Saab 21
Saab 21 | |
---|---|
Tipo | caza e ataque |
Fabricante | Saab |
Primeiro voo | 30 de xullo de 1943 |
Introducido | 1 de decembro de 1945 |
Retirado | 23 de xullo de 1954 |
Principais usuarios | Forza Aérea de Suecia |
Produción | 1945 - 1949 |
Unidades construídas | 298 |
O Saab 21 foi un caza e avión de ataque sueco deseñado e fabricado por Saab. Usaba unha pouca ortodoxa fuselaxe de dobre brazo cun motor en configuración propulsora, dando ao aparello un aspecto pouco común.
Os traballos comezaron en Saab tras a decisión da Forza Aérea de Suecia de iniciar un gran programa de expansión para prepararse ante a posibilidade de que o país se vise arrastrado á segunda guerra mundial. A compañía deseñou un avión monoplano con fuselaxe de dobre brazo impulsado por un único motor Daimler-Benz DB 605B situado na parte traseira da fuselaxe, directamente detrás do piloto, cunha hélice en configuración propulsora. Esta configuración permitía a instalación de canóns no morro do avión á vez que lle proporcionaba ao piloto unha boa visibilidade. Para permitir que o piloto saltase sen golpear a helice, instalouse un asento exectable.
O 30 de xullo de 1943 o 21 realizou o seu voo de estrea e o 1 de decembro de 1945 os primeiro exemplares do J 21A-1 entraron en servizo. Rapidamente foi seguido polo mellorado J 21A-2, que tiña armamento máis pesado, e o cazabombardeiro A 21A-3. Debido ao interese da Forza Aérea de Sueca polos reactores, Saab fabricou unha conversión, coñecida como Saab 21R, utilizando un motor británico de Havilland Goblin.
O Saab 21 foi substituído a mediados dos anos 50 tras menos de 10 anos de servizo polos de Havilland Vampire e Saab 29 Tunnan cunha configuración semellante.
Deseño e desenvolvemento
[editar | editar a fonte]Saab estaba realizando estudos de deseño a finais dos anos 30 sobre posibles opcións para un novo caza. Algúns deles baseáranse no uso dun motor radial Bristol Taurus e varios eran pouco convencionais para o seu tempo.[1] Unha das configuracións estudadas era un monoplano con fuselaxe de dobre brazo con configuración propulsora, co motor detrás do piloto. Este deseño pouco común tiña varias vantaxes, como a capacidade de concentrar a meirande parte dos canóns no morro do avión ou unha boa visibilidade para o piloto.[1] Aínda que este prometedor estudo de deseño estaba completado, permaneceu inactivo ata 1941, cando as consideracións de defensa aumentaron a necesidade inminente del.[1]
Ao inicio da segunda guerra mundial os suecos preocupáronse por manter a súa neutralidade e independencia xa que ao pouco tempo serían amenazados por varias nacións europeas. Como unha medida de emerxencia, a Forza Aérea de Suecia iniciou un proceso de rearme e expansión entre os anos 1939 e 1941, que incluía a compra de avións estranxeiros ademais de desenvolver modernos deseños locais.[2] Porén, como consecuencia da guerra, poucas nacións en conflito estaban dispostas a subministrar cazas a un país neutral, mentres que a capacidade de fabricación local sería insuficiente ata polo menos 1943. Debido a iso, Suecia viuse forzada a mercar biplanos Fiat CR.42 xa obsoletos a Italia como medida provisional.[3][2] Polo tanto, SAAB comezou a buscar solucións a varios problemas de producións para a súa proposta de caza.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cattaneo, Gianni. ''The Fiat CR.42 (Aircraft in Profile number 170)''. Leatherhead, Surrey, UK: Profile Publications Ltd., 1967. No ISBN.
- Widfeldt, Bo. ''The Saab 21 A & R (Aircraft in Profile number 138)''. Leatherhead, Surrey, UK: Profile Publications, 1966. No ISBN.