Personaxe
Un personaxe é cada un dos seres que forman a acción dunha obra literaria, película etc., e que son o motor da acción narrativa.
Non debe confundirse o termo persoeiro (individuo real de relevancia ou que queremos salientar) con personaxe (ser ficticio por moito que represente a unha persoa real da que soamente é unha representación inventiva). O personaxe é o elemento motor da acción narrativa. Confundido inxenuamente coa persoa, da que é soamente unha representación inventiva, ou reducido a unha serie de caracterizacións psicolóxicas ou de atributos, o personaxe non se pode illar nin do universo que o rodea nin dos outros personaxes cos que entra en relación.
Caracterización
editarA caracterización do personaxe pode ser directa ou indirecta. É directa cando narrador nos di cales son as calidades do personaxe a través dun retrato. É indirecta cando o lector é quen debe deducir o carácter do personaxe, partindo das acción en que está implicado, do xuízo que dan del outros personaxes, ou do seu modo individual de ver a vida ou as relacións humanas.
Frecuentemente a caracterización se obtén por sinécdoque, é dicir, mediante un detalle que lle concirne. Ese detalle, segundo Ducrot e Todorov, recibe o nome de emblema e pode ser unha forma de vestir, de falar, un lugar, ligados ao personaxe tan estreitamente que a súa mera aparición supón a evocación, inda in absentia, do personaxe.
A construción do personaxe preténdese como resultado da intersección de:
- Signos que integran a identidade do personaxe.
- Signos que reflicten a súa conduta
- Signos que expresan os seus vínculos cos demais personaxes.
Tipoloxía
editarA máis antiga tipoloxía substancial parece remontarse ás máscaras, por exemplo na Commedia dell’arte (ou n' Os vellos non deben de namorarse), onde os papeis son fixos, como o son tamén os nomes (Arlequín, Pantalón, Pulchinelo,...).
Pódense ofrecer distintas tipoloxías dos personaxes, tanto en sentido formal como substancial. Por exemplo, diferéncianse personaxes estáticos, que non varían no transcurso do relato e personaxes dinámicos, suxeitos a cambio e evolución; ou tamén entre principais e secundarios. Foster divide ós personaxes en planos (ou deseñados) e esféricos (tamén modelados ou redondos).
Os personaxes planos defínense linealmente polo seu trato, por un elemento característico que os acompaña ao longo da novela. Tenden á caricatura e adoitan aparecer en novelas populares ou de tese. Unha variante do personaxe plano é o tipo, personaxe que non experimenta transformación e que representa a un grupo, a unha organización tribal ou a un modo de conduta. Polo contrario, os personaxes esféricos ofrecen unha complexidade moi acentuada. Experimentan ao longo da narración transformacións na súa psicoloxía e na súa conduta.
Debe terse en conta ademais as narracións en que predomina o personaxe colectivo, que suplanta ao personaxe individual, facendo que o heroe perda relevancia, substituíndoo polo grupo ou clase social.
Greimas distingue seis actantes: suxeito (ou protagonista, a súa acción está provocada por unha necesidade. É iniciador da acción e ten valores dramáticos), obxecto (o desexado, o buscado por sintetizar uns determinados aspectos morais, relixiosos ou sociais que son os que pon en xogo), destinador (o axente que influencia o destino do obxecto), destinatario (beneficiario do destinador ou do obxecto), opoñente (ou antagonista, determina o conflito. Oponse ó suxeito), e axudante ao servizo do suxeito, mais tamén doutros personaxes).
O seu esquema está aberto a moi variados recubrimentos semánticos. O axudante socorre ao suxeito nas probas que debe superar para consegui-lo obxecto anelado e nas que é obstaculizado polo opoñente; o destinador considera o obxecto como termo do desexo e de comunicación, mentres que o destinatario é o que se beneficia daquel.
Funcións
editarNo ámbito do relato, o personaxe pode desenvolver varias funcións, pode ser un elemento decorativo, un axente da acción, ou un portavoz do autor.
