[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Luis Eduardo Aute

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaLuis Eduardo Aute

(2007) Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(es) Luis Eduardo Aute Gutiérrez Editar o valor en Wikidata
13 de setembro de 1943 Editar o valor en Wikidata
Manila, Filipinas Editar o valor en Wikidata
Morte4 de abril de 2020 Editar o valor en Wikidata (76 anos)
Madrid, España Editar o valor en Wikidata
Causa da morteCOVID-19 Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturacemiterio de San Justo de Madrid Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoPintura, literatura, cinema, escultura, música, filme e poesía Editar o valor en Wikidata
Ocupacióncantante, guionista, compositor, poeta, pintor, director de cinema, actor, artista discográfico, compositor de cancións, realizador Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1966 Editar o valor en Wikidata - 2016 Editar o valor en Wikidata
Xénero artísticoPoesía, trova (pt) Traducir e cinema de animación Editar o valor en Wikidata
InstrumentoVoz e guitarra Editar o valor en Wikidata
Selo discográficoRCA Victor (1966–1968)
Ariola Records (1973–1979)
Ariola Records (1984–1993)
Virgin (1995–2003)
Sony Music Entertainment (2003–) Editar o valor en Wikidata
Premios

Descrito pola fonteObálky knih, Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0042574 Allocine: 192588 Allmovie: p307481
BNE: XX1720204 Musicbrainz: 35542d25-c761-49fa-a402-f752c5789517 Songkick: 184989 Discogs: 672512 Allmusic: mn0000313356 Genius: Luis-eduardo-aute Editar o valor en Wikidata

Luis Eduardo Aute Gutiérrez, nado en Manila o 13 de setembro de 1943[1] e finado en Madrid o 4 de abril de 2020,[2] foi un músico, director de cinema, pintor e poeta aínda que a súa sona foi principalmente como cantautor. Amais das súas actividades propiamente profesionais, falaba as linguas española, inglesa, catalá, francesa, italiana e tagala.[3]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos en Filipinas

[editar | editar a fonte]

Luis Eduardo Aute naceu en Manila en 1943. Seu pai, Gumersindo Aute Junquera, nado en Barcelona, era de orixe andaluza[4] que con 18 anos se trasladou á capital filipina para traballar na compañía Tabacos de Filipinas.[5] Alí coñeceu a Amparo Gutiérrez-Répide Carpi, filipina da burguesía de orixe española, filla de valenciana e santanderino, coa que casou.[5]

Canda neno, estudou nun colexio de La Salle, onde aprendeu inglés, pois nesa lingua impartíanse as clases. Ao mesmo tempo, na casa aprendeu español e catalán e na rúa, o tagalo.[5]

Dende moi novo, amosou unha grande habelencia como debuxante e pintor e, tamén, gozaba co cinema, sobre todo despois de que seus pais lle regalasen unha cámara de oito milímetros coa que tivo as primeiras experiencias na realización de películas cos seus amigos.

Aos oito anos viaxou por primeira vez a España. En Madrid, cantou por vez primeira en público, acompañando a orquestra do Hotel Avenida, coa que interpretou a canción Las hojas muertas. Tiña nove anos cando viu, tamén, por primeira vez A lei do silencio, película que o marcou de xeito importante e que o levou a escribir os seus primeiros poemas, en inglés. Tamén tivo unha grande influencia nesa época a película Niagara, onde descubriu a sensualidade e erotismo de Marilyn Monroe.

Retorno da familia a España

[editar | editar a fonte]

En 1954 a familia, previa estancia en Barcelona, estableceuse definitivamente en Madrid, onde Luís Eduardo estudou no colexio Nosa Señora das Marabillas, tamén pertencente á orde de La Salle. Tres anos máis tarde, ao cumprir os quince, e tras regalarlle o seu pai unha guitarra, actuou na festa de fin de curso do colexio formando un trío con outros dous amigos. Neses mesmos anos, moi influído polo expresionismo alemán, comezou a pintar sen descanso, obtendo unha medalla de prata no II Certame Xuvenil de Arte.

En 1960, tivo lugar a súa primeira exposición individual de pintura na Galería Alcón de Madrid, con bastante éxito. Ese mesmo ano naceu o seu irmán José Ramón. No curso preuniversitario formou parte de varios grupos, como Los Sonor, do que xurdirían Los Bravos e no que tocaba a guitarra acústica; Los Tigres, no que cantaba en inglés cancións de Elvis Presley, e, de acordo con José Ramón Pardo, Los Pekenikes.[6] Con todo, o cine e a pintura, do mesmo xeito que a escritura, seguiron sendo as súas grandes paixóns. Cos Sonor chegaría a interpretar dúas cancións no programa de televisión Salto a la fama,[1] aínda que Aute abandonou o grupo para se centrar nos seus estudos.

En 1961, escribiu o seu primeiro guión de cine e presentou unha curtametraxe de vinte minutos ao concurso da revista Primer Plano. Tamén escribiu Los últimos estertores, unha especie de libro con textos, poemas e guións que mandou encadernar. Seus pais separáronse e, pouco despois, realizou outra curtametraxe, Senses, que foi rexeitado por inmoral. En 1962, realizou a súa segunda exposición individual de pintura, na galería Quijote, e coñeceu a Marichu Rosado con quen casou en 1968.[7]

En 1963, comezou a estudar arquitectura técnica na Escola de Aparejadores, aínda que só dúas semanas máis tarde abandonaría a universidade para se trasladar a París, onde viviu toda a efervescencia cultural da época e descubriu a música de Jacques Brel e Georges Brassens, leu a Paul Éluard e a Nietzsche (Máis aló do ben e do mal) e viu películas prohibidas en España, como Lolita de Stanley Kubrick. Durante os seguintes anos, regresou varias veces á capital francesa e comezou a vivir dos seus cadros, realizando algunhas exposicións fóra de España e tendo un marchante estadounidense, Gregg Juárez, que vendía os seus cadros en Estados Unidos. Tamén conseguiu empezar a traballar no mundo do cine, destacando a súa participación na película Cleopatra, de Joseph L. Mankiewicz,[8] como intérprete de inglés, francés e español e segundo axudante de dirección da segunda unidade, que se encargaba de filmar as secuencias rodadas en España. En Madrid, traballou como meritorio de dirección en La vida es magnífica, unha película de Maurice Ronet, e en Chaud, chaud, les visons, de Marcel Ophüls.

Primeiras composicións e éxito internacional

[editar | editar a fonte]

En 1965, Luís Eduardo Aute comezou o servizo militar en Tremp (Lleida). O seu capitán, afeccionado ao debuxo, permitíalle ter tempo para terminar os cadros dunha exposición que se ía a realizar en California. Ao concluír o servizo militar en maio do ano seguinte volveu a Madrid e viaxou a São Paulo para participar na Bienal de pintura con tres cadros de gran formato. No Brasil descubriu a música de Bob Dylan e Joan Báez e ao regresar, animado por Massiel, a quen coñecera durante unha viaxe a Madrid, e baixo o influxo de Dylan, escribiu cinco cancións: Don Ramón, Made in Spain, Rojo sobre negro, Aleluya #1 e Rosas en el mar. Nun principio, ofreceullas todas a Massiel, aínda que finalmente esta só chegou a gravar a última, converténdoa nun éxito rotundo.[9] A canción aínda que aparentaba ser unha canción romántica, Aute afirmara que, en realidade era unha homenaxe á Revolución Cubana.[9]

Con todo, un antigo compañeiro dos Sonor, Manuel Escobar, escolleu dúas das outras cancións para incluílas no disco que estaba a gravar e, mentres as ensaiaba nun estudo con Aute á guitarra, o produtor e compositor Juan Carlos Calderón, ao escoitalas, propúxolle a Aute que as gravase el mesmo, aínda que este, pese ao desexo tamén de Ele Juárez, director artístico de RCA, rexeitou a idea, pois quería seguir centrándose na pintura e no cine. En 1967, Massiel inclúe por fin nun novo disco Rosas en el mar e Hasta mañana, outra composición de Aute. Mentres tanto, a compañía RCA insiste a Aute para que sexa el mesmo quen grave os seus temas e este por fin acepta, editando un disco sinxelo con Made in Spain e Don Ramón.

A versión de Rosas en el mar de Massiel foi un grande éxito, polo que RCA decide publicar Aleluia #1, interpretada por Aute, mentres Zafiro publicouna interpretada por Massiel. O tema foi un rotundo éxito a nivel internacional, realizándose diversas versións en Checoslovaquia, Francia, Italia, Brasil, Xapón, Venezuela e Hispanoamérica. Nos Estados Unidos, Ed Ames fixo unha versión chamada Who will Answer, adaptada por Sheila Davis que chegou ao posto número sete da lista Billboard. Aute contou anos despois unha curiosa anécdota que escoitara, segundo a cal Paul McCartney, ao escoitar esta versión en inglés do Aleluya, decidiu contestala co tema Let it be, dos Beatles.[10] Nesta época, Aute coñeceu a Joan Manuel Serrat.

Primeiro disco e retirada

[editar | editar a fonte]

Pese ao éxito colleitado, Aute seguiu a se considerar principalmente pintor e pensaba nesta incursión no mundo da música como algo temporal. No entanto, entre 1967 e 1968 publicou varios temas soltos Los burgueses, Mi tierra, Mi gente, Niño de nada, Slowly, Clamo al firmamento e Tiempo de amores) e o seu primeiro álbum, Diálogos de Rodrigo e Ximena, composto principalmente por esas cancións xa publicadas en disco sinxelo ou interpretadas por outros, como Rosas en el mar ou Aleluya #1, e outras de carácter satírico. O disco incluíu no seu interior a reprodución dunha das súas pinturas e unha definición do que para el era unha canción. Tamén realizou a súa cuarta exposición de pintura. Ese mesmo ano coñeceu á cantante Mari Trini, que interpretou dúas das súas cancións:El alma no venderé e No sé qué pasará, a primeira canción que escribira Aute.

O 21 de marzo de 1968, casou coa súa noiva Maritchu e en maio decidiu abandonar o mundo da música, que o dececpcionara, gravando seis meses despois, a modo de testamento musical, o disco 24 canciones breves, unha especie de crónica política e social da España daqueles anos.

Afastado do negocio da música, en 1968 publicou en Nova Dimensión, unha revista de ciencia ficción, dous relatos curtos, Los fugitivos e P.A.P. En 1969 coescribiu, baixo o pseudónimo de Luís Junquera, o guión de Cibeles, que dirixiu José Sámano e foi premio á mellor curta experimental no Festival de Cine de San Sebastián. Ese mesmo ano realizou varias películas promocionales de diversos músicos encargadas por RCA para ser emitidas por televisión e coñeceu á cantante Rosa León.

Década de 1970: retorno ao mundo da música

[editar | editar a fonte]

En 1970, publicou en Poesía 70, un poema que foi a causa do peche da revista, na que compartira páxinas cos tamén cantantes Joaquín Sabina e Carlos Cano. Tamén comezou a escribir os primeiros poemas do libro La matemática del espejo, algo fúnebres debido á morte do seu sogro e dunha tía da súa muller. Escribiu e dirixiu Minutos despues, curtametraxe en 16 milímetros seleccionada para participar no II Festival de Cine de Autor de Benalmádena.[11] Ese mesmo ano naceu o seu fillo Pablo Antonio. Tamén compuxo, en colaboración con Jesús Munárriz, dúas cancións para a obra de teatro Castañuela 70.[11]

En 1971, escribiu e dirixiu unha nova curta, Chapuza 1, coa súa obra pictórica como protagonista, e realizou os paneles para a obra Marat-Sade, de Peter Brooks, e os carteis para os ciclos sobre Godard, Luis Buñuel e o Novo Cinema Brasileiro do Cine California de Madrid.

En 1972, RCA publicou o recompilatorio Álbum (1966-67), con temas xa publicados, e ao ano seguinte Rosa León publicou o seu primeiro disco, no que se incluíron sete cancións de Aute, como Las cuatro y diez, De alguna manera ou La secretaria ideal.[11]

Ante o éxito obtido, e coa promesa de liberdade absoluta por parte da compañía discográfica e do produtor e escritor José Manuel Caballero Bonald (incluíndo a non obrigación de aparecer en televisión nin de dar recitales en público), Aute volveu ao mundo da música como intérprete e ese mesmo ano de 1973 gravou Rito para Ariola, que saíu ao ano seguinte e que constituíu o primeiro dos discos da triloxía Canciones de amor y de muerte. A última canción do álbum era o tema Autotango del Cantautor, unha autocrítica cara ao mundo dos cantautores. Este mesmo ano, compuxo as cancións para Historia de un pechicidio o la venganza de don Lauro, de Lauro Olmo. En 1974 escribiu a banda sonora de Los viajes escolares, de Jaime Chávarri.

En 1975, editouse Espuma, co subtítulo «Cancións eróticas» e cuxa contraportada incluía senllas citas de Paul Éluard e Vicente Aleixandre. Deste traballo, que tivo un considerable éxito, tirouse o sinxelo Anda, unha das súas cancións máis coñecidas. Este mesmo ano publicou o libro La matemática del espejo e escribiu as bandas sonoras de Emilia, parada y fonda, de Angelino Fons, e tamén para Televisión Española, a adaptación da obra de Cela, Viaje a la Alcarria, dirixida por Antonio Giménez Rico.[12] Tamén rodou A flor de piel, a súa derradeira curtametraxe, a cor e en 35 mm, protagonizada por Ana Belén e Jaime Chávarri.[13] Nestes anos tamén deseñou cartafoles de discos para RCA, EMI, Movieplay e Nevada e realizou retratos de encarga. A súa primeira actuación en público en solitario produciuse o 20 de decembro deste ano, xunto a Amancio Prada, Rosa León, a súa irmá Julia León, Víctor Manuel e Luís Pastor, no IX Festival de Villancicos Nuevos de Pamplona, onde interpretou o villancico Niño de nada.

A seguir, comezou a gravar os temas do seu seguinte disco, Sarcófago, no que musicou algúns poemas de La matemática del espejo. O tema deste novo traballo foi a morte polo que, ao non ser un tema comercial, viuse obrigado pola compañía de discos a gravar Babel, un traballo máis comercial que, finalmente, saíu en 1976, mentres que Sarcófago fíxoo en 1977. Babel era unha especie de divertimento satírico e irónico sobre a sociedade da época, con críticas ao fútbol, a base estadounidense de Torrejón, o consumismo, etcétera, mentres que Sarcófago foi un traballo moito máis persoal e íntimo, o último da triloxía Canciones de amor y muerte, tras Rito e Espuma. Tamén en 1976 escribiu para televisión a música de La señora García se confiesa, de Adolfo Marsillach, e La viuda andaluza, de Francesc Betriu.[14] Ese mesmo ano, dirixiu a película Minutos después, producida por Carlos Vasallo.[15]

En 1977, escribiu as bandas sonoras das películas In memoriam,[16] de Enrique Brasó, Esposa y amante,[17] de Angelino Fons, Mi hija Hildegart,[18] de Fernando Fernán Gómez e Arriba Hazaña,[19] de José María Gutiérrez. Tamén escribiu unha canción para El arquitecto y el emperador de Asiria, de Fernando Arrabal. Este mesmo ano comezou a escribir as cancións do seu disco Albanta e varios poemas para o que foi o seu novo libro La liturgia del desorden.Tamén apareceu o disco humorístico Forgesound, gravado o ano anterior en compañía de Jesús Munárriz e inspirado polo humorista gráfico Antonio Fraguas de Pablo, coñecido como Forges, e no que tamén participaron Rosa León e a súa irmá Julia, Teddy Bautista e Fernando García Morcillo.[20]

En febreiro de 1978, actuou en Albacete acompañado á guitarra por Jos Martin nunha festa organizada polo sindicato CNT e na que tamén participaron Chicho Sánchez Ferlosio, Jesús Munárriz e Moncho Alpuente. Ante o éxito obtido, á semana seguinte actuou en Cuenca e seguiron as actuacións noutros lugares, incluíndo o Colexio Maior San Juan Evangelista de Madrid, e despois do verán comezou a ser acompañado polo seu inseparable guitarrista, Luís Mendo. De seguido, gravou Albanta, nome inventado polo seu fillo Pablo para se referir a un país imaxinario e ideal. O disco supuxo un xiro na súa carreira, xa que os arranxos estiveron dirixidos á interpretación en directo e foi o que tivo os sons máis rockeros de toda a súa discografía, froito da dirección musical e á produción de Teddy Bautista. No disco, incluíuse o tema Al alba; probablemente o máis famoso e significativo de toda a carreira de Aute, dedicado ás vítimas dos últimos fusilamientos do franquismo pero que no entanto conseguiu burlar a censura da época. Tamén incluía A por el mar, que tamén se converteu noutro dos himnos da época. O disco foi o primeiro da triloxía denominada Canciones de amor e de vida.

No mes de xullo, foi invitado polo goberno cubano a participar no Festival Mundial da Mocidade da Habana, onde cantou con Pablo Milanés, Silvio Rodríguez e Amaury Pérez, membros da Nova Trova Cubana. En Cuba, contraeu a tuberculose e tivo que permanecer cinco meses en repouso, durante os cales leu filosofía, que influíu no seu paso do ateísmo cara a un certo tipo de relixiosidade. Ese mesmo ano, escribiu unha canción para a película Cabo de Vara, de Raúl Artigot.

En 1979, gravou o disco De par en par, que nun principio se ía a chamar Latido, pero ao que a compañía discográfica cambioulle o título (é o primeiro disco da segunda etapa de Aute cuxo título non está composto por unha soa palabra). Tamén ese ano compuxo a música da obra teatral Cinco horas con Mario, baseada na novela de Miguel Delibes e dirixida por Josefina Molina.

O 22 de febreiro de 1980 ofreceu o seu primeiro concerto acompañado pola banda Suburbano, con Luis Mendo á cabeza, no Teatro Alcalá de Madrid. A finais de ano apareceu un novo disco chamado Alma, publicado cunha nova compañía, Movieplay. Este traballo supuxo a pechadura da triloxía Cancións de amor e de vida e é o primeiro producido por Luís Mendo. Inclúe Pasaba por aquí e No te desnudes todavía, dúas das cancións máis coñecidas de Aute. Tamén realizou a banda sonora para El hombre de moda, de Fernando Méndez Leite.[21]

Década de 1980

[editar | editar a fonte]

O 30 de abril de 1981, naceu a súa filla Laura Julieta e tamén foi o ano no que, xunto con Alejandro Massó, compuxo a música da película Función de noche, de Josefina Molina, interpretada por Lola Herrera e Daniel Dicenta.[22]

En marzo de 1982, publicou Fuga, no que destacan temas como Siento que te estoy perdiendo e Mira que eres canalla e constitúe o primeiro dunha nova triloxía, Canciones de amor y duda. Escribiu a música de Pablo y Virginia, de Jaime Chávarri.

O 4 de marzo de 1983, durante dúas funcións, gravouse no Teatro Salamanca de Madrid o disco en directo Entre amigos, no que estivo acompañado Teddy Bautista, Pablo Milanés, Silvio Rodríguez e Joan Manuel Serrat. Este novo traballo subiu ás listas de éxitos e foi Premio Nacional do Disco 1983 do Ministerio de Cultura. O mesmo ano escribiu a música para a película Power Game (presentada en España como Juego de poder), unha coprodución hispanobritánica dirixida por Fausto Canle.[23]

En 1984, publicou Cuerpo a cuerpo, no que se incluíron temas tan coñecidos como Cine, cine; Dos ou tres segundos de ternura e Una de dos. Un ano despois, en 1985, saíu á venda Nudo, que incluíu o tema El Universo. Ámbolos dous discos foron acompañados por senllas exposicións pictóricas de igual título. Ese mesmo ano escribiu a música para Una infancia soñada, de Isidoro Moreno, e dirixiu o episodio El muro de las lamentaciones, da serie de televisión Delirios de amor, para o que tamén compuxo a música.

En 1986 gravou o dobre disco, con título homenaxe a Pablo Neruda, 20 Canciones de Amor y un Poema Desesperado, no que revisa vinte dos seus máis coñecidos temas e que termina cun poema recitado acompañado á guitarra por Paco de Lucía. Participou na gravación, no Teatro Salamanca, do disco en directo Joaquín Sabina y Viceversa en directo, dedicándolle a Joaquín Sabina unha canción titulada Pongamos que hablo de Joaquín.[24]

O 7 de abril de 1987, naceu o seu terceiro fillo, Miguel Leonardo. Despois do verán comezou a gravar as cancións de Templo, un disco no que, inspirado polos cadros pintados para a exposición de igual título realizada na galería Kreisler Dos de Madrid, elaborou todo un canto ao amor e ao erotismo tomando como base a liturxia da misa cristiá. O traballo, considerado polo mesmo Aute como o seu «álbum maldito», foi acompañado por un vídeo da canción Pumpum, pumpum filmado polo realizador Hervé Tirmache.

En 1988 escribiu, dirixiu e compuxo a música do episodio da serie para televisión Delirios de amor titulado La pupila del éxtasis. Entre marzo e abril de 1989, gravou Segundos fuera. Con este disco, principia a triloxía Canciones de amor y rabia. Este traballo reflectiu o seu desengano fronte aos soños perdidos (nel aparece unha cita do filósofo Eugenio Trías: «O cinismo é a moral do século XX, sobre todo dos últimos anos, tras haberse desacreditado as antigas utopías sociais, e fíxose do diñeiro o único Deus»). No entanto, o disco, que inclúe outro dos clásicos de Aute, La Belleza (con vídeo de Hervé Tirmache), acabou co humorístico Vaya faena.[25]

Entre as súas cancións, destacan: "Slowly", "De tu ruido" e "Al alba".

A canción non é a súa única expresión artística, xa que tamén destacou na pintura e na dirección cinematográfica. O seu último libro, AnimalHada', recopila os seus poemigas, debuxos e animacións.

O músico Joaquín Sabina dixo del:

Si chamulláramos lunfardo

los trovadores de Madrid
Mi compadrito Luis Eduardo

se llamaría Discepolín

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

En 1968, casou coa ecuatoriana María del Carmen Rosado, Maritchu, con quen tivo tres fillos: Miguel Leonardo, Laura Julieta e Pablo Antonio.​​

Discografía

[editar | editar a fonte]
Luis Eduardo Aute na Feira do Libro de Madrid.

Discos sinxelos da primeira época

[editar | editar a fonte]
  • 1967 - Don Ramón / Made in Spain (RCA-Victor)
  • 1967 - Aleluya nº 1 / Rojo sobre negro (RCA-Victor)
  • 1968 - Mi tierra, mi gente / Los ojos (RCA-Victor)
  • 1968 - Los burgueses / Me miraré en tu cuerpo (RCA-Victor)
  • 1968 - Clamo al firmamento (Aleluya nº 2) / Ausencia / Labrador (RCA-Victo)
  • 1968 - Yo pertenezco / Dónde estará la verdad (RCA-Victor)
  • 1968 - Tiempo de amores / Sí, sí, señor (RCA-Victor)

Discos de longa duración

[editar | editar a fonte]
  • 1968 - Diálogos de Rodrigo y Gimena (RCA-Victor)[9]
  • 1968 - 24 canciones breves (RCA-Victor)[26]
  • 1973 - Rito (Ariola)
  • 1974 - Espuma (Ariola, 1974)
  • 1974 - Albanta (1974).
  • 1975 - Babel (Ariola, 1975)
  • 1976 - Sarcófago (Ariola, 1976)
  • 1977 - Forgesound (Ariola, 1977)
  • 1978 - Albanta (Ariola, 1978)
  • 1979 - De par en par (Ariola, 1979)
  • 1980 - Alma (Movieplay, 1980)
  • 1981 - Fuga (Movieplay, 1981)
  • 1984 - Cuerpo a cuerpo (Ariola)
  • 1985 - Nudo (Ariola)
  • 1987 - Templo (Ariola)
  • 1989 - Segundos fuera (Ariola)
  • 1991 - Uff! (Ariola)
  • 1992 - Slowly (Ariola)
  • 1994 - Animal (disco-libro).
  • 1995 - Alevosía (Virgin)
  • 1998 - Aire/Invisible (Virgin)
  • 2003 - Alas y balas (Virgin)
  • 2007 - A día de hoy (BMG Ariola)
  • 2010 - Intemperie (2010)
  • 2012 - El niño que miraba el mar (2012)

En directo

[editar | editar a fonte]

Recompilatorios

[editar | editar a fonte]
  • 1972 - Álbum 1966–67 (1972)
  • 1986 - 20 canciones de amor y un poema desesperado (Ariola)
  • 1996 - Paseo por el amor y el deseo
  • 2001 - Querencias (2001)
  • 2003 - Autorretratos Vol. 1 (BMG Ariola, 2003)
  • 2005 - Autorretratos Vol. 2 (BMG Ariola)
  • 2008 - Memorable cuerpo (Sony/BMG)
  • 2009 - Auterretratos Vol. 3 (BMG Ariola)

Colectivos

[editar | editar a fonte]
  • Tercer festival de la Nueva Canción Latinoamericana (Discos Pentagrama, 1984)
  • Todas las voces todas (1996)
  • Canto por el cambio (2004)
  • Manual para Olvidados (2013)

Poemarios

[editar | editar a fonte]
  • 1975 - La matemática del espejo (Málaga: Edición Ángel Caffarena)
  • 1976 - Canciones y poemas (Demófilo, 1976)
  • 1978 - La liturgia del desorden (Madrid: Hiperión)
  • 1980 - Canciones (Madrid: Hiperión; edición revisada, 1988)
  • 1986 - Templo de carne (1986)
  • 1991 - Canciones 2 (Madrid: Hiperión)
  • 1994 - animaLuno (Madrid: Editorial El Europeo/Allegro). Disco-libro.
  • 1999 - animaLdos (Barcelona: Plaza/Janés). Libro-vídeo.
  • 1999 - Cuerpo del delito. Canciones (1966-1999) (Madrid: Celeste)
  • 2002 - Volver al agua. Poesía completa (1970-2002) (Madrid: Sial, Colección Contrapunto)
  • 2005 - animaLtresD (Madrid: Siruela)
  • 2005 - animaLhada (Madrid: Siruela)
  • 2007 - animaLhito (Madrid: Siruela)
  • 2010 - No hay quinto aniMaLo (Madrid: Siruela)
  • 2014 - Claroscuros y otros pentimentos (Pigmalión)
  • 2016 - El sexto animal (Barcelona: Espasa)
  • 2017 - Toda la poesía (Barcelona: Espasa)

Filmografía

[editar | editar a fonte]
  • 1961 - Senses
  • 1970 - Minutos después
  • 1974 - A flor de piel (curtametraxe)[13]
  • 1976 - Chapuza uno (curtametraxe documental). Tamén guionista e compositor.[27]
  • 1986 - Delirios de amor.[28] Tamén guionista e actor.
  • 1986 - El muro de las lamentaciones
  • 2001 - Un perro llamado Dolor[29][30]. Foi nomeada nos Premios Goya de 2001 á mellor película de animación.
  • 2012 - El niño y el basilisco (animación).[31] Tamén guionista, compositor e produtor.

Compositor

[editar | editar a fonte]
  • 1968- Días de viejo color.[32] Tamén actor.
  • 1976- Chapuza uno (curtametraxe)
  • 1976 - La viuda andaluza[14]
  • 1976 - Los viajes escolares[33]
  • 1977 - Esposa y amante[17]
  • 1977 - In Memoriam[16]
  • 1977 - Mi hija Hildegart [18]
  • 1978 - ¡Arriba Hazaña![19]
  • 1980 - El hombre de moda [34]
  • 1989 - La pupila del éxtasis
  • 2010 - El viaje de Penélope[35]
  • 2012 - El niño y el basilisco (animación)[31]
  • 2015 - Tras Nazarín, el eco de una tierra en otra tierra.[36] Tamén como actor.
  • 1967 - Días de viejo color[32]
  • 1986 - El vivo retrato
  • 1986 - Delirios de amor[28]
  • 1995 - Chasco (curtametraxe)
  • 2015 - Tras Nazarín, el eco de una tierra en otra tierra[36]

Exposicións de pintura

[editar | editar a fonte]

Individuais

[editar | editar a fonte]
  • 1960: Galería Alcón (Madrid).
  • 1962: Galería Quixote (Madrid).
  • 1963: Galería Grin-gho (Madrid).
  • 1964: Galería Juárez (Palm Beach, Florida); Galería Grin-gho (Madrid).
  • 1966: Galería Juárez (Palm Beach, Florida); Galería Juárez (Os Ánxeles, California); Galería Syra (Barcelona).
  • 1968: Galería Quixote (Madrid).
  • 1971: Galería Cultart (Madrid).
  • 1972: Deputación provincial de Málaga.
  • 1973: Galería Tupac (Madrid).
  • 1974: Galería Internacional de Arte (Madrid), Galería Estiarte (Madrid).
  • 1974: Mostra Fondazione Michetti (Italia); primeiro premio de pintura.[1][8]
  • 1975: Galería Matisse (Barcelona); Sala de exposición da Ciudadela (Pamplona).
  • 1980: Galería Faunas (Madrid).
  • 1983: Pasión. Galería Kreisler Dos (Madrid); Galería Serrallonga (Barcelona).
  • 1984: Galería Joan de Serrallonga (Barcelona).
  • 1985: Museo de Albacete.
  • 1986: Templo. Galería Kreisler Dos (Madrid). Museo Municipal de Bellas Artes, Santander
  • 1987: Galería D (Barcelona).
  • 1989: Galería El Foro (Pozuelo de Alarcón, Madrid); Casa de Cultura de Majadahonda.
  • 1991: Can Sisteré (Santa Coloma de Gramanet, Barcelona).
  • 1992: Galería Dadá (Granada).
  • 1993: Sala de Arte da Universidade de Málaga. Sala Garibay, Kutxa (Donostia).
  • 1994: Sala d'Art Josep Bages, Torres Muntadas (Barcelona).
  • 1995: Galería Moriarty (Madrid); Sala Vinçon (Barcelona).
  • 1996: Taller Mayor 28 (Madrid); Galería Viciana (Valencia); Galería Aurora (Murcia).
  • 2004: Aute. Transfiguraciones. Sala de exposiciones de Santo Domingo (Salamanca).
  • 2004: Fusión. Aute Tránsito 1951-2001. Museo de Huesca.
  • 2005: Aute-tránsito. Centro Buñuel de Calanda (Teruel).
  • 2008: Transfiguraciones. Museo de Bellas Artes (A Habana, Cuba).
  • 2008: Intercambio de fluidos. Galería Sharon-Art (León).

Colectivas

[editar | editar a fonte]
  • 1960: II Certame Xuvenil de Arte (Madrid). Medalla de Prata.
  • 1965: Bienal de Zaragoza; Les arts en Europe (Bruxelas); Biennale de París.[7]
  • 1967: Bienal de São Paulo.[7]
  • 1973: 25 Artistas Jóvenes. Galería d'art del Vallés (San Cugat, Barcelona)
  • 1974: Colectiva de la revista Tropos, Galería Matisse (Barcelona). Colectiva, Galería Kreisler Dos (Madrid). Seleccionado para os Concursos Nacionais de Belas Artes (Madrid). XXVIII Mostra Internazionale Fondazione Michetti, Francavilla al Mare, (Italia )(Primeiro premio de pintura)
  • 1975: Colectiva, Galería Atienza (Madrid).
  • 1982: Colectiva del grupo ABRA, Galería Altex (Madrid).
  • 1982: Kermesse Mágica, Galería Altex (Madrid); Galería Marie Blanchard (Santander).
  • 1983: ARCO (Madrid).
  • 1984: ARCO (Madrid).[7]
  • 1984: Colectiva del grupo ABRA, Galería Weehuis Neumen (Holanda).
  • 1985: Poemas autógrafos, Galería Moriarty (Madrid).
  • 1996: Referente: Goya, Galería Bat (Madrid).
  • 1998: II Salón Refractario, Galería Buades (Madrid).
  • 2003: Los colores de la música. Exposición itinerante. Inauguración: Círculo de Bellas Artes (Madrid).
  1. 1,0 1,1 1,2 "Aute, un creador polifacético". elcomercio.es (en castelán). 4-4-2020. Consultado o 7-4-2020. 
  2. "Muere Luis Eduardo Aute a los 76 años". La Vanguardia (en castelán). 2020-04-04. Consultado o 2020-04-04. 
  3. Román, Manuel (28-9-2014). "Luis Eduardo Aute: "Reconozco que soy muy aburrido cantando"". libertaddigital.com (en castelán). Consultado o 5-4-2020. 
  4. El País (21 de marzo de 2013). "Luis Eduardo Aute, pasado y futuro". 
  5. 5,0 5,1 5,2 Cruz, Juan (21-3-2013). "Luis Eduardo Aute, pasado y futuro". elpais.com (en castelán). Consultado o 6-4-2020. 
  6. Granda, Fernando (23-4-2014). "Alfonso Sainz, miembro fundador de Los Pekenikes". elpais.com (en castelán). Consultado o 6-4-2020. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 León, Alberto (4-4-2020). "Muere Luis Eduardo Aute, referente de la canción de autor española". rtve.es (en castelán). Consultado o 6-4-2020. 
  8. 8,0 8,1 "Los éxitos de Luis Eduardo Aute, un creador polifacético y emblema de la canción de autor". infobae.co (en castelán). 4-4-2020. Consultado o 7-4-2020. 
  9. 9,0 9,1 9,2 Primo, Carlos (4-4-2020). "‘Rosas en el mar’: Aute, Massiel y una canción de denuncia que no lo parecía". elpais.com (en castelán). Consultado o 6-4-2020. 
  10. La Jiribilla (22-3-2008). "En busca de la belleza humana". unidadcivicaporlarepublica.es (en castelán). Archived from the original on 17-12-2009. Consultado o 6-4-2020. 
  11. 11,0 11,1 11,2 López Ruiz, José Miguel. "Aute, Luis Eduardo (1943-VVVV).". mcnbiografias.com (en castelán). Consultado o 7-4-2020. 
  12. "Viaje a la Alcarria (TV)". filmaffinity.com. es. Consultado o 7-4-2020. 
  13. 13,0 13,1 "A flor de piel". filmaffinity.com (en castelán). Consultado o 5-4-2020. 
  14. 14,0 14,1 "La viuda andaluza". filmaffinity.com (en castelán). Consultado o 5-4-2020. 
  15. "Minutos despues". Imdb.com. Consultado o 03-08-2017. 
  16. 16,0 16,1 "In Memoriam". filmaffinity.com (en castelán). Consultado o 5-4-2020. 
  17. 17,0 17,1 "Esposa y amante". filmaffinity.com (en castelán). Consultado o 5-4-2020. 
  18. 18,0 18,1 "Mi hija Hildegart". filmaffinity.com (en castelán). Consultado o 5-4-2020. 
  19. 19,0 19,1 "¡Arriba Hazaña!". filmaffinity.com (en castelán). Consultado o 5-4-2020. 
  20. Puchades, Juan (23-12-2017). "https://www.efeeme.com/forgesound-de-luis-eduardo-aute-y-otros/". efeeme.com (en castelán). Consultado o 7-4-2020.  Ligazón externa en |title= (Axuda)
  21. "El hombre de moda". filmaffinity.com (en castelán). Consultado o 8-4-2020. 
  22. "Función de Noche". sabreproducciones.com (en castelán). Consultado o 8-4-2020. 
  23. "Juego de poder". filmaffinity.com (en castelán). Consultado o 8-4-2020. 
  24. "Pongamos que hablo de Joaquín". cancioneros.com (en castelán). Consultado o 8-4-2020. 
  25. Saenz de Tejada, Ignacio (22-6-1989). "Aute: "Vivimos en un momento que no admite el riesgo"". elpais.com (en castelán). Consultado o 8-4-2020. 
  26. "24 Canciones breves". cancioncontodos.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 07-04-2020. Consultado o 7-4-2020. 
  27. "Chapuza uno". imdb.com (en inglés). Consultado o 5-4-2020. 
  28. 28,0 28,1 "Delirios de amor (TV)". filmaffinity.com (en castelán). Consultado o 5-4-2020. 
  29. "Un perro llamado Dolor". imdb.com (en inglés). Consultado o 5-4-2020. 
  30. "Un perro llamado Dolor". filmaffinity.com (en castelán). Consultado o 5-4-2020. 
  31. 31,0 31,1 "El niño y el basilisco". filmaffinity.com (en castelán). Consultado o 5-4-2020. 
  32. 32,0 32,1 "Días de viejo color". filmaffinity.com (en castelán). Consultado o 5-4-2020. 
  33. "Los viajes escolares". filmaffinity.com (en castelán). Consultado o 5-4-2020. 
  34. "El hombre de moda". filmaffinity.com. es. Consultado o 5-4-2020. 
  35. "El viaje de Penélope". filmaffinity.com (en castelán). Consultado o 5-4-2020. 
  36. 36,0 36,1 "Tras Nazarín. El eco de una tierra en otra tierra". imdb.com (en inglés). Consultado o 5-4-2020. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]