouse outro novo no lugar do anterior en 1921 e que segue en activo.[9][4]
Os faros das Ons e Sálvora atópanse en funcionamento con persoal neles. O faros das Cíes funcionan de xeito automatizado.[9]
-
Montefaro nas illas Cíes.
-
Faro da Porta nas Cíes.
-
Faro de Ons.
Patrimonio relixioso
[editar | editar a fonte]Nas Cíes atópase unha capela e un altar así como un mosteiro, todos de orixe recente. O mosteiro é o de Santo Estevo e atópase na illa do Faro. A capela está adicada á virxe do Carme e data de 1963. Xa na súa illa do Sur existe un pequeno altar de 1930 e que foi empregado por unha sociedade de caza.[9][4]
Nas Ons están por unha parte a capela de San Xaquín e a súa casa reitoral no Canexol así como unha igrexa recente, asentada no barrio do Curro tamén co seu cruceiro e cemiterio.[9][4]
Na illa de Sálvora atópase a capela de Santa Catarina, a cal foi unha taberna no seu momento. Na illa de Cortegada quedan restos dunha ermida, a da virxe de Cortegada, e dun mosteiro. A ermida de Cortegada, que arestora está en ruínas, data do século XIV e mudouse unha vez de lugar na illa. Así mesmo en Cortegada existen varios cruceiros, como o da punta Corveiro ou o da capela na Malveira Grande.[9][4]
-
Cruz cristiá nas Cíes.
-
Capela de San Xaquín en Canexol, nas Ons.
-
Igrexa de Xaquinciño e o seu cruceiro. No Curro das Ons.
-
Cruceiro en Cortegada.
Problemática ambiental
[editar | editar a fonte]O parque nacional afronta diversos problemas que afectan á protección dos seus valores naturais e culturais. Por un lado citar as diferentes especies en declive, a introdución de especies exóticas ou invasoras, que viven tanto nos fondos mariños coma na superficie terrestre, o risco de incendios, o impacto da actividade industrial ou comercial nas rías ou a presión do turismo.[31][32]
Especies invasoras
[editar | editar a fonte]Existen múltiples especies exóticas que se introduciron nas illas atlánticas e algunhas que actúan como invasoras, desprazando a especies autóctonas.
As especies de flora introducidas viñeron de par ao asentamento da poboación nas illas e á súa, e consecuente, gandería e agricultura. Porén, cómpre destacar o impacto da introdución de flora para ornamentación arredor das vivendas e faros desde o século XIX. Nese período introducíronse especies ornamentais e herbáceas. Nas ditaduras de Primo de Rivera (1923-1931), de xeito piloto, e no franquismo (1936-1975), tanto por parte do goberno como de particulares, as illas convertéronse en lugares de ensaio e introdución de especies forestais exóticas, aumentando a problemática. En concreto neste período leváronse a cabo campañas de plantación nas Cíes de especies de Pinus e Eucalyptus, namentres que nas Ons seguiu predominando a agricultura e como moito a introdución dalgúns pinos. As especies introducidas nas Cíes foron fundamentalmente Pinus pinaster e Eucalyptus globulus, e ás veces Pinus radiata. Nalgúns lugares plantáronse Acacia melanoxylon, Robinia pseudoacacia, Fraxinus americana ou Cupressus macrocarpa.[32] Ademais das anteriores, outra flora introducida e que tivo un impacto foron as especies como Arctotheca calendula ou Zantedeschia aethiopica, que afectan aos ecosistemas dunares.[33]
Algunhas das principais especies de flora invasora son[32]:
- As acacias Acacia longifolia, A. mearnsii ou A. melanoxylon[34],
- O abeneiro Alnus cordata,
- Os alciprestes Cupressus lusitanica e C. macrocarpa,
- Os eucaliptos[34] Eucalyptus botryoides, E. camaldulensis, E. diversicolor, E. globulus,E. grandis, E. maculata, E. pulchella, E. robusta, E. saligna ou E. tereticoris,
- O Acivro Ilex aquifolium,
- Os pinos Pinus pinaster, P. pinea ou P. radiata,
- O carballo americano Quercus rubra
- e a falsa acacia Robinia pseudoacacia.
