[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Somalo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Somalo †
صومالي en Árabe
Ámbito: Fideicomiso de Somalia.
Fracción:100 céntimos (centesimi).
Moedas:1, 5, 10 e 50 cents.
1 somalo.
Billetes:1, 5, 10 20 e 100 somali.
Emisor:Cassa per la circolazione monetaria della Somalia.

O somalo (plural: somali) foi unha unidade monetaria establecida polo Fideicomiso das Nacións Unidas en Somalia, baixo a administración fiduciaria italiana nese territorio, a partir de 1950. Dividíase en 100 céntimos (centesimi).[1]

En 1962 foi substituído polo xilin somalí.[1]

Finalizada a segunda guerra mundial, as Nacións Unidas puxeron en novembro de 1949 o territorio que anetriormente fora a Somalia Italiana baixo a administración dun fideicomiso italiano, e o 27 de xaneiro de 1950 o Estado italiano recibiu a súa administración financeira.[2]

Así as cousas, determinouse emitir moeda para a súa circulación neste territorio. Logo de rexeitar a implantación da lira italiana ou unha moeda vinculada a ela, estableceuse unha unidade nova, denominada somalo.[2]

A Orde Nº 14 do 16 de maio de 1950 creaba esta nova unidade co valor de 0,124414 gramos de ouro fino, o que o facía equivalente ao anterior xilin da África Oriental.[2]

Os deseños das moedas e dos billetes emitidos establecéronse nas Ordes Nº 15, do 18 de maio, e Nº 44, do 22 de xullo de 1950.[2]

Logo da unificación dos territorios ata entón controlados por Italia e o Reino Unido, e a conseguinte independencia de Somalia, a antiga Caixa para a Circulación Monetaria en Somalia (Cassa per la Circolazione Monetaria della Somalia) —que actuaba como entidade emisora—, transformouse no Banco Nacional de Somalia, e o somalo seguiu en uso durante un tempo na parte do novo estado antes controlada por Italia. Finalmente, o 15 de decembro de 1962 comezou o cambio cara á nova moeda nacional, o xilin somalí, e a partir do 31 de decembro de 1963 o somalo deixou de ser un medio válido de pagamento.[3]

Todas as moedas amosan a data de 1950, foron cuñadas na Zecca dello Stato, en Roma, e están deseñadas e gravadas polo artista Giuseppe Romagnoli.

Imaxe Datos Tiraxe Anverso Reverso Aliaxe
1 cent.
[4]
20 mm
3 g
4.000.000 Cabeza de elefante.
SOMALIA
Valor facial.
ROMA e data cristiá en italiano.
ROMA e data musulmá en árabe.
Latón
(Cu 95%, Zn 5%)
5 cent.
[5]
25,1 mm
5,86 g
6.800.000
10 cent.
[6]
30 mm
10 g
7.400.000
50 cent.
[7]
21,2 mm
3,8 g
1.800.000 Leopardo.
SOMALIA
Billón
(24% Ag; 50% Cu; 10% Zn; 10% Ni).
1 somalo
[8]
26,7 mm
7,6 g
11.480.000

En 1950 a Caixa para a Circulación Monetaria da Somalia emitiu unha serie de billetes cos valores faciais de 1, 5, 10, 20 e 100 somali. Todos estes billetes foron impresos en Roma, no Istituto Poligrafico dello Stato.[2]

O billete dun somalo amosa a particularidade de que no seu anverso expresa o valor dun xeito erróneo, en plural ("somali") no canto do singular ("somalo"), que si que se utiliza no reverso. Quizá por ese motivo, e tamén pola coincidencia en valor coa moeda dun somalo, finalmente este billete non chegou a pórse en circulación e foron moi poucos os exemplares emitidos, para fins oficiais.[2]

En canto ao billete de 5 somali, logo da emisión da primeira serie en 1950 xurdiu a necesidade dunha segunda serie, dado que ao ser o máis utilizado a súa deterioración era superior. O Decreto Nº 7 do 22 de maio de 1951 autorizou esta segunda serie, que retoma a cor, os deseños e o tamaño do anterior billete dun somalo, ao non ser este posto en circulación.[2]

Valore Imaxes Dimensións Cores Anverso Reverso
1 somalo
[9]
126 x 73 mm Marrón
Beixe
Cabeza de leopardo. Ornamentos clásicos.
5 somali
(1950)

[10]

158 x 98 mm Azul
Verde
Ornamentos somalís. Ornamentos romanos.
5 somali
(1951)

[11]

126 x 73 mm Marrón
Gris
Cabeza de leopardo. Ornamentos clásicos.
10 somali
[12]
158 x 98 mm Verde Ornamentos somalís. Ornamentos romanos
20 somali
[13]
158 x 98 mm Marrón
Beixe
Ornamentos somalís. Ornamentos romanos
100 somali
[14]
165 x 100 mm Marrón
Beixe
Cabeza de león. Palacio de Goberno en Mogadixo.
  1. 1,0 1,1 "Somalo". En Münzen Lexikon (Reppa.de).
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Symes, P. "The Somalo and the Cassa per la Circolazione Monetaria della Somalia". En The Banknotes of Somalia – Part 1.
  3. Symes, P. "The National Bank of Somalia". En The Banknotes of Somalia – Part 2.
  4. "1 Centesimo". Numista.com
  5. "5 Centesimi". Numista.com
  6. "10 Centesimi". Numista.com
  7. "50 Centesimi". Numista.com
  8. "1 Somalo". Numista.com
  9. "Italian Somaliland: 1 somalo". Banknote.ws
  10. "Italian Somaliland: 5 somali (1950)". Banknote.ws
  11. "Italian Somaliland: 5 somali (1951)". Banknote.ws
  12. "Italian Somaliland: 10 somali". Banknote.ws
  13. "Italian Somaliland: 20 somali". Banknote.ws
  14. "Italian Somaliland: 100 somali". Banknote.ws