[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Wikipedia:Como escribir un bo artigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A concepción, creación e desenvolvemento dun bo artigo pode resultar nunha actividade gratamente satisfactoria se finalmente pasa a ser dos mellores da Wikipedia. Aínda así, con todo, para que un artigo atinxa este nivel é necesario moito traballo. Algunhas pautas e ideas moi sinxelas poden axudar a volver máis doada a escrita dun artigo de calidade.

Sé valente

[editar a fonte]
Artigo principal: Wikipedia:Edita con afouteza.

Queremos que os novos usuarios escriban artigos. E non te preocupes dos erros; pódense corrixir! Aínda que non esteas seguro do que vas facer, adiante, faino. Busca un tema que che guste, do que saibas, e escribe un artigo sobre el ou completa a información que xa había.

Realiza unha procura para descubrir os artigos relacionados que xa existen. Fai pescudas adicionais noutras wikipedias ou en motores de busca como o Google. As enciclopedias tradicionais tamén son un bo xeito de sacar unha idea sobre aqueles puntos nos que o artigo se debe centrar.

Os bos artigos deben ser verificables mediante fontes fiables, como libros ou artigos de publicacións, que acrediten a certeza do que di. As bibliotecas están inzadas de fontes de onde tirar toda esta información.

A credibilidade dos artigos da Wikipedia reside na cita destas fontes. Pola contra, aqueles artigos que non conten con fontes fiables están suxeitos a seren borrados. Se outros wikipedistas cren que aquilo que fixeches non cumpre coas nosas políticas, os textos serán modificados ou mesmo retirados.

O wiki fórmao unha comunidade de galipedistas, dispostos arranxar e mellorar artigos, así que non teñas medo de contribuír na Galipedia!

Escribe, dálle ao teclado...!

[editar a fonte]

O artigo debe comezar cunha breve introdución, acorde coa extensión do artigo, que describa de xeito claro o tema, referindo os puntos máis importantes a tratar máis adiante. O lector debe construír unha idea sobre o asunto e máis o contido sen ler máis que a introdución. Cómpre ter en mente que aínda que o editor estea familiarizado co que trata o artigo, os demais lectores da Wikipedia poden non o estar, e polo tanto é importante clarificar o contexto.

É boa idea separar en seccións os distintos apartados do artigo. Con isto conséguese unha mellor estrutura de modo que a información se poida atopar máis rapidamente. E intente non cometer erros gramaticais nin erros ortográficos; a Wikipedia non ten corrector, pero existen moitos na rede que che han servir para depurar o texto antes de pegalo na caixa de edición.

Ao final do artigo deben aparecer as referencias utilizadas, e ao longo do mesmo debe haber citas nas afirmacións feitas, especialmente naquelas que carrexen controversia ou susciten dúbidas.

...mais evita

[editar a fonte]
Páxinas de autopromoción
Artigos sobre ti mesmo. Se es merecedor dunha mención na enciclopedia, deixa que outra persoa o faga por ti. Escribir sobre os teus amigos na enciclopedia pode parecer unha simpática sorpresa ou unha broma graciosa, pero eses artigos moi posiblemente serán borrados de inmediato. Por favor, evita iso para non ferir os sentimentos de ninguén.
Publicidade
Non promociones o teu produto ou empresa. Non insiras ligazóns externas cara á páxina web da túa empresa a non ser que de verdade mereza estar no artigo. Existen artigos sobre produtos ou grandes empresas como Intel, pero se escribes sobre un produto ou empresa, asegúrate de escribilo desde un punto de vista neutral.
Ensaios persoais ou investigación orixinal
Na Wikipedia escríbese sobre coñecemento humano existente; este non é un lugar para publicar novos traballos. Non escribas artigos onde se presenten as túas teorías orixinais, opinións ou pensamentos que non poidan ser contrastados por fontes acreditadas.
Artigos redundantes
Antes de crear un artigo, é unha boa idea buscar un artigo xa existente sobre o mesmo tema. Algunhas veces un artigo simplemente ten un nome diferente do que pensabas. Tamén ten en conte que o artigo que queres escribir pode ser parte dun artigo máis xeral (por exemplo, se queres escribir sobre o Triángulo equilátero deberías buscalo primeiro en Triángulo). Se o artigo xa existe, encontralo aforrará un dobre esforzo, o que che permitirá dirixir a túa enerxía a expandir o artigo existente aínda máis. Podes axudar aos editores e lectores xerando redireccións desde o artigo que querías escribir ata o artigo que encontraches se son sinónimos ou falan do mesmo, por exemplo.
Páxinas con contidos mínimos
Os artigos da Wikipedia necesitan máis ca unha soa liña de texto ou non ser só unha referencia a outro sitio. Rexeita os que son só definicións. Intenta ampliar os contidos que achegas canto poidas de acordo coa relevancia do artigo. As páxinas curtas de máis serán borradas. Trata de escribir un bo parágrafo sobre un tema que diga algo. Os bos esbozos de artigos son benvidos, xa que serven como base para escribir bos artigos. Mais se non tes suficiente material para iniciar un bo bosquexo, probablemente non deberías crealo. As definicións de dicionario pertencen a outro proxecto, o Galizionario.

...e ten coidado con

[editar a fonte]
Copiar cousas
Non violes os dereitos de autor! Para estares seguro, non copies máis dunha oración dun mesmo lugar, e sempre dándolle unha nova formulación. Por suposto, lembra documentar calquera referencia que empregues. Está permitido copiar material que se encontre no dominio público, pero aínda así cómpre referenciar este material no dominio público. Decátate de que a gran maioría das páxinas que hai en Internet non están no dominio público; de feito, a maioría dos textos escritos desde 1976 están automaticamente baixo dereitos de autor mesmo cando non teñan unha nota sobre dereitos de autor ou un sinal que o indique.
Material polémico
Non escribas artigos que teñan un punto de vista en particular sobre política, relixión ou calquera outra cousa. Comprende o que queremos dicir con punto de vista neutral antes de empezar a escribir sobre un tema. Achega por igual todas as perspectivas sen apoiar ningunha, outorgando máis relevancia a aqueles aspectos que o merezan.

Véxase tamén

[editar a fonte]

Outros artigos

[editar a fonte]

Frecha. Volver á páxina de axuda.