Mikis Theodorakis
Michail "Mikis" Theodorakis (en grego: Μιχαήλ "Μίκης" Θεοδωράκης), nado en Quíos o 29 de xullo de 1925 e finado en Atenas o 2 de setembro de 2021,[1] foi un compositor e letrista grego, autor de máis de mil obras.[2][3][4][5][6]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Infancia e mocidade
[editar | editar a fonte]Nado na illa de Quíos e criado dentro do folclore grego e a liturxia ortodoxa, desde a súa infancia comezou a compoñer antes de recibir leccións de música ou aprender a tocar ningún instrumento. Pasou os seus primeiros anos en diferentes cidades gregas, como Mitilene, Ioannina, Cefalonia, Pirgo, Patras e, principalmente, Trípoli. Alí foi onde deu o seu primeiro concerto nun coro que formou cando apenas cumprira dezasete anos.[7] Tamén a esa idade comezou a súa incursión na política. Eran os anos da segunda guerra mundial e Theodorokis uniuse á resistencia, primeiro contra a Italia fascista e despois contra a Alemaña nazi, aínda que antes pertencera a grupos fascistas do réxime de Ioannis Metaxas. Por axudar a familias xudías a escapar das autoridades alemás, foi detido e torturado polos italianos en 1943.[8]
Estudos en París e primeiras composicións destacadas
[editar | editar a fonte]En 1954, obtivo unha bolsa para completar estudos en París, onde se inscribiu no conservatorio e estudou análise musical baixo a dirección de Olivier Messiaen,[9] e dirección de orquestra con Eugène Bigot. Nese período estudou con intensidade a tradición musical occidental. Compuxo o ballet Antígona para Ludmilla Tchérina, que foi representado no Covent Garden, e tamén algunhas bandas sonoras. En 1957 obtivo o primeiro premio do Festival de Música de Moscova pola súa Suite n.º 1 para piano e orquestra. Ao mesmo tempo escribiu diversas pezas sinfónicas e de cámara. Darius Milhaud propúxoo para o premio ao mellor compositor europeo.
Retorno ás raíces musicais gregas
[editar | editar a fonte]En 1960, regresou a Grecia. A súa volta non foi só físico, senón tamén artística e espiritual. Theodorakis considerou completa a súa formación musical clásica e iniciou un período que estivo enormemente influenciado pola música tradicional e popular grega, aínda que sen rexeitas a importante formación recibida en Francia. A primeira obra escrita nese período foi a versión musical do poema Epitafio, de Yannis Ritsos. Cunha música de sólida estrutura mais de alento popular, Theodorakis comezou unha verdadeira revolución na escena musical grega: achegar a gran poesía da Grecia moderna a unha inmensa maioría de público a través de música de xenuína raíz popular e de gran calidade artística.
Compuxo decenas de cancións que puxeron música á mellor poesía grega moderna. Fundou a Pequena Orquestra Sinfónica de Atenas e realizou multitude de concertos en toda Grecia, dando a coñecer a súa obra e gozando de enorme aceptación e popularidade. Musicou poemas dos premios Nobel Giorgos Seferis e Odysseas Elytis, que pasaron a ser verdadeiramente coñecidos e aprendidos de memoria por todo o pobo grego, tendo unha influencia importantísima na renovación da lingua e a cultura da Grecia moderna.
