Mos
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia de Pontevedra | ||||
Capital | Reguengo | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 15.076 (2023) (289,92 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 52 km² | ||||
Altitude | 399 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcaldesa | Nidia Arévalo (2008–) | ||||
Eleccións municipais en Mos | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 36410–36419 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 36033 | ||||
Páxina web | concellomos.es |
Mos[1] é un concello da provincia de Pontevedra pertencente á comarca de Vigo[2]. Antigamente inscribíase na histórica Comarca da Louriña, que pese a non ter valor administrativo segue tendo presenza no imaxinario colectivo e nos medios de comunicación [3][4].
O seu xentilicio é mosense[5]. Segundo o IGE, no ano 2014 contaba con 15.324 habitantes dos cales 7.529 son homes e 7.795 mulleres [6].
Ten unha superficie de 53,2 km² e unha densidade de poboación de 288,04 hab/km² repartidos en dez parroquias: Cela, Dornelas, Guizán, Louredo, Mos, Pereiras, Petelos, Sanguiñeda, Tameiga e Torroso[7].
Este concello estableceuse constitucionalmente no ano 1836, non tendo nestes dous séculos apreciables variacións agás os diferentes cambios de capitalidade [8].
Xeografía
[editar | editar a fonte]Redondela |
Pazos de Borbén |
Ponteareas |
Vigo |
Ponteareas | |
Vigo |
O Porriño |
Ponteareas |
Situación
[editar | editar a fonte]O concello emprázase no suroeste de Galicia, preto da fronteira con Portugal, flanqueado polos concellos de Vigo, O Porriño e Ponteareas. No seu extremo norte e nordeste limita cos concellos de Ponteareas e Pazos de Borbén.
Orografía e hidrografía
[editar | editar a fonte]No tocante ás elevacións, as máis importantes nas cordilleiras menores do Galleiro, son As Sete Paredes (744 m), o Salgueirón (621 m), o Castelo (543m) e Pereiras (514 m)[9].
Os ríos que regan o municipio son o Louro, que recibe como afluentes o Torroeira, Fraga e Castelo, e, tamén, o río Perral que se une logo ó Louro[9].
Clima
[editar | editar a fonte]A característica fundamental do clima é a existencia de dous microclimas ben diferenciados. Dunha banda, un clima de montaña, representado nas inmediacións de Peinador, e, doutra, un clima de val representado nas inmediacións do Porriño.
Aeroporto de Vigo (1972-2000) | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Mes | Xan | Feb | Mar | Abr | Mai | Xuñ | Xul | Ago | Set | Out | Nov | Dec | Ano |
Temperatura máxima absoluta (°C) | 21,0 | 27,6 | 28,0 | 29,6 | 33,6 | 38,6 | 36,6 | 37,5 | 36,0 | 30,0 | 24,6 | 23,2 | |
Temperatura máxima media (°C) | 11,6 | 12,9 | 15,1 | 16,1 | 18,2 | 22,0 | 24,3 | 24,2 | 22,4 | 18,5 | 14,7 | 12,3 | |
Temperatura media (°C) | 8,3 | 9,3 | 10,9 | 11,9 | 14,0 | 17,3 | 19,4 | 19,4 | 18,0 | 14,6 | 11,3 | 9,2 | |
Temperatura mínima media (°C) | 5,0 | 5,8 | 6,6 | 7,7 | 9,9 | 12,6 | 14,6 | 14,6 | 13,6 | 10,8 | 7,9 | 6,2 | |
Temperatura mínima absoluta (°C) | -4,0 | -5,0 | -3,0 | -0,2 | 2,0 | 4,6 | 7,6 | 7,2 | 5,0 | 2,0 | -0,8 | -3,4 | |
Precipitacións (mm) | 255 | 219 | 145 | 148 | 141 | 73 | 43 | 40 | 113 | 215 | 228 | 298 | |
Horas de sol | 113 | 116 | 176 | 184 | 217 | 269 | 296 | 281 | 205 | 154 | 109 | 90 | |
Humidade relativa media (%) | 85 | 81 | 76 | 75 | 77 | 74 | 74 | 74 | 78 | 82 | 86 | 86 | |
Fonte: AEMET |
Demografía
[editar | editar a fonte]Para entender o crecemento demográfico deste concello hai que situalo xeograficamente na súa contorna tendo especial atención a Vigo. Esta cidade triplicou a súa poboación dende 1880 ata os anos trinta pasando dos 13.416 habitantes do censo de 1877 ata os sesenta mil nos anos da Segunda República[Cómpre referencia]. É, pois, a cidade galega que maior incremento porcentual de poboación tivo dende fins do século XIX ata fins do século XX[Cómpre referencia], vinculado ao porto ás súas industrias pesqueiras e, máis tarde, ó sector servizos e á industria automobilística coa apertura de PSA-Citroen.
