[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Morcegos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os quirópteros ou morcegos (Chiroptera) son unha orde de mamíferos placentarios cuxas extremidades superiores se desenvolveron como ás. Con aproximadamente 1.100 especies, representan aproximadamente un 20% de todas as especies de mamíferos,[3] o que os converte na segunda orde máis numerosa desta clase (tras os roedores). Están presentes en todos os continentes, agás na Antártida.[4]

Son os únicos mamíferos capaces de voar, espalláronse por case todo o mundo e ocuparon unha gran variedade de nichos ecolóxicos diferentes. Desempeñan un papel ecolóxico vital como polinizadores e tamén desenvolven un importante papel na dispersión de sementes; moitas plantas tropicais dependen por completo dos morcegos.[5] Teñen as patas anteriores transformadas en ás e a maioría guíanse e cazan por ecolocación.[6] Preto dun 70% das especies son insectívoras e a maior parte do resto fruxívoras; algunhas aliméntanse de pequenos vertebrados como ras, roedores, aves, peixes, outros morcegos ou, como no caso dos vampiros (subfamilia Desmodontinae), de sangue.

O seu tamaño varía dende os 29-33 mm de lonxitude e 2 g de peso do morcego moscardón (Craseonycteris thonglongyai), aos máis de 1,5 m de lonxitude e 1,2 kg de peso do raposo voador filipino (Acerodon jubatus).

Por mor dos hábitos nocturnos da maioría das súas especies e a ancestral incomprensión sobre como podían «ver» na escuridade, considerábaselles e aínda se lles considera a miúdo como habitantes sinistros da noite, e con poucas excepcións (como na China, onde son símbolo de felicidade e proveito) na maior parte do mundo os morcegos causaron temor entre os humanos ao longo da historia; iconas imprescindibles no cinema de terror, aparecen en multitude de mitos e lendas e, aínda que en realidade só tres especies son hematófagas, a miúdo son vencelladas cos mitolóxicos vampiros.

En Galicia rexistrouse a presenza de 24[7] das 45[8] especies de morcegos que viven en Europa o que fai de Galicia un paraíso para os quirópteros europeos.[9]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome científico da orde, Chiroptera, provén de dous vocábulos gregos, cheir (χειρ, "man"), e pteron (πτερον, "á"). Malia ser poucos os quirópteros que o son completamente, antigamente predominaba a crenza de que eran cegos, como demostra a orixe do seu nome común, «morcego», formada polo substantivo mur e o adxectivo cego «rato cego», derivadas á súa vez da unión das voces latinas latinos mus (rato) e caecŭlus (diminutivo de caecus, "cego"). En galego recibe tamén os nomes de muricego, municego e murcego. Noutras linguas o seu nome común tamén é unha palabra composta que alude á súa semellanza cos roedores e a súa capacidade de voar, como ratpenat (rata alada) en catalán, ou fledermause (rato que voa) en alemán, en éuscaro chámase sagu zahar (rato vello), os chineses chámanos sein-shii (rato celeste) e os aztecas chamábanos quimichpapalotl, de quimich, rato, e papalotl, bolboreta.[10][11]

O termo «vampiro», que se emprega como nome común dos morcegos hematófagos, ten a súa orixe nos míticos vampiros, termo que provén de vampir nas linguas eslavas e do alemán, que se deriva do polaco wampir e este á súa vez do eslavo arcaico oper, con raíces indoeuropeas paralelas no turco e no persa, e que significa «ser voador», «beber ou chuchar» e «lobo».[12]

Morfoloxía

[editar | editar a fonte]

Xunto coas aves e os xa extintos pterosauros, os morcegos son os únicos animais vertebrados capaces de voar.[13] Para conseguilo, desenvolveron unha serie de caracteres destinados a permitir o voo; agás o polgar, todos os dedos das mans están particularmente alongados e sosteñen unha fina membrana de pel, flexible e elástica, que garante a sustentación. Esta membrana, denominada pataxio, está formada por dúas capas de pel que recobren unha capa central de tecidos innervados, vasos sanguíneos e fibras musculares.

A súa pelaxe varía segundo as especies, pero xeralmente son pardos, grises, amarelos, vermellos e negros. O seu tamaño varía dende os 29?33 mm de lonxitude e 2 g de peso do Craseonycteris thonglongyai o mamífero máis pequeno existente na actualidade,[14] aos máis de 1,5 m de lonxitude e 1,2 kg de peso do gran Acerodon jubatus.[15][16] Outros morcegos de gran tamaño son o Pteropus giganteus, o Pteropus livingstonii ou o Pteropus vampyrus, o morcego de maior envergadura. A pesar do seu nome, os megaquirópteros non son sempre maiores cá os microquirópteros, pois algunhas especies tan só miden seis centímetros de lonxitude e son máis pequenos cós microquirópteros de maior tamaño.

