[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Bronquite

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

A bronquite é a inflamación da mucosa que recobre interiormente os bronquios. Hai dous tipos de bronquite: aguda e crónica.

Bronquite aguda

[editar | editar a fonte]

Unha bronquite aguda aparece como consecuencia dunha infección respiratoria, como un arrefriado ou unha farinxite, cando os mesmos virus estenden a infección cara aos condutos aéreos dos pulmóns (bronquios e bronquíolos). Esta inflamación resólvese nuns poucos días.

Bronquite crónica

[editar | editar a fonte]

Na bronquite crónica a inflamación bronquial é persistente, o que provoca unha deterioración progresiva da función pulmonar. É consecuencia de infeccións repetidas dos bronquios e bronquíolos ou de, por exemplo, o fume do tabaco. Vaise alterando a cuberta mucosa dos tubos, que se estreitan e obstrúen por un aumento de secreción de moco e unha contracción excesiva dos músculos da parede bronquial.

O primeiro síntoma é unha tose lixeira matutina da que habitualmente se culpa ao tabaco. Considérase que evolucionou cara a unha bronquite crónica cando o doente expectora a maioría dos días durante tres meses consecutivos en máis de dous anos sucesivos. Débense excluír outras causas, como a tuberculose pulmonar ou a existencia de bronquiectasias.

Na bronquite crónica simple o esputo é de aspecto mucoso (escumoso e abrancazado) e na bronquite crónica sobreinfectada o esputo é purulento (espeso e amarelo-verdoso).

A bronquite crónica pódese confundir co enfisema primario (tose e expectoración escasas, mais dispnea forte), coa asma crónica (respiración sibilante) ou con bronquiectasias.