No parque existen programas de erradicación de especies de flora invasora. É o caso das margaridas africanas, as acacias negras, as falsas acacias, os eucaliptos e as calas.[9] Conseguiuse erradicar do parque a herba do coitelo, Carpobrotus edulis.[9]
En canto á fauna terrestre, cómpre citar aos gatos domésticos asilvestrados (Felis silvestris catus), a rata negra (Rattus rattus) e ao visón americano (Neovision vison). O efecto dos gatos e os visóns americanos é que son depredadores de aves mariñas e pequenos vertebrados.[32][9] Outras especies introducidas tamén en Sálvora foron os cabalos. Nas Ons introducíronse tamén as ovellas e cabras e en Cortegada os xabarís e algunhas cabras asilvestradas.[9]
No medio mariño das Illas Cíes pódense citar tamén as especies invasoras de algas Sargassum muticum[35], algas de wakame (Undaria pinnatifida), a alga vermella (Asparagopsis armata) e a Codium fragile[6]. Outra especie invasora é o briozoo Watersipora subtorquata[Cómpre referencia].
Industria, tráfico marítimo e pesca
[editar | editar a fonte]O tránsito marítimo de persoas na ría de Vigo comezou a aumentar entre o 1930 e 1950 grazas a intercomunicación entre portos como o de Cangas e Vigo. Na década de 1970 publicitáronse as primeiras viaxes turísticas ás Cíes. Con iso, as visitas ás illas aumentaron progresivamente ata ser reguladas dun xeito estrito en 1999. A apertura ao público facilitou a entrada de especies exóticas nas illas, grazas a transportarse en vestimentas, ou similares, sementes ou propágulos destas. Uns exemplos son o de Sporobolus indicus ou o escaravello vermello Rhynchophorus ferrugineus.[32]
O elevado tránsito marítimo pode ter implicacións no asentamento de aves dentro do parque.[31] De feito nas illas atlánticas lévase dando unha grande mortaldade de aves acuáticas dende antes de crearse o parque, especialmente dende 2005[36]. Ademais, o baleirado dos hidrocarburos dos barcos supoñen unha fonte de contaminación mariña.[31]
Impacto turístico
[editar | editar a fonte]O turismo de verán implica un aumento do ruído na illa, máis pegadas no terreo e a liberación de produtos orgánicos ás augas. O impacto diso afecta á reprodución de aves ou implica cambios nos ecosistemas mariños máis achegados.[31]
Turismo
[editar | editar a fonte]As viaxes turísticas ao parque nacional pódense realizar empregando o transporte marítimo desde varios portos galegos das rías baixas, como os de Bueu, Cangas, Marín, Portonovo, Sanxenxo ou Vigo.[37] O acceso ás illas Cíes e Ons faise dun xeito restrinxido en canto ao número de pasaxeiros por día, sendo necesario solicitar autorizacións.[38] As visitas ás Cíes e ás Ons realízanse fundamentalmente durante a semana santa, as fins de semana de maio e durante o verán. En Sálvora o transporte ofrécese durante todo o ano agás en temporada baixa. En Cortegada as navieiras só fan viaxes baixo demanda.[37]
Os servizos de atencións aos visitantes existentes son[37][9]:
- Centro de Visitantes do Parque Nacional - Edificio Cambón, no casco vello de Vigo,
- Centro de Visitantes de Ons, na antiga escola no Curro,
- Centro de información en Cíes, no antigo almacén de artillería na illa do Faro,
- Casetas de información en Cíes, Ons e Cortegada.
Ademais hai outros puntos de información en Bueu, Ribeira e Vilagarcía de Arousa.[39]
Existen campamentos nas illas Cíes e en Ons. O das Cíes pode acoller até 800 persoas. O principal das Ons atópase na Chan da Pólvora, está dispoñible para ampliar, e ten preto en Pereiró outro para campamentos de rapazada.[37] Entre os miradoiros cómpre destacar os da Porta e Monteagudo, Pedrada Campá e o do Alto do príncipe nas Cíes; e o miradoiro de Fedorentos nas Ons. Outros puntos de interese a destacar das Ons son o Buraco do Inferno e a Punta Centulo.[9]
En febreiro do ano 2007 o xornal británico The Guardian elixiu a praia de Rodas, na illa de Monteagudo, como "a praia máis bonita do mundo".[40]
Lexislación
[editar | editar a fonte]A protección das illas atlánticas comezou co decreto de 1980 cando se lle deu protección ás illas Cíes e se creou o "Parque Natural das Illas Cíes".[41] En 1999 decretouse o plano de ordenación de recursos naturais das illas Cíes e dos arquipélagos de Ons e Sálvora. Foi coa lei estatal 15/2002, trala proposta de novembro de 2000 do parlamento galego, cando se declarou o actual territorio do parque como nacional e se denominou "Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia".[5] Os decretos 88/2002, que establece o réxime da illas de Cortegada, e o decreto 23/2006 continuaron avanzando nos plans de ordenación de recursos naturais do parque. O decreto 177/2018, do 27 de decembro, aprobou o último plano reitor deste parque marítimo-terrestre.[1][42] Dende o xullo de 2008 a xestión e planificación do parque compételle en exclusividade ao goberno autonómico galego.[43]
Ademais de ser un parque, as Illas Atlánticas acollen ou coinciden en parte con outras categorías de espazos galegos protexidos, todos eles dentro da Rede Natura 2000. O parque contén totalmente[1]:
- a Zona de especial protección para as aves (ZEPA) “Illas Cíes”,
- a ZEPA “Illa de Ons”,
- e a Zonas Especiais de Conservación (ZEC) Illas Cíes.
