Charles Lenormant
Retrato de Charles Lenormant por Paul Delaroche (ca. 1830) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1 de xuño de 1802 París, Francia. |
Morte | 22 de novembro de 1859 (57 anos) Atenas, Grecia. |
Lugar de sepultura | Cemiterio de Kolonos, Atenas. |
Cargos | |
Director do Gabinete de Medallas e Moedas de Francia | |
Período | 1840 – 1859 |
Antecesor | Jean-Antoine Letronne. |
Sucesor | Pierre Marie Anatole Chabouillet |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Francesa. |
Relixión | Catolicismo. |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática, arqueoloxía e exiptoloxía. |
Ocupación | antropólogo, catedrático, bibliotecario, numismático, exiptólogo, arqueólogo, historiador da arte, escritor |
Empregador | Collège de France. Universidade de París. Biblioteca Nacional de Francia. |
Membro de | Instituto Arqueolóxico Alemán. Académie des inscriptions et belles-lettres. Academia Prusiana das Ciencias. Academia das Ciencias de Turín. Sociedade de Historia de Francia. |
Influencias en | |
Familia | |
Cónxuxe | Amélie Cyvoct |
Fillos | François Lenormant. |
Pais | Charles François Lenormant e Cécile Gravier |
Premios | |
Cabaleiro da Lexión de Honra (1837). | |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Library of the World's Best Literature (en) |
Lista
|
Charles Lenormant, nado en París o 1 de xuño de 1802 e finado en Atenas o 22 de novembro de 1859,[1] foi un arqueólogo, exiptólogo e numismático francés, que foi profesor no Collège de France e director do Gabinete de Antigüidades e Medallas da Biblioteca Nacional.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Charles Lenormant naceu en París o 12 pradal do ano X, consonte o calendario republicano (1 de xuño de 1802), fillo de Cécile Gravier e do notario Charles François Lenormant. O seu pai finou en 1816 e Charles dedicouse aos seus estudos clásicos no Lycée Charlemagne. En 1824-1825 emprendeu o seu Grand Tour, e na súa viaxe por Sicilia tomou o seu primeiro contacto coas antigüidades gregas.[2]
Á volta do Grad Tour, en 1825 foi nomeado inspector de Belas Artes.[3]
Carreira como erudito
[editar | editar a fonte]En 1826 casou cunha sobriña e filla adoptiva de Juliette Récamier (1777-1849), organizadora dun famoso salón literario que reunía as meirandes celebridades da política, a literatura e a arte de París. O ambiente sociocultural no que Lenormant se desenvolveu a partir dese momento resultou determinante nas súas futuras posicións culturais, políticas e relixiosas.[3][4]
En 1828, por recomendación de Récamier, acompañou a Jean-François Champollion na súa primeira viaxe a Exipto,[5] en condición de xornalista da revista Le Globe. Regresou desa viaxe apaixonado polo antigo Exipto e sinaladamente polos xeróglifos, un campo novo naquel momento. O ano seguinte, embarcouse na expedición de Morea en Grecia, como subdirector da sección de arqueoloxía, pero non se levou ben con Raoul-Rochette, polo que continuou só a súa exploración dos arredores da illa de Exina, aínda que non puido entrar en Atenas.[3]
En 1829 foi nomeado membro francés do Instituto Arqueolóxico Alemán, que se acababa de establecer en Roma, e a cuxa constitución contribuíu.[3]
Escribiu para a Revue de Paris e, logo da revolución de xullo de 1830, en agosto François Guizot fixouse nel e incorporouno ao Goberno provisional como director da Sección de Belas Artes, posto do que dimitiu en novembro. A partir dese momento arredouse da política e dedicouse case por completo á súa carreira museística e docente, protexido por Guizot durante todo o reinado de Luís Filipe.[3]
A finais de 1830 Lenormant foi nomeado membro da inspección xeral de monumentos históricos. No bienio 1831-1832 escribiu para Le Temps, onde lanzou unha ollada crítica sobre os artistas da súa época que expuñan no Salón de París, algo que non deixaría de facer ao longo da súa vida.[6]
En 1832, pasou a ser conservador da Biblioteca do Arsenal, en París, e dous anos máis tarde foi nomeado profesor da Universidade de París na cátedra de Historia Antiga, en substitución de Guizot. En 1839 foi elixido membro da Académie des inscriptions et belles-lettres e o ano seguinte foi nomeado director adxunto do Gabinete de Medallas da Biblioteca Real, ata que en 1840 substituíu o exiptólogo Jean-Antoine Letronne na dirección do Gabinete.[3][7][8] Foi a través deste último que Lenormant foi nomeado cabaleiro da Lexión de Honra en 1837.[9]