O crecemento desta cidade coincide tamén coa mellora das vías de comunicación, concretamente dos Tranvías Eléctricos de Vigo, que a altura de 1914 tiñan xa 17 quilómetros de vías. A articulación metropolitana da cidade de Vigo con toda a súa área de influencia, dende Redondela a Baiona e O Porriño, foi obra do desenvolvemento desta sociedade de transporte[10]. Polo concello de Mos pasou unha liña que se iniciaba no Porriño e chegaba ata Cabral[11].
|
|
Divisións administrativas
[editar | editar a fonte]Mos está dividido, segundo o nomenclátor[13], en 41 entidades ou núcleos de poboación agrupados en dez parroquias. Con todo, o censo de poboación do Instituto Galego de Estatística[6] nomea a 77 núcleos de poboación agrupados da seguinte forma:
# | Parroquia | Entidades menores (lugares) | Poboación 2014 [6] (hab) |
---|---|---|---|
1 | Cela (San Pedro) | Arufe, Atín, O Coto, Erville, Pardellas, Cabanelas, Igrexa, As Pereiras, Sequeiros. | 1.365 |
2 | Dornelas (Santa María) | Os Castros, O Cotiño, Brea, Pedreira. | 662 |
3 | Guizán (Santa María) | Regomil, As Sobráns, Castro, Cruceiro, Fraela, Santiaguiño. | 868 |
4 | Louredo (San Salvador) | Arrufana, O Enxertado, O Pantaño, O Pombal, Candosa, Casanova, Cortiñas, Eiragrande, Quintal, Santo Antoíño, Torroeira. | 1.626 |
5 | Mos (Santa Eulalia) | O Castro, A Gándara, As Regadas, A Rúa, Santa Marta, A Zapateira, Cabaleiros, Cantín, Espaín, Pedrapinta, Sobrado. | 1.585 |
6 | Pereiras (San Miguel) | Campo de Eiró, Casal, Casalmorto, Roublín. | 1.407 |
7 | Petelos (San Mamede) | Balteiro, A Estibada, A Porteliña, Reguengo, Veigadaña, Barro, Laxe, Perral. | 1.373 |
8 | Sanguiñeda (Santa María) | Agüeiro, Ameiro Longo, Ansar, Monte, Piñeiro, Cerqueiras. | 1.623 |
9 | Tameiga (San Martiño) | O Casal, A Igrexa, Pedraúcha, A Portela de Puxeiros, Bosende, Camaña, Rebullón. | 3.397 |
10 | Torroso (San Mamede) | Louriño, O Outeiro, Barreiros, Cabezal, Cotofe, Fontiña, Igrexa, San Xoán, Seixabre, Texe. | 1.418 |
Das dez parroquias, Tameiga é a máis poboada con máis do dobre de poboación que calquera outra. Unha das características do concello é a ausencia dun centro urbano e a súa dispersión xeográfica. A clasificación que o IGE fai do concello corresponde á etiqueta Zona Pouco Poboada (ZPP)[14].
Tradicionalmente o concello incluíase no partido xudicial de Redondela, sendo agregado nas súas sucesivas desaparicións no de Vigo e Tui[8]. Posteriormente o concello pasou a inscribirse no partido xudicial do Porriño[15].
Emigración
[editar | editar a fonte]Na Arxentina hai unha Asociación de Residentes de Mos-Buenos Aires[16]. O 23 de febreiro do 1918 constitúese en Bos Aires unha asociación que usará un selo co nome de Sociedad Protección Hijos del Ayuntamiento de Mos, co obxectivo de soster escolas gratuítas de ambos sexos[16]. A primeira comisión formárona veciños de Tameiga, Sanguiñeda, Petelos, Cela e Pereiras[16]. Na primeira Asemblea Xeral Ordinaria, o día 24 de maio de 1918, votouse a mesma esencia da institución[17]:
- Axuda moral e material entre os asociados.
- Busca de emprego por parte de todos os socios ós desempregados como compromiso moral cos asociados.
- Repatriación dos socios que imposibilitados para a vida non poidan traballar para o seu sostemento. Entrega dun pase de terceira clase ata o porto de Vigo e 100 pesetas en concepto de gastos de viaxe.
- Fundación e sostemento de escolas gratuítas de ambos sexos nas parroquias dos seus distritos abarcando os ciclos de primeira e elemental, da idade de 6 a 14 anos e manter nestas escolas a instrución nocturna para os adultos.
Historia
[editar | editar a fonte]Por favor, axuda na mellora deste artigo ou sección ampliando a información que achega. Se cadra, podes atopar máis información na páxina de conversa. |
Cultura
[editar | editar a fonte]Toponimia
[editar | editar a fonte]O topónimo Mos [‘mɔs] é unha variante dialectal do substantivo moa (do MOLAM latino, 'moa de muíño', derivado de MOLERE), procedente dunha crase en –ò da secuencia –òa do galego común[18]. Este fenómeno fonético observase nas dúas bandas da Ría de Arousa, no occidente e sur de Pontevedra e máis no suroeste de Ourense [19]. O topónimo fai alusión á existencia nestas terras de pedras que semellan moas de muíño ou xigantescas moas dentais, pedras que se atopan non só no dito concello senón tamén espalladas mesmo na estrada do Porriño a Redondela[18]. Con este mesmo fenómeno fonético temos outros topónimos no concello como Campo de Eiró (Eiroa>Eiró) en Pereiras[18]. Esta é a etimoloxía máis seguida, que procede do profesor alemán Joseph-Maria Piel [20].
