Wolf Parade
Wolf Parade | |
---|---|
Orixe | Montreal, Canadá |
Período | 2003 - 2011 2016 - presente |
Xénero(s) | indie rock, post-punk revival |
Selo(s) discográfico(s) | Sub Pop |
Membros | Spencer Krug Dan Boeckner Arlen Thompson |
Antigos membros | Hadji Bakara Dante DeCaro |
Artistas relacionados | Sunset Rubdown, Handsome Furs, Swan Lake, Johnny and the Moon, Atlas Strategic, Hot Hot Heat, Frog Eyes, Fifths of Seven, Divine Fits, Operators |
Na rede | |
wolfparade.nonstuff.com | |
Wolf Parade é unha banda canadense de indie rock formada no ano 2003 en Montreal. O grupo publicou tres álbums de estudio antes de estar cinco anos en hiato dende 2011. A banda anunciou o seu regreso en 2016, publicando un EP autotitulado en maio dese ano, e un cuarto álbum de estudio, Cry Cry Cry, en outubro de 2017. O seu quinto álbum de estudio, Thin Mind, apareceu en xaneiro de 2020.
Historia
[editar | editar a fonte]Wolf Parade fundouse en abril de 2003, cando Alex Megelas, de Grenadine Records, ofreceulle ao antigo membro de Frog Eyes Spencer Krug un concerto. Con tan só tres semanas de prazo para formar unha banda, Krug contactou co guitarrista canadense Dan Boeckner (anteriormente na banda da Columbia Británica Atlas Strategic) e comezaron a compoñer temas no apartamento de Krug.[1] Inicialmente usaron unha máquina de ritmos para a sección rítmica e posteriormente Krug invitou a Arlen Thompson para tocar a batería; porén, o novo trío só ensaiou como unha banda completa o día anterior ao seu primeiro concerto.[2] Durante a posterior xira, o grupo gravou e publicou o seu EP de estrea, Wolf Parade (tamén coñecido como 4 Song EP).
En setembro de 2003, Hadji Bakara uniuse a Wolf Parade, aportando as súas habilidades co sintetizador e coa manipulación de sons á formación.[1] No verán de 2004 a banda publicou o seu segundo EP independente, tamén autotitulado e coñecido normalmente como 6 Song EP.
En setembro de 2004, a banda viaxou a Portland, Oregón para gravar con Isaac Brock de Modest Mouse. Brock fichara á banda pouco antes por Sub Pop cando era A&R do selo.[3] Coñecía a Dan Boeckner dos seus días en Atlas Strategic, que xirara con Modest Mouse e recibira unha oferta para fichar por Sub Pop xusto antes da súa disolución. Wolf Parade pasou dúas semanas e media traballando 14 horas diarias en Portland. Tras algunhas mesturas, o grupo regresou a Montreal para rematar as gravacións. O lanzamento do álbum estaba programado para maio, pero foi atrasado.
Antes do lanzamento do seu álbum de estrea, o grupo lanzou no mes de xullo de 2005 un novo EP autotitulado a través do seu novo selo. No mes de setembro apareceu o disco Apologies to the Queen Mary, publicado por Sub Pop Records e aclamado pola crítica, conseguindo unha nomeación ao Polaris Music Prize de 2006.[4]
Dante DeCaro (antes en Hot Hot Heat) uniuse en 2005 como segundo guitarrista e percusionista.[1] En 2008, un arranxo de Kenji Fusé da canción de Wolf Parade "I'll Believe in Anything" para unha orquestra sinfónica completa foi interpretada pola Victoria Symphony Orchestra.[5]
O segundo álbum da banda, At Mount Zoomer, foi editado en xuño de 2008.[6] Hadji Bakara deixou Wolf Parade ese mesmo ano para realizar unha carreira académica en literatura.[7]
Wolf Parade comezou a traballar no seu terceiro álbum de estudio, Expo 86, en novembro de 2009. Nunha entrevista para a revista Exclaim!, Dan Boeckner dixo que o disco sería lanzado como álbum dobre ou como un álbum e un EP, dada a gran cantidade de cancións de calidade que saían das sesións. Os membros déronse conta de que todos estiveran na Feira Mundial de Vancouver (a Expo 86) a mesma semana cando eran nenos, polo que o álbum recibiu o seu nome.[8] O álbum foi producido por Howard Bilerman e foi editado en xuño de 2010.
