Cochinilla
Cochinilla Dactylopius cocus | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Femia (esquerda) e macho (dereita) de cochinilla | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||
|
A cochinilla,[1][2][3] Dactylopius coccus, é un insecto hemíptero da familia dos dactilopíidos, parasito de plantas, sendo os seus hospedeiros os nopais,[2][4] ou chumbeiras,[2][3][5] (cactos do xénero Opuntia, especialmente da especie Opuntia ficus-indica).
O carmín,[6] que se extrae a partir da morte das femias da especie, úsase como tinguidura de tecidos desde a antigüidade, e aínda hoxe como colorante en cosméticos como lapis de labios.[7]
É un parasito principalmente sedentario propio da América tropical e subtropical (México e o suroeste dos Estados Unidos), que se alimenta de nutrientes vexetais e de humidade.
Na América hispana, de onde procede, coñécese con numerosos nomes: cochinilla del carmín, grana cochinilla, cochinilla grana, e o indíxena nocheztli[8]
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Descrición
[editar | editar a fonte]Familia
[editar | editar a fonte]A familia foi descrita en 1875 polo farmacéutico, médico e entomólogo francés Victor Antoine Signoret, na súa obra "Essai sur les cochenilles ou gallensectes (Homoptères--Coccides), 14e partie". Annales de la Société Entomologique de France, Séries 1-6 (5) 5: 15-40.
Xénero
[editar | editar a fonte]O xénero describiuno en 1835 o entomólogo italiano Oronzio Gabriele Costa.[9]
Etimoloxías
[editar | editar a fonte]Xénero
[editar | editar a fonte]O nome do xénero, Dactilopius, está formado polos elementos do latín científico dactyl- e -pius. O primeiro deriva do grego antigo δάκτυλος dáktylos, "dedo", e o segundo probabelmente do grego antigo πἴος, píos, "gordo", debido á forma do seu corpo.[10]
Familia
[editar | editar a fonte]O nome da familia está formado, como é a norma, sobre a raíz do nome do seu xénero tipo (e neste caso único), Dactylopius, coa adición do sufixo do latín científico -idae, propio das familias de animais.
Sinónimos
[editar | editar a fonte]Ao longo da historia, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[11]
- Coccus cacti Linnaeus, 1758
- Pseudococcus cacti Burmeister, 1839
- Dactylopius cacti (Linnaeus, 1758)
- Coccus mexicanus Lamarck, 1801
- Dactylopius mexicanus (Lamarck, 1801)
- Coccus sativus Lancry, 1791
- Dactylopius sativus (Lancry, 1791)
- Pseudococcus signoreti Cockerell, 1900
Historia
[editar | editar a fonte]A cochinilla é un insecto parasito do nopal do que se obtén un extracto de cor vermella, o carmín, que, ao ser mesturado con ácidos (como o zume de limón) dá outras tonalidades de vermello, pero ao combinarse con álcalis cambia a mourado.[12]. En México usouse amplamente durante as épocas prehispánica e colonial. Segundo moitos informes, utilizouse para este propósito nas Américas desde o século X.[13][14]
Na cultura prehispánica, a cochinilla era altamente cotizada polos poboadores, e utilizábase para tinguir obxectos diversos: alimentos, plumas, madeira, téxtiles (como o algodón), pedras, e vivendas, e usábase tamén como tinturas para códices. O extracto de cochinilla probabelmente é o colorante natural con mellores características tecnolóxicas, pero utilízase cada vez menos debido ao seu alto prezo. As súas aplicacións son diversas. Un exemplo é a industria alimentaria: marmeladas, es, xeados e bebidas cunha cor vermella moi agradábel; tamén ofrece perspectivas de aproveitamento nas industrias cosmética, téxtil e farmacéutica.
