[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

RTECS

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O RTECS (Registry of Toxic Effects of Chemical Substances, Rexistro de Efectos Tóxicos de Substancias Químicas) é unha base de datos de información sobre toxicidade de substancias químicas compilado da literatrura científica aberta, sen que se fagan ulteriores comprobacións. Ata o ano 2001 foi mantida polo NIOSH (Instituto Nacional de Seguridade Ocupacional e Saúde) dos Estados Unidos como unha publicación libremente dispoñible gratuíta. Actualmente é mantida pola compañía privada Symyx Technologies e só está dispoñible pagando unha tarifa ou por subscrición.

En RTECS inclúense seis tipos de datos de toxicidade:[1]

  1. Irritación primaria
  2. Efectos mutaxénicos
  3. Efectos reprodutivos
  4. Efectos tumorixénicos
  5. Toxicidade aguda
  6. Outras toxicidades de dose múltiple.

Tamén se indican os valores de toxicidade numéricos específicos como o LD50, LC50, TDLo, e TCLo e as especies estudadas e a ruta de administración utilizada. Para todos os datos indícase unha lista de fontes bibliográficas. Os estudos non se avalían de ningunha maneira.

A creación de RTECS foi ordenada polo Congreso dos Estados Unidos e establecida pola Lei de Seguridade e Saúde Laboral de 1970 (PL 91-596)[2]. A edición orixinal, chamada "Lista de Substancias Tóxicas" publicouse en 1971, e incluía datos toxicolóxicos de aproximadamente 5.000 compostos químicos. O nome cambiou posteriormente ao que ten actualmente de "Rexistro de Efectos Tóxicos de Substancias Químicas" (Registry of Toxic Effects of Chemical Substances). En xaneiro de 2001 a base de datos contiña xa 152.970 compostos químicos. En decembro de 2001 RTECS foi transferido desde o NIOSH á compañía privada Elsevier MDL. En 2007 a compañía Symyx mercoulle MDL a Elsevier e a base de datos de toxicidade estaba incluída na compra. A base de datos de toxicidade só é accesible agora se se paga unha tarifa ou unha subscrición anual.

RTECS está dispoñible en versións en inglés, francés e castelán, que ofrece o Centro Canadense de Saúde e Seguridade Laboral[3]. A subscrición á base de datos ofrécese en páxina web, en CD-ROM e en formato de Intranet. A base de datos tamén está dispoñible en liña desde a páxina NISC (National Information Services Corporation, RightAnswer.com, e ExPub (Expert Publishing, LLC).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]