Andrónico I Comneno
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde agosto de 2019.) |
Andrónico I Comneno, nado c. 1118 e finado o 12 de setembro de 1185, foi un emperador bizantino (1183-1185), fillo do príncipe Isaac Comneno e neto de Aleixo I Comneno. Foi un home atractivo e elocuente, ademais de moi enérxico e valente: un gran xeneral e un hábil político.
Nome orixinal | (el) Ανδρόνικος Α’ Κομνηνός |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 1118 Constantinopla, Turquía |
Morte | 12 de setembro de 1185 (Gregoriano) (66/67 anos) Constantinopla, Turquía |
Causa da morte | homicidio, tortura |
Emperador bizantino | |
1183 – 11 de setembro de 1185 ← Aleixo II Comneno – Isaac II Anxo → | |
Actividade | |
Ocupación | político, militar, soldado |
Familia | |
Familia | Dinastía Ducas-Comneno |
Cónxuxe | Inés de Francia (1183 (Gregoriano)–) |
Parella | Philippa of Antioch (1161–1167) Teodora Comnena |
Fillos | Manuel Comneno () Irene Komnene () Teodora Comnena John Komnenos () Maria Komnene () Aleixo Comneno () Teodora Comnena |
Pai | Isaac Comneno |
Irmáns | João Tzelepes Comneno Anna Komnene |
Descrito pola fonte | Encyclopedic Lexicon (en) Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron |
Traxectoria
editarOs seus primeiros anos pasounos entre o servizo militar e os praceres. En 1141 foi capturado polos turcos selxúcidas e estivo preso durante un ano. Cando pagaron o seu rescate, volveu a Constantinopla, á corte do seu curmán, o emperador Manuel I, de quen foi favorito. Foi amante da súa sobriña, a princesa Eudoxia, mentres que a súa irmá Teodora mantiña a mesma relación co emperador.
En 1152, acompañado por Eudoxia, viaxou a Cilicia cunha importante misión. Ao fracasar no seu cometido principal, un ataque sobre Mopsuestia, volveu, para retornar de novo á provincia como gobernador. Parece que pouco despois deixou este cargo, pois estaba outra vez en Constantinopla, onde conseguiu zafarse da morte a mans dos irmáns de Eudoxia.
Nesta época (1153), descubriuse unha conspiración contra o emperador na que participaba Andrónico, e por iso terminou en prisión. Estivo preso durante uns doce anos. Logo de moitos intentos de escapar, finalmente logrouno en 1165, e, tras moitos perigos, conseguiu chegar á corte de Iaroslav II, príncipe de Rutenia en Kíiv. Baixo a súa protección, Andrónico conseguiu establecer unha alianza entre este e o Imperio bizantino, recuperando así o favor de Manuel I. Xunto cun exército ruso, uniuse a Manuel na invasión de Hungría e participou no asedio de Semlin.
Tras a vitoriosa campaña, Manuel e Andrónico regresaron xuntos a Constantinopla (1168); pero un ano despois, Andrónico negouse a xurar fidelidade ao príncipe de Hungría, a quen Manuel quería nomear o seu sucesor. Por este motivo, Andrónico tivo que deixar a corte e recibiu o goberno de Cilicia.
Sen recuperar o favor imperial, Andrónico decidiu fuxir á corte de Raimundo, príncipe de Antioquía. Mentres residía nesta cidade, cativou e seduciu a Filipa, filla do príncipe e irmá da emperatriz María. O emperador volveu a enfurecerse por esta deshonra e Andrónico viuse obrigado a fuxir de novo.
Refuxiouse na o corte de Amalarico I de Xerusalén, cuxo favor se gañou ata o punto de que este lle concedeu o señorío de Beirut. En Xerusalén coñeceu a Teodora, a viúva do rei Balduíno III e sobriña do emperador Manuel, que foi a seguinte vítima da súa sedución. Para evitar a vinganza do emperador, Teodora fuxiu con Andrónico á corte do sultán de Damasco; pero ao non atoparse alí a salvo, seguiron o seu periplo cara a Persia e Turquestán, ao redor do mar Caspio e a través do Cáucaso, ata chegar ás terras patrimoniais dos Comneno en Oinaion, na costa do mar Negro, entre Trebisonda e Sinope.
Aproveitando que Andrónico non estaba no seu castelo, o gobernador de Trebisonda capturou a Teodora e os seus dous fillos, e enviounos a Constantinopla. Para conseguir a súa liberación, Andrónico tivo que facer un acto de submisión ao emperador e, mostrándose encadeado ante el, implorarlle perdón. Obtívoo e puido retirarse ao exilio en Oinaion con Teodora.
En 1180 morreu o emperador Manuel e sucedeuno o seu fillo Aleixo II, baixo a rexencia da emperatriz María. As desordes na cidade, que case acaban en guerra civil, supuxeron unha oportunidade para as ambicións de Andrónico. Deixou o seu retiro en 1182 e, asegurándose o apoio do exército, marchou sobre Constantinopla, pero a súa entrada resultou manchada por un terríbel masacre de latinos, centrada sobre todo nos mercadores venecianos que case controlaban a economía da cidade. Aleixo viuse obrigado a recoñecelo como coemperador, pero pronto foi vítima de Andrónico.
Entón (1183), Andrónico como emperador único casou con Inés de Francia, viúva de Aleixo II, que contaba con doce anos de idade. Inés era a filla de Lois VII de Francia e da súa terceira muller Adela de Champaña.
O curto reinado de Andrónico caracterizouse por enérxicas e sabias medidas. Decidiu acabar con moitos abusos, pero, ante todo, loitou por limitar o crecente feudalismo e o poder dos nobres. O pobo, que sentía a severidade das súas leis, recoñecía a súa xustiza, pois se beneficiaba da protección ante os seus superiores. A aristocracia en cambio opúxose ao emperador e buscou axuda na figura de Guillerme II de Sicilia. Este príncipe pasou a Epiro cun grande exército e chegou ata Tesalónica, cidade que tomou e destruíu. Pero pouco despois foi derrotado e obrigado a volver a Sicilia.
Andrónico parecía decidido a acabar co poder da aristocracia e os seus plans estiveron a piques de verse coroados polo éxito. Pero en 1185, estando fóra da capital, o seu lugartenente ordenou o arresto e execución de Isaac Anxo, un descendente de Aleixo I. Isaac logrou escapar e refuxiouse na igrexa de Santa Sofía. Pediu axuda ao pobo e formouse un tumulto que se estendeu por toda a cidade. Cando Andrónico chegou, atopouse destronado, e a Isaac como novo emperador. Isaac entregouno aos seus inimigos, e durante tres días foi torturado por estes. Morreu o 12 de setembro de 1185. Foi o último dos Comneno no trono de Constantinopla, aínda que o seu neto Aleixo I de Trebisonda e o irmán deste, David, fundaron o Imperio de Trebisonda en 1204.
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Andrónico I Comneno |
Imperio Bizantino | ||
---|---|---|
Segue a: Aleixo II Comneno |
Andrónico I Comneno | Precede a: Isaac II Anxo |
Dinastía Ducas-Comneno |