Carso
- Para o significado xeográfico da rexión italo-eslovena do mesmo nome véxase Carso (xeografía).
Co nome de carso, carst ou karst (en italiano carso, en esloveno kras, en friulano cjars, en croata krš, en alemán Karst), coñécese unha forma de relevo orixinada por meteorización química de determinadas rochas, como a calcaria, a dolomía etc., compostas por minerais solúbeis en auga, fundamentalmente carbonato cálcico.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]A palabra carso provén do topónimo Carso, nome italiano de Kras, rexión de Eslovenia de mesetas calcarias de configuración característica. A palabra foi xermanizada en karst cando o país formaba parte do Imperio Austrohúngaro.
O concepto de carso (karst) foi introducido en 1893 polo xeógrafo serbio, especializado en xeomorfoloxía, Jovan Cvijić no seu libro Das Karstphänomen. Por iso na bibliografía xeolóxica internacional, o nome máis utilizado é karst.
Carsificación
[editar | editar a fonte]O relevo das zonas cársicas está condicionado principalmente pola disolución das rochas; é o que se chama carsificación, carstificación ou karstificación. As reaccións químicas responsábeis da disolución dos carbonatos son as seguintes:
- Disolución do dióxido de carbono:
- CO2 + H2O ↔ H2CO3
- Disociación acuosa do ácido carbónico:
- H2CO3 + H2O → H3O+ + HCO3—
- Ataque ácido de carbonatos ("calcarios"):
- H3O+ + CaCO3 ↔ Ca2+ + HCO3 + H2O
- Ecuación de balance:
- CO2 + H2O + CaCO3 ↔ Ca2+ + 2 HCO3—
Obsérvese que do contido de bicarbonato, un átomo de carbono provén da matriz de calcaria e o outro procede do dióxido de carbono (principalmente de origen bioxénica, xa que a concentración deste último no solo é moito maior que na atmosfera). Estas dúas fontes tamén son diferenciábeis polos seus niveis de isótopos de carbono (segregación de carbono 13 nos seres vivos).
A disolución e, por tanto, a formación do relevo cársico, está favorecida por:
- A abundancia de auga;
- A concentración de CO2 na auga (que aumenta coa presión);
- A baixa temperatura da auga (canto máis fría estea a auga, máis cargada está de CO2);
- Os seres vivos (que emiten CO2 no solo pola respiración, o que aumenta considerabelmente o seu contido);
- A natureza da rocha (fracturas, composición dos carbonatos etc.);
- O tempo de contacto auga-rocha.
Unha rexión fría, húmida e calcaria, por tanto, é máis propensa a desenvolver un relevo cársico. Porén, encóntranse relevos deste tipo en todo o globo, tanto en rexiones cálidas como frías (pero sempre húmidas).
Proceso de erosión cársica
[editar | editar a fonte]Un carso prodúcese por disolución indirecta do carbonato cálcico das rochas calcarias debido á acción de augas lixeramente ácidas. A auga acidifícase cando se enriquece en dióxido de carbono, por exemplo cando atravesa un solo, e reacciona co carbonato formando bicarbonato, que é moi solúbel. Hai outro tipo de rochas, as evaporitas, como por exemplo o xeso, que se disolven sen necesidade de augas ácidas. As augas superficiais e subterráneas van disolvendo a rocha e creando galerías e covas que, por afundimento parcial, forman dolinas e, por afundimiento total, forman canóns.
Existen outras moitas formas cársicas segundo se produzan na superficie ou polo contrario son formacións xeomorfolóxicas que aparecen en cavidades subterráneas. No primeiro caso denomínanse exocársicas:
- Lapiás, son sucos ou cavidades separados por tabiques máis ou menos agudos. Os sucos fórmanse polas augas de escorredura sobre as vertentes ou sobre superficies chas con fisuras.
- Poljes, son depresións alongadas de fondo horizontal enmarcados por vertentes abruptas. Están percorridos total ou parcialmente por correntes de auga, que desaparecen subitamente por sumidoiros ou pozos e continúan circulando subterraneamente.
- Dolinas, son grandes depresións formadas nos lugares onde a auga se estanca. Poden ter formas diversas e unirse con outras veciñas, formando uvalas.
- Gargantas, son vales estreitos e profundos, causados por erosión fluvial.
- Covas, que se forman ao infiltrarse a auga. Adoitann formarse estalactitas a partir da auga, rica en carbonato cálcico, que gotexa do teito, e estalagmitas a partir da auga depositada no solo.
- Simas, aberturas estreitas que comunican a superficie coas galerías subterráneas.
- Ponors, aperturas de tipo "portal" onde unha corrente superficial ou lago flúr total ou parcialmente cara a un sistema de auga subterránea.
E no segundo sentido, endocársicas (simas, sumidoiros, sifóns, foibas etc.).
Formación de estalactitas e estalagmitas
[editar | editar a fonte]Cando a auga cargada de gas carbónico e pedra calcaria disolvida en forma de bicarbonato cálcico, chega a unha cavidade máis grande que as fisuras polas que pasou (fisuras e diáclases causadas polos movemntos tectónicos ou pola crioclastia en superficie, por exemplo), pode evaporarse lentamente e os sales disolvidos na auga chegan a cristalizar en determinadas circunstancias, por exemplo, ao gotear desde o teito dunha cova até o chan, formando estalactitas no teito, estalagmitas no solo e columnas, cando estas dúas formas chegan a unirse; ou, cando se estanca nunha cavidade, pódense formar xeodas.
Zonas do aparato cársico
[editar | editar a fonte]- Zona de absorción: zona superficial por onde penetra a auga;
- Zona vadosa: zona na que a auga circula verticalmente;
- Zona freática: zona profunda onde circula permanentemente a auga;
- Zona epifreática: zona situada entre a vadosa e a freática, que pode sufrir inundacións periódicas.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Relevo cársico |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Ford, D. C. e Williams, P. (2007): Karst Hydrogeology and Geomorphology. John Wiley and Sons Ltd. ISBN 978-0-470-84996-5.
- Jennings, J. N. (1985): Karst Geomorphology. 2nd ed. Blackwell. ISBN 0-631-14032-8.
- Meléndez, B. e Fuster, J. Mª (1980): "El agua subterránea. El proceso cárstico." Capítulo VI de Geología. 4ª ed. Madrid: Paraninfo S.A., pp. 161–190. ISBN 84-283-0956-6.
- Palmer, A. N. (2009): Cave Geology. 2nd Printing. Cave Books. ISBN 978-0-939748-66-2.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Información turística do Carso triestino e esloveno (en italiano) Consultada o 05/09/2912.