[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Medicina forense

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Medicina legal»)

A medicina forense ou medicina legal é a especialidade da medicina que engloba toda actividade médica relacionada co poder xudicial. Esta encárgase da investigación penal e doutras ramas do dereito nos seus aspectos médicos, da valoración legal dos lesionados físicos e das enfermidades mentais e discapacidades, e do asesoramento a xuíces, tribunais e fiscais en cuestións médicas.

Na investigación penal a actuación do médico forense é esencial. Acode xunco coa Comisión Xudicial (xuíz e secretario) cando hai que realizar o alzamento dun cadáver (que é unha das fases máis importantes da autopsia) en casos de mortes non aclaradas (sospeitosas de criminalidade) ou violentas, examina e recolle signos externos do lugar dos feitos, establece a data probable da morte, e realiza a continuación a autopsia propiamente dita ao cadáver: realiza o exame externo do cadáver e de forma macroscópica as súas tres cavidades (cranial, torácica e abdominal) e toma mostras para envialas a centros especializados en toxicoloxía e medicina legal. Nestes realízanse análises químicos, bioquímicos e microscópicos das mostras para determinar coa máxima precisión as causas da morte ou as circunstancias que rodearon os feitos.

Ao contrario do que se pode pensar, no traballo diario dun médico forense o exame e avaliación de cadáveres ocupa un tempo minoritario, de non máis do 5% aproximadamente de todas as súas tarefas. Tamén actúa, por exemplo, xunto cun xinecólogo, nos casos de agresións sexuais, toma de mostras de restos deixados polo agresor, examina as roupas da vítima e elabora o informe decisivo para as actuacións penais.

Cando se denuncian lesións, derivadas de accidentes (xeralmente de circulación) ou de agresións, o médico forense recompila toda a documentación posible sobre as diferentes asistencias médicas ao lesionado, recoñece a este cada certo tempo e, finalmente elabora un informe definitivo sobre as lesións froito da actuación legal, a súa causa probable, o seu tempo de curación e o tempo que pasou sen poder realizar o seu traballo habitual, e as súas secuelas (definitivas).

En España, os médicos forenses son funcionarios que pertencen ao Ministerio de Xustiza, polo que deben ter aprobado unha oposición ou proba de ingreso e despois superar un período de formación. Tendo en conta isto, por definición, as compañías aseguradoras ou as funerarias non dispoñen de médicos "forenses", xa que estes son só os que traballan para a Administración de Xustiza, aínda que utilicen os principios xerais da medicina forense.

No caso de Galicia, a Administración de Xustiza posúe un órgano chamado Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA), que se encarga dos asuntos forenses, e esta integrado por médicos forenses e persoal auxiliar, e foi creado por decreto da Xunta de Galicia en 2005.[1]

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

A primeira definición clásica dos signos do falecemento débese a Hipócrates, que no seu libro De morbis describe as modificacións da cara no inmediato período post mortem: facies hipocrática.

A medicina legal aparece por primeira vez en Alemaña no século XVI: a Lex Carolina promulgada por Carlos V en 1532 obriga a expertos en medicina (esencialmente barbeiros-ciruxiáns da época) a interviren sobre os cadáveres en caso de homicidio voluntario ou involuntario, impoñéndose despois unha pena proporcional ás lesións. En 1536, Francisco I de Francia redacta para o duque da Bretaña unha ordenanza organizando o inicio da medicina legal.[2]

Jean Jacques Bruhier realizou en 1742 os primeiros traballos sobre inhumacións prematuras, recollendo 189 supostos casos de enterramentos en vida. Como consecuencia, cara a 1793 creáronse en Alemaña e Italia as cámaras mortuorias de espera. Neste mesmo século o científico alemán Georg Christoph Lichtenberg describiu as figuras de Lichtenberg, un importante achado que posteriormente tería relevancia como signo de fulguración no estudo de cadáveres. Ademais, Xavier Bichat fixo interesantes descricións sobre o proceso da morte e elaborou o que logo sería coñecido como trípode de Bichat das funcións vitais: a circulación, a respiración e a función nerviosa. Pierre Hubert Nysten enunciou as leis da rixidez cadavérica que levan o seu nome. Jean-Jacques Belloc[3] é considerado o creador da medicina legal en Francia.

Séculos XIX e XX

[editar | editar a fonte]

O século XIX revolucionou as ciencias forenses, debido aos numerosos avances que se produciron. En Europa, o pioneiro da medicina legal é o científico menorquino Mateo Orfila, coñecido como o pai da toxicoloxía, que publicou salientablemente un Tratado de las exhumaciones jurídicas en 1830 e un Tratado de medicina legal en 1847.[4] Entre as figuras salientables en medicina legal e acontecementos ocorridos nesta época están:

  1. Xunta de Galicia. DOG. Decreto 119/2005 polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia.
  2. Professeur Dominique Lecomte, directeur de l’Institut Médico-Légal de Paris, « La médecine légale», émission Avec ou sans rendez-vous par Olivier Lyon-Caen sur France Culture 20 mars 2012
  3. Cours de médecine légale judiciaire, théorique et pratique (2ª edición de 1811)
  4. "La Police scientifique". Arquivado dende o orixinal o 22 de febreiro de 2011. Consultado o 03 de xullo de 2015. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]