Nivel trófico
Un nivel trófico é o lugar que ocupa un organismo na cadea trófica.
Clasificación
[editar | editar a fonte]Os niveis tróficos poden clasificarse segundo o tipo de alimentación en:
- Nivel trófico primario ou dos produtores: este grupo está formado polo conxunto de organismos autótrofos, é dicir, aqueles que obteñen alimento a partir de materia inorgánica mediante a fotosíntese. Plantas e algas son representantes deste nivel.
- Nivel trófico secundario ou dos consumidores: formado polo conxunto de seres que se alimentan doutros seres, sexan estes produtores ou consumidores. Pódense diferenciar dous tipos conforme a súa alimentacion.
- Consumidores primarios: aqueles que se alimentan dos produtores primarios (herbívoros)
- Consumidores secundarios: aqueles que se alimentan dos consumidores primarios (carnívoros). Pode incluso facerse unha distinción recursiva nos consumidores secundarios xa que algúns carnívoros comen outros carnívoros.
- Nivel trófico terciario ou dos descompoñedores: aqueles organismos que se alimentan descompoñendo os restos doutros organismos mediante procesos enzimáticos externos.
Número de niveis
[editar | editar a fonte]A Segunda Lei da Termodinámica pon un límite á eficiencia de calquera proceso, e tamén á dos organismos na explotación dos seus recursos tróficos: un animal situado nun punto da cadea alimenticia, só aproveita unha pequena parte da enerxía do seu alimento, situado no nivel trófico anterior. Dito con outras palabras, un ser humano pode vivir dous ou tres días co alimento que proporciona un polo, pero viviría moito máis se se alimentase da cantidade de penso que comeu ese polo.
Esta constrición impón á súa vez un límite ao número posible de niveis tróficos, que non adoitan pasar de sete nos ecosistemas continentais, aínda que poden ser máis numerosos nos oceánicos.
Na análise dos niveis tróficos hai que considerar non só os organismos que realizan un consumo directo doutros, coméndoos enteiros ou mutilándoos (como fan os herbívoros coas plantas leñosas), senón tamén os parasitos, como os que chuchan sangue, ou os detritívoros e descompoñedores.