[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Roberto II de Flandres

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaRoberto II de Flandres

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento1065 Editar o valor en Wikidata
Morte5 de outubro de 1111 Editar o valor en Wikidata (45/46 anos)
Meaux, Francia Editar o valor en Wikidata
Causa da mortemorte accidental, afogamento Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaArras Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
ConflitoQ54554836 Traducir Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloConde Editar o valor en Wikidata
FamiliaCasa de Flandres Editar o valor en Wikidata
CónxuxeClemencia de Borgoña Editar o valor en Wikidata
FillosBalduíno VII de Flandres, Guillerme de Flandres Editar o valor en Wikidata
PaisRoberto I de Flandres Editar o valor en Wikidata  e Xertrude de Saxonia Editar o valor en Wikidata
IrmánsTeodorico V de Holanda
Xertrude de Flandres
Berta de Holanda
Adela de Flandres Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata
WikiTree: Flandre-30

Roberto II de Flandres[1], nado ca. 1065 e finado o 5 de outubro de 1111, foi conde de Flandres entre os anos 1093 e 1111. Foi coñecido como Roberto de Xerusalén (Robertus Hierosolimitanus) ou Roberto o Cruzado tras os seus logros durante a Primeira cruzada.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Foi o fillo maior de Roberto I de Flandres e Xertrude de Saxonia. O seu pai comezou a asocialo aos labores de goberno ao redor do ano 1077. Entre 1085 e 1091, Roberto II ocupou o cargo de rexente do condado en ausencia do seu pai, que partira en peregrinación a Terra Santa.

Tras converterse en conde no ano 1093, Roberto uniuse á Primeira Cruzada, que foi convocada polo papa Urbano II en 1095. Roberto estableceu un consello de rexencia en Flandres e seguiu ao grupo dirixido por Godofredo de Bouillon, duque da Baixa Lorena. Tras chegar a Constantinopla, os cruzados víronse obrigados a prestaren un xuramento de fidelidade ao emperador bizantino Aleixo I Comneno e a prometer retornar ao Imperio bizantino todas as terras que conquistasen. Roberto, cuxo pai xa servira a Aleixo durante a peregrinación da década de 1080, non tiña problema ningún á hora de pronunciar o xuramento, pero dado que outros dos líderes si que o tiñan houbo certo atraso á hora de deixar a cidade.

Roberto participou no cerco de Nicea, tras o cal o exército se dividiu en dous grupos. Roberto marchou xunto con Estevo II de Blois, Bohemundo de Tarento, Roberto II de Normandía e os guías bizantinos, a un día de marcha do resto dos cruzados. O seu exército foi rodeado polo sultán selxúcida Kilij Arslan I, o que provocou a batalla de Dorilea o 30 de xuño de 1097. Ao día seguinte, o segundo exército, dirixido por Raimundo IV de Tolosa, Godofredo de Bouillon e Hugo I de Vermandois, chegou e liberou o exército rodeado. Os dous exércitos reuníronse, con Roberto e Raimundo formando no centro. Os turcos foron derrotados e os cruzados continuaron a súa marcha.

A finais de 1097, os cruzados chegaron a Antioquía. O cerco de Antioquía durou moitos meses. En decembro, Roberto e Bohemundo separáronse do exército que mantiña o asedio para saquear as zonas circundantes en busca de comida. O 30 de decembro, ao volver, derrotaron a un exército enviado para liberar a cidade, que estaba comandado por Duqaq, gobernador de Damasco. Antioquía foi finalmente traizoada e entregada a Bohemundo por un garda armenio, e Roberto foi un dos primeiros que entraron na cidade. Con todo, só uns días máis tarde foron eles quen se viron asediados por Kerbogha de Mosul. O 28 de xuño de 1098 os cruzados saíron da cidade para se enfrontaren co novo exército, e Roberto e Hugo de Vermandois dirixiron a primeira das seis divisións do exército cruzado. Kerbogha foi derrotado, e a cidadela que aínda controlaban os musulmáns terminouse rendendo aos cruzados. Roberto, xunto con Bohemundo, Raimundo e Godofredo, ocupou a cidadela, pero Bohemundo reclamou pouco despois a cidade de Antioquía para el. Raimundo tamén a reclamou, pero Roberto apoiou a Bohemundo.

