[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Miometrio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Útero e tubas uterinas (o miometrio no centro dereita).
Histoloxía do miometrio.

O miometrio é a capa intermedia da parede do útero, situada entre o endometrio e a capa serosa, formada principalmente de músculo liso, cuxas células se chaman células do músculo liso uterino ou miocitos uterinos[1], pero tamén de tecido estromático de soporte e de tecido vascular.[2] A súa principal función é producir as contraccións uterinas durante o parto.

Estrutura

[editar | editar a fonte]

O miometrio está localizado entre o endometrio (a capa interna da parede uterina) e a serosa ou perimetrio (a capa externa uterina).

O terzo máis interno do miometrio (denominado capa subendometrial) parece derivar do conduto de Müller, mentres que a capa externa e máis predominante parece orixinarse de tecidos non müllerianos e é o tecido contráctil principal durante o parto e os abortos naturais.[1] A capa submucosa parece funcionar como unha capa muscular circular, con capacidades peristálticas e antiperistálticas, equivalente á capa muscular intestinal.[1]

Estrutura muscular

[editar | editar a fonte]

A estrutura muscular do músculo liso miometrial é moi similar á do músculo liso doutras partes do corpo, sendo a miosina e a actina as proteínas predominantes.[1] No músculo liso uterino hai aproximadamente 6 veces máis actina que miosina.[1] Un cambio na expresión da miosina no músuclo liso uterino pode ser a responsable dos cambios na dirección das contraccións uterinas durante o ciclo menstrual.[1] Normalmente as fibras teñen uns 50 microns de lonxitude, pero no embarazo hipertrófianse ata chegar aos 500 microns. Durante o embarazo divídense e forman máis fibras e fórmase máis tecido conxuntivo.

Histoloxía

[editar | editar a fonte]

As fibras musculares lisas do miometrio forman varias capas ou estratos, pero non están claramente separadas porque se entrecruzan. O tecido conxuntivo situado entre os feixes musculares está formado por coláxeno, fibroblastos, macrófagos e células cebadas. As partes periféricas da parede uterina teñen redes de fibras elásticas. Baixo a muscosa endometrial atopamos o estrato submucoso, fino e de fibras predominantemente lonxitudinais. A capa seguinte é o estrato vascular, con moitos vasos sanguíneos e fibras musculares ciruclares e oblicuas. Despois aparece o estrato supravascular, con fibras circulares e lonxitudinais. Por último, está o estrato subseroso, que é unha fina capa muscular lonxitudinal.[3]

Contracción

[editar | editar a fonte]

O miometrio estírase durante o embarazo, expandíndose as células musculares lisas en tamaño e en número[4] facendo que o útero chegue a ser varias veces máis grande que no estado non grávido, e contráese de maneira coordinada por medio dun efecto de retroalimentación positiva sobre o "reflexo de Ferguson", durante os labores do parto. Despois do nacemento do meniño, o miometrio volve a contraerse para expulsar a placenta, e as fibras entrecruzadas da capa media comprimen os vasos sanguíneos para minimizaren a perda de sangue. Un beneficio positivo da lactación temperá é a estimulación dese reflexo para reducir a perda de sangue e facilitar un rápido retorno do ton muscular uterino e abdominal previo ao embarazo.

O músculo liso uterino ten un padrón fásico, e cambia entre un padrón contráctil e o mantemento dun ton de repouso con contraccións discretas e intermitentes de variada frecuencia, amplitude e duración.[1]

A capa submucosa pode ter actividade tanto peristáltica coma antiperistáltica.[1]

Estado de repouso

[editar | editar a fonte]

O potencial de membrana de repouso (Vrest) do músculo liso uterino está entre -35 e -80 mV.[1] Igual que o potencial de membrana de repouso doutros tipos celulares, mentense grazas á bomba de Na+/K+ que causa unha maior concentración de ións Na+ no espazo extracelular que no intracelular, e unha maior concentración de ións K+ no espazo intracelular que no extracelular. Seguidamente, cando se abren as canles de K+ en maior medida que as canles de Na+ prodúcese como resultado un efluxo neto de ións positivos, orixinando un potencial negativo.

Este potencial de repouso sofre oscilacións rítmicas, que se denominan ondas lentas e reflicte a actividade intrínseca dos potenciais de onda lentos.[1] Estas ondas lentas son causadas por cambios na distribución de Ca2+, Na+, K+ e Cl entre os espazos intracelular e extracelular, o cal, á súa vez, reflicte a permeabilidade da membrana plasmática a cada un destes ións.[1] O K+ é o principal ión responsable destes cambios no fluxo de ións, de acordo cos cambios producidos en varias canles de K+.[1]

Excitación-contracción

[editar | editar a fonte]

O acoplamento excitación-contracción do músculo liso uterino é tamén moi similar ao doutros músculos lisos en xeral, cun incremento intracelular de Ca2+ que conduce á contracción.

Restauración do estado de repouso

[editar | editar a fonte]

A retirada do Ca2+ despois da contracción induce a relaxación do músculo liso e restaura a estrutura molecular do retículo sarcoplásmico para que estea preparado para o seguinte estímulo contráctil.[1]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 Aguilar, H. N.; Mitchell, S.; Knoll, A. H.; Yuan, X. (2010). "Physiological pathways and molecular mechanisms regulating uterine contractility". Human Reproduction Update 16 (6): 725–744. PMID 20551073. doi:10.1093/humupd/dmq016. 
  2. "NCI Dictionary of Cancer Terms". National Cancer Institute. Consultado o 2017-12-27. 
  3. D. W. Fawcett. Tratado de Histoloxía. Interamericana-McGrow Hill. 11ª edición. Páxina 886. ISBN 84-7605-361-4
  4. Steven's and Lowe Histology p352