Gloria Lasso
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Rosa Vicenta Montserrat Coscolin Figueras 28 de outubro de 1922 Vilafranca del Penedès, España |
Morte | 4 de decembro de 2005 (83 anos) Cuernavaca, México |
Causa da morte | infarto agudo de miocardio |
Lugar de sepultura | Cuernavaca Cathedral (en) |
Actividade | |
Ocupación | cantante |
Período de actividade | 1949 - 2005 |
Xénero artístico | Música pop |
Instrumento | Guitarra clásica e voz |
Rosa Vicenta Montserrat Coscolín Figueras, nada en Vilafranca del Penedès o 25 de outubro de 1922 e finada en Cuernavaca o 5 de decembro de 2005, foi unha cantante catalá coñecida artisticamente como Gloria Lasso. Adoptou tamén as nacionalidades francesa e mexicana.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Lasso comezou a cantar en salas de fiestas aos quince anos, aínda que tamén traballou como enfermeira. Foi entón cando comezou a coñecerse timidamente o seu nome artístico, que adoptou do apelido do seu primeiro marido, o músico Guillermo Lasso (Guillermo Tejero Benito). A parella tivo tres fillas: María José, María Isabel "Maribel" e Rosa María "Rosita", e posteriormente separáronse.[1]
En 1954 estableceuse en Francia, onde se converteu en cantante de music-hall. Cultivou especialmente a "canción española", mais tamén cantou moitas adaptacións dos grandes éxitos do momento. O primeiro éxito chegoulle en 1955 con "Amour, castagnettes et tango". En 1956 triunfou con "Etrangère au paradis", unha versión francesa de "Stranger in Paradise", de Tony Bennett. En 1957 popularizou "Buenas noches mi amor", e en 1958 "Bon voyage". Descuberta polos empresarios da discográfica Pathé Marconi (Emi France), foi contratada para gravar un disco que incluía "Étranger au paradis" (sobre unha melodía da ópera Knyaz Igor, de Borodin), tralo seu éxito cantou no Olympia de París, onde realizou máis de trinta presentacións ao longo da súa carreira.[2]
En 1959 produciuse unha melodía composta por Mikis Theodorakis e empregada no filme Honeymoon, dirixido por Michael Powell e interpretado por Anthony Steel, Ludmilla Tchérina e o bailarín Antonio. O filme fracasou estrepitosamente, mais a canción que cantaba en inglés Marino Marini conseguiu facerse un oco entre o público. A discográfica de Gloria Lasso encargou ao poeta e actor Rafael de Penagos unha letra en castelán que a artista gravou.[3]
Lasso cantou en Europa cancións mexicanas en todas as súas gravacións, como "El Soldado de Levita", "La Cigarra", "Guadalajara", "Dos arbolitos" ou "Veracruz"; deste xeito internacionalizou os autores mexicanos, entre eles Armando Manzanero co seu tema "Ahora", que foi un éxito en Francia e a primeira canción que se gravou fóra de México noutra lingua.
Lasso gravou máis de tres mil cancións en diversos idiomas e países, e o seu repertorio abrangue uns catrocentos álbums. Cantou con grandes orquestras, como as de Paul Mauriat e Franck Pourcel e as súas cancións apareceron en filmes como Roméo et Juliette. A comezos da década de 1960, Lasso foi superada en popularidade en Francia por Dalida, razón pola que en 1965 decidiu trasladarse a México, xa que nese país comezaba a gozar de gran fama. Durante vinte anos consagrouse entre o público mexicano, e o presidente de México outorgoulle a nacionalidade mexicana.[4]
En 1985 volveu a Francia, reclamada de novo polo Olympia e decidiu quedar dez anos máis ofrecendo recitais e gravando discos. En 1995 a cantante Paloma San Basilio gravou unha versión de "Luna de miel" con bastante éxito, que se magnificou cando a cantou con Lasso a dúa nun programa de televisión.[5] Regresou a México ese mesmo anos e xurdiron homenaxes, presentacións e novas gravacións, como o disco América (1998), coa canción homónima composta por José Luis Perales.[6]
Durante os seus últimos anos, Lasso viaxou constantemente entre España para ver a súa familia, México e Francia, ofrecendo concertos e gravando discos como Canciones de amor (México, 2005) e Ses plus grands succès (Francia, 2005). A cantante ocupou frecuentemente as páxinas da prensa do corazón polos seus múltiples matrimonios, que se chegaron a cifrar nunha decena. Porén, nunha entrevista concedida en 2003 ao xornal francés France Soir asegurou que foran seis, e que o resto era publicidade. Os que se coñecen foron con Guillermo Lasso e Claude Pagliani, en 1958.[7]
O 11 de novembro de 2005 tivo lugar o seu último concerto no Teatro Cine Morelos, en Cuernavaca, México, onde tiña a súa residencia e onde faleceu dun ataque cardíaco. As súas cinzas foron depositadas na catedral de Cuernavaca.[8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ DBE - Biografía de Gloria Lasso
- ↑ El quicio de la mancebía - Gloria Lasso (1922-2005) – Luna de miel (1954)
- ↑ Imdb - Honeymoon (1959)
- ↑ Club Trébol - RTVE Gloria Lasso, una vilafranquina internacional (en catalán)
- ↑ Imdb - Soundtrack - Paloma San Basilio
- ↑ Gloria Lasso - América 1998) - Discogs
- ↑ El Mundo - Gloria Lasso, cantante española que triunfó en Francia e Iberoamérica
- ↑ El País - Muere a los 83 años la cantante Gloria Lasso (en castelán)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- www.glorialasso.com Páxina oficial Arquivado 19 de maio de 2016 en Wayback Machine.
- www.glorialasso.net
- Discografía en Discogs