[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Vídeo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aparello de vídeo.

O termo vídeo fai referencia a un proceso electromágnetico de rexistro de imaxe e son. Pode referirse ao soporte de rexistro chamando así á videocasete ou ao equipo encargado da gravación, chamado no ámbito profesional magnetoscopio. Tamén é posible falar de vídeo ao referirse a un determinado programa ao dicir que "está feito en vídeo"; isto remite a un modo de produción do programa ou a un tipo de imaxes que se diferencian na súa "textura" ás producidas polo cine (orixe fotoquímica).

O inicio do vídeo lévanos á televisión nos seus comezos en Estados Unidos. Cando se emitía en directo e obrigaba a repetir o programa ao facerse tanto para a costa leste como para a costa oeste, dadas as diferenzas de horario (unha das solucións era filmar en cine o emitilo pola pantalla do televisor, pero evidentemente non resultaba moi operativa).

Isto obrigou a idear un sistema que permitira realizar todo o proceso dun xeito máis fácil. En 1956 os enxeñeiros de Ampex presentaron un sistema de gravación en carrete de cinta aberto de 2 polgadas de ancho chamado cuádruplex, que foi o inicio do que hoxe coñecemos como vídeo.

Nos primeiros tempos a cinta de vídeo cuádruplex cortábase para realizar a montaxe, igual que se fai coa película cinematográfica, pero axiña se abandonou ese método para realizar a edición electrónica. O gravador cuádruplex era enorme. Nunha foto da época vese aos enxeñeiros posando fronte a unha máquina de 1,5 metros de alto por un metro de ancho e outro metro de profundidade aproximadamente.

Outros momentos importantes na evolución do vídeo son:

  • 1970 Aparición do sistema U-matic LB (Low Band o Baixa Banda): un sistema de 3/4 de polgada que permitía equipos máis compactos e lixeiros, naceu entón o xornalismo electrónico (ENG, Electronic News Gathering)
  • 1975 Os equipos de gravación domésticos revolucionaron o panorama (aparición da Betamovie -cámara compacta, cámara e magnetoscopio nun só equipo-)
  • 1981 Dáse outro paso adiante co desenvolvemento por Sony do sistema Betacam, que permite nun só equipo (como antes pasara no ámbito doméstico) sen necesidade de "cordón umbilical" (co U-matic era preciso un operador de cámara e un axudante que unido por un cable cargaba co magnetoscopio) a gravación de imaxe profesional.
  • 1986 Desenvólvese o primeiro sistema de vídeo dixital profesional, chamado D1, en cintas de 3/4 de polgadas.
  • 1995 Primeiro sistema de vídeo dixital para o sector doméstico, DV, en cinta de 1/4 de polgada.

Cabe sinalar que os avances técnicos modificaron non só os modos de elaboración das imaxes senón tamén a organización empresarial do traballo. O U-matic fixo nacer o xornalismo electrónico e tamén que apareceran os primeiros vídeoartistas. O vídeo doméstico abriu a posibilidade de que todos os posuidores dunha cámara se converteran en produtores de contidos (aínda que é certo que se orientou fundamentalmente cara ao alugamento de películas en vídeo e tivo que chegar Internet para que se convertera en realidade esa posibilidade). O Betacam modificou o modo de traballo das televisións facendo a produción máis fácil. E o vídeo dixital supuxo un cambio enorme que comezou a enxergarse a mediados dos noventa e que vivimos hoxe en día, por exemplo na distribución de vídeo en Internet ou nos sistemas de videovixilancia.