Esqueleto

[editar | editar a fonte]
Esqueleto de Myotis myotis (as costelas están danadas).

A principal adaptación esquelética desta orde de mamíferos é un pronunciado alongamento do quiridio, especialmente nos seus ósos máis separados da liña media. O radio é longo e a ulna reducida e está fusionada con este, e o úmero é tamén moi longo e cunha cabeza grande, articulada coa escápula dunha forma especial, pois os movementos de voo danse sobre todo a nivel do ombreiro, permanecendo ríxido o resto da extremidade; o cóbado tan só permite movementos de flexión-extensión e o carpo realiza a flexión-extensión e o despregamento dos dedos. O primeiro dedo é robusto e externo á á e sempre esta provisto de unlla (no caso dos megaquirópteros tamén o segundo dedo); o resto de metacarpianos e falanxes proximais están especialmente alongados para soster o pataxio, coas falanxes distais relativamente curtas. As extremidades posteriores son débiles e contan con cinco dedos provistos de unllas, que empregan para pendurarse sen necesidade de contracción muscular.[17]

O esterno forma unha quilla onde se inseren os seus potentes músculos pectorais e a ancha e vigorosa clavícula adoita estar fusionada co esterno e a escápula. As costelas son anchas, teñen pouca mobilidade e poden fusionarse entre si e coas vértebras, o que fai que a súa respiración sexa predominantemente diafragmática. A pelve evolucionou para adaptarse ao voo; áchase desprazada de forma que o acetábulo queda situado dorsalmente e a pata sostense cara a fóra e cara a arriba, e xeralmente carecen de sínfise pubiana; nos microquirópteros, o ilion e o sacro están fusionados até o nivel do acetábulo, co que carecen de mobilidade na unión iliosacral, e no caso dos megaquirópeteros os dous ósos están completamente fusionados. As esternebras son robustas e están fusionadas, e as espiñas neurais, a propia columna vertebral e especialmente a rexión lumbar son curtas. A columna está composta por sete vértebras cervicais, once vértebras torácicas e até dez vértebras caudais; para sustentar os seus poderosos músculos de voo, as vértebras torácicas están fortemente unidas entre si formando unha columna ríxida.[17][18]

A orientación das súas extremidades inferiores é única entre os mamíferos; a unión da cadeira está virada 90° de forma que as pernas proxéctanse de lado e a cara dos xeonllos fica case cara a atrás. En parte debido a esta rotación, o seu movemento ao andar é xeralmente romo e a diferenza doutros tetrápodos. Este deseño das extremidades inferiores dá apoio ao pataxio no voo e permítelles pendurarse boca abaixo, posición na que pasan gran parte da súa vida, pendendo das ramas das árbores ou dos teitos das covas onde habitan. Tamén teñen o polgar dos pés libre e está dotado dunha unlla que lles axuda a pendurarse e rubir. Cando están pendurados, o seu peso exerce unha tracción sobre os tendóns que mantén as poutas en posición de enganche, o que lles permite ficar pendurados mesmo durmidos e non gastar enerxía aínda que permanezan nesa posición durante grandes períodos de tempo.[19]

Clasificación

[editar | editar a fonte]

Hai dúas subordes de morcegos:

  1. Megachiroptera, morcegos fruxívoros
  2. Microchiroptera, morcegos insectívoros

Os Megachiroptera comen froitas, mentres que os Microchiroptera comen principalmente insectos, e con frecuencia dependen da ecolocación para navegación e para atopar presas. Un grupo de especies, os vampiros, aliméntase de sangue.

Críase que as dúas subordes se desenvolveron de forma independente, e que as súas características semellantes eran o resultado de evolución converxente, mailas análises xenéticas mostraron que os dous grupos teñen un devanceiro voador común.

Sábese pouco sobre a evolución dos morcegos, xa que os seus esqueletos pequenos e delicados non fosilizan ben. Os morcegos fósiles máis antigos atopados son o Icaronyctens, Archaeonyctnes, Palaeochropteryx e Hasianycteris do Eoceno inferior (preto de 50 millóns de anos atrás), mais son xa moi semellantes aos Microchiroptera modernos.

Os morcegos agrúpanse usualmente, xunto cos Scandentia, Dermoptera e primates, na superorde Archonta.