Francisco Javier Clavijero, nado no Porto de Veracruz, Nova España, o 9 de setembro de 1731 e finado en Boloña, Estados Pontificios, o 2 de abril de 1787, sacerdote xesuíta moi coñecido polas súas obras historiográficas, polas cales se considera como un dos precursores do indixenismo en México,[15] na súa obra Historia Antigua de México,[16] afirma que a cochinilla necesitaba dun maior coidado que os verme da seda. A chuvia, o frío e os ventos danábana, e os paxaros, os ratos e as eirugas devorábana, polo cal era necesario teren sempre moi limpas as plantacións de nopais. En tempos de chuvia preparaban, dentro das casas, niños de feo, de borra ou de algo semellante xunto coas follas das chumbeiras, de cuxo zume se alimentaban. Antes de ter as súas crías, a cochinilla muda de pel; para eliminarlla as persoas que habitaban no México prehispánico valíanse dunha cola de coello ou de veado, que manipulaban suavemente para non despegar o insecto das follas sen danalo. En cada folla dispoñíanse tres niños e en cada un deles colocaban até 15 cochinillas. Cada ano preparaban tres colleitas, reservando en cada unha certo número de insectos para a futura xeración; a última colleita era a menos prezada, porque nela eran máis pequenas as cochinillas. Para matalas, era común mergullar as cochinillas en auga quente; despois secábanas con moito coidado, pois diso dependía, en gran medida, a calidade da cor. Tiñan tres métodos: un era sacalas ao sol; outro, secalas no recipiente que usaban para cocer o seu pan de millo, e a terceira, no temascal.[17]
Ao igual que todos os demais membros do xénero Dactylopius a cochinilla é orixinaria de América, pero existe unha disputa acerca da súa zona de orixe, porque a súa área de distribución en tempos históricos comprende tanto México e o sur dos Estados Unidos como o Perú e os países veciños.
A cochinilla é un insecto usado principalmente para a extracción do colorante composto por dúas substancias coñecidas como o carmín e o ácido carmínico (unha substancia química complexa tamén utilizada como colorante vermello).
Existen antecedentes do uso da cochinilla para tinguir os tecidos na cultura Paracas, que habitaba a costa do actual Perú hai uns 2 000 anos. Perú é, adía de hoxe, o primeiro produtor e exportador de cochinilla do mundo.
O valor deste colorante xa era coñecido polos aztecas antes da chegada dos españois a América. Cando os españois conquistaron México en 1521, viron aos indíxenas recoller insectos dos nopais. Este colorante coñeceuse en Europa a partir do século XVI.
O colorante carmín empregouse en América do Norte no século XV para tinguir tecidos e converteuse nun importante ben de exportación durante o período colonial. Despois de inventarse pigmentos e colorantes sintéticos como a alizarina a finais do século XIX, a produción de colorantes naturais diminuíu gradualmente. Porén, o medo a prexudicar a saúde polos aditivos artificiais renovou a popularidade dos colorantes da cochinilla e a demanda aumentou a rendibilidade da cría do insecto,[18] sendo o Perú o maior exportador. Algunhas cidades do estado mexicano de Oaxaca aínda traballan en téxtiles artesanais usando a cochinilla para tinguilos.[19]
Bioloxía
[editar | editar a fonte]Ciclo de vida
[editar | editar a fonte]Os estados do ciclo de vida da cochinilla son: para a femia, ovo, ninfa I, ninfa II e adulta; para o macho: ovo, ninfa I, ninfa II (casulo), prepupa, pupa e adulto.
A femia ten un tamaño duns 6 mm e apenas se move nos caules. O macho, máis pequeno e con ás, non supera os 2,5 mm.
Nutrición
[editar | editar a fonte]A alimentación, tanto das femias coma a dos machos, depende da extracción do zume das follas do nopal mediante os seus estiletes.
Reprodución
[editar | editar a fonte]Un aspecto curioso da súa bioloxía é a súa maneira de reproducirse. A fecundación ten lugar de noite, polo que é difícil de observar. O macho sobe sobre a femia e acaríciaa coas súas patas dianteiras. Despois colócase a un lado, arquéase baixo o corpo da femia e introduce o esperma nunha das dúas aberturas xenitais que esta ten (unha a cada lado do corpo). A continuación repite a operación ao outro lado. No abdome, ventralmente, as femias presentan uns apéndices cunhas expansións membranosas que forman unha especie de saco. É neste órgano onde gardan os ovos fecundados. Dos ovos saen as crías, que permanecen alí até despois de faceren unhas cantas mudas. O seu saco é comparábel ao marsupio dos canguros. As femias chegan a poñer até 400 ovos, e poden teren entre 5 e 80 crías cada vez, e reproducirse 2 ou 3 veces ao ano.
Cría
[editar | editar a fonte]A cría realízase introducindo cochinillas vivas nuns sacos de tea que se depositan sobre as follas das chumbeiras. Aos poucos días estes sacos son retirados e postos nunha nova folla.
