[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Psique (mitoloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Psique»)
Psique revivida polo bico do Amor de Antonio Canova (1793)

Psique, na mitoloxía grega, é a personificación da alma, representada na forma dunha bolboreta ou como unha rapaza con ás. O mito desenvolveuno Apuleio nas metamorfoses ou O asno de ouro.

O mito de Cupido e Psique segundo Apuleio

[editar | editar a fonte]

O mito afirma que un famoso rei tiña tres fermosas fillas da que Psique era de lonxe a máis bela, a gloria da súa beleza difundírase por toda a terra e comitos chegaban á cidade onde vivía Psique para apreciar a súa fermosura ata o punto de esquecer celebrar sacrificios por Venus e arruinarse os seus templos. Venus como vinganza decidiu castigar a Psique, chamou a seu fillo Cupido amosoulle a súa beleza e suplicoulle que vingase a súa fermosura insolente facendo que quedara posuída polo amor abrasador do último dos homes.

A elevación de Psique de William Bouguereau

Entrementres, Psique sentíase moi desafortunada, porque todos admiraban a súa beleza pero ninguén se presentaba como pretendente para casar. Seu pai acudiu ao Oráculo do deus de Mileto sospeitando dunha maldición, Apolo respondeulle que Psique, levando roupas fúnebres debía ser levada a unha rocha dun monte alto para ser recollida por un monstro cruel e fero. Os infelices pais cumpren a vontade do oráculo e acompañados dun gran cortexo deixan a Psique na rocha, de súpeto un golpe de vento levouna a un val na pendente da rocha, onde había un marabilloso palacio habitado por espíritos invisibles. Psique obtén do seu marido invisible a promesa de ver as súas irmás coa condición de non se interesar pola súa aparencia. Pero as irmás mostran envexa da felicidade e das riquezas de Psique e entón suxírenlle á irmá que xa está empreñada dun deus que colla unha lámpada para ver o rostro do seu marido que elas teiman en dicir que é unha serpe velenosa á que lle debe cortar a cabeza. Psique alumea o rostro do seu marido durmido e ve o máis adorable e doce de todos os rostros, o de Cupido, este ao espertar e ver a súa fe totalmente traizoada saíu voando sen dicir unha soa palabra pero non puido impedir que Psique apreixara a súa perna dereita voando por un momento con el, tras caer Cupido cóntalle que desobedecera á súa nai para facela a súa esposa, castigando a Psique pola súa falta de confianza coa súa marcha. Psique láiase tristemente da súa sorte, o deus Pan trata de consolala.

Psique víngase das súas irmás e vai na procura de Cupido, desamparada entrégase a Venus quen a somete a unha serie de probas, finalmente consegue a axuda de Xúpiter quen legaliza os amores de Psique e Cupido concedéndolle a inmortalidade á rapaza.