En 1841 produciuse un punto de inflexión na súa carreira, cando, ao abeiro dunha misión cultural, realizou, por orde de Guizot —daquela ministro de Asuntos Exteriores—, unha misión diplomática en Grecia, acompañado por Jean-Jacques Ampère e Prosper Mérimée. Ampère, nas súas memorias, conta como esta viaxe cambiou a vida de Charles Lenormant e como este se converteu nun verdadeiro católico militante, mentres que as ideas positivistas conquistaban determinadas elites. A partir desta viaxe, o seu compromiso relixioso pasou a estar cada vez máis presente nos seus escritos e nas súas ensinanzas.[3]
O seu proselitismo relixioso causoulle problemas case dous anos antes das xornadas revolucionarias de 1848, cando os estudantes da Sorbona se enfureceron pola expulsión claramente política de Edgar Quinet do Collège de France: para tranquilizar a situación, Lenormant dimitiu. Posteriormente refundou Le Correspondant, unha revista relixiosa militante de fe católica, no que encabezou unha loita incesante pola liberdade de educación.[3]
En 1849, foi nomeado profesor de Lingua Exipcia no Collège de France, na cátedra de Arqueoloxía, creada por Champollion, en substitución de Letronne, falecido en 1848. Converteuse en correspondente frecuente de Revue archéologique.[3]
Durante case dez anos publicou numerosos estudos en estreita colaboración con Jean de Witte, e xuntos emprenderon un proxecto de investigación sobre a cerámica antiga que os levou a percorrer as grandes coleccións, tanto privadas como dos principais museos europeos.[3] Este traballo deu lugar a unha publicación en catro volumes, entre 1844 e 1861.[11]
O 4 de abril de 1856 foi un dos principais fundadores da Œuvre des Écoles d'Orient,[12] posteriormente coñecida como Œuvre d'Orient, xunto ao numismático Félicien de Saulcy e o célebre matemático Augustin Louis Cauchy. Foi vicepresidente do seu primeiro consello xeral ata a súa morte.[13]
Entre outras entidades e sociedades eruditas, Lenormant ingresou en 1845 como membro correspondente da Academia Prusiana das Ciencias, por suxestión dos seus amigos e colegas Theodor Panofka e August Böckh. Tamén formou parte do Comité dos Traballos Históricos e Científicos de Francia (desde 1835), da Sociedade de Historia de Francia (1833), da Sociedade Nacional de Anticuarios de Francia (1845), da Academia das Ciencias de Turín (1852)[14] e da Sociedade de Anticuarios de Normandía, da que chegou a ser director.[5]
Lenormant morreu de febre o 22 de novembro de 1859 en Atenas,[5] mentres se achaba co seu fillo François nunha viaxe de estudos.[15] O seu corazón foi colocado nunha urna situada no cemiterio de Kolonos, ao pé da tumba de Karl Otfried Müller, a quen admiraba.[16]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]François Lenormant casou en 1826 con Amélie Cyvoct (1803-1893),[3][17] a quen coñecera en Nápoles. Con ela tivo un fillo, François Lenormant (1837-1883), profesor de arqueoloxía na Biblioteca Nacional, e membro do Institute de France, e unha filla, Paule Lenormant, que casou con Louis de Loménie, profesor do Collège de France e membro da Academia Francesa.[18]
Publicacións
[editar | editar a fonte]A orixinalidade de Charles Lenormant reside esencialmente no traslado que realiza da esfera semiolóxica textual á esfera visual. Estes intentos de ler a imaxe, particularmente nos vasos gregos, supoñen un avance cara ás lecturas iconográficas do século XX. Da súa ampla produción bibliográfica, cabe salientar os seguintes traballos monográficos:[3][5][19]
Escolma de monografías
[editar | editar a fonte]- (1831-1850). Trésor de numismatique et de glyptique, ou Recueil général de médailles, monnaies, pierres gravées, bas-reliefs, tant anciens que modernes, les plus intéressants sous le rapport de l'art et de l'histoire (con P. Delaroche, eds). Rittner et Goupil et Vve Lenormant, París. 1831-1850 [en 20 volumes].
- (1833). Les artistes contemporains. T. I (Salon de 1831); T. II (Salons de 1831 et 1833). Mesnier, París.
- (1838). Recherches sur l'origine, la destination chez les anciens et l'utilité actuelle des hiéroglyphiques d'Horapollon. Bourgogne et Martinet.
- (1839). Éclaircissements sur le cercueil du roi memphite Mycerinus. Leleux, París.
- (1840). Essai sur le texte grec de l'inscription de Rosette. Leleux, París.
- (1840). Rabelais et l'architecture de la Renaissance : restitution de l'abbaye de Thélème. Crozet, París.
- (1841). Musée des antiquités égyptiennes, ou Recueil des monuments égyptiens, architecture, statuaire, glyptique et peinture, accompagné d'un texte explicatif. Leleux, París.
- (1842). Mémoire sur la véritable désignation du monument de Rome connu sous le nom de Trophées de Marius. Dézairs, Blois.
- (1844-1861). Élite des monuments céramographiques : matériaux pour l'histoire des religions et des mœurs de l'Antiquité. T.I (1844); T. II (1857); T. III (1858); T. IV (1861) (con J. de Witte). Bourgeois-Maze, París.
