[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Otto Jespersen

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaOtto Jespersen

Otto Jespersen, 1915.
Biografía
NacementoJens Otto Harry Jespersen
16 de xullo de 1860
Randers
Morte30 de abril de 1943
Roskilde
Lugar de sepulturaHelsingør Cemetery (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Reitor Universidade de Copenhague
1920 – 1921
← Niels Thorkild Rovsing (en) TraducirEinar Biilmann (en) Traducir → Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeDanés
EducaciónFrederiksborg Gymnasium og HF (en) Traducir (–1877)
Universidade de Copenhague
Universidade de Oxford Editar o valor en Wikidata
Actividade
OcupaciónAcadémico
EmpregadorUniversidade de Copenhague Editar o valor en Wikidata
Partido políticoSocialdemokraterne Editar o valor en Wikidata
Membro de
Premios

Descrito pola fonteEnciclopedia soviética armenia
Obálky knih, Editar o valor en Wikidata
BNE: XX980601


Jens Otto Harry Jespersen ou Otto Jespersen (danés: [ˈʌd̥o ˈjɛsb̥ɐsn̩]), nado en Randers, Xutlandia o 16 de xullo de 1860 e finado o 30 de abril de 1943, foi un lingüista danés que se especializou na gramática da lingua inglesa.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Otto Jespersen naceu en Randers, Xutlandia. De neno, inspirouno o traballo do filólogo danés Rasmus Rask, e coa axuda das gramáticas de Rask aprendeu de maneira autodidacta un pouco de islandés, italiano e castelán.[1] Ingresou na Universidade de Copenhague en 1877 aos 17 anos, inicialmente estudou dereito mais sen esquecer os seus estudos de idiomas. No ano 1881 centrouse completamente nos idiomas,[2] e en 1887 obtivo o seu mestrado en francés, co inglés e o latín como idiomas secundarios. Mentres estudaba, mantívose grazas ao seu traballo a tempo parcial como mestre e como reporteiro taquígrafo no parlamento danés. En 1887–1888 viaxou a Inglaterra, Alemaña e Francia, onde se xuntou con lingüistas como Henry Sweet e Paul Passy e asistiu a clases en institucións como a Universidade de Oxford. Seguindo o consello do seu mentor Vilhelm Thomsen, volveu a Copenhague en agosto de 1888 e comezou a traballar na súa tese de doutoramento sobre o sistema de caso gramatical do inglés. Defendeu con éxito a súa tese no ano 1891.

Vida académica e laboral

[editar | editar a fonte]

Jespersen foi profesor de inglés na Universidade de Copenhague de 1893 a 1925, e foi reitor da universidade entre 1920 e 1921. Os seus primeiros traballos centráronse principalmente na reforma do ensino de idiomas e na fonética, mais é máis coñecido polo seu traballo posterior sobre sintaxe e desenvolvemento da linguaxe.

Propuxo as teorías de Rango e Nexo en danés en dous artigos: Sprogets logik (1913) e De to hovedarter af grammatiske forbindelser (1921). Jespersen, nesta teoría dos rangos, elimina as categorías gramaticais da sintaxe, e clasifícaos en primarios, secundarios e terciarios; por exemplo, en "frase ben expresada," "frase" é un primario que é definido por un secundario, "expresada", que á súa vez é definido por un terciario "ben". O termo nexo aplícase a frases, estruturas similares a frases e frases en formación nas que os conceptos se expresan nunha unidade; por exemplo, "chovía, el correu para a casa". Este termo é cualificado por outro concepto nomeado xuntura, que representa unha idea, expresada a través de dous ou máis elementos, mentres que un nexo combina dúas ideas. Os conceptos de xuntura e nexo resultaron valiosos para chamar a atención do mundo da lingüística sobre o concepto de contexto.

Recibiu un amplo recoñecemento por algúns dos seus libros. Language: Its Nature, Development and Origin (1922) é considerada a súa obra mestra para moitos.[2] Modern English Grammar on Historical Principles (1909–1949), concentrouse na morfoloxía e na sintaxe, e Growth and Structure of the English Language (1905) é unha vista completa do inglés de alguén con outra lingua materna, e aínda se fan reedicións máis de 70 anos despois da súa morte e máis de 100 anos despois da súa publicación. Máis adiante, publicou Analytic Syntax (1937), en que presenta o seu punto de vista sobre a estrutura sintáctica utilizando unha notación taquigráfica idiosincrática. En The Philosophy of Grammar (1924) desafiou as opinións aceptadas sobre conceptos comúns da gramática e propón correccións para as definicións básicas de caso gramatical, pronome, complemento, voz, etc., e desenvolveu máis extensamente as súas nocións de rango e nexo. No século XXI, este libro aínda se utiliza como un libro de referencia da lingüística estrutural moderna. Mankind, Nation and Individual: from a linguistic point of view (1925) é un dos traballos pioneiros en sociolingüística.

