[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Hecatonquiros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Talla de 1793, obra de Tommaso Piroli (1752 – 1824) a partir dun debuxo de John Flaxman, empregada nunha edición da Ilíada de 1795: Tetis invoca a Briareo.
Pronuncia do nome.

Na mitoloxía grega os Hecatonquiros ou Hecatonqueros (en grego Έκατόνχειρες Hekatonkheires ou Έκατόνταχειρας Hekatontakheiras, 'os de cen mans'), coñecidos tamén como Centimanos (do latín Centimani), eran xigantes monstruosos con cen brazos e cincuenta cabezas, fillos de Xea e Urano.

"Ademais, naceron de Xea e Urano outros tres fillos enormes e violentos que non se deben nomear: Coto, Briareo e Gigues, fillos monstruosos. Cen brazos informes salían dos seus ombreiros e cincuenta cabezas nacéranlles dos ombros a cada un, sobre fortes membros. No seu enorme corpo, inmensar era a forza poderosa".
(Hesíodo: Teogonía, 147-154)

Os Hecatonquiros eran tres: Briareo ('forte'), Xigues e Cotto. Homero tamén se referiu a Briareo como Exeón ('cabruno'), aínda que este era tamén o nome dun deus do mar diferente. Segundo Pierre Grimal, os deuses chamábano Briareo, e os homes, Exeón.

As teorías evemeristas (desenvolvidas por Evémero de Mesene (s. IV a. C.)) sosteñen que realmente os hecatonquiros non eran xigantes senón homes de Macedonia que axudaron ós habitantes de Olimpia a expulsar ós titáns. En xeral Evémero sostiña a crenza de que os deuses pagáns non eran máis que personaxes históricos mal recordados, e magnificados despois por unha tradición fantasiosa e lendaria.

Mitoloxía

[editar | editar a fonte]

Urano, espantado polo seu aspecto, lanzounos ao Tártaro, no máis profundo dos infernos, ata que, tempo despois, foron rescatados por Cronos, ao que axudaron a derrocar a Urano no transcurso da Guerra dos Titáns, xunto ós Ciclopes. Nesta guerra eran quen de lanzar rocas de cen en cen contra os Titáns.

Pero, tras loitar no lado de Cronos, este encerrounos de novo no Tártaro, onde permaneceron gardados por Campe ata que Zeus os rescatou para que o axudaran na guerra da Xigantomaquia.

Ao terminar a guerra, os Hecatonquiros establecéronse en palacios no río Océano, converténdose nos gardiáns das portas do Tártaro, onde Zeus encerrara aos Titáns. Na Ilíada hai unha historia, que non se atopa en ningún outra fonte clásica, que conta que os deuses intentaron derrocar a Zeus, que chegou a ser encadeado por Hera, Atenea e Poseidón, pero fracasaron cando Tetis invocou aos Hecatonquiros e estes acudiron na súa axuda; outros autores din que requiriu a axuda de Exeón, e só coa súa presenza, pola súa inmensa forza, conseguiu evitalo.

Outro mito di que Poseidón quixo recompensar a Briareo/Exeón polo seu valor demostrado na guerra e concedeulle a man da súa filla Cimopolea.

Ás veces considéraselles deidades do mar, e poida que proveñan dos pentekonter, barcos con cincuenta remeiros [Cómpre referencia].

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Grimal, Pierre (1981). Diccionario de mitología griega y romana (en castelán). Paidós. 
  • HESÍODO: Teogonía. Trabajos y días. Escudo. Certamen, Alianza Editorial, 3ª ed., 2013 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • Hesíodo. Teogonía. Universidad de Salamanca. Curso 2009-2010. 11638: LUZ, MOLÉCULAS Y VIDA.
  • HIGINO: ‘’Fábulas mitológicas’’. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009.
  • OVIDIO: Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial 3ª ed. 2015, 2ª reimp. 2017 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]