Patrimonio
[editar | editar a fonte]Patrimonio arqueolóxico
[editar | editar a fonte]- Castro de Torroso
- Artigo principal: Castro de Torroso.
O sitio arqueolóxico do castro de Torroso, na parroquia de Torroso, foi descuberto de maneira fortuíta en 1983 [21]. Os temporais da estación derrubaron varias árbores poñéndoo ó descuberto entre as terras adheridas ás raíces cunha cantidade de fragmentos de cerámica. Tralo estudo destes fragmentos atopados, os expertos ditaminaron que se trataba dun sitio arqueolóxico de topografía castrexa [21].
Trala aprobación dun plan de escavación, aprobado polos organismos públicos, os traballos empezan a altura do 1984[21]. En 1992, Antonio de la Peña, arqueólogo do museo Provincial de Pontevedra, afirmou que o castro de Torroso era o testemuño máis antigo en Galicia da cultura castrexa [22] trala datación da súa fundación a inicios do século VII a.C.[23].
O castro de Torroso xorde por efecto do crecemento económico, preferentemente agrario, acadado por unha das comunidades que habitaron o territorio na fin da Idade de Bronce, na transición entre os séculos VIII e VII a.C[22]. O desenvolvemento do medio e a riqueza xerada permitiu a fixación da poboación a un territorio determinado e posibilitou a construción do poboado concibido como residencia permanente [22]. Este fenómeno preséntase cun compoñente basicamente autóctono, sen que na súa xénese se poida detectar a posible presenza de elementos étnicos foráneos[22].
N0 2015 os alumnos do Instituto de Educación Secundaria de Mos, en colaboración co seu profesorado, comezaron a impulsar a recuperación dos restos arqueolóxicos poñendo sobre a mesa a necesidade da recuperación do patrimonio arqueolóxico do concello.[24]
- Xano e Vesta
Pola parroquia de Dornelas pasou dende moi antigo o Camiño Real, camiño que unía o interior co mar, é dicir, Ponteareas con Vigo[25]. Neste mesmo camiño descubriuse, a causa das obras de mellora dun camiño, uns bustos enterrados na década dos 70. Foron gardados na casa dos veciños por descoñecemento, e posteriormente foron recuperados por Francisco Javier Baquero Rotea ó facer un estudo etnográfico para unha obra sobre o concello[25].
A estas figuras Antonio de la Peña Santos realizoulles un primeiro análise co que estableceu a súa antigüidade nuns 2000 anos[25]. Unha das figuras representa un Xano bifronte, copia dunha divindade romana, coa cara tallada por ambas caras. A segunda representa unha figura feminina, con seguridade unha representación do culto da deusa Vesta[25].
Os bustos atópanse no Museo de Pontevedra. Porén, o colexio Peña de Francia conserva unha replica do Xano doada por Marcos Escudero, escultor e canteiro mosense[26].
- Miliario de Santiaguiño de Antas
- Artigo principal: Miliario de Santiaguiño de Antas.
Este miliario está situado na antiga Vía XIX do Itinerario de Antonino, no actual Santiaguiño[27]. O miliario é unha columna de granito cilíndrico de época romana, localizado no lugar onde o Itinerario de Antonino sitúa a mansión "Búrbida". Estes elementos eran colocados nas vías a modo de postes quilométricos co fin de sinalar as distancias entre cidades e podían indicar, tamén, o número de pasos (mil pasos, unha milla)[27]. Estas pezas levaban unha inscrición en referencia ó emperador da época pero, no caso deste miliario, as incricións son ilexibles. En épocas posteriores á romanización, coa intención de cristianizalo por ser considerado un elemento pagá, foi “crucificado”, é dicir, cuberto de cruces ó longo do fuste [28].
Segundo fontes orais, este miliario foi obxecto de prácticas relacionadas co culto á fertilidade, mediante fregas do ventre contra este[28].
A cronoloxía que se lle atribúe a este miliario coincidiría coa época do emperador Traxano, no s. II d.C[28]. Tamén é coñecido cos nomes de Marco ou Anta da Maniola por servir de deslinde entre as parroquias de Louredo e Guizán, do concello de Mos, e de Vilar de Infesta, do concello de Redondela[28].
Este miliario é un dos elementos arqueolóxicos que podemos atopar no Camiño Portugués no seu paso por este concello.
- Petróglifo do Monte Salgueirón
Este petróglifo atópase no Monte Salgueirón, en Santo Antoíño. É un elemento de grande interese arqueolóxico e parece corresponder á época do Calcolítico, cunha cronoloxía que abranguería do 2000 ó 1800 a.C.[29]. Trátase dun gravado feito cun obxecto punzante que presenta diversos motivos tales como liñas curvas e círculos[29]. Descoñécese o significado, se ben hai autores que apuntan a que tales representacións poidan ser posibles mapas de situación, mentres que outros cren estar en fronte de ritos relixiosos prehistóricos vinculados ó culto á auga[29].