En 1963, tralo asasinato de Gregoris Lambrakis, fundou as Mocidades Lambrakis. Foi elixido por primeira vez deputado pola alianza de socialistas e comunistas EDA. Ese mesmo ano compuxo a música para Zorba the Greek, filme de Michael Cacoyannis en que o actor Anthony Quinn interpretou o protagonista.[10][8] O tema principal, coñecido como a danza do sirtaki, converteuse nun éxito internacional e nun dos máis importantes selos de identidade de Grecia.[11]
Período da Xunta dos coroneis
[editar | editar a fonte]O 21 de abril de 1967, unha xunta militar de extrema dereita deu un golpe militar e fíxose co poder en Grecia. Theodorakis pasou á clandestinidade e fundou unha organización de resistencia contra a ditadura. Os coroneis mesmo prohibiron a escoita da súa música e en agosto dese ano capturárono e encarcerárono durante cinco meses. Tras unha longa folga de fame foi desterrado coa súa esposa Myrto e os seus dous fillos, Margarita e Yorgos, á localidade de Zatouna, na Arcadia; posteriormente foi recluído no campo de concentración de Oropos.[8]
Durante todo este período compuxo cancións contra a Xunta. No estranxeiro, algúns gregos exiliados como Melina Mercouri ou Maria Farantouri recibiron e interpretaron estas cancións. A súa saúde sufriu as condicións do arresto e as folgas de fame. Produciuse un movemento de solidariedade para conseguir a súa liberación por parte de artistas e intelectuais de todo o mundo como Arthur Miller, Laurence Olivier, Yves Montand, Dmitrii Shostakovich, Leonard Bernstein ou Harry Belafonte. Finalmente decidiuse o seu exilio en París, onde chegou en abril de 1970.[7][8]
Exilio
[editar | editar a fonte]No exilio dedicou as súas forzas á loita contra a ditadura. Percorreu diversos países realizando concertos, conferencias e manifestacións. As súas cancións convertéronse nun símbolo da resistencia contra o fascismo, non só en Grecia, senón tamén noutros lugares como España, Portugal, Palestina, o Kurdistán ou Irán. Reuniuse con políticos e intelectuais como Pablo Neruda, Salvador Allende, Gamal Abdel Nasser, Tito, François Mitterrand e Olof Palme. En 1972, durante unha xira por Israel, Yigal Allon solicitoulle enviar unha mensaxe ao entón líder da OLP Iasir Arafat. Nesa época compuxo algunhas das súas obras máis significativas, como a música para o Canto General de Pablo Neruda, ou as bandas sonoras dos filmes État de Siège, de Costa-Gavras, e Serpico, de Sidney Lumet, así como o himno do partido político venezolano Movimiento al Socialismo (MAS).[8]
Regreso a Grecia
[editar | editar a fonte]En 1974, trala fracasada intervención en Chipre por parte dos coroneis e a caída do réxime fascista, regresou a Grecia.[12] Continuou coas súas dúas facetas, artística e política. Foi elixido deputado en dúas ocasións (1981-1986 e 1989-1993) e nomeado ministro no goberno de coalición entre o centro dereita e os comunistas de Konstantinos Mitsotakis. En 1983 recibiu o Premio Lenin da Paz. Traballou pola mellora das relacións entre Grecia e Turquía, dirixindo en numerosas ocasións concertos en varias cidades turcas.[8]
Tamén foi importante a súa campaña contra a enerxía nuclear trala catástrofe de Chernóbil. Nos seus últimos anos realizou campañas a favor de diferentes causas humanitarias e polos dereitos humanos, fundamentalmente a través de concertos. Expresou a súa oposición á actuación da OTAN na guerra de Kosovo e a invasión de Iraq.
Últimos anos e morte
[editar | editar a fonte]Nos seus últimos anos, sufriu múltiples complicacións por mor de problemas cardíacaos e faleceu dun infarto agudo de miocardio na súa casa de Atenas o 2 de setembro de 2021, aos 96 anos.[13]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Mikis Theodorakis, composer of Zorba the Greek, dies aged 96" (en inglés). BBC News. 2 de setembro de 2021. Consultado o 2 de setembro de 2021.
- ↑ Chrysochoos, Ph.D., John (17 de novembro de 2010). Ikaria – Paradise in Peril. Dorrance Publishing. p. 24. ISBN 978-1-4349-8240-7. Consultado o 1 de novembro de 2012.