En 2010 a canción "Shine a Light", do álbum Apologies to the Queen Mary, apareceu no episodio "The Fight" da serie policíaca estadounidense Criminal Minds.
Wolf Parade iniciou a súa xira norteamericana de 2010 en Montreal.[9] Tras a xira a banda anunciou que entraría nun hiato indefinido despois de facer un feixe de concertos en 2011, incluída unha actuación no Sasquatch! Music Festival.[10]
O 4 de xaneiro de 2016, Wolf Parade actualizou a súa páxina web poñendo "2016" e lanzando novas contas de Twitter e Instagram, indicando o regreso da banda do seu hiato.[11] O día seguinte, anunciaron unha serie de concertos para ese mesmo ano e dixeron que estaban traballando en música nova.[12] O 6 de outubro de 2017 o grupo publicaría o seu cuarto álbum de estudio, Cry Cry Cry.[13]
O 4 de febreiro de 2019, Wolf Parade anunciou a través da súa conta de Twitter que Dante DeCaro decidira deixar a banda e que continuarían xirando e compoñendo como un trío.[14]
En novembro de 2019 a banda anunciou o seu quinto álbum de estudio, titulado Thin Mind, e lanzou o sinxelo “Forest Green”.[15] Wolf Parade publicou o disco no mes de xaneiro de 2020 a través de Sub Pop Records.[16]
En abril de 2022, a banda anunciou unha serie de concertos nos que interpretarían Apologies to the Queen Mary na súa totalidade. O grupo tamén confirmou que Bakara regresaría para a xira, sendo os seus primeiros concertos con Wolf Paradeen 14 anos.[17]
Discografía
[editar | editar a fonte]Álbums
[editar | editar a fonte]Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Apologies to the Queen Mary | 2005 | Sub Pop |
At Mount Zoomer | 2008 | Sub Pop |
Expo 86 | 2010 | Sub Pop |
Cry Cry Cry | 2017 | Sub Pop |
Thin Mind | 2020 | Sub Pop |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 "Wolf Parade". Sub Pop Records (en inglés). Consultado o 2024-03-04.
- ↑ "Icelandairwaves 2006". web.archive.org. 2007-04-27. Arquivado dende o orixinal o 27 de abril de 2007. Consultado o 2024-03-04.
- ↑ "Wolf Parade - "This Heart's On Fire"". Exclaim! (en inglés). Consultado o 2024-03-04.
- ↑ Lindsay, Cam (2017-04-10). "A Completely Biased Ranking of the 60 Best Canadian Indie Rock Songs of the 00s Part II". Vice (en inglés). Consultado o 2024-03-04.
- ↑ "Biography". Kenji Fuse, Violist & Music Teacher. Consultado o 2024-03-04.
- ↑ "Wolf Parade's Concrete Jungle". Exclaim! (en inglés). Consultado o 2024-03-04.
- ↑ "Hadji Bakara - U-M LSA English Language and Literature". lsa.umich.edu (en inglés). Consultado o 2024-03-04.
- ↑ "Wolf Parade The Pack Reunited". Exclaim! (en inglés). Consultado o 2024-03-04.
- ↑ "Wolf Parade Kick Off Tour in Montreal". Spin. Consultado o 4 de marzo de 2024.
- ↑ "Sasquatch 2011: Wolf Parade, Live In Concert". npr. Consultado o 4 de marzo de 2024.
- ↑ Monroe, Jazz (2016-01-14). "Wolf Parade Are Back". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2024-03-04.
- ↑ Monroe, Jazz (2016-01-15). "Wolf Parade Announce First Shows in Five Years, Working on New Music". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2024-03-04.
- ↑ "First Listen: Wolf Parade, 'Cry Cry Cry'". npr. Consultado o 4 de marzo de 2024.
- ↑ "So, Dante is no longer part of Wolf Parade. After years of tour he's decided to try a new way of living, offstage. We'll miss him & wish him the best. And he's irreplaceable, so we're carrying on as the original 3-piece WP. It's sounding good and we're excited to share new tunes!". Twitter. Consultado o 4 de marzo de 2024.
- ↑ Sodomsky, Sam (2019-11-11). "Wolf Parade Announce New Album Thin Mind, Share New Song “Forest Green”: Listen". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2024-03-04.
- ↑ "Thin Mind". Sub Pop Records (en inglés). Consultado o 2024-03-04.
- ↑ Minsker, Evan (2022-04-27). "Wolf Parade Announce Apologies to the Queen Mary Shows With Original Lineup". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2024-03-04.