Pisístrato
Nome orixinal | (grc) Πεισίστρατος |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | século VI a. C. Atenas, Grecia |
Morte | 527 a. C. Atenas, Grecia |
Actividade | |
Ocupación | político |
Familia | |
Familia | Pisistrátidas |
Cónxuxe | Hippias' and Hipparchus' mother Coesyra Timonassa |
Fillos | Hegesistratus of Sigeum () Timonassa Hiparco de Atenas () Hippias' and Hipparchus' mother Hipias de Atenas () Hippias' and Hipparchus' mother |
Pai | Hippocrates |
Parentes | Solón, curmán segundo |
Premios | |
Descrito pola fonte | Real'nyj slovar' klassicheskih drevnostej po Ljubkeru Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron The Nuttall Encyclopædia >>>:Pisistratus |
Pisístrato[1] (en grego: Πεισίστρατος), c. -607 - -527, foi un tirano grego do século -VI, que gobernou Atenas no -561, -559 - -556 e do -546 a -527.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Carreira militar e inicios políticos
[editar | editar a fonte]Fillo de Hipócrates, un filósofo e profesor pertencente a unha familia aristocrática ateniense próxima a Solón, o lexislador. Pisístrato distinguiuse na guerra contra Megara (c. -570 - -565), dirixindo o exército ateniense como polemarco. Logrou recuperar Salamina e conquistar a cidade de Nisea, o porto de Megara. As súas accións e a súa amizade con Solón valéronlle un lugar salientado na política ateniense, que axiña sabería explotar.
Cando Solón abandonou Atenas, a sociedade quedou dividida en dous grupos políticos: o partido da chaira ou pediakoi, e o partido da costa ou paralioi. Os primeiros, liderados por Licurgo, eran grandes propietarios que desexaban un goberno oligárquico. Os outros, pequenos propietarios e comerciantes, querían manter as reformas de Solón e contaban con Megacles como dirixente. Mais, Pisístrato aproveitou a súa sona e popularidade para formar un terceiro grupo, o dos diakrioi ou hyperakrioi, formado principalmente por xente humilde (pequenos labregos que foran vítimas da escravitude por débedas e artesáns), que aspiraban a reformas radicais aos seus problemas.[2]
Primeiros gobernos (561 a. C. e 559 - 556 a. C.)
[editar | editar a fonte]No -561 presentouse perante os atenienses reunidos no ágora, anunciando que fora vítima dun ataque propiciado polos seus inimigos políticos. Un dos seus partidarios propuxo que se lle concedese unha garda persoal para a súa protección, e a asemblea popular entregoulle cincuenta homes armados con garrotes, aínda que aumentaron posteriormente. Con esta tropa tomou a Acrópole e deu un golpe de Estado que o converteu en tirano.[3] Porén este primeiro goberno sería efémero, pois a alianza dos pediakoi e os paralioi forzouno a abandonar o poder ao ano de adquirilo.
Regresou o ano -559 coa axuda de Megacles, agora incomodado con Licurgo, coa condición de que Pisístrato casase coa filla deste. Fíxose de novo co poder e gobernou durante cinco anos (-559 - -556). A súa negativa a ter fillos coa filla de Megacles, para non prexudicar os seus fillos maiores, Hipias e Hiparco, conduciu a que os seus dous inimigos se volvesen aliar e o expulsasen e confiscasen todos os seus bens.
Tiranía
[editar | editar a fonte]Permaneceu exiliado dez anos, durante os cales se enriqueceu coas minas de ouro de Macedonia e Tracia, formando un novo exército e derrotando de forma definitiva os seus inimigos en Palene, no -549, co apoio de Tebas, Argos e Ligdamis, tirano de Naxos.
Para evitar novas rebelións contra o seu poder, tomou medidas máis firmes para conservalo, pero coa mesma moderación con que se distinguira anteriormente. Afectivamente Pisístrato gobernou con moderación e benevolencia, o que lle atraeu as simpatías do pobo. Aristóteles denominouno como demotikótatos (o máis achegado ao pobo) e louvou o xeito de exercer o poder. Semella que malia a súa imposición pola forza respectou as institucións preexistentes.
Atribúeselle a construción do primeiro grande templo a Atenea na acrópole e iniciou as obras do de Zeus. Tamén se erixiu un altar aos 12 deuses olímpicos na ágora. Outras obras públicas relevantes foron a construción de camiños, o Liceo, un circuíto defensivo, un acueduto e novos mercados. Tamén se lle adxudican o primeiro teatro de Atenas (onde se achaba o altar a Bromio, na ladeira sur da Acrópole), polo que o consideran tamén un impulsor da traxedia grega.
Foi activo tamén a nivel relixioso, o que se manifestou nas súas construcións, pero tamén como un elemento de propaganda política. Deste xeito, fomentou o culto a Apolo coa edificación do templo de Apolo Patroos na ágora e na purificación de Delos. Estes feitos atestemuñan a vontade de Atenas de reivindicarse coma a orixe dos xonios. Buscou a cohesión entre os grupos que poboaban a Ática mediante o culto a Eleusis (en cuxo santuario fixo unha sala cuadrangular chamada telesterion) e Dioniso. Valoraba así os lugares de culto periféricos da Ática e os vencellaba a Atenas fomentando a fidelidade deses territorios cara a capital. Tamén organizou grandes festivais como as Dionisias e as Panateneas, que incluían competicións deportivas e recitais homéricos (segundo a tradición, Pisístrato foi o primeiro en mandar escribir A Ilíada e a Odisea).
Pisístrato impulsou o poder militar de Atenas, acentuando a súa forza naval, e fixo campañas no Quersoneso de Tracia, na Tróade (Asia Menor) e nas Cícladas. Mais, a súa política exterior foi predominantemente pacífica cultivando boas relacións coas principais cidades gregas e con países estranxeiros como Lidia e o imperio persa.
Financiou as súas políticas mediante unha tributación moderada sobre a agricultura e grazas aos recursos mineiros das minas do Panxeo (Tracia) e de Laurión (Ática). Grazas á prata destes xacementos mandou cuñar novas moedas (tetradracmas) que portaron a curuxa, símbolo da deusa Atenea, en substitución dos motivos heráldicos da vella aristocracia.
Faleceu no ano -527, deixando o poder aos seus dous fillos, Hipias e Hiparco, os cales aplicaron unha política máis severa que o pai.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Pisístrato". Diciopedia do século 21 3. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 1641.
- ↑ Orrieux, Claude; Schmitt-Pantel, Pauline (2013). Histoire grecque. Presses Universitaires de France. ISBN 9782130625698.
- ↑ Grimberg, Carl; Svanström, Ragnar (1980). Historia Universal. Ediciones Daimon. p. 106. ISBN 84-231-05-82-2.
Fontes
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fernández Uriel, P. (2011). Historia Antigua Universal II. El mundo griego. Universidad Nacional de Educación a Distancia, Madrid.
- Gómez Espelosín, J. (2001). Historia de Grecia Antigua. Akal Textos. Madrid.
- Cohen, Robert; Glotz, Gustave (1986). "Chapitre XI. Athènes et les conquêtes démocratiques (de Solon à Clisthènes)". Histoire grecque. Tome 1. Presses Universitaires de France. Páxinas 443-462