Jespersen visitou dúas veces os Estados Unidos: deu unha conferencia no Congreso de Artes e Ciencias en Saint Louis no ano 1904, e entre 1909 e 1910 visitou a Universidade de California e a Universidade de Columbia.[3] Mentres estivo nos Estados Unidos, aproveitou para estudar o sistema educativo do país. A súa autobiografía traduciuse ao inglés no ano 1995.

Jespersen era un partidario da fonosemántica e escribiu: “Hai realmente moita máis lóxica no extremo oposto que recusa calquera tipo de simbolismo fonético (á parte da pequena clase de ecoísmos evidentes e ‘onomatopeas’) e ve as nosas palabras só como unha colección de asociacións accidentais e irracionais de son e significado? ... Non se pode negar que hai palabras que instintivamente sentimos que son adecuadas para expresar as ideas que representan.” Despois de se xubilar no ano 1925, Jespersen permaneceu activo dentro da comunidade lingüística internacional. Ademais de continuar escribindo, convocou e presidiu a primeira Xuntanza Internacional sobre Investigación Lingüística en Xenebra en 1930, e presidiu o Cuarto Congreso Internacional de Lingüística en Copenhague en 1936.[4]

Jespersen foi unha figura importante dentro do movemento da linguaxe universal. Foi un defensor temperán da linguaxe Ido, descendente do Esperanto e no ano 1927 publicou o seu propio proxecto, Novial. Tamén traballou coa International Auxiliary Language Association.[5]

Jespersen recibiu os doutoramento honoris causa da Universidade de Columbia en Nova York (1910), da Universidade de St Andrews de Escocia (1925), e de La Sorbona de París (1927).[1] Foi un dos primeiros seis eruditos internacionais en ser escollidos membros de honor da Sociedade Lingüística de América.[6]

  • 1889: The articulations of speech sounds represented by means of analphabetic symbols. Marburg: Elwert.
  • 1894: Progress in Language. Londres: Swan Sonnenschein & Co.
  • 1904: How to teach a foreign language. Londres: S. Sonnenschein & Co. 1928 printing dispoñible en liña na OpenLibrary.org.
  • 1905: Growth and Structure of the English Language (ISBN 0-226-39877-3)
  • 1909–1949: A Modern English Grammar on Historical Principles (en sete volumes; o título débese entender como 'unha gramática do inglés moderno') publicado por primeira vez por Carl Winter, Heidelberg, os últimos volumes por Ejnar Munksgard, Copenhagen e George Allen & Unwin, Londres (ISBN 0-06-493318-0) (Volumes 5–7, publicados sen o título da serie, teñen a impresión: Copenhagen, E. Munksgaard, 1940–49; A impresión varía: Pd.5–6: Londres: Allen & Unwin; pd.7: Copenhagen: Munksgaard, Londres: Allen & Unwin.)
  • 1922: Language: Its Nature, Development, and Origin (ISBN 0-04-400007-3)
  • 1924: The Philosophy of Grammar (ISBN 0-226-39881-1)
  • 1925: Mankind, nation and individual: from a linguistic point of view. H. Aschehoug (det Mallingske bogtryk.), 1925
  • 1928: An International Language (a introdución a Novial)
  • 1930: Novial Lexike Dicionario de Novial a inglés, francés e alemán.
  • 1933: Essentials of English Grammar
  • 1937: Analytic Syntax (ISBN 0-226-39880-3)
  • 1938: En sprogmands levned, Copenhagen, a autobiografía de Jespersen
  • 1941: Efficiency in linguistic change
  • 1993. A literary miscellany: proceedings of the Otto Jespersen Symposium April 29–30, editado por Jørgen Erik Nielsen e Arne Zettersten 1994
  • 1995: A Linguist's Life: tradución ao inglés da autobiografía de Otto Jespersen, editado por Arne Juul, Hans Frede Nielsen e Jørgen Erik Nielsen, Odense (ISBN 87-7838-132-0)

Ensaios e artigos (seleccionados)

[editar | editar a fonte]

Miscelánea

[editar | editar a fonte]

Aparece como un personaxe na novela de 2010 A Curable Romantic de Joseph Skibell. Na novela de ciencia ficción de C.S.Lewis Out of the Silent Planet, dise del que é para a filoloxía o que Einstein e Schroedinger son para a física.

  1. 1,0 1,1 "Otto Jespersen". interlanguages.net. Consultado o 2019-02-06. 
  2. 2,0 2,1 "Otto Jespersen's life and career". warwick.ac.uk. Consultado o 2019-02-06. 
  3. Falk, Julia S. 1992. Otto Jespersen, Leonard Bloomfield, and American Structural Linguistics. Language 68(3):465-491.
  4. Falk 1992
  5. Falk, Julia S. "Words without grammar: Linguists and the international language movement in the United States, Language and Communication, 15(3): pp. 241–259. Pergamon, 1995.
  6. Falk 1992.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]