- Petróglifo Laxe das Cruces
Este petróglifo atópase na parroquia de Louredo e, segundo unha catalogación do patrimonio arqueolóxico do concello, pertence ó grupo de gravados históricos, posiblemente á Idade Media, polo que leva a pensar que se trata dun petróglifo de delimitación territorial. Antigamente era costume da xente marcar as pedras co fin de deslindar montes ou terreos[27][30].
- Mámoas
O val do río Louro presenta non poucas evidencias da súa ocupación durante os tempos prehistóricos[31].
Os restos máis numerosos, integrados polas agrupacións de túmulos megalíticos, coroan a dorsal da Serra do Galiñeiro nos límites co municipio de Vigo[31] .
No concello atópanse diversos restos desta cultura megalítica espallados por todo o territorio. Algúns foron recuperados e trasladados mentres que outros seguen no seu lugar orixinal. Un dos testemuños mellor conservados son os túmulos funerarios megalíticos da parroquia de Cela onde se atopan as Mámoas do Círculo Mercantil, un conxunto de nove mámoas situadas no cumio dunha altichaira[32].
Patrimonio arquitectónico
[editar | editar a fonte]Pazo de Mos
[editar | editar a fonte]O pazo de Mos pertenceu á poderosa Casa de Soutomaior, unha das máis ilustres da nobreza galaica e que exercía alí o seu señorío[33].
O fillo primoxénito de Pedro Álvarez de Soutomaior, chamado Álvaro, foi desherdado polo seu pai pero apoderouse da casa. Após varios acontecementos históricos ligados a esta familia, esta propiedade foi parar á súa neta, María de Soutomaior. A relación dos descendentes chegaría ata Gabriel de Quirós, Deputado Xeral de Galicia e home de confianza de Carlos II, e por este monarca, agraciado en 1686 co título de Marqués de Mos. Tras varias xeracións o título pasou a mans de Mariano Pérez e Pérez de Castro[34]. O título de Mos ten Grandeza de España dende 1776, mercé concedida ó cuarto marqués en atención ós servizos á patria prestados polos seus antecesores[33].
O pazo é un edificio que data do século VII e que está presentado nunha planta en forma de L. Está construído con perpiaños de gran calidade e estrutúrase en tres andares superpostos. Consta de tres fachadas e un testeiro semisoterrado dos seis lados que pechan a planta en L[35]. Destacan os catro balcóns de granito labrados, as dúas chemineas rematadas en esfera, de influencia Herreriana, así como o escudo no que aparece reproducido o castelo de Soutomaior que daría orixe no século XIX ó actual emblema de Mos[35].
Nunha das ás do pazo houbo unha capela dedicada a San Brais, hoxe perdida, e que as fontes citan como construción cuadrangular rematada en cúpula de forma oxival[35].
Foi construído para María de Soutomaior e Alonso de Quirós a partir do ano 1543[35]. Á volta do século XVIII sufriu unha ampliación que lle deu máis altura á construción da ala norte e á capela.
En setembro do 1721 inaugúrase o palacio e a capela coa confirmación dos fillos da Marquesa de Mos tras ser ampliado e reformado[36].
A comezos do século XIX, no 1809, o palacio foi incendiado polas tropas francesas queimándose en parte. O quinto marqués, Benito Correa, e a súa familia foron feitos prisioneiros e levados a Dijon, en Francia. Máis tarde foron postos en liberdade e a altura do 1816 estaba residindo xa en Madrid. No mesmo ano, delincuentes do Val da Louriña roubarían no palacio sufrindo un novo incendio[36].
Tras estes incidentes permanecería varios anos en ruínas. Isto provocou o roubo de grandes obxectos de valor que pertencían ó pazo[37].
O Pazo de Mos é a sede da Fundación Pazo de Mos, composta pola Asociación Veciñal de Santa Baga de Mos así como a Comunidade de Montes da mesma parroquia. Asemade, é a sede do Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos[33].
Pazo de Santo Antoíño
[editar | editar a fonte]O Pazo de Santo Antoíño sitúase na parroquia de Louredo. O pazo, a casa consistorial e o cárcere que se sitúan neste barrio son froito da antiga xurisdición que situou a Santo Antoíño como concello independente[38]. Unha petición do 5 de decembro de 1836 opúxose á anexión por ser a nova capital propugnada Mos, alegando que o concello de Santo Antoíño tiña xa todo o que necesitaba podendo conservar o seu rango de concello. Así mesmo, no caso de realizarse a anexión, a petición propoñía que Santo Antoíño fora a nova capital, sendo as parroquias estremeiras as que foran anexionadas[38].
Finalmente, no B.O.P.P. do 3 de decembro de 1836 quedou constituído o concello de Mos anexionando ó de Santo Antoíño.[39].