O óso do metacarpo e o segundo e quinto dedos dos membros anteriores son alongados, e entre eles existe unha membrana, chamada quiropataxio. A membrana esténdese dos dedos ata o lado do corpo e deste ata a base dos membros posteriores. A ala enteira dun morcego é chamada pataxio. Moitas especies teñen tamén unha membrana entre os membros posteriores incluíndo a cola. Esta membrana é o uropataxio.

O pataxio está cheo de delicados vasos sanguineos, fibras musculares e nervios. No tempo frío, os morcegos enrólanse nas súas propias ás como nunha casaca. Cando vai calor expándennas para refrescar os seus corpos.

O polgar e mais ás veces o segundo dedo dos membros anteriores teñen garras, como os cinco dedos dos membros posteriores. As garras traseiras permiten aos morcegos agarrárense ás pólas ou saíntes. Os morcegos tamén poden moverse no chan, mais son bastante desaxeitados.

Todos os morcegos son activos á noite ou ao luscofusco, polo tanto os ollos da maioría das especies están pouco desenvolvidos. Os seus sentidos de olfacto e audición, non obstante, son excelentes. Ao emitir sons de alta frecuencia e escoitar os seus ecos, os Microchiroptera localizan presas e outros obxectos próximos. Este é o proceso de ecolocación, unha habilidade que comparten cos golfiños e mailas baleas.

Os dentes parécense aos dos insectívoros. Son moi agudos, para roer a través da casca das froitas ou da armadura de quitina dos insectos.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Un morcego acabado de nacer agárrase á pel da nai e é transportado, aínda que logo se torne grande de máis para isto. Sería difícil para un adulto carregar máis dunha cría, polo tanto normalmente nace só unha. Os morcegos frecuentemente forman colonias con moitas femias dando a luz na mesma área, sexa unha caverna, un oco de árbore ou unha cavidade nunha construción. A xestación dura de 2 a 7 meses, variando conforme a especie. Nalgunhas especies dúas glándulas mamarias están situadas entre o peito e os ombros (axilares), mais tamén poden ser pectorais ou abdominais.

A habilidade de voar é conxénita, mais despois do nacemento as ás son pequenas para voar. Os xoves morcegos da orde Microchiroptera tórnanse independentes á idade de 6 a 8 semanas, os da orde Megachiroptera non antes dos catro meses. Á idade de dous anos os morcegos están sexualmente maduros.

A expectativa de vida do morcego vai de 10 a 30 anos, segundo a especie.

Os morcegos pequenos son ás veces presas de curuxas e falcóns. De maneira xeral, hai poucos animais capaces de cazar un morcego. En Asia existe unha ave, un tipo de falcón, que se especializou en cazar morcegos. O gato doméstico é un predador regular en áreas urbanas, colle morcegos que están entrando ou deixando un abrigo, ou no chan. Raramente os morcegos descenden ao chan para se alimentar, pode acontecer debido a accidentes mentres están aprendendo a voar, en tempo frío ou como estratexia de aproximación.

Os peores inimigos son os parasitos. As membranas, cos seus vasos sanguíneos, son fontes ideais de alimento para pulgas, carrachas e ácaros. Algúns grupos de insectos zugan só sangue de morcego, por exemplo a mosca do morcego. Nas súas cavernas os morcegos fican pendurados moi próximos, polo tanto é fácil para os parasitos infestar novos hospedadores.

Vector da rabia

[editar | editar a fonte]

Nos lugares onde a rabia non é endémica, como na maior parte da Europa occidental, os pequenos morcegos poden ser considerados inofensivos, pero noutras rexións poden funcionar como vectores da doenza. Os morcegos grandes poden dar unha trabada desagradable. Deben tratarse co mesmo respecto que a calquera animal silvestre.

Morcegos en Galicia

[editar | editar a fonte]

[Cómpre referencia] Na listaxe seguinte atópase primeiro o nome galego, logo o nome científico e unha referencia da distribución en Galicia e o hábitat máis común:

Aspectos culturais

[editar | editar a fonte]

O morcego é sagrado en Tonga, África Occidental e Bosnia, e frecuentemente é considerado a manifestación física dunha alma separada. Os morcegos están intimamente relacionados cos vampiros, que se di serán capaces de se metamorfosear en morcegos ou lobos. Son tamén un símbolo de pantasmas, morte e doenza. Entre algúns nativos americanos, como os creek, cherokees e apaches, o morcego é un espírito embusteiro. A tradición chinesa afirma que o morcego é un símbolo de lonxevidade e felicidade, como en Polonia, na rexión da Macedonia e entre os árabes e kwakiutl.

Na cultura occidentel o morcego é frecuentemente símbolo da noite e a súa natureza prohibida. É un dos animais básicos asociados cos caracteres ficcionais da noite, tanto viláns como Drácula, canto heroes como Batman.