- (1845). Introduction à l'étude des vases peints. Leleux, París.
- (1846). François Gérard, peintre d'histoire, essai de biographie et de critique. Waille, París. [2ª ed. 1847].
- (1854). Découverte d'un cimetière mérovingien à la chapelle Saint-Éloi (Eure). Douniol, París. [2ª ed. en 1858]
- (1859). Ary Scheffer. Douniol, París.
Edicións póstumas
[editar | editar a fonte]- (1861). Commentaire sur le Cratyle de Platon. Coromélas, Atenas.
- (1861). Beaux-arts et voyages. Vol I; Vol. II. Lévy Frères, París.
- (1863). Mémoire sur les peintures que Polygnote. Académie Royale de Belgique.
- (1869). De la divinité du christianisme dans ses rapports avec l'histoire. Lévy, París.
- (1873). Essais sur l'instruction publique. Didier, París.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Outras fontes dan o 1 de xullollo como data de nacemento e o 13 de novembro como data de falecemento. Véxase Jaubert. S. (2008).
- ↑ Wallon, H. (1878). Páxinas 263-264.
- ↑ 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 Jaubert. S. (2008).
- ↑ Wallon, H. (1878). Páxina 265.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 "Lenormant, Charles". Comité des travaux historiques et scientifiques (CTHS.fr).
- ↑ Véxase "(1833)" en "Publicacións".
- ↑ Amandry, M. (2005). "Les directeurs du département des Monnaies, Médailles et Antiques depuis 1719 Arquivado 07 de xuño de 2023 en Wayback Machine.". Bibliothèque nationale de France. Comité d'histoire.
- ↑ Sarmant, Thierry (1994). Le Cabinet des médailles de la Bibliothèque nationale (1661-1848). París. École des Chartes. ISBN 978-2900791097. Páxinas 91-126.
- ↑ "Lenormant, Charles". Leonore.archives-nationales.culture.gouv.fr
- ↑ "Portrait de Charles Lenormant (1802-1859), archéologue et historien". Parismuseescollections.paris.fr
- ↑ Véxase "(1844-1861)" en "Publicacións".
- ↑ "Naissance de l'Œuvre d'Orient". Oeuvre-orient.fr
- ↑ Œuvre des Écoles d'Oriente. Bulletins périodiques. Tomo 1. París. Páxina 186.
- ↑ "Charles Lecormant (o Lenormant)". Accademiadellescienze.it
- ↑ Delaborde, H. (1859).
- ↑ Baedeker, K. (1896). Athens and Its Immediate Environs. Baedeker. Páxina 74.
- ↑ Moussa, S. (2011). "Portrait de l”’enchanteresse” par sa fille adoptive". En Juliette Récamier dans les arts et la littérature: La fabrique des représentations. Hermann. Páxinas 31-45. ISBN 978-2705681616
- ↑ Huguet, F. (1991).
- ↑ "Lenormant, Charles (1802-1859)". Persee.fr
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Charles Lenormant |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Delaborde, H. (1859). "Nécrologie: M. Charles Lenormant". En Gazette des beaux-arts. T. 4. Páxinas 321-326.
- Herbermann, C. ed. (1913). "Charles Lenormant". En Catholic Encyclopedia. Robert Appleton Co., Nova York.
- Huguet, F. (1991). Les professeurs de la faculté de médecine de Paris, dictionnaire biographique 1794-1939. INRP-CNRS, París. Páxinas 290-292. ISBN 2-222-04527-4
- Jaubert. S. (2008). "Lenormant, Charles". En Sénéchal, P.; Barbillon, C. Dictionnaire critique des historiens de l’art actifs en France de la Révolution à la Première Guerre mondiale. INHA, Paris.
- Wallon, H. (1878). "Notice historique sur la vie et les travaux de M. Charles Lenormant". En Comptes rendus des séances de l’Académie des inscriptions et belles-lettres. 4ª serie. Nº VI, 1878, Páxinas 263-310.
- Wallon, H. (1884). "Notice historique sur la vie et les travaux de M. Charles Lenormant". En Mémoires de l'Institut de France. T. 31. Nº 1. Páxinas 547-608.
- Witte, J. de. (1861). "Notice sur Charles Lenormant, associé de l'Académie". Annuaire de l'Académie royale des sciences, des lettres et des beaux-arts de Belgique. Bruxelas. Páxinas 129-186.
Predecesor: Jean-Antoine Letronne |
Director do Gabinete de Medallas de París 1840 - 1859 |
Sucesor: Anatole Chabouillet |
- Nados en 1802
- Finados en 1859
- Nados en París
- Numismáticos de Francia
- Historiadores de Francia
- Arqueólogos de Francia
- Exiptólogos
- Bibliotecarios
- Profesores do Collège de France
- Profesores da Universidade de París
- Persoas relacionadas coa Biblioteca Nacional de Francia
- Membros da Académie des inscriptions et belles-lettres
- Membros do Instituto Arqueolóxico Alemán
- Directores de museos
- Cabaleiros da Lexión de Honra