Igrexas
[editar | editar a fonte]Cada parroquia ten a súa igrexa coas súas diversas particularidades. Con todo, cómpre destacar tres igrexas principais por gardaren conexión co románico [40].
- Igrexa de San Salvador en Louredo
De planta rectangular presenta unha soa nave e unha ábsida [41]. No interior desta igrexa atopamos unha gravación que posiblemente indique a data da súa construción: “EN 1247 AÑO MA(R)I(AN)O”[42]. Desta época conserva a porta norte, na que se aprecian dúas arquivoltas semicirculares e un tímpano con motivos de cruz lobulada nos extremos[41]. Arredor destes obsérvanse flores hexapétalas e cuadrifolios semicirculares[41]. Da mesma época datan os canzorros situados no beiril decorado con círculos florais e cruces[41]. A igrexa foi reformada dúas veces no século XVIII, no 1722 e no 1780, sufrindo numerosas modificacións[29]. A capela maior, de época barroca, é de bóveda de pedra artesoada. No presbiterio, destaca un escudo de armas dos Lanzós e Taboada.[29].
- Igrexa de Santa María de Guizán
Segundo a epigrafía das súas paredes, parece que a data de consagración da igrexa corresponde ó 30 de outubro de 1192. Pese as posteriores reformas, aínda conserva a fachada, os muros laterais e canzorros[43]. A fachada presenta unha porta cun arco de medio punto con dúas arquivoltas e un tímpano decorado con seis orificios que descansa sobre dous pares de columnas[43]. Sobre esta porta atópase unha fiestra con derramo exterior. Os muros laterais son lisos e levan canzorros figurados e beiril decorado. Algúns dos capiteis románicos desta igrexa foron levados ó Museo Provincial de Pontevedra[43].
- Igrexa de Santiago de Sanguiñeda
Situada no lugar de Piñeiro data do ano 1686. Ten planta rectangular e a fachada presenta unha porta alintelada con moldura. Sobre esta atópase un dosel no que se ve unha formación de arco semicircular e onde aparece esculpida en granito a imaxe sedente da Virxe co Neno. Sobre a formación hai unha fiestra con derramo exterior rematada nun pedestal que sostén a imaxe en pedra do Apóstolo Santiago[44]. As características das esculturas, tanto da imaxe da Virxe como a do Apóstolo, debémolas situar estilisticamente no románico sendo, así, moi anteriores á construción da igrexa[44]. Os extremos da fronte rematan en pináculos e o campanario central é dun so corpo con muros laterados con contrafortes. O tellado é a catro augas[44]. No interior destaca o retablo maior de estilo rococó, e dous retablos menores ós dous lados da nave[44].
Patrimonio natural
[editar | editar a fonte]- Serra do Galiñeiro
- Artigo principal: Serra do Galiñeiro.
A Serra do Galiñeiro é unha cadea montañosa que atravesa os concellos de Vigo, Gondomar, O Porriño, Mos e Tui. A súa maior altura é a do monte Galiñeiro, con 711 metros, no concello de Gondomar.
- Sendeiros
Sendeiro do Monte Salgueirón |
Sendeiro dos Muíños |
Sendeiro dos Dolmens | |
---|---|---|---|
Lonxitude | 25,30 km | 20 km | 8,5 km |
Inicio | Pedra Pinta | Fraela | As pereiras |
Fin | As sete Paredes | Atín | O castro do Mirador |
O sendeiro do Monte Salgueirón destaca dende o punto de vista paisaxístico e das formacións vexetais autóctonas. Percorre unha zona de montaña onde se mesturan altas montañas de rochas e aldeas dispersas cun clima benigno en época estival[45].
O sendeiro dos Muíños caracterízase pola cantidade de muíños que atopamos a carón da ribeira do río Louro, así como dos regatos Perral, Cerqueira, Lagoa Torroeira e Fraga entre outros[46].
No percorrido do sendeiro dos Dolmens atópanse varias manifestacións da cultura megalítica. É un sendeiro caracterizado pola curta lonxitude e por unha xeografía benigna para os camiñantes [47].
Etnografía
[editar | editar a fonte]Camiño Portugués
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Camiño Portugués.
A ruta do camiño de Portugués que pasa por Mos comeza tras pasar Redondela, dirección Ameirolongo[48]. Dende aí, o camiño decorre polo pazo de Mos e a igrexa de Santa Eulalia. Máis adiante, o camiño sobe pola rúa dos Cabaleiros ata chegar á capela de Santiaguiño de Antes onde está o miliario de Vilar de Infesta[48]. Continuando o sendeiro, tras atravesar a meseta do Chan de Pipas, alcánzase a N-550 volvendo a entrar en Rendondela[48].
Festas e celebracións
[editar | editar a fonte]- Festa da Rosa
A Festa da Rosa é a festa oficial do concello e tamén un día festivo na localidade. Celébrase sempre o 13 de xuño e xurdiu no ano 1973 para enxalzar a Rosa dos Quirós, marqueses dos que se herdou o emblema presente no escudo do Concello[49]. Neste mesmo día celébrase o tradicional concurso de ramos de rosa[50].