No Reino Unido todos os morcegos están protexidos polos Decretos da Vida Silvestre e Zona Rural (Wildlife and Countryside Acts), e incluso perturbar un morcego ou o seu niño pode ser multado.

[editar | editar a fonte]

Hai quen cre que se se lle dá a alguén a beber sangue de morcego, non dormirá nunca máis. Outros etnógrafos din que é un afamado bebedizo para namorar, útil para calquera dos dous sexos. Finalmente, hai quen asegura que o sangue de morcego é mortal: se se bota no viño e se lle dá a beber a alguén, este morre ou tolea.

  1. "Chiroptera (bat)" (en inglés). The Paleobiology Database. Arquivado dende o orixinal o 12/09/2019. Consultado o 6/1/2011. 
  2. Eick et ál. (2005). "A Nuclear DNA Phylogenetic Perspective on the Evolution of Echolocation and Historical Biogeography of Extant Bats (Chiroptera)". Molecular Biology and Evolution 22 (9): 1869–1886. PMID 15930153. doi:10.1093/molbev/msi180. Several molecular studies have shown that Chiroptera belong to the Laurasiatheria (represented by carnivores, pangolins, cetartiodactyls, eulipotyphlans, and perissodactyls) and are only distantly related to dermopterans, scandentians, and primates (Nikaido et al. 2000; Lin and Penny 2001; Madsen et al. 2001; Murphy et al. 2001a, 2001b; Van Den Bussche and Hoofer 2004). 
  3. Tudge, Colin (2000). The Variety of Life (en inglés). Oxford University Press. ISBN 0-19-860426-2. 
  4. Simmons, Nancy B. (2009). "Orixe e evolución dos morcegos". Investigación e Ciencia (390): 64–72. ISSN 0210-136X. 
  5. Galindo González, J. (1998). "Dispersión de sementes por morcegos: a súa importancia na conservación e rexeneración do bosque tropical". Acta Zoológica Mexicana (en castelán) (73): 57–74. 
  6. Nowak, R. M. (1994). Walker's Bats of the World (en inglés). The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-4986-2. 
  7. "Morcegos de Galicia". Morcegos de Galicia. Consultado o 22-02-2022. 
  8. "BatLife Europe". Consultado o 22-02-2022. 
  9. Galicia cuenta con casi la mitad de la diversidad de murciélagos de Europa Soitu.es 19/08/2008, Consultada o 17/07/09
  10. "murciégalo". Diccionario de la lengua española. Real Academia Española. Consultado o 7/1/2011. 
  11. Villa Ramírez, B (1976). "Biología de los murciélagos hematófagos" (PDF). Ciencia veterinaria (Facultad de Medicina Veterinaria y Zootecnia. UNAM) 1: 65–99. 
  12. Fló, Martín & FFA. "El origen etimológico del vampiro moderno" (PDF). Portal de la Sociedad Española de Estudios sobre vampiros. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23/09/2013. Consultado o 7/01/2011. 
  13. Holmes, B (12/7/2008). "How bats made the leap from gliding to flying". New Scientist (en inglés) 199 (2664): 16. Consultado o 7/01/2011. 
  14. "Bumblebee bat (Craseonycteris thonglongyai)" (en inglés). EDGE Species. Arquivado dende o orixinal o 19/09/2015. Consultado o 17/1/2010. 
  15. Mildenstein, T. et ál (2008). "Acerodon jubatus" (en inglés). IUCN Rede List of Threatened Species. Version 2009.2. Arquivado dende o orixinal o 19/06/2012. Consultado o 17/1/2010. 
  16. Mildenstein, T.L., Stier, S.C., Novo-Diego, C.E., Mills, L.S. (2005). "Habitat selection of endangered and endemic large flying-foxes in Subic Bay, Philippines" (PDF). Biological Conservation (en inglés) 126 (1): 93–102. doi:10.1016/j.biocon.2005.05.001. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29/12/2010. Consultado o 7/01/2011. 
  17. 17,0 17,1 Dicionario enciclopédico Salvat Universal 17 (15ª ed.). Barcelona: Salvat Editores, S.A. 1981. pp. 187–188. ISBN 84-345-3717-6. 
  18. Kardong, K. V. (1998). Vertebrates: comparative anatomy, function, evolution (en inglés). WCB/McGraw-Hill. ISBN 0697286541. 
  19. Simmons, N. B. e Conway, T (1997). "Chiroptera" (en inglés). Tree of Life Web Project. Arquivado dende o orixinal o 01/12/2019. Consultado o 25/01/2011. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]