Neste breve tempo, os insectos de menor tamaño pasan a través da fina tea até a folla da chumbeira, fixándose nela cravando seu pico.
Recolección
[editar | editar a fonte]A recolección da cochinilla realízase aproximadamente aos 90 días da súa implantación, dependendo da altitude da zona. Para iso utilízase unha culler cun mango alongado, que facilita ao criador chegar até todos os cladodios ou paletas da chumbeira. Unha vez raspada con coidado a folla ou paleta e desprendidas as cochinillas, deposítanse nun recipiente apropiado.
O criador debe proverse de luvas e roupa adecuada que o protexa dos pinchos das chumbeiras así como do intenso sol. A recolección faise pola mañá, recolléndose soamente as cochinillas maduras, deixando ás máis pequenas na planta.
Secado
[editar | editar a fonte]Para realizar o secado das cochinillas existen diferentes métodos. Os insectos expóñense ao sol nunhas bandexas, habitualmente de madeira, tendo especial coidado en non amorealas e esperando varios días até que sequen completamente. Unha vez seco o insecto, este reduce o seu peso aproximadamente nun terzo, mostrando un aspecto de grans de cor negra. Finalmente é empaquetado e exportado.
Regulación
[editar | editar a fonte]Na Unión Europea o carmín debe etiquetarse como E-120, e internacionalmente se coñece como colorante vermello natural nº 4. A OMS estableceu un límite de consumo diario de 5 mg/kg/día.
Ao non ser tóxica, a tintura que dela se extrae úsase na industria como colorante (E-120) dunha gran variedade de produtos: cosméticos, alimentación, téxtiles, viños etc., xa que convenientemente procesado subministra unha variada gama de cores: violeta, alaranxada, vermella, gris e negra.
Nas Canarias cultívase, fundamentalmente, nas vilas de Guatiza e Mala. No Perú, en Cuzco e na zona sur do país.
En Australia, na India e en Suráfrica usáronse con éxito como controlador biolóxico das chumbeiras que se converteran en especies invasoras. En Colombia ataca considerabelmente as plantacións forestais como, por exemplo, de teca en zonas como a costa atlántica. En España o ICA (Instituto de Ciencias Agrarias), pertencente ao CSIC, é o encargado da súa regulación.
Danos ás plantacións de chumbeiras (Opuntia maxima)
[editar | editar a fonte]Na actualidade, e desde hai uns anos, as poboacións de chumbeiras do sueste español está sendo gravemente afectadas pola cochinilla,[20] até o extremo de estar en perigo nalgunhas comarcas.[21] Non hai que esquecer, por outro lado, que a chumbeira está clasificada como especie exótica invasiva en España.[22] A súa importancia no sur da Península Ibérica vén dada principalmente polo valor dos seus froitos e non pola cría de cochinilla.
Actualmente non existe un tratamento eficaz de base científica, e as recomendacións pasan por destruír as partes afectadas da planta.[23] Até agora o único tratamento efectivo para salvar a planta e eliminar a praga é a limpeza mecánica e o tratamento con xabón potásico[24]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ cochinilla, 2ª acep. no Dicionario da RAG.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Ledo Cabido, B., dir. (2004): Dicionario de galego. Vigo: Ir Indo Edicións. ISBN 84-7680-504-7.
- ↑ 3,0 3,1 VV.AA. (2009): Gran dicionario Xerais da lingua. Volume I. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-9914-070-1.
- ↑ VV.AA. (2009): Gran dicionario Xerais da lingua. Volume II. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-9914-072-8.
- ↑ chumbeira, 1º art. no Dicionario da RAG
- ↑ caarm-in carmín no Dicionario da RAG.
- ↑ Domínguez, Velásquez; Emilio, Carlos (2015). "Uso del colorante natural Carmín-Ácido Carmínico, obtenido de la Cochinilla (Dactylopius cocus), en la técnica de coloración Hematoxilina Eosina en tejidos de hígado de ovino - Cajamarca". Universidad Nacional de Cajamarca. Arquivado dende o orixinal o 17 de marzo de 2020. Consultado o 23 de abril de 2020.
- ↑ Ramos-Zuñoga, Rodrigo (2006). El nocheztli perdido de Autlán. Universidad de Guadalajara. ISBN 9789702711148.
- ↑ Van Dam, A. R. & B. May. (2012): "A new species of Dactylopius Costa (Dactylopius gracilipilus sp. nov.) (Hemiptera: Coccoidea: Dactylopiidae) from the Chihuahuan Desert, Texas, USA. Zootaxa 3573: 33–39.