O personaxe decorativo é practicamente inútil para a acción, mais serve ao autor para caracterizar o ambiente: é como un síntoma ou un indicio mediante o cal é posíbel percibir o xuízo do autor sobre unha realidade determinada.
Se a acción narrativa consiste no desenvolvemento de situacións conflitivas nas cales os personaxes están involucrados hase comprender que as calidades destes han de emerxer da propia acción, de aí que cataloguemos os personaxes como axentes e pacientes.
Os axentes poden ser influenciadores, modificadores -estes, á súa vez, perfeccionadores e degradadores-, e conservadores (protectores-frustratorios, sedutores-intimidatorios ou asesores-disuasorios)
O personaxe pode ser, finalmente, portavoz do autor.
Para Georg Lukács o significado dunha novela consiste no camiño do heroe problemático cara si mesmo, é dicir, na progresión dun personaxe desde unha situación familiar en loita coa realidade allea, falta de significado, ata chegar á autoconsciencia.
A acción dramática, ademais dun texto que facilita os diferentes compoñentes que participan na representación teatral e as súas liñas de desenvolvemento, implica unha realización material e visible, unha composición escénica. Un dos factores esenciais desa composición dramatúrxica é o personaxe, xa que é o elemento principal que desenvolve a ligazón entre o autor, a representación e os espectadores. Este feito provoca que se poidan apreciar varias facetas dentro da configuración do personaxe pois para a súa caracterización e composición dramatúrxica está a mercede dos outros participantes do acto comunicativo:
- O seu carácter depende da creación, do autor.
- O seu rol depende en grande medida da posta en escena que o director maxine e o actor realice.
- Pero o personaxe é fundamentalmente a recreación que del fan os espectadores. Non é só o personaxe ideal que autor, director ou actor teñen en mente, é tamén o personaxe virtual que o público compón no momento da representación.
O concepto de personaxe na representación dramática permite consolidar a idea de que o teatro é un acto comunicativo complexo pois no personaxe se produce, no instante concreto da representación, a amálgama da imaxe que del teñen o autor, o director e o espectador.
Personaxe e autor
editarDesde o punto de vista da autoría o personaxe é un compoñente estrutural que permite organizar o desenvolvemento argumental. O personaxe desencadea a acción mediatizado ou determinado polo carácter que o autor lle confire, polo seu vestiario, polo decorado, pola súa andaina escénica... Calquera personaxe posúe trazos distintivos que o autor considera e desenvolve no proceso creativo.
Se nunha obra o personaxe ve negada a súa posibilidade de ser pola realidade que o rodea, a acción teatral será existencial e subxectiva. Se o conflito se manifesta no interior do personaxe, a acción será caracterolóxica. Cando o personaxe é axente da acción e permítelle o autor evolucionar a mesma, encadear a intriga, a acción será escenicamente obxectiva.
Personaxe e actor
editarNa representación é onde o personaxe atinxe o seu rol e desenvolve a caracterización que o autor pretendeu conferirlle. O actor atende as precisións apuntadas polo autor e provoca, ante os espectadores unha ilusión pois achega un ser, con conciencia e palabra, que semella existir por si mesmo.
Personaxe e espectador
editarOs personaxes, no espectáculo teatral, son os axentes que encadean as diferentes secuencias que o espectador, por asumir asemade a perspectiva e valores dos personaxes, debe tamén asumir.
Todo personaxe contén características ideolóxicas, psicolóxicas e sociais que o espectador descifra en función das súas propias e particulares peculiaridades.
Dende o punto de vista do espectador, a relación máis intensa cos personaxes se realiza trala finalización da representación teatral, cando bébedo de sensacións, sente aínda o personaxe coma se fose realmente un ser vivo.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- García Barrientos: Tiempos y drama. CSIC. Madrid 1991.
- Kunt Spang: Géneros literarios. Ed. Síntesis. Madrid 1983.
- Pavis, Patrice: Diccionario del teatro. Dramaturgia, estética, semiología. Ed. Paidós. Barcelona. 1980
Outros artigos
editar Este artigo sobre literatura é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |