[go: up one dir, main page]

O estatero (do grego: στατήρ, "peso") ou a estatera (a través do lat: statēra) foi unha moeda da Antiga Grecia cuñada en prata, electro e ouro en diversas rexións e épocas, que se basea nunha anterior unidade de peso. O termo utilízase tamén para designar outras moedas similares, a imitación dos estateros gregos, emitidas noutros lugares da Europa Antiga e do Oriente Medio.[1][2]

Estatero arcaico de prata de Corinto, con Pegaso no anverso. Ca. 555-515 a. de C.

En función das súas autoridades emisoras e da súa tipoloxía, os estateros poden recibir denominacións máis específicas, como "dárico", "filipo" ou "creseida".[3]

Historia

editar

Unidade de peso

editar

Segundo o historiador inglés Robin Lane Fox, o estatero como unidade de peso ten a súa orixe na illa de Eubea, cun peso duns 16,8 gramos ou 0,59 onzas, tomando como base o siclo fenicio, cun peso semellante, e que tamén se correspondía coa quincuaxésima parte dunha mina.[4][5]

Moeda de prata

editar
 
Estatero de prata de Delfos. Ca. 338-334 a. de C.

O estatero como moeda de prata da Antiga Grecia, primeiro en forma de lingote e máis tarde xa como moeda cuñada, apareceu no século VIII a. de C. e mantívose en circulación ata o século I da nosa era. O primeiro estatero cuñado que se coñece, xa coa marca da autoridade emisora saíu dos obradoiros monetarios de Exina arredor do ano 700 a. de C. e amosa o tradicional sapoconcho das moedas desta procedencia. Un destes exemplares consérvase no Gabinete de Medallas da Biblioteca Nacional de Francia, en París.[6]

O estatero de prata emitido en Corinto, de 8,6 gramos de peso, dividiuse en tres dracmas de prata de 2,9 gramos, aínda que a súa vinculación co didracma (dous dracmas) ateniense de prata era evidente, xa que compartían o mesmo peso de 8,6 gramos (0,30 oz). Consecuentemente, o tetradracma (catro dracmas) ateniense pesaba 17,2 gramos (0,61 oz). A cuñaxe de estateros tamén se produciu en diversas cidades-Estado gregas, como é o caso da xa citada Aegina, Aspendos, Delfos, Knossos ou Cidonia, moitas outras de Xonia, Lampsaco, Metaponto, Olimpia, Paestum, Siracusa, Thasos ou Tebas, entre outras.[7]

Moeda de ouro

editar
 
Moeda de ouro de 20 estateros do rei grecobactriano Eucratides I, a maior moeda áurea da Antigüidade. Peso: 169,2 g. Diámetro: 58 mm. Gabinete de Medallas, París.

Tamén existiu o estatero de ouro, aínda que a súa cuñaxe foi máis esporádica e só nalgúns lugares, xa que se trataba máis comunmente dunha unidade de conta equivalente, segundo a época e o lugar, a 20 ou a 28 dracmas dependendo en sitio e tempo (o de Atenas, por exemplo, era de 20 dracmas). O motivo destas variacións é que o estatero de ouro pesaba xeralmente 8,5 gramos, o dobre ca un dracma, mentres que a pariedade entre o ouro e a prata tiña flutuacións, ata que se estableceu en 1:10. O uso do ouro na cuñaxe de estateros parece maioritariamente de orixe macedonia. Os tipos máis coñecidos de estateros de ouro gregos correspóndense cos de 28 dracmas de Cízico.[8]

O estatero no sistema monetario da Antiga Grecia

editar

Equivalencias

editar

As equivalencias do estatero coas outras moedas daquela época é a seguinte:[9]

Divisores

editar

O estatero tiña moi numerosas fraccións, das que as máis utilizadas eran as seguintes:[10]

  • Hemiestatero: medio estatero.
  • Trité: un terzo.
  • Tetarté: un cuarto.
  • Hecté: un sexto.
  • Hemitetarté: un oitavo.
  • Hemihecté: un doceavo.

Estateros non gregos

editar
 
Estatero celta de billón achado en Armórica

Os guerreiros das tribos celtas trouxeron este valor á Europa Central e Occidental logo de tomaren contacto con el mentres servían como mercenarios no norte de Grecia.

Na Galia, ao regresaren á súa terra os xefes galos que serviron nos exércitos de Filipo II de Macedonia ou nos de Alexandre e os seus sucesores, tamén emitiron estateros de ouro (coñecidos como "filipos"), tomando como modelo os emitidos por Filipo II.[11] Algúns destes estateros galos foron, pola súa vez, importados polos británicos en grandes cantidades, quen, por imitación, chegaron tamén a producilos nas illas. Estes estateros británicos adoitan pesar entre 4,5 e 6,5 gramos (0,16 a 0,23 oz).[12]

Ademais de nas Illas Británicas, os estateros celtas e as súas imitacións chegaron tamén a emitirse nas actuais Polonia e República Checa.[13] E seguindo a extensión da cultura grega cara ao leste da man de Alexandre, os estateros chegaron mesmo a territorios asiáticos nos actuais Afganistán e Paquistán, no tempo do emperador Kanishka (século II d. de C.).[14]

Galería de imaxes

editar
  1. "Estatera Arquivado 19 de setembro de 2018 en Wayback Machine.". En Digalego. Dicionario de galego.
  2. "Estatero". En Algunos tipos de monedas antiguas. www.tesorillo.com
  3. "Dárico", "creseida" e "filipo". En Alfaro Asins et al. (2009).
  4. Fox, R. L. (2008). Páxina 94.
  5. "Stater". En Schulzki, Heinz-Joachim. Brill’s New Pauly.
  6. "Aegina". En Barclay Head (1911). Páxinas 394-398.
  7. Baldwin, A. (1955)
  8. "Stater". En Smith, W. (1890).
  9. Renfrew; Wagstaff. 1982. An Island Polity. The archeology of exploitation in Melos. Cambridge University Press. 1982. Páxina 49. ISBN 0521237858. "One Attic talent was the equivalent of 60 minae or 6,000 drachmae..."
  10. "Estátera". En Alfaro Asins et al. (2009).
  11. "Statères d'or gaulois". En Monnaies gauloises. Collection Fréderic Weber. 2008
  12. De Jersey (1996). Páxinas 1-2, 15-19 e 20-26.
  13. Żabiński, Z. Systemy pieniężne na ziemiach polskich. Zakład Narodowy Im. Ossolińskich, PAN. 1981. Páxina 22. ISBN 83-04-00569-7
  14. Prabha Ray Himanshu. Coins in India. Marg Publications. 2006. ISBN 978-81-85026-73-2

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar