[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Multidisciplinariedade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A multidisciplinariedade é unha mestura de varias disciplinas, que poden ser moi distantes, na que cada unha conserva os seus métodos e suposicións sen cambio ou desenvolvemento e sen integración dunhas nas outras. Os profesionais implicados en tarefas multidisciplinares adoptan relacións de colaboración con obxectivos comúns.[1]

O concepto foi debatido desde principios do século XX e desenvolvido especialmente a partir da segunda metade do século. Foi incluído por Jean Piaget na súa clasificación das relacións entre disciplinas. A multidisciplinariedade diferénciase claramente da interdisciplinariedade en canto á relación que comparten as disciplinas. Na relación multidisciplinar esta cooperación pode ser mutua e acumulativa pero non interactiva, mentres a interdisciplinariedade mestura as prácticas e suposicións das disciplinas implicadas.[2] Na interdisciplinariedade dase, por tanto, un grao de integración entre as disciplinas.[3]

Hai moitos exemplos de como unha idea particular aparece en diferentes disciplinas, case simultaneamente. Un exemplo é o desprazamento do enfoque sobre "segmentos especializados de atención" (adoptando unha perspectiva particular), cara á idea de "conciencia sensorial instantánea do todo", unha atención ao "campo total", un sentido do modelo completo, de forma e función como unha unidade", ou unha "idea integral de estrutura e configuración". Isto aconteceu nos anos 10-20s do s. XX, en pintura (cubismo), física, poesía, psicolingüística e teoría da educación de maneira sincrónica, e é precisamente cando empezaron a formularse e tomar forma os conceptos de relacións entre as disciplinas, concretados e definidos décadas despois. Segundo Marshall McLuhan, este cambio de paradigma debeuse ao paso da era da mecanización, que implicaba secuencialidade, á era da velocidade instantánea, que implica simultaneidade.[4]

Como exemplo de tarefa multidisciplinar poderiamos citar o estudo dun obxecto como unha obra de arte, por exemplo o Guernica desde as disciplinas da pintura, da historia e a historia da arte, da química, do cromatismo etc. Como exemplo de relación pluridisciplinar podemos citar a existente entre a Física e a Química, campos moito máis próximos, para o estudo de certos sistemas ou procesos.

A multidisciplinariedade pode aplicarse a calquera campo das artes, das ciencias ou do coñecemento en xeral; por exemplo no ámbito do coidado da Saúde, significa que especialistas de diferentes profesións traballan xuntos para forneceren diagnósticos, valoracións e tratamentos, de modo colaborativo, cada un dentro do seu ámbito de práctica e da súa área de competencia. Neste caso a diferenza coa pluridisciplinariedade pode ser de matiz: se, por exemplo, consideramos, en relación á tarefa de tratar unha doenza determinada, a relación entre a enfermaría, cardioloxía, oncoloxía e farmacia esta relación é multidisciplinar, e se ademais incluímos disciplinas máis diversas como a economía, bioinformática, bioética, etc, entón a relación é pluridisciplinar.

  1. Jaúregui, Jorge Mario. Urbanismo y Transdisciplinariedad. Intersecciones (Puntuaciones en relación con el abordaje de la articulación de lo formal y lo informal en América Latina)
  2. Augsburg, Tanya. (2005), Becoming Interdisciplinary: An Introduction to Interdisciplinary Studies. páx. 56
  3. Psicología social aplicada: teoría, método y práctica. Alipio Sánchez Vidal. Editorial Pearson Educación, 2002. ISBN 8420534501 Páx. 266
  4. Marshall McLuhan (1964) Understanding Media, p.13

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]