[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Vickers Wellington

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vickers Wellington
Wellington en 1940
Tipobombardeiro, avión anti-submarino
FabricanteVickers-Armstrongs
Primeiro voo15 de xuño de 1936
Introducidooutubro de 1938
Retiradomarzo de 1953
Principais usuariosRoyal Air Force
Real Forza Aérea de Australia
Real Forza Aérea do Canadá
Fleet Air Arm
Produción1936 - 1945
Unidades construídas11 461

O Vickers Wellington foi un bombardeiro medio británico de longo alcance da segunda guerra mundial. Foi o mellor bombardeiro bimotor da RAF durante a guerra, e soportou o peso dos bombardeos nocturnos ata a chegada dos catrimotores, como o Avro Lancaster. O Wellington continuou actuando durante toda a guerra realizando outras tarefas, sobre todo como avión anti-submarino. Deseñouse a partir dunha especificación de 1932 e entraría en servizo en 1938, sendo o único bombardeiro británico que foi producido durante todo o conflito.

O Wellington foi popularmente coñecido como Wimpy polos membros da RAF, pola personaxe J. Wellington Wimpy das historias de Popeye. O Wellington bautizado como "B for Bertie" foi protagonista da película de 1942 One of Our Aircraft Is Missing. Este foi un dos dous bombardeiros aos que lle deu nome Arthur Wellesley, 1º duque de Wellington, sendo o outro o Vickers Wellesley.

Historia operacional

[editar | editar a fonte]

O primeiro bombardeo da Royal Air Force na guerra foi protagonizado por Wellingtons dos escuadróns No. 9 e No. 149, xunto con Bristol Blenheims, contra barcos alemáns en Brunsbüttel o 4 de setembro de 1939, menos de 24 horas despois do inicio das hostilidades.[1] O Gabinete de Guerra de Chamberlain non permitiu bombardear o porto durante ese ataque por medo a ferir a civís. A efectividade da incursión viuse diminuída por unha combinación de mal tempo e de gran cantidade de artillaría antiaérea. Durante este ataque, dous Wellingtons convertéronse nos primeiros avións en ser derrubados na fronte occidental.[1]

O 3 de decembro de 1939, 24 Wellingtons dos escuadróns No. 38, No. 115 e No. 147 atacaron a frota alemá amarrada en Helgoland. O bombardeo comezou dende grande altitude e, aínda que o resultado foi insignificante en termos de danos, quedou validada a habilidade dunha formación de Wellingtons para penetrar axeitadamente un espazo aéreo hostil fortemente defendido.[1] O 14 de decembro 12 Wellingtons do escuadrón No. 99 realizaron unha incursión a baixa cota contra transportes marítimos alemáns en Schillig e Wilhelmshaven. A formación de Wellington perdeu cinco avións tras atoparse con fogo inimigo dende buques de guerra, artillaría antiaérea e aparellos da Luftwaffe, perdendo outro máis ao esnafrarse preto da súa base, conseguindo derrubar tan só un caza inimigo.[2]

Os escuadróns 9, 37 e 149 volveron actuar o 18 de decembro con 24 Wellington na batalla da baía de Helgoland contra a frota alemá e as bases navais en Schillig e Wilhelmshaven. Os Wellington foron incapaces de lanzar as súas bombas xa que os buques estaban en porto, polo que as restricións de poñer en perigo aos civís evitaron o ataque.[3] Os cazas da Luftwaffe, alertados por rádar, interceptaron aos bombardeiros preto de Helgoland e atacaron continuadamente a formación mentres regresaba a casa. Os cazas da Luftwaffe acabaron con 12 dos bombardeiros e danaron seriamente outros tres. As torretas defensivas dos Wellinton conseguiron derrubar catro avións inimigos.[3][4]

Na batalla de Helgoland púxose de manifesto a vulnerabilidade dos avións á hora de atacar cazas, ao non ter os tanques de combustible selados nin suficiente armamento defensivo. Particularmente, mentres as torretas do morro e a cola do avión protexíano dos ataques frontais ou traseiros, o Wellington non tiña defensas contra os ataques que viñan dende arriba e abaixo, xa que non se cria que estes ataques fosen posibles debido á alta velocidade dos aparellos involucrados.[3][4] Como consecuencia disto, os Wellingtons foron trasladados a operacións nocturnas ou atacando obxectivos industriais e de comunicacións alemáns.[3]

Os Wellington participaron no primeiro ataque nocturno a Berlín, o 25 de agosto de 1940. No primeiro ataque de 1 000 avións a Colonia, o 30 de maio de 1942, 599 das 1 046 aeronaves da RAF participantes eran Wellingtons (101 deles voados por tripulacións polacas). Co Mando de Bombardeo, os Wellingtons realizaron 47 409 operacións, lanzando 41 823 toneladas de bombas e perdendo 1 332 avións en acción.

O Wellington tamén foi adoptado polo Mando Costeiro, no cal loitou na batalla do Atlántico.[3] Usouse para realizar tarefas antisubmarinas; o 6 de xullo de 1942 un Wellington afundiu o seu primeiro buque inimigo. Unha variante especializada DWI (Instalación Sen Fíos Direccional), equipada cun aro metálico de 14,63 m de diámetro, usouse para estoupar minas inimigas xerando un potente campo magnético ao pasar sobre elas.[3] En 1944, Wellingtons do Mando Costeiro despregáronse en Grecia e realizaron labores de apoio durante a intervención británica na guerra civil grega. Un feixe de Wellington foron operados pola Forza Aérea de Grecia.

A finais de 1944, un Wellington XIV equipado con rádar do escuadrón 407 da RCAF modificouse para ser usado pola Unidade de Interceptación de Cazas da RAF como o que no presente se describiría como un avión de alerta temperá e control aerotransportado.[5] Operaba a unha altura de 1 200 metros sobre o mar do Norte para controlar un de Havilland Mosquito e un caza Bristol Beaufighter interceptando bombardeiros Heinkel He 111 que voaban dende bases nos Países Baixos e realizaban lanzamentos aerotranportados de bombas voantes V-1. Os operadores no Wellington buscaban os He 111 trepando para lanzar as V-1 á altura axeitada, e despois dirixían ao Beaufighter cara ao bombardeiro, mentres que o Mosquito intentaba interceptar a V-1 se era lanzada.

  1. 1,0 1,1 1,2 Andrews 1967, p. 13
  2. Andrews 1967, pp. 13, 14
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Andrews 1967, p. 14
  4. 4,0 4,1 Richards 1953, p. 46
  5. Jackson 2007, p. 217

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Andrews, C. F. ''The Vickers Wellington I & II (Aircraft in Profile 125)''. Leatherhead, Surrey: Profile Publications, 1967. No ISBN.
  • Jackson, Robert. Britain's Greatest Aircraft. Barnsley, UK: Pen & Sword Books Ltd., 2007. ISBN 978-1-84415-383-1.
  • Richards, Denis. ''Royal Air Force 1939–1945: Volume I The Fight at Odds''. London: HMSO, 1953.