[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Fandango

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fandango
Ilustración de Pierre Chasselat, de comezos do s. XIX.
Instrumentos típicosGaita
Tambor
DerivadosXota

O fandango é unha composición musical e un baile de pulso ternario[1]. Similar á xota, estivo de moda nos séculos XVII e XVIII.[2]

Características

[editar | editar a fonte]
O baile do fandango foi reconstruído a partir dun informante da zona de Muros.

A orixe do fandango é incerta, as primeiras noticias descritivas sobre el indican que se debeu formar a finais do século XVII e popularizarse no XVIII. No sur da Península Ibérica, onde probabelmente se orixinou, comprende diferentes variantes: malagueñas, rondeñas, granadinas e murcianas. Na súa extensión cara ao norte peninsular existe unha gran confusión á hora de definilo, sendo difícil distinguiren a súa música da xota, da que ven a ser unha versión antiga a ritmo máis lento.[3] É probábel que os puntos cos que se bailaba o fandango fosen adaptándose para a súa reutilización nas xotas.[4] De feito o baile faise cos mesmos puntos, aínda que dun xeito máis pausado e case sen saltar[5].

En Galiza o fandango referénciase por primeira vez na obra A Gaita Gallega de Xoán Manuel Pintos onde se menciona xunto a outro baile galego, a muiñeira. Destas mencións pódese deducir que era un baile común na Pontevedra do século XIX. A comezos do século XX, o cancioneiro de Casto Sampedro presenta o fandango como un estilo musical chegado de fora que dificilmente se pode distinguir da xota,[6] e a finais deste mesmo século, na obra El baile en Galicia do bailador Juanjo Liñares, afírmase que o baile foi importado polos recrutas que volvían do servizo militar. Este autor contaba nas súas aulas que na súa mocidade chegara a ver bailar o fandango aos vellos da zona da Mariña.[7] Outro folclorista, Manuel Cajaraville, chegou a aprender o baile na década de 1970 axudado por un informante da zona de Muros[8], o que lle permitiu crear unha representación do mesmo para a Agrupación Folklórica Aturuxo.[9]

  1. Camafeita, Olga (2001). "Ternario". A música popular en Galicia (PDF). Proxecto de fin de carreira (Universidade de Vigo). 
  2. Camafeita, Olga (2001). "Fandango". A música popular en Galicia (PDF). Proxecto de fin de carreira (Universidade de Vigo). 
  3. "Fandangos (pezas)". Folckotecagalega. Consultado o 04/04/2021. 
  4. Prego, Luis (2020). "Fandango". Aturuxo (17): 51. 
  5. Linares, Juan Jose. O baile en Galicia. Galaxia. 
  6. Sampedro Folgar, Casto. Cancionero musical de Galicia (1982 ed.). Fundación Pedro Barrie de la Maza. p. 186. 
  7. "Fandango Gallego Juanjo Linares clase magistral". Youtube. Consultado o 2021-04-04. 
  8. Cajaraville Pensado, Manuel (1983). Debullando folclore. La Voz de Galicia. pp. 73–74. 
  9. "A.F. Aturuxo - Fandango muradán (1991)". Youtube. Consultado o 2021-04-04. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]