A disputa atrasou a cruzada aínda máis. Raimundo deixou Antioquía para atacar Ma'arrat al-Numan, que foi capturada e Roberto tomou parte tamén neste cerco. Raimundo tentou entón subornar a Roberto e aos outros líderes para que o seguisen a el en lugar de a Bohemundo, e chegou a ofrecer a Roberto a cantidade de seis mil sólidos bizantinos, pero todos os intentos de suborno foron ignorados. Raimundo continuou cara ao sur, cara a Xerusalén, en xaneiro de 1099, pero Roberto e Godofredo quedaron atrás, en Antioquía, até febreiro. Reuníronse con Raimundo no cerco de Arqa.

En xuño, Roberto e Gastón IV de Bearn dirixiron a vangarda do exército que chegou a Ramla e dirixiu unha incursión en Samaria xunto con Tancredo de Galilea para atopar madeira que servise para a construción de maquinaria de asedio para o cerco de Xerusalén. Cando Xerusalén foi capturada o 15 de xullo, Roberto apoiou a Godofredo como novo gobernador da cidade, e o 9 de agosto marchou con el a enfrontarse ao exército fatimí dirixido por al-Afdal Shahanshah que viña para tentar retomar Xerusalén, no que finalizou coa vitoria dos cruzados. Godofredo e Raimundo discutiron sobre o control da cidade de Ascalón, e neste caso nin sequera Roberto puido apoiar a Godofredo. A cidade quedou sen tomar, aínda que a vitoria permitiu a creación do Reino de Xerusalén.

A finais de agosto, Roberto volveu a casa xunto con Roberto de Normandía e Raimundo de Tolosa. No camiño de regreso capturaron Latakia, que foi devolta ao emperador bizantino, como se prometeu anos atrás. Raimundo permaneceu alí, pero ambos os Robertos seguiron o camiño ao fogar por medio de Constantinopla, despois de rexeitar a solicitude de Aleixo de quedar nela ao seu servizo. Roberto levou consigo unha preciosa reliquia, o brazo de San Xurxo, un agasallo de Aleixo. A reliquia foi colocada na igrexa de Anchin, en Flandres. Tras o seu regreso, Roberto construíu o mosteiro de Santo André en Zevenkerke, nos arredores de Bruxas. Debido á súa participación na cruzada e ao botín que trouxo a casa, foi alcumado Roberto de Xerusalén.

Durante a súa ausencia, o sacro emperador romano xermánico, Henrique IV, tratara de apoderarse do Flandres imperial. Roberto respondeu apoiando a revolta da Comuna de Cambrai contra o emperador e ao seu defensor, o bispo Gaulcher, e apoderouse dunha serie de castelos. A paz foi restaurada en 1102 cando rendeu homenaxe ao emperador de Flandres, pero despois de 1105, o novo emperador, Henrique V, marchou sobre Flandres coa axuda de Balduíno III de Hainaut e un exército desde Holanda. Roberto detívoos nos arredores de Douai e asinouse unha nova paz, na que o emperador recoñeceu a reclamación de Roberto sobre Douai e Cambrai.

En 1103 aliouse con Henrique I de Inglaterra, ao que ofreceu 1000 cabaleiros a cambio dun tributo anual, pero cando Henrique se negou a pagar, Roberto aliouse co seu señor nominal, Lois VI de Francia e xuntos atacaron Normandía. Co rei distraído, Teobaldo II de Champaña encabezou unha revolta dos baróns franceses. Roberto conduciu un exército contra Meaux, pero preto da cidade foi fatalmente ferido, caeu do seu cabalo e afogou no Marne.

Casou con Clemencia de Borgoña, irmá do papa Calixto II. Tiveron tres fillos, pero só o maior sobreviviu até a idade adulta. Sucedeu a Roberto como Balduíno VII de Flandres.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]