[go: up one dir, main page]

Galipedia

edición da Wikipedia en lingua galega

A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega.[1] Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003,[2] é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 216.618.[3] A comezos do ano 2013 usábanse xa 101 305 imaxes distintas.[4]

Galipedia
Logo da Wikipedia en galego.
Portada da Wikipedia en galego do ano 2013.
Tipoenciclopedia en liña
ComercialNon
RexistroOpcional
LinguasGalego
LicenzaCreative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 . Non soportada
Licenza de documentación libre de GNU
PropietarioWikimedia Foundation
Lanzamento8 de marzo do 2003
Na rede
https://gl.wikipedia.org/
Twitter: galipedia Instagram: wikipedia_en_galego Editar o valor en Wikidata

Para unha relación cronolóxica dos acontecementos da Galipedia pode consultarse o apartado Wikipedia:Actualidade. Existen tamén páxinas de estatística, entre elas, Especial:Estatísticas e Wikipedia:Estatísticas.

Traxectoria

editar
 
Manual de colaboración (PDF).

Historia

editar

O primeiro usuario rexistrouse o 8 de marzo de 2003, ILVI, quen axiña comezou a traballar na que sería a primeira versión da Portada.[2] Catro días despois creou o primeiro artigo da base de datos: grupo. Seguiría con outras entradas como ou, cal, ciencias naturais, ciencias humanas, ciencias ocultas, ciencias aplicadas e botánica.

Meses despois rexistrouse Agremon, o primeiro administrador da Wikipedia en galego. Foi quen empregou por primeira vez o termo Galipedia para referirse ao proxecto, que aínda contaba con menos dun ano de existencia. Aos poucos, a Galipedia foi sendo citada por algunhas webs de xornais e outras entidades, que se interesaban polo labor realizado nela.

Características

editar

Trátase dunha enciclopedia colaborativa en lingua galega. Está aberta a calquera tipo de achega, e acepta diversas correntes de pensamento, sempre que non sexan agresivas. Canto ao contido, admite todos os temas posíbeis, dende o deporte ou a gastronomía de cada país até as biografías de persoeiros da física, a astronomía, a lingüística ou a historia, por exemplo, a do Reino de Galicia.

Diferénciase das enciclopedias ao uso principalmente en dous aspectos. Por unha banda, goza dun crecemento desorbitado, mentres que, por outra, destaca a súa capacidade para absorber información e adaptala de maneira practicamente inmediata. Así, por exemplo, os obituarios ou as novas consideradas transcendentes e de carácter enciclopédico, en moitas ocasións, inclúense na Galipedia en cuestión de horas, ou mesmo minutos. Isto é posíbel tamén polo contacto co resto de wikipedias (máis de 300), das que se obteñen traducións ou modelos.

A licenza que emprega é a chamada licenza pública xeral de GNU.

En setembro de 2011, o 31% dos artigos da Galipedia estaban categorizados ou subcategorizados dentro da categoría Galicia.[5]

Imaxes

editar
 
Número de novos artigos anuais.

Canto ás imaxes, a Galipedia conta cun fondo de seu, amais de Wikimedia Commons, o fondo común. Isto non sucede en todas as versións da Wikipedia. Na actualidade, hai cargados 36 ficheiros, a maioría deles imaxes, de forma interna. A comezos de febreiro de 2013 tiña 101 305 imaxes distintas entre todos os artigos do proxecto (244 226 contando as imaxes duplicadas). As imaxes máis usadas, sen contar iconas ou bandeiras, eran Concellos menos poboados de Galiza.PNG usada 1 284 veces (incluída no modelo {{Concellos de Galicia en progreso}}), e Piazza del Campidoglio.jpg usada 1 082 veces (incluída no modelo {{Xeografía en progreso}}).[4]

Edición

editar

O número de editores activos varía dende 2009 entre 260 e 330 aproximadamente. Destes, ao redor dunha vintena son moi activos e entre son un máximo de 3 quen, polo xeral, rebordan as 1 000 edicións mensuais. A media de creación de artigos dende que se abrira o proxecto en abril de 2002 é de 8 250 por ano. Porén, se soamente se ten en conta o último período (de 2007 a 2010, ambos incluídos), a media aumenta até 11 400 novos artigos. Arredor dun 35% destes artigos foron creados polos 10 editores máis activos.

A categorización, tanto de artigos coma de imaxes, rolda o 100%.

Artigos de calidade

editar
Artigo principal: Wikipedia:Artigos de calidade.

A Galipedia conta con 258 artigos de calidade. O primeiro en adquirir esta distinción foi o Club Baloncesto Breogán o 20 de xuño de 2010. Máis adiante engrosarían a listaxe os artigos de Castelao, Ramón Piñeiro, Lugo, Hórreo galego, Reino de Galicia, Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936, Valentín Paz-Andrade, Alzamento de Pascua, Caso do metílico, Praga, The Beatles, Lenin, Alemaña, Real Club Celta de Vigo, Prestige, Catedral de Santiago de Compostela e Tristan und Isolde, aos que se irían sumando moitos outros co paso do tempo. No ano 2018, coincidindo co 15 aniversario do proxecto, superáronse os 150 artigos de calidade.

No ano 2016 comezaron a escollerse tamén os artigos bos. Actualmente contan con esta mención 120. O primeiro escollido foi o artigo Slipknot.