Está incluído na súa totalidade, exceptuando Cortegada, dentro dentro da ZEPA Espazo mariño das Rías Baixas de Galicia[44][45], e contén parte[1]:
- do ZEC Complexo húmido de Corrubedo, por ter o arquipélago de Sálvora,
- e do ZEC "Complexo Ons - O Grove", xa que coinciden no arquipélago de Ons.
Ademais, estas illas galegas están dentro do Convención para a protección ambiental mariña do Atlántico Nordeste (OSPAR) como "Illas Atlánticas de Galicia” e as illas Ons e Cíes están dentro dos inventarios españois de aves da SEO/BirdLife (IBA). [1]
Así mesmo o arquipélago de Sálvora é un Ben de Interese Cultural (BIC) protexido desde 2018.[1]
Desde 2018 as "Illas Cíes - Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia" son unha candidatura inicial a Patrimonio da Humanidade da UNESCO.[46]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
As Cíes desde Cabo Silleiro.
-
Costa ao exterior da ría das Cíes.
-
Illa de San Martiño das Cíes
-
Faro da Porta na illa do Faro das Cíes.
-
O porto e a praia da Dorna, ao pé do Curro nas Ons.
-
Cruceiro preto do Buraco do Inferno, nas Ons.
-
Illa de Onza.
-
Illa de Cortegada vista desde o Carril.
-
Aldea de Sálvora.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Consellería de medio ambiente, Xunta de Galicia. DOG -, eds. "Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia". Consultado o 1/1/2020.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Ministerio para la Transición Ecológica, Goberno de España. (eds.). "Islas Atlánticas de Galicia: Ficha técnica". Consultado o 1/1/2020.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Xunta de Galicia (eds.). "Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 01/09/2020. Consultado o 1/1/2020.
- ↑ 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 4,11 4,12 4,13 4,14 4,15 4,16 4,17 4,18 4,19 4,20 4,21 4,22 4,23 4,24 4,25 4,26 4,27 4,28 4,29 4,30 4,31 4,32 4,33 4,34 4,35 4,36 4,37 4,38 4,39 4,40 4,41 4,42 4,43 Xunta de Galicia (eds.). "DECRETO 177/2018, do 27 de decembro, polo que se aproba o Plan reitor de uso e xestión do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.". DOG (núm. 34): 9778–10003.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Goberno de España, eds. (2/07/2002). "Ley 15/2002, de 1 de julio, por la que se declara el Parque Nacional marítimo-terrestre de las Islas Atlánticas de Galicia.". BOE: 23906–23910.
- ↑ 6,0 6,1 Piñeiro, Cristina (Agosto 2014). "Islas Cíes: Paisaje submarino". Quercus (342).
- ↑ Ministerio para la Transición Ecológica, Goberno de España (eds.). "Red de Parques Nacionales: Visitantes". Arquivado dende o orixinal o 01/01/2020. Consultado o 1/1/2020.
- ↑ 8,00 8,01 8,02 8,03 8,04 8,05 8,06 8,07 8,08 8,09 8,10 8,11 8,12 8,13 Rodríguez Fernández, Roberto (director e coordinador) et al. (2014). Instituto Geológico y Minero de España, eds. Parque Nacional Marítimo-Terrestre de las Islas Atlánticas de Galicia: Guía Geológica (en castelán). p. 214. ISBN 978-84-8014-851-1. Arquivado dende o orixinal o 14 de xaneiro de 2016. Consultado o 29 de decembro de 2021.
- ↑ 9,00 9,01 9,02 9,03 9,04 9,05 9,06 9,07 9,08 9,09 9,10 9,11 9,12 9,13 9,14 9,15 9,16 9,17 9,18 9,19 9,20 9,21 9,22 9,23 9,24 9,25 9,26 9,27 9,28 9,29 9,30 9,31 9,32 9,33 9,34 9,35 9,36 9,37 9,38 9,39 9,40 9,41 9,42 9,43 9,44 9,45 9,46 9,47 9,48 9,49 9,50 9,51 9,52 9,53 9,54 9,55 Ana Vilas paz (Medio marino); Beatriz Gamallo Liste (Vegetación); Jesús Framil Barreiro (Fauna); José Antonio Fernández Bouzas (Gestión); Katya Sanz Ochoa (UP y Visita al PN; El entorno del PN); Marta Lois Silva (Aproximación al PN, Medio Físico); Mónica Toubes Porto (Historia y etnografía); Vicente Piorno González (Gestión) (2015). Guía de visita: Parque Nacional Marítimo-Terrestre de las Islas Atlánticas de Galicia (PDF) (en castelán). ISBN 978-84-8014-867-2. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19 de xaneiro de 2022. Consultado o 1 de xaneiro de 2020.
- ↑ 10,0 10,1 J.V. Lado; T. Longueira (24/05/2017). "Las Sisargas y las Lobeiras siguen al margen del parque Illas Atlánticas". La Voz de Galicia.
- ↑ 11,0 11,1 11,2 A. Otero Ricart (20/03/2013). "Las islas de la discordia". La Opinión A Coruña.
- ↑ 12,0 12,1 Redacción (Pontevedra) (19/04/2006). "Tambo pierde opciones de integrarse en el parque nacional Illas Atlánticas". Faro de Vigo.
- ↑ B. Márquez (27/12/2007). "Tambo será un área protegida aunque quede fuera del parque Illas Atlánticas". Faro de Vigo.
- ↑ Europa Press (12/09/2007). "Medio Ambiente negocia la compra de Tambo y las Sisargas para ampliar el parque Illas Atlánticas". Faro de Vigo.
- ↑ Eduardo Eiroa (07/06/2009). "Dos islas en busca de protección". La Voz de Galicia.
- ↑ Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Xunta de Galicia. (eds.). "Costa da Morte, Código ZEC ES1110005. Rede galega de espazos protexidos.". Consultado o 1/1/2020.
- ↑ Conselleraría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Xunta de Galicia (eds.). "Carnota - Monte Pindo, Código do ZEC ES1110008". Consultado o 1/1/2020.
- ↑ 18,0 18,1 Instituto Geológico y Minero Español (eds.). "Visor infoIGME". Arquivado dende o orixinal o 31/12/2019. Consultado o 1/1/2020.
- ↑ As pías son ocos ovalados pouco profundos que se forman na superficie dos bolos por alteracións dos bloques; e os tafoni son ocos que se orixinan no interior en niños ou panais no interior ou zona inferior dos bloques por acción do sal e outros procesos de disolución.
- ↑ Furna, ou entrante alongado da liña que costa que se formou por erosión da costa.
- ↑ Especies do Artigo 4 da Directiva 2009/147/EC e citadas no Anexo II da Directiva 92/43/EEC, e que son especies protexidas na Directiva Hábitats da Rede Natura 2000.
- ↑ NATURA 2000 - Standard Data Form (2019). European Environment Agency - Unión Europea, ed. "ES0000001 - Illas Cíes". natura2000.eea.europa.eu/. Consultado o 1/1/2020.
- ↑ NATURA 2000 - Standard Data Form (2019). European Environment Agency - Unión Europea, ed. "ES1140004 - Complexo Ons - O Grove". natura2000.eea.europa.eu/. Consultado o 1/1/2020.
- ↑ NATURA 2000 - Standard Data Form (2019). European Environment Agency - Unión Europea, ed. "ES1110006- Complexo húmido de Corrubedo". natura2000.eea.europa.eu/. Consultado o 1/1/2020.
- ↑ Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Xunta de Galicia (eds.). "Biodiversidade: información sobre a flora e fauna de Galicia.". Consultado o 1/1/2020.
- ↑ Especies prioritarias ou ameazadas dentro da Directiva Hábitat ou protexidas dentro do Convenio de Berna.
- ↑ Especies prioritarias ou ameazadas dentro da Directiva Hábitat ou protexidas dentro do Convenio de Berna.
- ↑ Especies prioritarias ou ameazadas dentro da Directiva Hábitat ou protexidas dentro do Convenio de Berna.
- ↑ Especies prioritarias ou ameazadas dentro da Directiva Hábitat ou protexidas dentro do Convenio de Berna.
- ↑ 30,0 30,1 Ballesteros-Arias, Paula (05/2008). Asociación Cultural-Gastronómica “PineirÓns”, eds. "O xacementos romano do Cantil de Canexol (Illa de Ons, Bueu). O esquecemento do recurso mariño". Aunios (O Grove (Pontevedra)) (13): 45–54.
