Beta Centauri
Constelación | Centaurus |
Ascensión recta α | 14h 03min 49,4 |
Declinación δ | -60° 22’ 23’’ |
Distancia | 352 anos luz |
Magnitude visual | +0,60 |
Magnitude absoluta | -5,42 |
Luminosidade | 11.200 soles |
Temperatura | 25.000 K |
Radio | 9 soles |
Masa | 14,7 / 14,7 soles |
Tipo espectral | B1III |
Velocidade radial | +5,9 km/ |
Outros nomes | HD 122451 / HR 5267HIP 68702 / SAO 252582 |
Hadar ou Agena (Beta Centauri / β Cen)[1] é a segunda estrela máis brillante da constelación de Centaurus e a décima do firmamento. A súa magnitude aparente é +0,60.
Nome
[editar | editar a fonte]O nome de Hadar é de orixe árabe e o seu significado é incerto; para algúns autores significa «chan». O outro nome da estrela, Agena, provén do latín e significa «o xeonllo (do centauro)». O nome de Wazn, do árabe «peso», parece que se utilizou para designar a Alfa e Beta Centauri, así como a estrelas das constelacións de Columba e Canis Major; na actualidade é o nome habitual da estrela δ Canis Majoris.
Características físicas
[editar | editar a fonte]Situada a unha distancia entre 350 e 392 anos luz de distancia, Hadar figura clasificada nos catálogos como unha xigante branco-azulada[1][2] de magnitude absoluta -5,42[3], intrinsecamente moito máis luminosa que Alpha Centauri pero 90 veces máis afastada que esta.
En 1935, Joan Voûte descubriu que Hadar é unha estrela dobre, asignándolle o identificador VOU 31. A estrela máis tenue do par, Hadar B, ten tipo espectral B8 e magnitude 4, estando separada da estrela primaria polo menos 120 unidades astronómicas (ua). O seu período orbital é igual ou superior a 225 anos.[4]
A estrela principal, Hadar A, é, á súa vez unha binaria espectroscópica, sendo ambas as compoñentes case idénticas e de tipo espectral B1 ou B2. Cun período orbital de 357 días, a órbita é moi excéntrica, facendo que a separación entre ambas varíe entre 0,53 e 5,5 ua; a mínima separación tivo lugar en febreiro de 2000.[5] A velocidade de rotación medida —igual ou maior de 140 km/s—, xunto co seu diámetro —9 veces o do Sol—, dan como resultado un período de rotación inferior a 3 días para unha das estrelas polo menos. Á súa vez, unha ou as dúas estrelas son variables do tipo Beta Cephei con dous períodos de 3,2 e 5,3 horas. A proximidade entre as dúas estrelas fai que sexan unha fonte de raios X, debido á existencia de ventos estelares cuxa temperatura alcanza os 2 millóns de K. Cada unha ten unha masa de 14,7 masas solares —aínda que outro estudo sinala masas inferiores de 10,7 e 10,3 masas solares—, e pénsase que en realidade non son xigantes senón estrelas que aínda fusionan hidróxeno en helio, aínda que probablemente quédelles pouco tempo antes de abandonar a secuencia principal. Posteriormente expandiranse en xigantes vermellas e con seguridade a evolución de cada unha delas afectará profundamente á outra.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Beta Centauri (SIMBAD)
- ↑ Agena Arquivado 02 de novembro de 2015 en Wayback Machine. (The Bright Star Catalogue)
- ↑ Las 150 estrellas más luminosas en el catálogo Hipparcos
- ↑ "Hadar (Stars, Jim Kaler)". Arquivado dende o orixinal o 02 de decembro de 2008. Consultado o 28 de febreiro de 2017.
- ↑ Davis, J.; Mendez, A.; Seneta, E. B.; Tango, W. J.; Booth, A. J.; O'Byrne, J. W.; Thorvaldson, E. D.; Ausseloos, M.; Aerts, C.; Uytterhoeven, K. "Orbital parameters, masses and distance to β Centauri determined with the Sydney University Stellar Interferometer and high-resolution spectroscopy" (4). pp. 1362-1370.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Lista das estrelas máis brillantes
- Alpha Orionis
- Alpha Aquilae
- Alpha Tauri
- Alpha Scorpii
- Deneb
- Beta Persei
- Polaris
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Kaler, James B. HADAR (Beta Centauri). Stars (University of Illinois). Consultado o 2011-12-19.