Theodorakis the internationally renowned Greek composer
- ↑ Ellyn, Maura; McGinnis, Maura (1 de agosto de 2004). Greece: A Primary Source Cultural Guide. The Rosen Publishing Group. p. 86. ISBN 978-0-8239-3999-2. Consultado o 1 de novembro de 2012.
- ↑ Athensnews Interview: Theodorakis' call to arms Famous composer Theodorakis addresses protesters during a rally against a new austerity package, outside the University of Athens, in 2011 Arquivado 3 de xullo de 2012 en Wayback Machine.
- ↑ Gerrard, Mike (3 de marzo de 2009). National Geographic Traveler: Greece, 3rd Edition. National Geographic Society. pp. 47–. ISBN 978-1-4262-0396-1. Consultado o 1 de novembro de 2012.
- ↑ "Embassy of Greece International conference honors renowned composer Mikis Theodorakis' 80th birthday An international conference dedicated to the work of famous music composer Mikis Theodorakis in honor of his 80th birthday, kicked off on Friday in Hania, Crete.". Arquivado dende o orixinal o 5 de xuño de 2011. Consultado o 14 de outubro de 2021.
- ↑ 7,0 7,1 Holst-Warhaft, Gail (2001-01-20). "Theodorakis, Mikis". Oxford Music Online (en inglés) (Oxford University Press). doi:10.1093/gmo/9781561592630.article.27797. Consultado o 2021-09-02.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 "Muere Mikis Theodorakis, el compositor de "Zorba el griego" a quien Grecia tenía en su propio Olimpo". BBC News. 2 de setembro de 2021.
- ↑ Coca, César (2021-09-02). "Mikis Theodorakis, esencia de Grecia". El Correo (en castelán). Consultado o 2021-09-02.
- ↑ Marinero, Ismael (2 de setembro de 2021). "Muere el gran compositor Mikis Theodorakis, célebre por 'Zorba el griego'". El Mundo. Consultado o 2 de setembro de 2021.
- ↑ C., S. (2 de setembro de 2021). "El 'baile de Zorba', así fue cómo el inmortal 'sirtaki' se convirtió en el segundo himno de Grecia". ABC (en castelán) (Madrid). Consultado o 3 de setembro de 2021.
- ↑ "Muere a los 96 años el compositor griego Mikis Theodorakis". Scherzo. 2 de setembro de 2021. Consultado o 2021-09-02.
- ↑ "Muere el compositor griego Mikis Theodorakis". La Vanguardia (en castelán). 2 de setembro de 2021. Consultado o 3 de setembro de 2021.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- George Giannaris: Mikis Theodorakis. Music and Social Change, Foreword by Mikis Theodorakis. G. Allen, Londres, 1972
- Gail Holst: Myth & Politics in Modern Greek Music, Adolf M. Hakkert, Amsterdam, 1980
- Asteris Koutoulas: O Mousikos Theodorakis / Theodorakis the Musician (in Greek). "Nea Synora – A. A. Livami, 1998. ISBN 978-960-236-916-6
- Guy Wagner: Mikis Theodorakis. Mia Zoi yia tin Ellada. Typothito – Giorgos Dardanos, 2002. ISBN 960-402-008-0
- George Logothetis: Mikis Theodorakis: the Greek soul, translated from the Greek by Phillipos Chatzopoulos, Agyra editions 2004, ISBN 960-422-095-0
- Asteris Kutulas: Mikis Theodorakis. A Life in pictures (in German), Coffee-table book with 1 DVD & 2 CDs. Schott Music, Mainz 2010, ISBN 978-3-7957-0713-2
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina web
- Ιστοσελίδα Κίνησης Ανεξάρτητων Πολιτών – website of Independent Citizens Movement at archive.org.
- Official Site (Schott Music) with non-proprietary audio files, discography, recent performances and news
- Lilian Voudouri Library
- Alexia – Mikis Theodorakis MySpace page