- ↑ 31,0 31,1 31,2 31,3 Consellería de Medio Ambiente, Xunta de Galicia (Xoves, 28 de outubro de 1999). Diario Oficial de Galicia - DOG, eds. "DECRETO 274/1999, do 21 de outubro, polo que se aproba o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais das Illas Atlánticas." (Núm. 209): 12.711.
- ↑ 32,0 32,1 32,2 32,3 32,4 José A. Fernández-Bouzas; Débora Díaz Gato1; Manuel González Baz; Javier Ferreiro da Costa; Hugo López Castro1; Carlos Oreiro Rey; Luis Gómez-Orellana; Castor Muñoz Sobrino; Pablo Ramil-Rego (Edición: Ramil-Rego, P., Vales, C.) (2019). "Medios Insulares: antropización yexpansión de especies exóticasinvasoras. Situación en el ParqueNacional Marítimo-Terrestre das IllasAtlánticas de Galicia". En IBADER-CEIDA. Especies Exóticas Invasoras: situación e propostas de mitigación (PDF). Monografías do Ibader, Serie Biodiversidade. Lugo.
- ↑ Gabriel Casas Mairena; Maruxa Álvarez. Ministerior para la Transición Ecológica, Goberno de España, eds. "Riesgos de las especies de flora invasora en los hábitats dunares del Parque Nacional de las Islas Atlánticas de Galicia". Consultado o 5/1/2020.
- ↑ 34,0 34,1 Velo-Antón G.; Cordero Rivera A. (Xullo 2015). "Salamandra común: poblaciones insulares en Galicia". Quercus (353).
- ↑ Xunta de Galicia (eds.). "Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia: Conservación". Arquivado dende o orixinal o 08 de setembro de 2019.
- ↑ Sociedade Galega de Ornitoloxía (12/12/2019). "Cada vez menos gaivotas en Galicia" (PDF).
- ↑ 37,0 37,1 37,2 37,3 Turismo de Galicia. Xunta de Galicia, eds. "Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas". Consultado o 6/1/2020.
- ↑ Xunta de Gaicia (eds.). "Cíes - Illas Atlánticas". Consultado o 6/1/2020.
- ↑ Goberno de España (eds.). "Islas Atlánticas de Galicia: Servicios externos 1 autores = Ministerio para la Transición Ecológica". Consultado o 6/1/2020.
- ↑ Gavin McOwan (16/2/2007). "Top 10 beaches of the world". The Guardian.
- ↑ Goberno de España, eds. (15/11/1980). "Real Decreto 2497/1980, de 17 de octubre, sobre declaración del Parque Natural de las Islas Cíes (Pontevedra).". BOE (275): 25577–25578.
- ↑ Xunta e Galicia, eds. (27/12/2018). "O Parque Nacional das Illas Atlánticas conta xa cun Plan reitor que garantirá unha maior protección e conservación". Cultura de galicia (Santiago de Compostela).
- ↑ Xunta de Galicia, eds. (Martes, 23 de decembro de 2008). "DECRETO 280/2008, do 11 de decembro, polo que se modifica o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.". DOG (Núm. 248): 22.912.
- ↑ Ministerio para la Transición Ecológica, Goberno de España (eds.). "ZEPA - ES0000499 Espacio marino de las Rías Baixas de Galicia". Consultado o 15/12/2019.
- ↑ Goberno de España, eds. (21 de xaneiro de 2016). "Resolución de 20 de noviembre de 2015, de la Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y del Mar, por la que se integran en la Red de Áreas Marinas Protegidas de España las zonas de especial protección para las aves marinas de la Red Natura 2000.". BOE (núm. 18): 5642–5644.
- ↑ World Heritage Convention. UNESCO World Heritage Centre - UNESCO, eds. "Cíes Islands–Atlantic Islands of Galicia National Park (Date of Submission: 05/02/2018)".
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Parque Nacional das Illas Atlánticas |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Flora y vegetación de las Islas Cíes Jesús I. Fernández Alonso e outros, Ministerio de Medio Ambiente, 2011.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Centro de Visitantes Cambón
- Galería de imaxes do Parque Nacional das Illas Atlánticas
- Illas de Galiza
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- ParqueNacionalIllasAtlanticas.com
- Ministerio para la Transición Ecológica: Parque Nacional Marítimo-Terrestre de las Islas Atlánticas de Galicia (en castelán)
- Instituto Geológico y Minero Español: Parque Nacional Marítimo-Terrestre de las Islas Atlánticas de Galicia Arquivado 29 de agosto de 2021 en Wayback Machine. (en castelán)
- Páxina con fotografías de Javier Albertos.