- Festa Arde O Pazo
Esta festa revive o paso do exército de Napoleón polo Val da Louriña[51] . Ó longo de todo o día revívense episodios históricos en relación con estes feitos. Pola mañá represéntase a entrada do exército francés, o saqueo e os roubos no mercado de Mos finalizando co apresamento dos marqueses. Pola tarde represéntase a chegada dos guerrilleiros da Louriña, o apresamento dos soldados franceses e o seu posterior aforcamento. A festa finaliza coa tradicional queima do pazo dos marqueses, cun xogo de lucerío e fogos de artificio[51].
- Festa da Prehistoria
Esta festa celébrase no parque forestal da Penacova no mes de xuño. É a única festa temática prehistórica de toda Galicia e foi pioneira a nivel nacional deste tipo de celebracións[52]. Durante unha fin de semana, os participantes organízanse en tribos a modo das sociedades prehistóricas, constrúen chozas, e participan en actividades relacionadas coa cultura e costumes desta época. Destaca a tradicional representación sobre o Penedo da Pucha onde se produce un enfrontamento simulado entre as tribos[52].
No ano 2015 celebrouse a 13ª edición[53].
Símbolos
[editar | editar a fonte]Na primeira metade do século XIX atópase o que pode reputarse o primeiro emblema de carácter privado do municipio que consiste nunha rosa cun tallo e follas baixo a Coroa Real, pero non cerrada, en forma de escudo [54]. Sobre o ano 1853 Mos puxo nos seus documentos o selo coa Coroa Real e as rosas[54].
O actual escudo foi deseñado por Faustino Menéndez Pidal de Navascués no ano 1974[54]. Este combina a rosa, emblema do municipio de orixe non coñecida, coas armas da liñaxe de Soutomaior nun escudo partido timbrado cunha coroa marquesal[54][Cómpre referencia].
Medios de comunicación
[editar | editar a fonte]Prensa
[editar | editar a fonte]O primeiro número do xornal independente Páxina XXI Val da Louriña saíu á luz en novembro do 1999 cunha tirada de 10.000 exemplares gratuítos nos municipios de Mos e O Porriño [55]. Foi o primeiro medio de comunicación de difusión masiva e gratuíto que se publicou na comarca. Un ano máis tarde ampliaríase o seu radio de acción ó concello de Salceda de Caselas, pasando a unha tirada de 15.000[55]. Á altura do 2007, este xornal tiña unha tirada de 20.000 exemplares coas incorporacións de Tui e Tomiño[55].
El Eco, publicado por primeira vez no 1916 en Mos, foi un xornal político que figuraba en nome de Serafín Antonio Cruz.[56].
O TranVía foi unha revista trimestral do Val da Louriña que iniciou a súa publicación co número 0 de xaneiro a marzo de 1992 ata o 1995[56].
En xuño de 2004, A Peneira, unha publicación periódica quincenal, comezou a editar un suplemento comarcal mensual denominado A peneira da Louriña, de curta duración.
Política e goberno
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Eleccións municipais en Mos.
Eleccións municipais: Histórico 1979-2015
[editar | editar a fonte]Lexislatura 2007-2011
[editar | editar a fonte]# | Concelleiros | Votos | |
---|---|---|---|
Partido Popular | 9 | 4264 | 47.31 % |
PSdeG-PSOE | 5 | 2767 | 30.70 % |
GañaMos-SON | 2 | 975 | 10.82 % |
B.N.G. | 1 | 908 | 10.08 % |
Abstencións | - | 3163 | 25.72 % |
Votos nulos | - | 121 | 1.32 % |
Votos en branco | - | 98 | 1.09 % |
Tras renovar o pacto de goberno entre o PSdeG-PSOE e o BNG, goberno presente xa na anterior lexislatura, no 2008 produciuse un cambio de goberno non esperado. Tras unha moción de censura presentada polo PP, e apoiada por un tránsfuga do PSdeG, Gerardo Alonso, o goberno pasou a mans dos populares ostentando o cargo de alcaldesa Nidia Arévalo[59].
A violación do pacto antitransfuguismo fixo que toda a corporación do goberno municipal se dera de baixa do PP[60].
Nas seguintes eleccións Nidia Arévalo volvería a ser a candidata do PP volvendo ás listas do seu partido e gañando a maioría absoluta con 10 escanos[61].
Eleccións municipais 2015
[editar | editar a fonte]Tralo resultado das eleccións do 24 de maio[58], Mos revalidou á candidata do Partido Popular Nidia Arévalo cunha maioría absoluta de 9 concelleiros pese á perda de 12 puntos porcentuais respecto dos anteriores comicios[62]. GañaMos Asemblea Veciñal-SON, iniciativa veciñal independente con apoio doutros partidos e movementos[63], logrou catro concelleiros nas súas primeiras eleccións e situouse como segunda forza política. O PSdeG-PSOE perdeu dous concelleiros respecto da anterior lexislatura e rematou como terceira forza. Respecto do BNG, este perdeu un dos dous concelleiros que mantiña dende a anterior lexislatura. Por último, Ciudadanos de Centro Democrático, partido que se presentou por primeira vez ás eleccións, non tivo representación.