Factor humano

editar
 
Encontro en Culleredo para dar a coñecer a Galipedia.

A Galipedia supuxo a creación dunha comunidade de persoas colaboradoras con vencellos comúns, e tamén de diferentes procedencias, idades ou ideoloxías. Así, realízanse encontros en que se fala da historia da Galipedia, da realidade presente e dos obxectivos futuros. Tamén existe un grupo de amizade formado arredor da enciclopedia, que orixinou grupos en redes sociais como Facebook[6] ou Twitter[7]. A presenza feminina é reducida na Galipedia, un problema común ás demais versións.[8]

A actividade a través da rede compleméntase con proxectos de difusión da Galipedia, como charlas en centros educativos ou encontros para difundir o seu uso. O 15 de xaneiro de 2011, no 10º aniversario da Wikipedia, houbo unha xuntanza en Culleredo e outra en Ribadeo[9]. En setembro dese ano, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela acolleu un obradoiro.

No 2011, o 15 de xaneiro, aniversario da Wikipedia, e o 8 de marzo, aniversario da Galipedia, leváronse a cabo retos de edición para acadar novos récords. En xaneiro propúxose facer 5000 edicións nun día, das que se fixeron pouco máis de 4 500, e en marzo propúxose facer 500 artigos novos nun día (creáronse uns 450).

O 9 de marzo de 2013 celebrouse o 10º aniversario da Galipedia cun encontro en Santiago de Compostela que incluíu varios relatorios sobre o coñecemento libre e o activismo cultural.

Ao longo da súa historia, a actividade da Galipedia apareceu reflectida en diversos medios de comunicación, con entrevistas a persoas usuarias na TVG[10] ou Radio Galega, e artigos en Xornal de Galicia, Vieiros ou Praza Pública.

 
Póster do primeiro Wikimaratón do Día Internacional da Muller en Ourense.

En marzo de 2018 celebrouse o décimo quinto aniversario do proxecto co primeiro Wikimaratón polo Día Internacional da Muller e un encontro en Ourense.

O 4 de xullo de 2018 escureceu as súas páxinas. Seguiu así a acción que comezara a Wikipedia en lingua italiana ante a votación no Parlamento Europeo dunha Directiva sobre dereitos de autor na Unión Europea.[11]

E-dixgal

editar

E-dixgal é un espazo virtual de aprendizaxe da Xunta de Galicia para alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO, que inclúe unha ligazón directa á portada da Galipedia.[12]

Logotipos conmemorativos da evolución temporal

editar
Wikipedia GL EN
celebración nº artigos aniversario aniversario
6 de decembro de 2006
 
20.000
23 de xuño de 2007
 
25.000
3 de decembro de 2007
 
30.000
8 de marzo de 2008
 
5
15 de xaneiro de 2011
 
10
8 de marzo de 2011
 
8
6 de setembro de 2012
 
90.000
4 de marzo de 2013
 
100.000
8 de marzo de 2015
 
12
8 de marzo de 2018
 
15
2023
 
200.000

Recoñecementos

editar
 
Entrega do Premio Xoán Manuel Pintos no 2018.
 
A Galipedia recibiu o premio Xoán Manuel Pintos no ano 2018.
 
Recollida do premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña.
  1. Galipedia é un nome de carácter oficioso. A forma Wikipedia é a única con carácter oficial.
  2. 2,0 2,1 "Historial de edicións da Portada". Wikipedia. Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2021. Consultado o 17 de outubro de 2021. .
  3. All Wikipedias ordered by number of articles
  4. 4,0 4,1 Número de imágenes de la Galipedia (en castelán).
  5. categorycount tool.[Ligazón morta permanente]
  6. Grupo da Galipedia en Facebook.
  7. Perfil da Galipedia no Twitter.
  8. Wikipedia busca más mujeres escritoras para sus artículos
  9. O día de Wikipedia Arquivado 30 de setembro de 2011 en Wayback Machine..
  10. Capítulo 299 de Ben falado, programa da TVG.
  11. Fernández, Marcus (5 de xullo de 2018). "A Galipedia tamén escurece as súas páxinas". Código Cero. Consultado o 9 de xullo de 2018. 
  12. "Portada de E-dixgal". Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2020. Consultado o 14 de xuño de 2017. 
  13. "A Resaka das Letras premia a Galipedia como mellor sitio web en galego". Vieiros. 1/6/2006. 
  14. "Apego, os mestres Vitoria Ogando e Anxo González Guerra e a Galipedia, premios Xoán Manuel Pintos 2018". Diario de Pontevedra. 1 de marzo de 2018. Consultado o 1 de marzo de 2018. 
  15. Apego, Vitoria Ogando e Anxo González Guerra e a Galipedia, Premios Xoán Manuel Pintos-2018 Arquivado 06 de marzo de 2018 en Wayback Machine., na páxina web do concello de Pontevedra.
  16. "A Galipedia e Pirilampo gañan o Premio Rosalía de Castro de promoción da lingua da Deputación da Coruña". Arquivado dende o orixinal o 05 de xullo de 2018. Consultado o 5 de xullo de 2018. 
  17. Foto do Premio Rosalía de Castro de Lingua (2018) de promoción da lingua

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar