Mijaín López
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 20 de agosto de 1982 (42 anos) Herradura, Cuba (en) |
Educación | Universidade da Habana |
Altura | 198 cm |
Peso | 130 kg |
Actividade | |
Ocupación | loitador afeccionado |
Período de actividade | 2002 - 2024 |
Nacionalidade deportiva | Cuba |
Deporte | Luta greco-romana (pt) |
Participou en | |
5 de agosto de 2024 | wrestling at the 2024 Summer Olympics – men's Greco-Roman 130 kg (en) (1º) |
2016 | Lutas nos Jogos Olímpicos de Verão de 2016 - Greco-romana até 130 kg masculino (pt) (1º) |
2012 | Lutas nos Jogos Olímpicos de Verão de 2012 - Greco-romana até 120 kg masculino (pt) (1º) (medalla de ouro olímpica) |
2008 | Lutas nos Jogos Olímpicos de Verão de 2008 - Greco-romana até 120 kg masculino (pt) (1º) (medalla de ouro olímpica) |
2004 | wrestling at the 2004 Summer Olympics – men's Greco-Roman 120 kg (en) (5º) |
Lutas nos Jogos Olímpicos de Verão de 2020 - Greco-romana até 130 kg masculino (pt) (1º) | |
Mijaín López Núñez, nado en Consolación del Sur, provincia de Pinar del Río, o 20 de agosto de 1982, é un exloitador cubano especialista en loita grecorromana.[1] Considerado un dos mellores loitadores grecorromanos de todos os tempos, é o único deportista na historia dos Xogos Olímpicos con cinco medallas de ouro na mesma proba (obtívoas en Pequín 2008, Londres 2012, Río 2016, Toquio 2020 e París 2024). Foi ademais cinco veces campión do mundo e cinco veces campión dos Xogos Panamericanos. É o irmán máis novo de Michel López Núñez, boxeador e tamén medallista olímpico.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu en Herradura, no municipio de Consolación del Sur, da provincia cubana de Pinar del Río. Comezou a desenvolver unha gran forza sendo neno, cando cargaba caixas de froitas e tubérculos.[2] Empezou a practicar deporte por influencia dos seus irmáns máis vellos Misael e Michel, que facían remo e boxeo, decantándose Mijaín pola loita grecorromana. Superou unha dobre fractura de tibia e peroné aos 13 anos e aos 17 xa formaba parte da selección cubana.[2][1] En 2003 gañou o seu primeiro ouro nos Xogos Panamericanos, en Santo Domingo, onde derrotou na final de 120 kg ao estadounidense Rulon Gardner.[3]
En 2004 en Atenas representou a Cuba nos seus primeiros Xogos Olímpicos, rematando na quinta posición e volvendo cun diploma olímpico. Ao ano seguinte gañou en Budapest o primeiro dos seus cinco Campionatos do Mundo, despois de derrotar na final ao húngaro Mihály Deák-Bárdos.[4] Logo de conquistar en 2007 contra o ruso Khasan Baroev en Bakú o seu segundo título mundial, gañou en Pequín o seu primeiro ouro olímpico, batendo na final de novo ao ruso.
Disputou os tres seguintes Xogos Olímpicos (Londres 2012, Río 2016 e Toquio 2020), e logrou en todos a medalla de ouro, destacando os seus combates co turco Rıza Kayaalp, ao que derrotou nas tres citas olímpicas. Coa súa cuarta medalla de ouro olímpico, en Toquio, entrou na historia dos Xogos Olímpicos como un dos únicos seis deportistas con catro ouros na mesma proba, xunto a Paul Elvstrøm, Al Oerter, Carl Lewis, Michael Phelps e Kaori Icho,[5] ademais de igualar os catro ouros do esgrimista cubano Ramón Fonst.[2] Foi ademais o abandeirado de Cuba durante as cerimonias de apertura de 2008, 2014, 2016 e 2020.
No Campionato do Mundo ampliou a súa conta ata os cinco títulos e tres subcampionatos, sendo só superado en número de títulos polo ruso Aleksandr Karelin e o iraniano Hamid Sourian. Nos Xogos Panamericanos acadou os cinco ouros entre 2003 e 2019, e gañou outros tres nos Xogos Centroamericanos e do Caribe, mentres que nos Campionatos Panamericanos de Loita sumou nove medallas de ouro e unha de prata entre os anos 2002 e 2014.[6]
Despois de tres anos sen competir oficialmente, participou nos Xogos Olímpicos de 2024 (os seus sextos Xogos) e volveu proclamarse campión, tras vencer sucesivamente ao estadounidense Adam Coon, ao iraniano Amin Mirzazadeh, ao kurdo Sabah Shariati e na final ao cubano-chileno Yasmani Acosta.[7] Deste xeito entrou na historia como o único deportista con cinco ouros olímpicos na mesma proba.[7] Ao remate do seu combate da final, quitou as súas botas de loita e colocounas no centro do tapiz, simbolizando así a súa retirada da loita grecorromana.[8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "La leyenda de Mijaín López, el más fuerte". ABC (en castelán). 3 de agosto de 2021. Consultado o 3 de agosto de 2021.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "Mijaín López, el gigante de la lucha cubana" (en castelán). 2 de agosto de 2021. Arquivado dende o orixinal o 02 de agosto de 2021. Consultado o 3 de agosto de 2021.
- ↑ "Llega la lucha, llega el mejor, llega Mijaín López". Mundo Deportivo (en castelán). 6 de agosto de 2019. Consultado o 3 de agosto de 2021.
- ↑ Pérez Valdés, Rafael. "Mijaín, el abanderado". Granma (en castelán). Consultado o 3 de agosto de 2021.
- ↑ "Mijaín López, histórico de Cuba y del olimpismo" (en castelán). 2 de agosto de 2021. Consultado o 3 de agosto de 2021.
- ↑ "Datos do loitador". www.iat.uni-leipzig.de (en inglés). Consultado o 3 de agosto de 2021.
- ↑ 7,0 7,1 "El cubano Mijaín López entra en la eternidad con su quinto oro seguido" (en castelán). 7 de agosto de 2024. Consultado o 7 de agosto de 2024.
- ↑ "Mijaín López: El Coloso de oro que entró al olimpo dejando un sueño en los colchones" (en castelán). 6 de agosto de 2024. Consultado o 7 de agosto de 2024.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Mijaín López Núñez na United World Wrestling Database (en inglés).
- Datos do loitador Arquivado 02 de agosto de 2021 en Wayback Machine. no sitio web oficial do Comité Olímpico Internacional (en inglés).
- Nados en 1982
- Nados na provincia de Pinar del Río
- Loitadores olímpicos de Cuba
- Medallistas olímpicos de ouro por Cuba
- Medallistas nos Xogos Olímpicos de 2008
- Medallistas nos Xogos Olímpicos de 2012
- Medallistas nos Xogos Olímpicos de 2016
- Medallistas nos Xogos Olímpicos de 2020
- Medallistas olímpicos en loita