[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Motociclismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O motociclismo é o uso deportivo da motocicleta en carreiras. Xeralmente, o obxectivo dunha carreira consiste en percorrer certas distancias, ou ir desde un lugar a outro, no menor tempo posible. Outro tipo de competicións consiste en pasar unha serie de obstáculos nun determinado tempo.

Disciplinas

[editar | editar a fonte]
Imaxe dunha competición de Moto GP. En primeiro termo Capirossi, seguido por Hayden e Valentino Rossi.
Antonio Cairoli no Campionato mundial de motocross de 2008
Trial
Hans Vogels durante o Campionato Mundial de Enduro 2012 en San Juan, Arxentina.
Supermoto
Unha moto participando no Rally Dakar en 2009.

Motociclismo de velocidade.

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Motociclismo de velocidade.

O Campionato do Mundo de Motociclismo é o principal certame desta modalidade. Actualmente consta de tres categorías:

  • Moto3: motos de 2 tempos, de ata 300 centímetros cúbicos de cilindrada e con soamente 1 cilindro.
  • Moto2: motos de 4 tempos, de ata 250 centímetros cúbicos e ata 4 cilindros.
  • MotoGP: motos de 4 tempos de ata 1000cc de cilindrada con número libre de cilindros.

Durante a historia do campionato, existiron outras categorías: 50cc, 80cc, 250cc, 350cc, 500cc e 1000cc.

Outros campionatos mundiais son o Campionato do mundo de Superbikes e o Campionato do mundo de motociclismo de resistencia, que se disputan con Superbikes, un tipo de motocicleta de serie de gran cilindrada, con algunhas modificacións. Os campionatos nacionais de motociclismo de velocidade máis desenvolvidos tamén se disputan con Superbikes.

O TT Illa de Man é unha carreira lendaria que ten lugar anualmente na Illa de Man (Reino Unido). Formou parte do mundial de velocidade moitos anos. Trátase dunha carreira polas estradas da illa, perigosa (máis de 200 falecidos), e dunha lonxitude duns 60 km.

Motocross

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Motocross.

O motocross é unha disciplina motociclista que se desenvolve en circuítos sen asfaltar ou en campo a través e na que os distintos participantes disputan unha carreira co obxectivo de finalizar en primeira posición na meta. É unha das modalidades máis espectaculares do motociclismo, na que se combina a velocidade coa destreza necesaria para controlar a motocicleta ante as irregularidades naturais (e nalgúns casos artificiais) do terreo, con curvas pechadas, montículos, fochancas, violentos cambios de rasante, cursos de auga etc., e sobre unha superficie de terra que, xeralmente, atópase embarrada. Todo iso fai que nas carreiras de motocross sucédanse saltos e derrapes. Co correr do tempo, o motocross derivou en distintas disciplinas paralelas, como o free-style e o supermotard, esta última unha mestura entre o motocross e o motociclismo de velocidade que se realiza sobre superficies mixtas (asfalto e terra).

Artigo principal: Trial.

É unha disciplina motociclística na que os pilotos deben superar obstáculos sen tocar o chan co corpo nin caerse. As habilidades esenciais son o equilibrio e a planificación dos movementos para avanzar no percorrido. Esta disciplina é particularmente popular en España e o Reino Unido.

Artigo principal: Enduro.

O enduro é unha modalidade de motociclismo cuxo obxectivo é realizar percorridos usualmente ao aire libre campo a través, ou en circuítos controlados, similares aos de motocross pero de maior distancia. É similar a un rally de vehículos, nos que os competidores deben realizar os percorridos por rutas establecidas en intervalos de tempos indicados. O termo "enduro" provén do inglés endurance ("resistencia").

Supermoto

[editar | editar a fonte]

O supermotard é unha fusión entre o motociclismo de estrada e o motocross. As carreiras teñen lugar comunmente en pistas con seccións todo terreo dentro do mesmo circuíto; aproximadamente un 70% é de asfalto e o 30% restante é de terra e normalmente con algún salto. As motocicletas son frecuentemente creacións feitas a partir de motos todo terreo con rodas ou pneumáticos de motocicletas de carreira. Os condutores visten tamén unha combinación de traxes de carreira e todo terreo, normalmente de coiro, cascos e botas de todo terreo. A diferenza das competicións de estrada normais, a énfase predomina en carreiras lentas (velocidades máximas inferiores a 100 mph ou 160 km/h), e pistas curtas con moitas curvas, onde as habilidades do competidor son máis importantes que o desempeño da máquina.

Rally raid

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Rally raid.

O rally raid é unha disciplina que se efectúa por etapas en percorridos campo a través e en camiños en mal estado con motocicletas todo terreo. A principal carreira de rally raid é o Rally Dakar.

Riscos deste deporte

[editar | editar a fonte]

O motociclismo aumenta o risco de padecer dores de lombo pola a exposición a vibración nunha postura de flexión, o que facilita a aparición de contracturas musculares e a sobrecarga ou lesión do disco intervertebral[Cómpre referencia]. Nalgunhas especialidades, como o trial ou o motocross, as vibracións, o mantemento de posturas e/o esforzo muscular é aínda maior.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]