- ↑ Dactylopius no Merriam Webster Dictionary.
- ↑ Dactylopius coccus Costa, 1829 en BioLib.
- ↑ Río y Dueñas, Ignacio (2006). La grana cochinilla fina. Instituto Estatal de Ecología de Oaxaca.
- ↑ Ramírez-Puebla, S. T., et al. (2010): Molecular phylogeny of the genus Dactylopius (Hemiptera: Dactylopiidae) and identification of the symbiotic bacteria". Arquivado 23-09-2015 en Wayback Machine. Environmental Entomology 39 (4): 1178-1183.
- ↑ Chávez-Moreno, C. K., et al. (2011): "Distribution and habitat in Mexico of Dactylopius Costa (Hemiptera: Dactylopiidae) and their cacti hosts (Cactaceae: Opuntioideae). Neotropical Entomology 40 (1): 62-71.
- ↑ Luis Villoro, "4. Francisco Javier Clavijero", en Los grandes momentos del indigenismo en México, México: El Colegio de México-El Colegio Nacional-Fondo de Cultura Económica, s/d, pp. 113-152.
- ↑ Francisco Javier Clavijero (2014): Historia antigua de México, 12ª edición. México: Editorial Porrúa,
- ↑ Casa baixa de adobe onde os indios tomaban baños de vapor.
- ↑ Liberato Portillo, M.; Ana Lilia Vigueras, G. "Natural Enemies of Cochineal (Dactylopius coccus Costa): Importance in Mexico" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de marzo de 2009. Consultado o 4 de maio de 2005.
- ↑ Natural Dyeing in Mexico.
- ↑ "[Boletín de Sanidad Vegetal - Plagas] - Ministerio - magrama.gob.es". www.magrama.gob.es (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2016. Consultado o 23 de abril de 2020.
- ↑ "PALERA, CHUMBERA. Opuntia maxima [Cactaceae] - Región de Murcia Digital". www.regmurcia.com (en castelán). Consultado o 23 de abril de 2020.
- ↑ "Catálogo español de especies exóticas invasoras." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19 de outubro de 2015. Consultado o 23 de abril de 2020.
- ↑ Ruiz, Miguel Ángel. "Certezas y dudas sobre los higos chumbos". lospiesenlatierra.laverdad.es (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 06 de agosto de 2017. Consultado o 23 de ab ril de 2020.
- ↑ "Tratamiento efectivo contra la plaga de la cochinilla del carmín". www.nopalverdura.com. Consultado o 23 de abril de 2019.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cochinilla |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Cochinilla |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Catalá-Oltra, M.; Granero, M.; Rodrigo, E. (2010). "Estudio comparativo de la morfología y biología de Dactylopius coccus Costa y D. opuntiae (Cockerell) (Hemiptera: Dactylopiidae), dos especies presentes en la Comunidad Valenciana" (PDF). Boletín de Sanidad Vegetal - Plagas (36): 23–35. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 22 de xullo de 2016. Consultado o 23 de abril de 2020.
- Cardon, Dominique (2003): Le monde des teintures naturelles Arquivado 28 de maio de 2020 en Wayback Machine.. París: Belin. ISBN 978-2-7011-6143-3.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Felter, Harvey Wickes; Lloyd, John Uri (1898). "Coccus (U.S.P.)—Cochineal". King's American Dispensatory. Consultado o 4 de maio de 2020.
- Direction of the Council of the Pharmaceutical Society of Great Britain (1911). "Coccus, B.P.". The British Pharmaceutical Codex. Consultado o 4 de maio de 2020.
- Sayre, Lucius E. (1917). "Coccus.—Cochineal". A Manual of Organic Materia Medica and Pharmacognosy. Consultado o 4 de maio de 2020.
- Zhang, Jane (27 de xaneiro de 2006). "Is There a Bug in Your Juice? New Food Labels Might Say". The Wall Street Journal. Arquivado dende o orixinal o 12 de xaneiro de 2009.
- Greig, J. B. "Cochineal extract, carmine, and carminic acid". WHO food additive series 46. Consultado o 4 de maio de 2020.
- Dutton, LaVerne M. "Cochineal: A Bright Red Animal Dye". Master's Thesis for Baylor University. Consultado o 4 de maio de 2020.