Eleccións municipais 2019
[editar | editar a fonte]O 26 de maio do 2019, a alcaldesa Nidia Arévalo PPdeG revalidaba por cuarta vez consecutiva o seu cargo con 9 concelleiros a seu cargo. O PSdeG-PSOE gañaba 2 edís máis dos que tiña e Gañamos Asemblea Veciñal-SON, perdeu 2 edís posicionándose como terceira forza. O BNG mantívose con 1 edil.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes de Mos.
-
Dolmen de Meixoeiro.
-
Homenaxe aos fusilados durante a Guerra Civil.
-
Vista dende o Camiño Portugués Mos-Redondela.
-
Fachada Pazo de Mos.
-
Ermida da Nosa Señora de Francia.
-
Cristo do Bo Consello, Pedraúcha.
-
Capela das Angustias de Sanguiñeda.
-
Igrexa de Santa Baia de Mos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Xunta. "Toponimia". Consultado o 20/5/2015.
- ↑ Xunta. "DOG Núm. 63 Xoves, 03 de abril de 1997". Consultado o 20/5/2015.
- ↑ Galicia para el Mundo (20/5/2015). Paisajes Próximos. Arquivado dende o orixinal o 22/05/2015. Consultado o 20/05/2015.
- ↑ A Peneira Dixital. "A Louriña". Arquivado dende o orixinal o 22/05/2015. Consultado o 20/5/2015.
- ↑ Wikitionary. "Mosense". Consultado o 20/5/2015.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Instituto de Estatística Galego. "Padrón municipal de habitantes". Arquivado dende o orixinal o 19/09/2020. Consultado o 20/5/2015.
- ↑ Instituto Galego de Estatística. "Superficie Mos". Consultado o 20/5/2015.[Ligazón morta]
- ↑ 8,0 8,1 Arquivo Municipal de Mos 2000, pp. 5
- ↑ 9,0 9,1 Baquero Rotea 1999, p. 155
- ↑ Villares 2004, p. 352
- ↑ Baquero Rotea 1999, p. 208
- ↑ Instituto Nacional de Estadística. "Histórico de poboación, Mos". Consultado o 20/5/2015.
- ↑ Xunta de Galicia. "Nomenclátor". Consultado o 20/5/2015.
- ↑ Instituto Galego de Estatística. "Clasificación das parroquias segundo o grao e subgrao de urbanización". Consultado o 20/5/2015.[Ligazón morta]
- ↑ Consejo General de Procuradores de España. "Porriño (O), partido judicial nº11 de Pontevedra". Arquivado dende o orixinal o 23/09/2015. Consultado o 20/5/2015.
- ↑ 16,0 16,1 16,2 Baquero Rotea 1999, p. 167
- ↑ Otero Lago 1993
- ↑ 18,0 18,1 18,2 Cabeza Quiles 2000, p. 265
- ↑ Fernández Rei 2003, p. 51
- ↑ Ben Falado (20/5/2015). Toponimia Mos.
- ↑ 21,0 21,1 21,2 de la Peña Santos 1992, p. 9
- ↑ 22,0 22,1 22,2 22,3 de la Peña Santos 1992, p. 54
- ↑ de la Peña Santos 1992, p. 16
- ↑ "Estudiantes de Mos impulsan la recuperación del Castro do Torroso". Faro de Vigo. 20/5/2015. Consultado o 20/5/2015.
- ↑ 25,0 25,1 25,2 25,3 Baquero Rotea 1999, p. 83
- ↑ Vía Televisión (20/5/2015). Mos tiene su propia escultura de Xano.
- ↑ 27,0 27,1 27,2 VAN, p. 25
- ↑ 28,0 28,1 28,2 28,3 VAN, p. 26
- ↑ 29,0 29,1 29,2 29,3 29,4 VAN, p. 24
- ↑ A Pedra das Cruces
- ↑ 31,0 31,1 de la Peña Santos 1992, p. 51
- ↑ VAN, p. 35
- ↑ 33,0 33,1 33,2 Concello de Mos. "Pazo de Mos". Consultado o 20/5/2015.
- ↑ Baquero Rotea 2007, p. 46
- ↑ 35,0 35,1 35,2 35,3 VEN, p. 20
- ↑ 36,0 36,1 Baquero Rotea 2007, p. 59
- ↑ "El Pazo de que pudo ser". La Voz de Galicia. 05/3/2009. Arquivado dende o orixinal o 24/05/2015. Consultado o 20/5/2015.
- ↑ 38,0 38,1 Baquero Rotea 1999, p. 2007
- ↑ Baquero Rotea 1999, p. 166
- ↑ Concello de Mos. "O románico de Mos". Consultado o 20/5/2015.
- ↑ 41,0 41,1 41,2 41,3 VAN, p. 23
- ↑ Baquero Rotea 2007, p. 196
- ↑ 43,0 43,1 43,2 VAN, p. 28
- ↑ 44,0 44,1 44,2 44,3 VAN, p. 31
- ↑ Concello de Mos. "Sendeiro do Monte Salgueirón". Consultado o 20/5/2015.
- ↑ Concello de Mos. "Sendeiro dos Muíños". Consultado o 20/5/2015.
- ↑ Concello de Mos. "Sendeiro dos Dólmens [sic]". Consultado o 20/5/2015.
- ↑ 48,0 48,1 48,2 Suárez Trigo 2006, p. 50
- ↑ Concello de Mos. "Festa da Rosa". Consultado o 20/5/2015.
- ↑ "Veintiocho ramos compiten en la fiesta de la rosa en Mos". La Voz de Galicia. 12/6/2014. Consultado o 20/5/2015.
- ↑ 51,0 51,1 Concello de Mos. "Arde o Pazo". Consultado o 20/5/2015.
- ↑ 52,0 52,1 Concello de Mos. "Festa da Prehistoria". Consultado o 20/5/2015.
- ↑ Festa da Prehistoria. "FESTA 2013". Consultado o 20/5/2015.
- ↑ 54,0 54,1 54,2 54,3 Baquero Rotea 2007, p. 285
- ↑ 55,0 55,1 55,2 Baquero Rotea 2007, p. 332
- ↑ 56,0 56,1 Baquero Rotea 2007, p. 331
- ↑ Lainformación.com. "Histórico Eleccións Mos". Arquivado dende o orixinal o 28/04/2015. Consultado o 20/5/2015.
- ↑ 58,0 58,1 "Elecciones Municipales Mos". El País. 25/5/2015. Consultado o 25/5/2015.
- ↑ "Triunfa la moción de censura en Mos tras un pleno plagado de incidentes". La Voz de Galicia. 12/12/2008. Consultado o 20/5/2015.
- ↑ "Los concejales del PP en Mos se dan de baja en el partido". El Pais. Consultado o 20/5/2015.
- ↑ "El PP confirma a la tránsfuga Nidia Arévalo como candidata en Mos". La Voz de Galicia. 17/12/2010. Consultado o 20/5/2015.
- ↑ "Arévalo conserva la mayoría absoluta en Mos pese a perder un millar de votos". Faro de Vigo. 25/5/2015. Consultado o 20/5/2015.
- ↑ "Apoyo proyecto GañaMos". Faro de Vigo. 09/4/2015. Consultado o 25/5/2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mos |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de Mos |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Arquivo Municipal de Mos (2000). Inventario Arquivo do Concello de Mos. Deputación Provincial de Pontevedra, Servizo de Publicacións. ISBN 84-89690-89-8.
- Baquero Rotea, Fco. Javier (1999). Datos históricos del ayer y hoy de Mos. (1546-1999). ISBN 84-605-9128-X.
- Baquero Rotea, Fco. Javier (2007). Datos históricos del ayer y hoy de Mos (II). ISBN 978-84-611-7063-0.
- Barreiro, Manuel M.; Pérez Pena, Marcos. "A crise dos medios en galego" (PDF). xornalistas.gal. Consultado o 15-12-2018.
- Bascuas, Edelmiro (2005). Hidronimia y léxico de origen paleuropeo en Galicia. Ediciós do Castro. pp. [cómpre nº de páxina]. ISBN 84-9750-026-1.
- Cabeza Quiles, Fernando (2000). Os Nomes da terra: topónimos galegos. Toxosoutos. pp. [cómpre nº de páxina]. ISBN 84-89129-97-5.
- de la Peña Santos, Antonio (1992). Síntesis de las memorias de las campañas de excavaciones 1984-1990. Arqueoloxía. Memorias 11. Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental. pp. [cómpre nº de páxina]. ISBN 84-453-0293-0.
- Fariña Jamardo, Xosé (1993). Os concellos Galegos (Parte Especial) Tomo VI (Mondariz-Ourense). Fundación Pedro Barrié de la Maza. pp. [cómpre nº de páxina]. ISBN 84-87819-44-3.
- Fernández Rei, Francisco (2003). Dialectoloxía da lingua galega. Xerais. pp. [cómpre nº de páxina]. ISBN 84-7507-472-3.
- Mosquera, Javier; Franco, Fernando (2002). Guía cidadá de Vigo y su área metropolitana (en castelán). Fundación Caixa Galicia, Faro de Vigo.
- Otero Lago, Oscar Juan (1993). 75 aniversario Asoc. Residentes de Mos en la Argentina. Revista Memoria.
- Suárez Trigo, Ramón (coord.) (2006). Camiño Central Portugués (PDF). Asociación Galega Amigos do Camiño de Santiago. pp. [cómpre nº de páxina]. ISBN 84-611-3619-5.
- VAN Divulgación Cultural S.L. CamiñaMos, Camiño de Santiago. [cando?]
- Villares, Ramón (2004). Historia de Galicia. Galaxia. pp. [cómpre nº de páxina]. ISBN 84-8288-655-X.